O misterio da Moura da Pena Furada

Last updated on 30 / Maio/ 2011


Fotos: Sole

A principios dos 90, o arqueólogo Antón Malde estaba a realizar unha investigación sobre o megalitismo no seu concello natal, Coirós, preto de Betanzos e A Coruña. Subía, atravesando do través, o Monte de Pena Furada. Cando estaba a punto de chegar ao máis alto, apareceu un espolón de rochas diante del, un lugar como un barco de pedra que miraba o val circundante como un espazo privilexiado. Comezou a gabear entre elas e o que atopou alí estrañoulle moito.


Antropomorfo na rocha. Imaxe tintada dixitalmente.

Pedras traballadas, que parecían ter sido moldeadas para facer pasos entre elas. Por diante dun penedo moi agudo estaban talladas unhas escadas moi estrañas, estreitas, trapezoidais, que subían ata unha mínima plataforma superior, que hoxe mesmo segue a dar vertixe. Alí, na escasa superficie do alto da rocha, había un home tallado, e pías nas súas proximidades. A sorpresa máis grande, con todo, foi cando se meteu, entre a maleza, pola zona chan do centro do espolón. Malde localizou algo intrigante, chamativo e turbador no centro daquel lugar.

Vinte anos despois daquel achado, estamos choutando con Antón Malde por entre estas pedras do concello de Coirós, nunha pesada tarde destes sábados de primavera. Chegamos á condenada pedra que fai especial este lugar. Alí, no medio, había un bloque pétreo moi intrigante, hoxe envolto na maleza. Fixádevos, a ver que vedes nesta foto:

Intervida e moldeada, alguén recortara os estremos para definir pías cuadrangulares. Cando Antón Malde ma ensinou, deume unha volta ao corazón. Na zona plana superior había un lacus, unha pía cadrangular, das habituais nos santuarios rupestres, malia que máis pequena. Pero iso non era o importante. Nun estremo da pedra, nunha posición de deitarse, estaba a figura. Unha figura elemental, unha figura que recordaba as persoas de Munch, de ollos moi simples, cunha boa aberta, tremendamente simplificada, pero cun detalle notorio, un detalle mesmo algo violento á vista. A figura, coas súas mans, apreixaba a súa vulva e abríaa, ata o punto de que o seu sexo feminino resultaba o rasgo máis notable da súa figura.

Tirei a brúxula para ver como estaba orientada esta figura, porque tiña a sensación de que o seu autor escollera esa posición premeditadamente, como non é difícil deducir se mirades a fotografía. Mimá. A brúxula indicaba que a figura estaba aliñada exactamente no eixo Oeste-Leste. E había un detalle máis. Se vedes nas fotografías, a figura creba de dirección a media altura. Parece haber unha certa intención en facer frontal a vulva, directamente cara a posta de sol.

A vulva desta Moura está ollando cara o solpor, cara o Oeste. Entusiasmado, pregúntolle a Antón:

-Que hai nesa dirección?
-A igrexa de Santa Mariña de Lesa está aló abaixo -dime.

Dáme a risa. Santa Mariña, outra vez. En canto aparece esta santa, sempre pasa algo raro nas proximidades. Ollo esta figura, ollo o horizonte boscoso e cheo de prados.

Malde seguiu buscando polo lugar. Máis pedras esquinadas e labradas, como debuxando no aire portas invisibles, trancas, cabanas que non podemos imaxinar. Pedras coronadas por seixos brancos, pero seccionadas para crear pasos ou para soster trabes. Todo moi estraño. No chan aparecían peciñas de cerámica. Abraiado, Malde deu parte ao concello da existencia deste lugar que non estaba no catálogo. Polo que falei con el, creo que aínda hoxe ten certa percepción de arrepentimento.

-Pouco despois a maquinaria fixo esta pista inútil fendendo toda este estremo do xacemento -dime Malde. Bótase unha man á cara.

Agora estamos mirando o tremendo lañazo que unha pista forestal, hoxe abandonada, lle inflinxe ao estremo do xacemento, alí onde as pedras desaparecen e se inicia un eucaliptal. Cuspo (sempre cuspo cando ando a cismar) e digo:

-Unha mágoa. Porque moitas veces nos límites destes xacementos é onde temos a clave que nos dá unha cronoloxía -dígolle- Que perda tan grande!

Cada época é, nas miñas buscas, un xeito de defensa ante o mundo. Foxo, gabia, valo de empalizada de madeira, parapeto, terraplén, muralla pétrea, eu que sei. Rastreamos entre o eucaliptal. Aparece un prometedor resto de valado térreo, pero toma en sentido contrario. Um. Aparentemente nada en superficie. Merda de pista forestal.

Eses mesmos días da descuberta, Antón baixou á aldea máis próxima, a Figueiras. E aí está unha clave deste lugar. “Ocupa unha posición excéntrica con respecto ás aldeas actuais”, dime Malde, “moi poucos, só os máis maiores, coñecían a existencia da Moura”. Porque así lle chaman a esta figura, a Moura. Pero a que nunca viron unha moura así?

O pastor ávido

En Figueiras o arqueólogo localizou a un pastor que pasara aló, neste monte, ben de tempo. Aquel home choutaba entre penedos e penedos e, se cadra, polo que el dixo -aínda que sempre hai que coller estas cousas con coidado, non é a primeira vez que a min me aseguran que un petróglifo de cervos e espirais o fixo o informante e os seus amigos cando novos- foi el o autor do homiño da peneda norte. Pero o abraiante é que no estremo contrario do esporón, preto da “porta” de entrada, hai outra figura de apariencia antropomorfa, seccionada en parte. Aquel pastor confesou ter fendido esa pedra para buscar no seu interior o ouro dos mouros. O petróglifo, en parte destrozado, é unha impresionante testemuña das arelas campesiñas polo ouro dos seus ancestros. Pero non podo deixar de imaxinarmo, fendendo a esta figura humana, no medio do bosque, suxestionado por noites e noites de lendas.

Malde non calou o achado. Publicouno nunha das revistas fundamentais para os estudos históricos neste país, o Anuario Brigantino, e aquí se pode ler en PDF. Posteriormente, a misteriosa figura de sexo aberto chamou a atención de Fernando Alonso Romero, e alá foi, ao monte de Pena Furada, quen fixo a súa propia investigación centrada nesa estraña figura feminina e tamén a publicou no Anuario (aquí en pdf).

Pola miña banda, estou confuso e abraiado. Malde recuperou a memoria deste lugar cando publicamos o Santuario de Santa Mariña de Augas Santas.

-Quería que o viras, a ver que che parece -dime Antón.
-Antón, isto é moi raro. Se fose por estes rebaixes de pedras que están por todas partes, e pola posición, con estas vistas alucinantes e a defensa doada, diríache que este é un castelo dos que pensamos que é dunha cronoloxía VII-VIII. Pero esa pedra do interior, perfectamente separada do resto do espazo, recortada nas súas esquinas, coa moura exactamente orientada na dirección Oeste-Leste, tenme desacougado. Diríache que iso a min me parece unha galaicorromanada coma un mundo. Así que non entendo nada. Por outra banda, en Santa Mariña, no monte do Señoriño, ao redor desa posible zona principal hai moitas pedras tamén con rebaixes… E o antropomorfo do penedo principal si parece moderno. Pero, os escalóns que suben a el, tan raros, para que?

O intrigante misterio, as dobles posibilidades

Isto é un misterio, un misterio fascinante. Con Antón Malde recoñecemos o acceso, entre a frouma, a este lugar. O acceso actual discorre entre a espesura, pero as pedras están rebaixadas polas beiras, para cedernos o paso cara este lugar que, literalmente, flota entre tempos. Se fose algún tipo de santuario galaico ou galaicorromano, estariamos ante unha interesantísima variante dos modelos que se podían observar na Gallaecia meridional. Pero a figuriña, inédita na Galicia castrexa ou romana (na que si se atopan símbolos fálicos), ten un paralelismo claro coas Sheela-na-gig que aparecen nas igrexas medievais irlandesas ou inglesas. Deusas da fertilidade e da fecundidade. Se, pola contra, fose obra dun soldado saído e un tanto ardente de época altomedieval que tivese que pasar dilatadas horas neste lugar, nada encaixa. Porque hai unha disposición ao meu ver moi ritual de todo este espazo, con orientacións e delimitación de espazos.

Observo esta figuriña un tanto turbadora, un tanto fantasmal. Se algún día se desbroza esta xungla que a rodea, saberemos máis sobre para que foi concibida. A falta de paralelos no país tennos confundidos, e intrigados. Eu estou convencido de que esta figura se pensou para ver desde embaixo da pedra. Observo a liña do horizonte, o val do río Mendo desde esta pedra. E non deixo de sorrir. Se cadra esta Moura estea propagando, de algún xeito, coa súa vulva, a fertilidade polos verdes e húmidos campos de Coirós. Unha beizón que se significaba nos órganos sexuais. Hoxendía, sexo e natureza están disociados na nosa cultura, pero no universo da persoa que gravou isto en Santa Mariña de Lesa, o sexo vai máis aló dun instrumento de pracer: é a máis poderosa e enigmática parte do noso corpo, tan estraña e insondable que se convirte na peza principal dunha figura sagrada.

Grazas por amosárnola, Antón!

19 Comments

  1. Antón Malde
    26 / Maio/ 2011

    Obrigado por chamar a atención sobre esta interesante xacida! Agora unha simples limpeza vexetal… O martes falarei co Concello de Coirós quen xestiona o monte para pedir permiso e colaboración.

    P.D: Manolo, pensando… da “magha” do branco lexítimo ven unha caña… para outro día (ás veces compran o viño sen torcer nen facer pola “magha”.

  2. 26 / Maio/ 2011

    A primeira vez que mirei a Pedra Formosa de Briteiros (a pedra formosa por antonomasia), imaxinei aos homes arrastrándose para saír polo burato inferior da sauna e non puiden facer outra cousa que reparar canto se parecen os baquetóns que adobian a parte superior a unha figura humana moi esquemática coas pernas escarranchadas. Poderíase decir que aqueles homes estaban sendo paridos pola pedra.
    http://4.bp.blogspot.com/_yO3u9cIAWbc/SzaQO6usq2I/AAAAAAAAAdA/xJVQrInlbTs/s400/pformosa.jpg
    Evidentemente, pódense decir moitas chorradas sobre simboloxía de calquera cousa que se pareza a outra. Pero mirando para esta moura tan descocada (ultimamente gosto moito das mouras), veume esta imaxe dos homes renacidos de Briteiros.

  3. Xabier
    27 / Maio/ 2011

    Ando sen tempo para ler agora o artigo enteiro -fareino sen tardar-, así que se cadra xa tedes reparado nisto:
    http://en.wikipedia.org/wiki/Sheela_na_gig
    e noutras figuras similares da prehistoria europea.

    Parabéns polo achado, moitas grazas.

  4. 27 / Maio/ 2011

    Si, Xabier, xa falo das Sheelas no texto pero grazas pola ligazón!

    O fascinante deste tema é a atipicidade da figura. En Galicia tamén se atopan algunhas sheelas nos canzorros medievais, pero están aí, é dicir, están nun edificio relixioso no que é habitual que se atopen. Como vedes no artigo da Wikipedia, hai quen defende que son antigas deusas da fertilidade, hai quen defende que xogan unha función moral no universo de significados dunha igrexa medieval. Unha interpretación non se contradi coa outra, como xa vimos hai pouco co caso dos homes verdes.

    A cuestión é que función xoga esta figura aquí, fóra do espazo dun templo cristián, pero ubicada nun contexto ben claro no que xoga unha función que non sabemos interpretar. E iso é o fascinante. Temos a un pastor que afirma ter debuxados os penedos próximos, se cadra influenciado pola propia existencia da moura no centro deste outeiro, e ese pequeno e humilde acto me resulta tamén tan marabilloso como poético, fixérase efectivamente neste século XX ou sexa anterior. Pero puidemos comprobar a semana pasada que o outeiro está moi intervido artificialmente, mesmo con algunha pequena terraza cara o W-NW.

    Se a nosa descocada Moura é medieval, a cousa aínda é máis rara e interesante. Pero todo ese espazo é tan raro e tan atípico no seu conxunto que calquera das nosas hipóteses pode ser totalmente contraditoria. Eu aposto por mundo galaicorromano, pero podo equivocarme como un auténtico campión. :-)

    Antón, a ver se hai sorte con eso e podemos agarrar os fouciños aló. Con gañas, en poucos días iso queda como unha patena. :-)

  5. Tschamadeurer
    27 / Maio/ 2011

    Claro, eu non estiven alí pero nada mais ver a figura o primeiro q pensei foi que fose un lugar de fertilidade. Non sei nada de antropoloxia nin de arqueoloxía pero non pode ser unha pedra que traia fertilidade para as parellas que queiran ter fillos? A miña primeira interpretación é que é o lugar onde se debe colocar a muller para ser mais fertil e sobre ela realizar o acto sexual.
    Foi o primeiro que me viu á cabeza. Quería compartilo por se ninguén o pensara antes e valese para algo.

  6. Luis
    27 / Maio/ 2011

    Home, sobre o feito de que alguen faga gravados na zona, no século XX… o da “Moura” non me ten moita pinta de recente. E os paralelismos con figuras doutras épocas son evidentes.
    Agora ben, o antropomorfo tintado dixitalmente… xa é outra cousa. Quizais me equivoque, pero me da que se gravou bastante posteriormente.

    Se me permitides a anécdota: paseaba eu por terras chairegas cun amigo, que tamén é toliño por estes temas. Pasamos diante dunha vella casa abandoada. Na pedra de cantería, á beira da porta, víase un grabado sinxelo en forma de cabeza humana. Perfectamente perceptibles o nariz, a boca e os ollos. Comezou a falar da posibilidade de que se tratara dalgunha pedra galaica ou galaicorromana “reciclada”, ou de posibles usos apotropaicos…
    Antes de que o bo de rapaz seguise, lle aclarei que alí viviran os meus avós cos seus fillos. E que a cabeza, casualmente, a gravou o meu pai de rapaz. E polo que me contou, sen ningún tipo de intención simbólica nin protectora. O simple feito de facer algo “artístico” (e o cabreo da miña avoa, por certo)

  7. 28 / Maio/ 2011

    Luis, basicamente eu distingo unha época ou procedemento distinto para cada gravado. O do homiño do esporón norte (a primeira foto) parece o máis moderno e eu inclínome a que fose o pastor quen o fixo. A figuriña da Moura paréceme antiquísima, do mundo castrexo en diante, e posiblemente do mundo galaicorromano, para afinar algo máis (aínda que non teño referentes no norte peninsular para figuras así nesa época). O posible antropomorfo da dereita é como algo intermedio entre os dous. O suco está feito claramente tamén con elementos metálicos, pero está moito máis desgastado que a outra figuriña de home que fixera o pastor na outra banda.

    En todo caso, o fascinante para min é a superposición de elementos. É como un petroglifo en Antas de Ulla, que ten Bronce, repasiño en ferro, Idade Media e…dous fermosos paxariños de principios do XX. :-)

  8. maria
    29 / Maio/ 2011

    fai anos q a descubrin, tiña 10 ou 11 anos, e toda a informacion q atopei foi nos anuarios como ben comentades. gustariame estar o tanto d todo o q se faga e mesmo participar, graciñas

  9. 1 / Xuño/ 2011

    Umha pergunta, qual é o critério para determinar, ou para suspeitar, que a figura da Moura pode ser galaicorromana? Gracinhas!

  10. 1 / Xuño/ 2011

    E, falando de superposiçom e de reaproveitamento, nom sei se conheceis o peixe que hai gravado numha das lages do dolmen de Ajeitos… Uns vizinhos digérom-me que era mui antigo e outros que era umha trasnada recente… Tendes algumha ideia ao respeito?

  11. 1 / Xuño/ 2011

    Ulmo, eu creo que ese peixe é recente. Cando Cuevillas e Bouza Brey visitan o dolmen para a revista Nós, aluden aos cruciformes e á pedra desaparecida que estaba moi próxima, pero non falan do peixe.

    Sobre o da figura. Hai dous motivos para a miña opinión: o principal é o contexto. Unha pedra exenta cun lacus é un espazo repetido, con variantes, ao longo de toda a Gallaecia e, no seu contexto, con moita frecuencia documéntase un uso romano (epigrafía, aras, etc.). Digamos que dentro dos tipos de obxectos arqueolóxicos que se poden atopar en Gallaecia, o máis próximo é un espazo cultual de época galaicorromana (que pode ser anterior, e despois reusado, como é frecuente). Con respecto á figuriña da Moura que ocupa un estremo, como sinalo no post, é un tipo de figura que aparece nas igrexas medievais, pero sempre dentro dun contexto, dun programa relixioso moi concreto, nunca está soa. Onde si se evidencian cultos vinculados con atributos sexuais, ou centrados neles, é no mundo romano galego (teñen aparecido uns cantos falos de pedra, por exemplo). E máis que aparecerán -xa adianto. A gran novidade, e o enigmático, con todo, é o feito de ser unha figura feminina.

  12. 1 / Xuño/ 2011

    A pergunta é interesante, xá que às veces damos por evidentes algunhas cousas. A figura da Moura non é recente. Tampouco parece que medieval posto que as poucas imaxes femininas co sexo remarcado aparecen en canzorros (p.e. na próxima igrexa de San Martiño de Bravío, Betanzos).

    Por outra parte existen elementos de contexto (escotadoras na rocha para sustentar estruturas de madeira e tellas) que non se corresponden con cronolóxías alén o mundo romano.

    En calquer caso… un misterio do mais suxestivo.

    Onte falei con concello, que xestiona ese monte, e apoian unha intervención de limpeza, polo que buscamos voluntarios…

  13. Lansbricae
    2 / Xuño/ 2011

    comentas “Por outra parte existen elementos de contexto (escotadoras na rocha para sustentar estruturas de madeira e tellas) que non se corresponden con cronoloxías alén o mundo romano”

    ¿é nos “castelos” altomedievais non son comúns? (penso no “castro-castelo” da Pena en Cenlle (O Ribeiro) con bastantes escotadoras e un gran alxibe)

    Rozar un pouco non fai dano a ninguén polo que se fan falla voluntarios xa tedes un. Saúdos.

  14. 2 / Xuño/ 2011

    Os castelos altomedievais… é posíbel por suposto. Eu teño a impresión que, para alén de posíbeis reaproveitamentos do lugar, é un conxunto unitario. Incluso as insculturas principais (a moura e o “locus”) están nunha rocha cortada de forma cuadrangular realizada intencionadamente (unha especie de “podio”), que ocupa unha posición central dentro do curuto. (localicei algunha foto onde se pode aberceber: http://www.facebook.com/media/set/?set=a.157509517642367.34620.146469792079673)

    Mais para despexar algunha dúbida hai que rozar. Obrigado pola oferta, a axuda vai ser precisa! Coa colaboración inestimábel de Manolo Gago irei comentando como imos organizar o traballo para que veña quen goste participar.

  15. Nsbia Corona
    17 / Outubro/ 2011

    Sinto non ter chegado a tempo. Sintoo en serio. Cando cheguei xa teña rematado ise traballo de limpeza-excavación co cal ando tan disgustada. Unha vez mais un dos nosos santuarios perde a sua identidade.
    Eu non sei porqué non se recurre a unha preguntiña ¿que é o que hai de faguer para estudar un santuario? ISa pregunta leva unha só resposta implícita: ANTES de intervir hai de recoller a tradición oral, con calma, con paciencia, con moito tempo…. PEro eu non sei que tanta urxencia había para poñer ao aire a coitada da Moura…
    1. Se non se recolle con tempo a tradición oral, despois de intervir xa está alterada. Xa non hai ren a faguer. REN. porque se alterou. Perdeuse. E a tradición oral é o unico xeito posibel de saber qué era ise santuario.
    2. Hai de recoller a toponimia menor.
    3. ¿Onde está a ara que identifica iste santuario con Nabia¿ Apareceu unha ara tan perto como para saber isa atribución?
    4. Iso de que Nabia é unha deusa acuática é unha falacia… Sobre todo porque quería saber eu que quere decir en termos celtas e indoeuropeos que é unha deusa acuática-
    5. Se é unha deusa acuática que fai na cima dun rochedo amosando o sexo?
    6. En que longa etapa do santuario mudou de nome porque mudar de Nabia a Mariña xa é un longo traballo de síntese.
    Iste é o terceiro santuario que se limpa-excava ou algo asi. As tres veces se di que asi aprenderemos algo da relixión castrexa da que ao parecer non se sabe ren de ren… sobre todo se non se le. Nos tres casos fíxose sen nengum tipo de criterio de tratamento dun lugar sacro. Porque teñen un protocolo. E aqui non se ten seguido. Sintoo. E non é unha critica despiada, nen movida pola envexa.- So é que Galiza perde outro enclave sagro e con iste van tres. Donon, Sta Mariña e Pena da Moura… Non sei que aprendichedes alí, pero nos desaprendimos un pouco mais da nosa tradición cultural celta.

  16. 17 / Outubro/ 2011

    Ai, mimá!

    Presa ningunha, Blanca Fernández-Albalat. O sitio arqueolóxico está publicado desde o ano 1993 polo director desta intervención:

    http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab1993PDF/1993%20015_024.pdf

    Cunha ulterior publicación do ano 2004 por outro investigador, e que conforman un excelente corpus de traballo. Na publicación de 2003 (páx. 22) podes ver referencias á escasa tradición oral vinculada á figura, colleitada no momento de redacción do artigo. Tamén hai traballo de campo posterior e un exhaustivo coñecemento de campo, por parte do director da escavación, de toda a área. Vaia, como que comezamos case dúas décadas despois da súa publicación inicial…

    Esta primeira intervención ten como obxectivo facer unha limpeza do espazo, comprobar en que medida e como estaba intervido artificialmente, así como, na medida do posible, determinar algúns elementos da funcionalidade e cronoloxía do espazo a partir do que nos aparecera en superficie. Trátase dunha intervención cautelosa, de limpeza, e tamén unha experiencia de coñecemento aberto e transferido en tempo case real: porque cremos que os espazos arqueolóxicos son bens públicos, porque estamos en contra dunha arqueoloxía revirada, ocultadora e recelosa. O resultado é moi satisfactorio na fase actual, que é a de localización de estruturas superficiais e visión global do espazo arqueolóxico, con conceptos que van evolucionando día tras día en función das evidencias que aparecen.

    Desde un punto de vista do método científico, é certamente fermoso. E, ao pouco que eu sei, escrupuloso.

    Presa ningunha. Pero pausas, as menos posibles.

  17. carlos
    17 / Outubro/ 2011

    UMMM , notase un aljo de envexa mais D. Manuel non lle estrañe porque para esta xente o que haberia que faser , aparte dos protocolos que mensiona e que sejuramente sejiron na Moura , seria “secuestrar” o coñesemento para eles soliños é o resto da sosiedá a esperar a que se dignen con achejarnos a sua jrande sapiensia..

  18. Antón Malde
    17 / Outubro/ 2011

    Falando de protocolos…, como director da intervención o primeiro e principal protocolo de actuación é o rigor na execución dos traballos e na recolla da información de campo.

    Porqué? para que outros investigadores coa mesma información cheguen a conclusións diferentes. Isto na ciéncia chámase “repetir o experimento”.

    Certamente nunca rematamos de aprender, mais puidemos ter compartido estas disquisicións no xacimento eses días con tardes de sol cargante e picaduras insistentes de bichos. Unha lástima.

    E por certo, temos decidido democratizar a opinión sobre estes temas. É mais, queremos que a xente que traballa con nós poda expresarse sobre a Pena Furada. En definitiva, gostamos do formato de The Team Time.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará