Os homes de pedra de Vilarmaior


Foto: Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos

A chegada do Anuario Brigantino é algo que agardo sempre, desde hai anos, con devezo, como se fose un novo episodio de The Newsroom. En parte, para ver esa serie de acción por tempadas que son os achados do veterán Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, que en cada número do Anuario publica os novos achados de petróglifos na zona das Mariñas. Esta xente de Trasancos está abrindo un novo mundo para a comprensión da distribución da arte rupestre en Galicia, ata o punto de que están revelando no concello de Vilarmaior unha zona absolutamente farturenta en termos arqueolóxicos. Estamos falando de 117 estacións rupestres nunha pequena área de 250 hectáreas dentro do concello, unha animalada. O grupo arqueolóxico vai avanzando lentamente, conforme os perigosos traballos de deforestación das masas de eucaliptos permiten acceder a algúns conxuntos -e por desgraza destrúen outros.

Dos achados do grupo, do máis fascinante son estas figuras antropomorfas, marabillosas e dun singular valor, xa que teñen pinta de ter un estilo único en Galicia, das que nesta última entrega apareceu a que vedes á dereita da imaxe. Deixo que as describan eles mesmos:

Estas figuras antropomorfas, semellan estar relacionadas entre si e son moi diferentes ó resto das localizadas no resto de Galicia. En todas elas o autor/es gravaron o que sería a cabeza cun círculo, ou dous círculos concéntricos, cun baleirado no interior e posteriormente foron desenvolvendo a figura do corpo con outros baleirados simétricos, que no caso de Calvela 4 e Chousa da Vella 3 son case exactos. Outra particularidade é que o trazo exterior das figuras non está interrompido, dándolle volume ás figuras representadas e reafirmando a simetría das mesmas.

Xa sabedes que en Capítulo Cero temos unha especial querencia polos homes de pedra. Estes señoriños representados en Vilarmaior, que non sabemos se pertencen ao mundo dos homes ou ao dos soños -os deuses- no seu día deberon ter palabras prendidas deles que xa non poderemos escoitar. O incrible é que en 2012, o noso pasado segue ofrecernos sorpresas tan fermosas como estas.

Consulta en PDF o artigo “Novos gravados rupestres nas parroquias de Vilarmaior, Torres e Vilamateo -Concello de Vilarmaior- (II)” no Anuario Brigantino 2011

10 Comments

  1. 23 / Setembro/ 2012

    moi interesante, por certo cun gravado como este igual Ridley Scott podería tirar un novo Prometheus

  2. 23 / Setembro/ 2012

    hahah! Pois si.

  3. Xosé
    24 / Setembro/ 2012

    Desde logo, se os de Alieníxenas Ancestrais coñecesen os petroglifos galegos, dáballes para faceren unha tempada enteira.

  4. 24 / Setembro/ 2012

    Boas, sobre o tema dos petróglifos de Sober, que son moi interesantes, non controlo eu tanto como para ver relación dos estilos. Habería que botarlle unha visual dos calcos, etc. Non sei se Antonio de la Peña ou Buenaventura Aparicio, por exemplo, terán escrito algo ao respecto.

  5. 25 / Setembro/ 2012

    Se non é polo blog de Capítulo 0 aquí non nos enteramos de nada; unha pequena noticia na Voz con motivo da publicación do Anuario Brigantino e xa está! Un descubrimiento de centos de petroglifos dunha calidade abraiante fora da área clásica das gravuras do sur… e xa! En fin, graciñas outra vez, Manuel, polo teu traballo de difusión. E xa que falades dos deuses astronautas de Vilarmaior e Sober, sonche moi parecidos, nos cascos sobre todo :) Hai que avisar a Ridley ;)

  6. pedro
    27 / Setembro/ 2012

    A Roi,
    He,he, moi observador. Pero se Ridley Scott descobre os homes de pedra de Vilarmaior é mellor que veña facer unha viaxe pola zona e deixe descansar a cabeciña, que para facer outro Prometheus é mellor que estea quietiño

  7. 27 / Setembro/ 2012

    Tamén é certo. Vaia truñazo de película, mimadriña. E nos primeiros cinco minutos prometía, eh?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará