Última actualización o 4 / Maio/ 2011

Contido publicado orixinalmente en culturagalega.org o 2 de maio de 2011.
Nos capiteis das igrexas románicas galegas e en moitas de Europa, un home vomitas follas pola boca no medio dunha vexetación da que parece formar parte. É a figura do green man, unha personaxe mitolóxica e alegórica moi antiga de especial presenza nos países da Europa atlántica, pero case descoñecida polo público en Galicia. Alfredo Erias, director do Museo de Betanzos, desvélanos a súa abundante presenza en Galicia e nos explica a súa misteriosa orixe.
Alfredo Erias, un incansable investigador histórico de longa traxectoria e promotor cultural, é director do Museo das Mariñas e Arquiveiro municipal de Betanzos. Durante o III Congreso de Estudos Celtas, celebrado en Narón entre o 15 e 17 de abril deste ano, Erias presentou unha fascinante investigación sobre a figura dos green men, un motivo artístico de dilatada presenza na arte europea, e a súa presenza en Galicia. Pedímoslle que nos contara máis sobre esta figura.
Que son os green men?
O home verde, green man nas Illas Británicas, le feuillou en Francia, blattqesicht en Alemaña, el busgosu en Asturias, etc. adoita figurarse como unha cara cuberta de follas, as cales, habitualmente, aínda que non sempre, saen da súa boca, ou entran, a partir de ramas ou caulículos. Atópanse en boa parte de Europa e mesmo se rastrexa no continente asiático, pero de maneira especial vémolo nos países do arco atlántico, alí onde a cultura celta deixou unha pegada máis fonda e aínda hoxe é inspiración para artistas e obxecto de festas primaverais de ecos antigos.
Cando aparecen?
Considero que o green man ten a súa orixe formal nos distintos avatares dun deus creador do bosque e dos animais indoeuropeo, con Cernunnos e o tricéfalo galo como protagonistas principais, pero sen esquecernos de Dionisos, Orfeo, Pan, Silvano, Esus e outros máis. Sen embargo, a forma máis repetida que chega ata nós semella ser unha recreación esencialmente baixomedieval insertada plenamente na iconografía románica.
Galicia está presente desde os primeiros momentos na catedral de Santiago de Compostela (na base dun incensario que leva un anxo da porta de Praterías), contando ademais con pezas de importancia europea como a pila bautismal do Hospital de Quiroga na que o green man se identifica co cervo nunha metáfora que seguramente representa a Cristo (identificado co cervo) como deus creador cristián, pero que tamén remite a Cernunnos (por esa mesma identificación co cervo) como deus creador do bosque celta.
Cal é o seu significado?
Os green men en xeral, formando parte da iconografía cristián, teñen esencialmente dúas caras formais e funcionais: na 1ª vemos cabezas fermosas de home vomitando ramas ou saíndolles ramas e follas da cara e a cabeza, e na 2ª, caras de homes grotescos devorando a Árbore da Vida ou vomitando a Árbore do Mal. Un e outro, aínda que pareza que están illados, deben situarse dentro do gran sistema do Xuízo Universal, repectivamente no Paraíso e no Inferno. Por outra banda, na Baixa Idade Media, a demonización que o cristianismo fai de Cernunnos e do tricéfalo galo, supón que son monstros inequivocamente infernais as cabezas masculinas con cornos e as figuras tricéfalas que vemos nos canzorros.
É evidente que, como deuses ou como demos, os green men manteñen aínda hoxe unha presenza social moi importante, tanto formalmente (sobre todo nas Illas Británicas onde se recrean unha e outra vez) como funcionalmente en festas da primavera.

Diferentes green men nos capiteis de igrexas galegas. Fotos: Alfredo Erias
Cando deixan de usarse?
Curiosamente é unha imaxe moi resistente e, ademais do Románico e do Gótico, aínda a vemos no Renacemento, no Barroco, no Neoclásico e mesmo amplamente no Art Nouveau (tamén en Galicia). Pode que a súa función por momentos sexa esencialmente decorativa, pero, de feito, permanece aí. E xa digo que nas Illas Británicas os artistas seguen hoxe a inspirarse nesta figura. En Galicia, que nos caracterizamos por vivir afastados da nosa historia, todo é diferente, pero, cando viaxamos cara o pasado, dámonos conta de que non soamente formabamos parte dunha alta cultura de rango esencialmente atlántico, senón que, en casos concretos, poidemos ser pioneiros e influir de maneira moi importante noutros pobos, aparte de levar a nosa xenética urbi et orbe (pero sobre todo cara a costa atlántica) polo feito de ser esencialmente emigrantes desde finais da última glaciación.
Cal é a imprantación deste tipo de figuras en Galicia en relación a outras áreas europeas? Existe máis ou menos un número de figuras identificadas?
Eu soamente traballei cuns poucos casos, pero falta facer un catálogo de green men na nosa terra. E considero que sería moi importante facelo, entre outras razóns, porque a presencia desta figura en Galicia favorece o irmanamento cultural, xa de por si intenso, e as relacións de todo tipo cos pobos atlánticos europeos, que na súa maioría son os que camiñan cara a Compostela polos nosos camiños de peregrinación (entre eles, o Camiño Inglés). Favorecer estas relacións é clave para nós e para eles desde todos os puntos de vista e xa vai sendo hora de que desde Galicia procuremos entre todos irmanarnos de verdade con esa xente que, em moitos casos, adoita considerarnos desde sempre (a través de escritos altomedievais e de mitos que permanecen na súa memoria colectiva) como os seus pais culturais.
Como te interesaches polos green men?
Foi un proceso longo. Hai moitos anos, na procura de sepulcros para debuxar, topeime no Hospital de Quiroga coa súa marabillosa pía bautismal. Comenteillo ó meu amigo, o profesor Fernando Alonso Romero, pero a cousa quedou aí. Moito máis tarde, tamén me chamou a atención o sepulcro de Ventosa, en Agolada, cheo de green men. E logo, claro, xa estaba canso de ver os green men das igrexas de Betanzos. Procurei estudar se no noso gran referente, a catedral de Santiago, estaba esta figura, como así foi. Atopeina tamén en capiteis do antigo claustro de San Francisco na mesma cidade e, con todo iso, chegou un momento en que o traballo xurdiu con total naturalidade. Iso si, xa postos, doume conta de que, agora, Galicia aparece no mapa europeo do green man e espero que se continúe polo camiño aberto.
Xa sei que é especular, pero o green man sería unha peza do folclore popular medieval levado á pedra? Quero dicir, tería un espazo no imaxinario popular de aquela?
Por unha parte, as imaxes de deuses antigos do bosque estaban por todas partes e o Cristianismo sempre intentou e aínda intenta dar sentido a todo o que se atopa, integrándoo no seu particular punto de vista ecuménico, derivado de ser a relixión oficial do Imperio Romano. Pero, sen dúbida, as festas da primavera que daquela se facían tiveron tamén moito que ver no renacemento e recreación desta figura. Pensemos que aínda os maios que hoxe sobreviven son un canto á resurrección primaveral da vida, de ecos moi antigos, mesmo prehistóricos. Por iso estamos diante dunha figura tan resistente: porque está enraízada no máis fondo do noso subconsciente colectivo. E cando digo noso, refírome, como pouco, a todo o continente euroasiático e mesmo ó Norte de África.

Caro D. Manuel no fondo da ría , na igrexia de Sta Columba ,como non,tamen temos greenmans mais o que sempre me chamou a atensión que na capela onde hai os GM no arranque das nervaduras (catro) so houbese tres caras e despois de ler o seu post ,coma sempre, volvo a retomar dita atensión.
Nestas datas, Sr. Gago, ocórreseme a min, que os “green man” ben poden estar emparentados cos “maios mozo”, xa case esquecidos en Galicia, pero que, coma cada ano, veñen de sair á rua en Villafranca do Bierzo e que teñen a súa correspondencia con outros na Europa continental e nas Illas Británicas.
Sen dúbida ningunha. Xa ves que Erias tamén afirma o mesmo. Por iso lle preguntaba eu se serían unha peza do folclore popular da época (e de hoxe, vaia).
Carlos, curioso, xa me comentará. Vou ter que comezar a fixarme eu tamén nos GM.
Os green man ten un significado moito máis profundo, ten que ver co árbol da vida e a pouca distancia xenética que existe entre o mundoo vexetal e o mundo animal. Moitas veces represéntase a evolución das especies coma unha grande árbore… Por ahí vai
Cual é a igresia de santa columba que ta baixo as augas?
No fondo da ría quere dicir “ao final” da ría. É dicir, Santa Columba de Rianxo. Tranquilo, está sobre as augas e ten varios green men por alí postos. :-)
Algo que ver talvez co Khidr, o misterioso home verde da tradicion sufí? ou co home verde do millo da tradición mesoamericana?
http://es.wikipedia.org/wiki/Al-Khidr
Unha aperta.
Abdulah, descoñecía esa posible relación pero paréceme ben interesante! Grazas pola ligazón.
….ou no prinsipio…..o de debaixo das ajuas jrandioso pero tamen a podemos situar no cú da ria ;-)
Homes verdes. Pórtico da igrexa de San Nicolás (Plasencia, Cáceres) século XIII.
http://img832.imageshack.us/img832/8495/dscn4957z.jpg
Magníficos.
ando a ler estes días sobre maios, maypole, green man, Morris dancers etc… perdido na ecuación x= exceso de información x tempo pouco, onde ao despexar x obtemos o resultado> faladurías, reiteración e escaso saber contrastado; é unha condena do noso tempo (do meu tempo); entón lembrei este post, e un ruxe ruxe na memoria… eu vira algo así case todos os días da miña infancia, e volvín lembrar: as portas da igrexa de San Martiño Pinario http://www.flickr.com/photos/compostelavirtual/3347129870/
e logo… a fonte,
http://www.flickr.com/photos/error99/2315030067/
e o Pazo de Oca http://www.flickr.com/photos/xurxolobato/7354525334/
e esta versión moderna http://www.flickr.com/photos/error99/2315030067/
entón entendín que fora atacado por unha variante do mal das pías, e iso non ten cura
poidera ser, sorprendeume que neste revolver dos neopaganismos en diversas formas (que no fondo é unha expresión lánguida, chusca, irritante a veces, da extinción cruel e silenciosa do campesiñado), ata hai empresas adicadas a fabricar portas a medida co seu green man tallado; boeh
deixo aquí un link a unhas galerías de fotos para apersibidos http://www.greenmanenigma.com/gallery.html