Last updated on 29 / Xaneiro/ 2018
A pedrafita de Mántaras con tres túmulos ao fondo. Fotos: Sole Felloza
No límite entre os concellos de Paderne e Irixoa atópase un lugar ben singular: a ermida de San Cosme de Mántaras e a necrópole tumular de Santo Antón. En si mesma, que unha necrópole tumular estea nunha fronteira actual non é singular, nin tampouco que as mámoas estean todas concentradas nunha antiga zona de fronteira e de paso; tampouco o é que sobre ese cemiterio varias veces milenario se fundara séculos despois unha capela.


O que se cadra fai excepcional este lugar son dúas cousas: en primeiro lugar, a pedrafita que se conserva no medio do campo tumular, identificada hai poucos anos por dous incansables do megalitismo do norte de Galicia, Ángel G. Martínez (Papigil) e Moncho Boga, e que publicaron no artigo “A pedrafita-menhir de San Cosme de Mántaras” no Anuario Fol de Veleno número 5 da SAGA (aquí tedes máis información). Como unha metáfora do patrimonio do país, quen se achegue hoxe á pedrafita poderá ver, para a súa sorpresa, como está “apresada” entre arames dunha división de parcelas dunha explotación gandeira, como se se atopara presa ou torturada. Funciona como elemento divisor das parcelas dunha explotación gandeira. Aquí podes ver a ficha que lle fixen en patrimoniogalego.net.

Mámoas de Mántaras en modo “escritorio de Windows”
Pero o que ao meu xuízo convirte este sitio nun lugar moi singular se atopa, precisamente, no gando. Non é tan frecuente poder ver en Galicia unha necrópole tumular megalítica na que as mámoas estean perfectamente limpas, nun monte suave de lombas verdes. Os túmulos megalíticos do país atópanse nun estado absolutamente lamentable. Cando se consigue que non os destrúan, pasan a converterse en illas de toxeira e xestas, ou outeiros eucalípticos. O seu sentido orixinal, primixenio de fitos no terreo, de monumentos que saen da terra como anacos de memoria humana, desaparece. Pero en Mántaras, ao integrarse no medio da explotación, as mámoas volven xurdir dunha maneira sorprendente, e de súpeto atópaste nun prodixioso monumento a gran escala do noso pasado. Coido que foi Felipe Criado quen falou de que o megalitismo era a primeira arquitectura monumental do país. Ben, en poucos sitios se pode apreciar, esa linguaxe construtiva pode ser perceptible por uns ollos especializados, pero aquí si. Lembroume moito a algúns campos tumulares de Irlanda, por exemplo, cheos de ovellas que tamén contribúen a preservar a maxia do espazo.
O cal demostra unha cousa. Como ás persoas, ás mámoas séntalles mal o esquecemento. Demostra que é compatible, e mesmo positivo, a explotación do monte alí onde hai recursos arqueolóxicos coma estes. Que mesmo a explotación económica dese monte, con prácticas respectuosas, acaba realzando os propios monumentos. Non direi que as mámoas de Mántaras están nun óptimo estado, porque non o están. A que se atopa xusto enriba da pedrafita, por exemplo, atópase moi destrozada pola acción dos animais que andan por riba dela. Como cambiaría a nosa percepción das mámoas cos montes limpos e aproveitados!


Non vos perdades o porquiño de Santo Antón, comendo tranquilamente aos pés das figuras.

O segundo factor singular é a existencia da fermosa capela románica de Mántaras no medio e medio das mámoas, como podes ver nesta foto na que o montículo que ves en primeiro plano é un túmulo megalítico. Fainos pensar ao redor de por que uns homes, miles de anos despois de outros, escolleron o mesmo lugar para asentar un espazo sagrado. Cando se escolleu o emprazamento da ermida, hai centos de anos, que percepción existía daquel campo tumular, que tiña que ser nesa época aínda máis visible e monumental? En que medida influirón estas vellas tumbas na idea de construír a capela no medio delas? Como eran os relatos que daban lugar a esa decisión? Podémonos quedar na idea reduccionista da “cristianización” dun espazo pagán, e listo? Ou a relación entre os cultos cristiáns e a memoria antiga do lugar sería máis rica, máis interactiva, máis complexa?
Papigil descubriu que a pedrafita tiña unha curiosa orientación cara o solsticio de inverno, que podes ver neste vídeo.
Habería que ver se esa é a localización orixinal da pedra. Vin que tiña cemento na base para asentala mellor, o cal revela algún tipo de intervención moderna sobre a pedrafita. Pero de existir esa aliñación co solsticio, ese feito debía ser ben coñecido tamén polas comunidades agrícolas que viviron ao longo da Historia nas aldeas próximas. Iso debía aínda revestir de máis valor este lugar no que a paisaxe vólvese ancestral, fermosa, intrincada: aquí e alá, os mortos antigos do mundo crúzanse cos astros que aparecen polo horizonte, demostrando que a vida é un ciclo eterno. E velaí está a pedrafita de Mántaras para contárnolo.

Parece mentira, vivo a 10 kilómetros e nunca vin as mámaos!. A de lugares que nos descubrides. Grazas Manuel, grazas Sole. ^Polo voso traballo, polo voso esforzo e por ser a nosa inspiración principal cando argallamos unha viaxe. Sempre vides con nós! Valedes o voso peso en ouro. Apertas.
Moitas grazas, María! Que estes lugares se coñezan para nós esa é a mellor compensación!
Boa tarde Manuel.
Antes de nada, dicirche que son un admirador do teu traballo, que respecto e difundo. De feito compartimos algunha xornada buscando covas de guerrilleiros na comarca do Eume.
O que comentas da Pedra Fita, non ten base, todo o que publicou Papigil, vídeo incluído, é falso.
Coñezo perfectamente onde estaba esa pedra, e como chegou á súa localización actual. Podes creerme que, non ten nada que ver co traballo de ancestros.
A miña intención non é outra que deixar claro que “o que non é, non é” por moito que nos empeemos en que sexa outra cousa diferente.
O rigor cientifíco debe de estar por enriba de desexos ou anhelos persoais.
Tamén me gustaría sinalar que, cando un visita campo, non está de máis falar cos lugareños, que aínda que non teñan carreira, adoitan a ter memoria. E da historia desta pedra, somos moitos os que sabemos de onde saíu.
Fico agradecido por que difundas o patrimonio cultural dun dos recunchos máis equecidos de Galiza.
Saúdos cordiais
Grazas polo comentario, Golpe. Se te fixas ao final do texto, sinalo que ten unha base de cemento e que habería que ver a procedencia da pedra. En todo caso, o campo de mámoas é realmente espectacular.
O sitio e fantástico, non vexo o repetidor de tele un pouco máis alonxado. Dende o neolítico ate hoxe e un lugar de comunicación tremendo. O fondo, cara o val e o suroeste vese o santuario da Espenuca, no concello de Coirós. A tradición quere Santa Eulalia da Espenuca, San Cosme de Mantarás e Santa Marta, cara a costa seguindo o curso do Mandeo, foran primos!!! E, pódese engadir, primos do sol.
Dende Espenuca o solsticio de verao o sol sale por San Cosme e ponse por Santa Marta. Pero mentras San Cosme conserva unha estratigrafía milenaria visible (a granxa de gando no campo de mamoas!!!!), Santa Marta está totalmente destrozada. Pero un repetidor de TV fai parella co de San Cosme. O que é a forza dos sitios… Parabéns polo post Manuel.
Perdon, non me dera conta do video. Coincide, un pouco, co que decía antes. Visto dende Mantarás o solsticio de inverno o sol ponse por onde está Espenuca, pero Espenuca mesma non recorta contra o horizonte SW, que queda mais alto. Insisto na idea, no que no neolítico ou a prehistoria en xeral establecían con relacións solares, na edad media emparentando santos de modo improbable, nos o facemos con repetidores de TV. O curioso e cómo usamos os memos sitios para facelo.