Numaru: unha nova taberna coreana en Compostela

Last updated on 7 / Xuño/ 2017

Duruchigi da taberna Numaru

O outro día comentáballe a un amigo a traxectoria posible de moitos pequenos negocios de restauración en Compostela: pode pasarse perfectamente de que no mesmo local se faga fusión nipogalaica a que un par de anos despois a carta sexa un pizarriño á porta cunha lista de #raxozorzaempanada estándar garabateada con xis. O #raxozorza parece ao final o destino natural de calquera iniciativa hosteleira. Poñer en Compostela un restaurante de cociña internacional é un auténtico deporte de risco do que só teñen sobrevivido con garantías os chineses.

A nova moda da cociña asiática (en realidade, xaponesa) parece que, sen embargo, rompeu esta tendencia. Hoxendía en Compostela hai alomenos cinco negocios que ofrecen esa parte da cociña xaponesa que é o sushi/sashimi, con maiores ou menores visos de autenticidade. Faltaban, sen embargo, comidas do sudeste asiático, cociñas que teñen unha personalidade propia dentro do riquísimo panorama e repertorio gastronómico oriental. E, aínda que non é propiamente a zona, vou encaixar a Corea nesta oferta. Na casa somos fans declarados de toda a cociña asiática.


Empanadillas

Así que o outro día, cando o gran Snob Megalove anunciou no seu twitter a apertura deste bar tardamos apenas nada en ir a ver que se cocía nun sitio tan atípico para a restauración como a avenida Mestre Mateo.


Bibimpap. Foto: Sole Felloza

A Taberna Numaru ten unha historia persoal detrás. Atópase na Avenida Mestre Mateo, nas proximidades da rotonda con Romero Donallo, un pouco máis abaixo do ximnasio e case fronte a entrada do Campus Sur. Rexéntaa un mozo chamado Yum, que fai de camareiro, e a súa muller, que leva a pequena cociña. O local está decorado ao estilo occidental e só Yum te dá idea, en teoría, de que algo é un pouco diferente. Yum vivía en Madrid. Tras facer tres veces -tres- o Camiño de Santiago, Yum decatouse de que os peregrinos coreanos -que hai unha chea deles- botaban moito de menos a súa comida durante toda a peregrinación, así que pensou en crear un local para que se deran unha pequena homenaxe ao finalizar o Camiño en Compostela. O resultado é unha taberna de platos coreanos asequibles, con catro opcións de menú ao mediodía (ramen, bibimpap (tenreira e verduras), Duruchigi (porco marinado e verdura), Bulgogi (tenreira marianada con boniato). O menú acompáñase con sopa, preve e kimchi (a col chinesa marinada), en racións galegas. Pola noite, sírvese unicamente churrasco á coreana, e en calquer momento se pode tomar tamén outros petiscos como unhas empanadillas fritidas estilo gyoza ou polo fritido, coidadosamente rebozado, sen fritangada infame.

O Numaru é un bar/taberna, non un restaurante, pero os pratos son todo sabor, os marinados en soia achéganlle á carne un sabor umami e o picante emprégase de maneira feliz. Máis que recomendable e asequible lugar para disfrutar dunha gastronomía compostelá que, cada vez, incorpora máis referencias asiáticas.

4 Comments

  1. tiño
    7 / Xuño/ 2017

    Ola, sabes se teñen disponibilidade de patos vexetarianos?

  2. 7 / Xuño/ 2017

    Si, fan versións vexetarianas dos pratos, creo. :-)

  3. Yuko
    8 / Xuño/ 2017

    Ola,

    Estou a buscar un telefono para chamalos pero non atopo nada na web

    Terias algun contacto para eles?

    Moitas gracias

  4. 16 / Xuño/ 2017

    Síntoo, pero non o sei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará