Un enigma no alto de Monte Louro

Last updated on 25 / Abril/ 2012


Foto: B.s. (blog)

Ao blog Bem Invitados collinlle estas dúas fotos que para min expresan o que sinto por Monte Louro: unha sorte de admiración pola natureza que me queda clavado, coa vista fixa, cada vez que vexo isto, pero tamén máis cousas. A todos os palmeiráns é ver esta estampa natural e lembrar ao ghato de Monte Louro.

Tratábase dun destes gatos de vida independente que andaba por Palmeira. Seica uns pescadores do porto, pescando cabo do monte, viron o gato nos penedos e o deixaron pasar. Pero ese gato era un tipo moi especial, estremadamente intelixente. Ata o punto de que se metía nas cociñas de Palmeira e era capaz de levantar a tapa da pota na que se facía o caldo para papar o unto! Non sei como o faría, pero a historia quedou ben gravada nos palmeiráns:

-Ese é máis listo que o ghato de Monte Louro! -dicíase dos pillos.

Máis alá desta historia, a icona marabillosa do monte á entrada da ría de Muros sempre me intrigou, tanto como me botou para atrás a tupidez do seu manto de toxo. Pero Monte Louro garda no seu interior algúns segredos que están á altura do paraíso natural que é. Afortunadamente, o concello ronzou un estreito corredor que permite percorrer os picos nun dos sendeiros naturais máis fermosos e espectaculares que coñezo. Pasear entre aquelas penedas, simplemente voando sobre o Océano Atlántico, coa lagoa de Xarfas clonando en terra as cores do céo, é unha experiencia que vos recomendo de xeito encarecido. Aínda que, obviamente, hai pendente, faise de marabilla.


A vista desde Monte Louro e o castro de Baroña enfronte

Pero Monte Louro garda moitos máis secretos que as vistas. Algún deles, especialmente intrigante. O amigo Elixio Vieites deunos o aviso de que efectivamente, coa ronzadura do sendeiro, se podía acceder ás ruínas da capela da Magdalena, que estaba ubicada nun dos picos, e mesmo á Garita, que estaba noutro. Obviamente, guiábanos a curiosidade por outro factor.

Na Historia Compostelana de Xelmírez hai un dato clave na nosa historia das Repúblicas de Homes Libres. Os cronistas narran onde se colocaban os campamentos dos piratas normandos e musulmáns (que naquel momento tamén comezaron a incursionar na costa). Falan de varios puntos, como a Illa da Creba (no interior da ría) ou Monte Louro, como un auténtico refuxio pirata. Mercé a iso circulaba a historia de que Fonseca decidiu construír un castelo en 1520 para fortificar Monte Louro e pechar o punto para a instalación dos campamentos piratas. Ese castelo -lin por algures- mesmo chegaría a ter 12 canóns para a súa defensa. O punto de partida desta historia é o libro Historia de Muros y su distrito, sospeito, pero non localicei por agora outras referencia documentais, que é como unha serpe que se vai clonando de texto en texto (agradezo se alguén ten máis información ao respecto, ten que habela), e non sei a súa veracidade final.

A cuestión é que onde había un castelo de principios do XVI en Monte Louro?

Subimos polo estreito sendeiro, ascendendo entre unha exhuberante diversidade vexetal en dirección ao primeiro dos picos, onde estaban as hipotéticas ruínas da capela. Pero antes de chegar ao cumio quedamos estrañados: por baixo do camiño percibíanse os trazos dunha muralla de cachote.

Antón Malde botouse a un lado e comezou a observar entre os toxeiros e os penedos que a muralla continuaba máis aló. É dicir, que era unha muralla, e non un desprendemento, e se podían apreciar a regularidade do paramento exterior. Unha vista máis comprensiva fíxonos deducir que estabamos nunha terraza artificial: chea de toxo e moi difícil de ver, pero velaí. E mirando para abaixo, parecía haber outra (que non chegamos a verificar). Seguimos subindo e volvimos cruzar outro muro soterrado ata chegarmos ata unha plataforma artificial rodeada por unha muralla que se podía albiscar entre as xestas. Todo unha cachotada das clásicas das Repúblicas de Homes Libres. Na cúspide, exactamente na cúspide do Monte Louro, pola contra, chea de xestas, estaban as ruínas da capela:

A diferencia dos muros de abaixo, esta capela tiña unha boa factura do XVI-XVIII. Un edificio moi pequeniño pendurado dos ventos, cunha das vistas máis incribles de toda Galicia, co mar convertido en soplos de ondas inmensas entrando na ría de Muros e os cumios do Barbanza, en gris e contraste, como lombos de xigantes durmindo.

Seguimos de camiño ata o pico da Garita, o máis austral de Monte Louro. Ao baixarmos da capela, pola outra banda, volvimos recoñecer as trazas de recintos e murallas que fortificaban aquel penedo. Máis adiante, polo estreito vieiro, efectivamente, alí tamén estaba a Garita. Algunha pedra moi ben labrada permitía mesmo aventurar máis a cronoloxía, a finais do XVII-XVIII:

Desde alí viamos atrás o Pico da capela, e podiamos recoñecer a configuración artificial, aterrazada, do castelo roqueiro do pico da Magdalena.

É unha fortificación ese pico? Sen dúbida. É unha fortificación roqueira galega clásica, de cronoloxía medieval. Si, e temos evidencias. Na zona das murallas están cavados estes calzos:

Que non se empregaban en época castrexa no país. Estes calzos son medievais (enténdase medieval nunha secuencia longa). A configuración das liñas defensivas, pola contra, é do máis interesante. Como sempre me está acontecendo cando analizo as fortificacións contra agresores externos, as terrazas defensivas, o esforzo monumentalizador, oriéntase cara as zonas visibles da fortificación. As dúas ou tres liñas defensivas (é imposible concretar máis pola vexetación) están contra a zona do actual pobo de Louro e excelente porto de recalada para embarcacións. O castelo -que non figura catalogado como tal pola Xunta- está aí.

Agora ben, é a fortificación de Fonseca? Iso é o que menos nos encaixa, por agora. Se Fonseca empregou artillería, como di esa fonte -hai que ter coidado, insisto- a fortificación non podía estar aquí arriba, ou de pouco valería. Debería estar a pé de porto ou nalgún sitio similar. Ten un castelo do século XVI unhas murallas tan cutres como estas que viamos aquí, de paramento en seco, mal cortadas e estruturadas, coma os clásicos castelos altomedievais que estamos acostumados a ver? Poñamos que por agora temos esa referencia documental e manteñámola. Pero…

Entre a Historia Compostelana de Xelmírez, do século XII, que fala de Monte Louro como un ancestral e reiterado refuxio pirata, unha Illa Tartaruga, vamos, e a suposta fortaleza de Fonseca, median varios séculos nos que non sabemos nada sobre as fortificacións de monte Louro. Sería construída esta fortaleza (que ten propósitos claramente de interposición contra os piratas, xa que o camiño real cara Carnota ía terra adentro) durante algún dos momentos máis fortes de ataques normandos ou berberiscos? Quen a fixo?

Monte Louro continúa mantendo o misterio, só que agora aínda máis forte.

15 Comments

  1. LAURA
    21 / Abril/ 2012

    DISQUE O MONTE LOURO NA SUA CIMA HABIA UN BURACO E QUE SE TIRABA UNHA MONEDA OU PEDRA TARDABA EN CHEGAR O CHAN E SENTIASE COMO CAIA, ? AINDA O PODE CONTAR O SEÑOR MANOLO LADO DE 91 ANOS.

    TAMEN NA SUA LAGOA HAI UN ENCANTO
    TRES IRMANS ENCANTADAS E NUNCA DESENCANTADAS, POIS CANDO SE VEN APARECER SON TRES BOLOS DE PAN CO SEU COCORUCHO E TODO, APARECENSELLE ÓS MARIÑEIROS OS TRES BOLOS DE PAN FLOTANDO NA AUGA, A O MARIÑEIRO FANLANLLE E DINLLE QUE SI NON AS COME AS TRES DESENCANTANSE PERO ASI QUE COLLE OS BOLOS SALEN AS MULLERIÑAS E O TERCEIRO O MARIÑEIRO ARRANCOULLE O COCORUCHO E AS MOZAS VOLTAN A AUGA E NON VOLVEN A APARECER ATA 100 ANOS.

    TRAS DO FARO DE FISTERRA AHI UNHA ESCOPETA DOURO PARA MATAR OS DE MUROS POR RIVA DE MONTE LOURO (O SOL)

  2. elixio
    22 / Abril/ 2012

    A Garita de Monte Louro nos apuntes de Domingo Fontán en 1831
    http://xurl.es/8z619

  3. 22 / Abril/ 2012

    Laura, grazas por achegar estas lendas!

    Elixio, que grande Fontán!

  4. Antón Malde
    22 / Abril/ 2012

    “Al Puerto de Corcubión sigue el de Muros ô Noya distante cinco leguas al Sur del Cabo de Finisterre su boca ô entrada que mira al Oeste tiene al Norte el Cabo ó MOnte Louro y al Sur la punta del Castro 3 1/2 millas apartados uno del otro ynternandose este Puerto ôtras seis millas con mucho fondo: tiene ensenadas y en una de estas la Villa de Muros la que fué antiguamente sercada de un rezinto de Muralla que oy dia se ve mui deteriorada y solo se conserva una Batería capaz de 14 Cañones con el título de Castillo” Francisco Llobet (1756).

  5. 22 / Abril/ 2012

    Si, pero en teoría esa batería de 14 cañóns é o Castelo que está ubicado no estremo sur da vila, e que hoxe está destruído e substituído por casas e conserveiras. A ver, a min pégame moito que Fonseca construíra a fortaleza como complemento do sistema fortificado de Muros, pero…

    O problema é a fonte orixinal, que é esa Historia de Muros. Aínda que agora non a teño comigo, o problema é que non acredita de onde chega. Seguro que algún bo coñecedor do arcebispado de Santiago no XVI nos podería resolver este asunto.

  6. Antón Malde
    22 / Abril/ 2012

    Dá a sensación de ter sido un lugar mais de avistamento, eis o termo de “Garita”, que perfeitamente puido comezar a funcionar no XVI aproveitando as condicións naturais do monte. Quizá fose mais importante esa función, que a artilleira (tendo en conta as limitacións tecnolóxicas desa época).

    Do que parece non existir dúbida que no XVIII a batería estaba en Muros segundo informa Llobet (enxeñeiro militar que está a revisar e mellorar o aparello defensivo da cosa). E nese contexto o Monte Louro podería ser unha peza do sistema defensivo mantendo seu papel de vixía.

  7. 22 / Abril/ 2012

    Entón iso levaríanos a ter un enigma máis gordo para ese castelo roqueiro. Con todo, eu avogo por revisar exactamente que é o que fixo Fonseca en relación ao “alfoz” de Muros. Paréceme raro que as fontes non mencionen este casteliño. O que está claro é que na época das Irmandades xa non parece existir.

  8. Elixio Vieites
    23 / Abril/ 2012

    ….as fortificacións que velaban pola seguridade dos seus habitantes: o Castelo, construído polo marqués de Cerralbo a finais do século XVI nas inmediacións da vella lonxa, e que contaba no século XVIII coa presenza de doce canóns; a Torre Vella, emprazada no barrio do Carme; e o Forte de Monte Louro, que fora construído non ano 1520 por orden do arcebispo D. Alonso III de Fonseca para defender a enseada de Louro dos ataques de piratas e invasores, e que estaba considerado como o punto defensivo máis importante de Muros, chegando a contar en algún tempo con dezaseis canóns. .

    Sacado de:
    http://homesdepedraenbarcosdepau.lacoctelera.net/post/2008/01/15/puebla-muro

  9. Antón Malde
    24 / Abril/ 2012

    Con efeito, no plano da ría de Muros e Noia de Pedro Teixeira de 1634 vese unha construción no alto do monte (un tellado).

  10. 24 / Abril/ 2012

    A ver, a referencia que menciona Elixio é a “serpe” á que me refería, a cita da recita dunha cita anterior que procede dun libro, que nos remite á Historia de Muros y su distrito de Ramón de Artaza y Málvarez. Pero non sabemos a fonte orixinal desa referencia, e hai que ver como é iso.

    Ao meu ver, é imposible que o castelo do alto de monte Louro puidera ser unha batería de 12 canóns, e iso demóstrase con facilidade. Non hai máis que mirar as fortificacións da ría de Ferrol, posteriores e con mellor tecnoloxía, e como as baterías para seren efectivas teñen que estar a rentes do mar: en Ferrol non haberá fortificacións no alto dos montes ata que se fagan baterías antiaéreas, máis que nada porque non funcionaban como tales. Se a fortaleza de Fonseca estivo en Monte Louro, tivo que estar cabo do mar, e pouca defensa ía facer á ría de Muros. Ou sexa, que ou hai un problema coa descrición da fortaleza e non tiña canóns, ou esa fortaleza non está aí.

    O que se ve no alto do mapa de Texeira é, ao meu ver, a capela. O motivo é similar ao da capela de Santa Catalina, da outra banda de Muros. Cando Texeira quere representar outra fortaleza, faino cabalmente. Precisamente o de Texeira é un argumento de peso. No século XVII el xa non marca a fortaleza no Monte Louro. A ver se consigo unha mostra a boa resolución do mapa.

    O mesmo pasa co mapa de Teixie

  11. Antón Malde
    24 / Abril/ 2012

    Na cartografía de Teixeira a representación de espazos amurallados (Pontedeume, Betanzos ou A Coruña p.e.) coincide aínda con esquemas medievais (que cos avanzos da artillaría van ficar desfasados). Non figuran castelos singulares con boa visibilidade desde a costa como o de Nogueirosa.

    Por outra parte, as igrexas recoñécense polo sineiro. Eis o caso de Fisterra, cunha construción relixiosa no medio da peneda (aínda que non estou certo se é a ermida de San Guillerme ou Santa María).

    En todo caso, a posición no alto do Louro dá para unha fortificación con finalidade de vixía, e por tanto de defesa, en relación a Muros-Noia e da rede viaria (para Xallas e logo Compostela).

    P.D. No plano de Pierre Mortier 1690)as vilas vense xa representadas co novo sistema defensivo (de deseño xeométrico anguloso)[que non significa que existise como tal, senón que pode ser unha convención de representación]

  12. Pepe S
    24 / Abril/ 2012

    Ao respecto desta fortaleza, López Ferreiro conta na sua obra sobre “Historia da Santa Iglesia de Santiago de Compostela” (vol. III páx 438) refire que alá polo 1115, nos tempos de Xélmirez, os almorávides e a súa flota devastaron as costas occidentais de Galicia e estableceron bases permanentes varios anos nas illas da costa. Textualmente di “Se hallaban apoderados de las islas de Flamia, de Ons, de Arosa, de Quebra y del Monte Louro, cerca de Muros. Allí se rehacían y descansaban cuando era necesario, y reparaban las averías de sus naves,y desde allí, ya por sorpresa, ya a cara descubierta, asaltaban las costas vecinas”. Trouxeronse de Xénova e Pisa inxenieros navales, construironse buques pero levou máis de un lustro botar aos piratas das nosas costas.
    Non sei, pero ao mellor estades desenterrando o escenario daquel episodio histórico. Coas costas inzadas de reductos de piratas. E vaite ti a saber se algún castelo baleiro da contorna, mesmo a Torre dos Mouros de Carnota non pinta algo nesta historia. Por certo, da a impresión que o nivel do mar ou ben os itsmos areosos dibuxaban un contorno das costas distinto, con Arosa (supoño que O Grove) e Monte Louro descritos como illas.
    Saudos e parabens. JS

  13. 24 / Abril/ 2012

    Si, é o que me refiro no post da referencia mítica da Historia Compostelana que aquí recupera López Ferreiro. Está claro que esta fortificación ten que ver, moi posiblemente, coa pirataría, pero o que temos que aclarar é se é realmente a fortificación edificada por Fonseca ou algún castelo anterior (que se nos escapa da documentación).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará