O negativo da cidade


O chan de Figueiras

É unha sensación estraña. Estamos nos chans de Figueiras. Xógome algo a que o 95% dos habitantes de Compostela nunca se arriscaron a meterse pola pista de grava que sae xusto antes das antenas do Pedroso, pasaron ao carón do ruinoso pazo da Fontecova, propiedade dun antigo coengo da catedral, e chegaron a unha superficie montañosa, hoxe desmantelada por pistas e desterros; hoxe, ademáis, aínda se ven as pegadas dos canteiros en cada peneda do chan. Este é o chan de Figueiras. Hai un par de anos, Noel Feáns xa me falara do especial deste chan: o seu gran conxunto de mámoas e as pedras con coviñas. Os chans serráns altérnanse con penedías, brañas e matos, como en claquera das montañas galegas. Pero a paisaxe dos Chans de Figueiras cambiou considerablemente desde o Neolítico.

E todo por culpa das visións alucinatorias dun eremita.

Se algunha vez vos preguntastes de onde saiu a pedra que conforma a cidade, aquí enriba, neste paramo frío, está unha parte considerable da resposta. Estamos na cidade invertida. Os canteiros subiron aquí durante séculos para extraer, desde estes penedos, unha cidade Patrimonio da Humanidade. Non podo menos que lembrar a un vello canteiro, amigo meu, que esculpía figuras telúricas na súa xubilación. “Eu só saco o que está dentro da pedra”, dicíame el. E agora esas palabras antóllanseme unha metáfora do mundo.

David Pérez e a súa filla atravesan unha enorme toxeira ata chegar á penedía, fragmentada polos canteiros, na que estamos refuxiados do vento aterecedor segundo vai caendo o sol. Ao subir sinala uns montes próximos:

-De alí o meu avó contaba que saiu a pedra da Facultade de Medicina.

David seguiu sinalando os montes. Marcou un eucalipto seco, e de alí para abaixo unha caeira escura chea de árbores.

-E aquelo de alí contaba que era a Canteira da Catedral.

Desde o aire -aínda non tivemos tempo de achegarnos- obsérvase una canteira moi distinta ás posteriores. Unha especie de flor que parece seguir as vetas dun granito especial. A forza da tradición oral. ¿Sería posible que a memoria se remontara tantos séculos? A xente de Brins tiña a memoria dos canteiros, unha linguaxe que non era só un dialecto encriptado, senón un xeito de ver o oficio. “O meu pai”, di David, “dicía que a pedra morría cando a sacaban das canteiras”.

David escribiu á directora do programa de restauración do Pórtico da Gloria para contarlle aquela xeografía. O equipo foi con el ata a Canteira da Catedral, conservada na memoria. Levaron mostras e a súa análise parecía confirmalo: de alí, do monte de Figueiras, hoxe entre os toxos e as brañas, saíron as pedras que acabaron compoñendo o Pórtico da Gloria. Podes consultar esta reportaxe sobre a cuestión. ¿Sairía desta veta destes montes altos o sorriso de Daniel? Estaría agochado na pedra, como aseguraba o meu amigo?

Estamos no negativo da cidade!

David lévanos polos antigos carreiros, hoxe case perdidos, que atravesan o chan. “A miña avoa foi a última en saír a ombreiros”. Imaxínome a silenciosa comitiva de Brins, encabezada polo cadaleito, atravesando entre as mámoas no inverno, e os canteiros tirándose a pucha e parando os martelos, desde o alto dos penedos, agardando o final do desfile; aos mortos soterrábanos en Figueiras, baixo o val. O mundo era distinto que no Neolítico. O camiño case perdido lévanos á Laga do Ido, e a paisaxe propicia un asentamento da Idade do Bronce, coas cabras e as ovellas bebendo na Laga, e pola noitiña, cando aquelo estaba tranquilo, tamén os cervos. Pero nun estremo hai algo humilde, fermoso e ancestral: o Penedo Foco.

Esta espenuca protexida con dous muriños, cun fogar abandonado nun estremo do seu interior e un rebaixe considerable nun estremo, protexeu a xeracións de xentes. David lembra aos nenos pastores aquí gardados cando subían as vacas. E o seu avó lembra os canteiros aquí refuxiados da chuvia, ou durmindo, prendendo un pequeno fogar para quentar un pouco de caldo cun dedo de unto. Pero pola súa ubicación, nun lugar privilexiado, este pequeno refuxio que se conserva en moi bo estado debeu gardar soños de homes durante milenios. Se cadra os primeiros que levantaron os muriños eran os edificadores das mámoas que nos rodean.

Se cadra tamén tiveron soños alucinados, igual que o eremita, nos que as estrelas marcaban a dirección do futuro.

7 Comentarios

  1. candepalleiro
    31 / Xaneiro/ 2011

    Interesante pescuda na nosa historia,e todo grazas á colaboración cidadá…a sabedoría popular coma fonte histórica determinante.

  2. Pancho-lapatianco
    31 / Xaneiro/ 2011

    Fermosa entrada Manuel. Magnífica para ver de xeito global a orixe física dunha grande parte do noso patrimonio: as canteiras e minas de onde se sacaba a pedra.

    E aproveitando este importante tema, e como ando estas semanas a preparar un roteiro-xeira polas terras do Incio quería pedir a colaboracións dos lectores deste blog.

    E a cousa é que, xa que por suposto hei incluir a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital entre os lugares a visitar, estaría ben achegarse ata a canteira de onde se sacaba o sonado mármore azul do Incio. Ata agora non fun quen de atopala nin puiden saber de ninguén que me dera conta dela.

    ¿Hai por aí algunha alma caritativa que se apiade de min e llelo conte a todos neste foro? Polo menos unha aproximación.

    Graciñas Manuel pola túa amabilidade.

    Saúdos.

  3. 31 / Xaneiro/ 2011

    A ver se alguén se anima a comentarnos a localización desa canteira, tamén empregada, creo, na propia catedral de Santiago!

  4. Miguel Losada
    3 / Febreiro/ 2011

    Sinto ter visto tarde esta entrada.
    As canteiras están no pobo de Reboiro, ó norte da Cruz do Incio.
    En todo caso o mellor é falar co Manolo o Zoqueiro, xunto da igrexa polas tardes.

    Compre lembrar que San Pedro Fiz tiña unha fortificación hoxe desaparecida, e que no castro de Toladaos inda están as modorras das que a xente che conta que nelas “puñanse fortes os do castro”!?

    Por certo, supoño que tendes visto a nova sobre a canteira de Vrins e a Catedral de Compostela.

    http://www.elpais.com/articulo/Galicia/cantera/surtio/Maestro/Mateo/elpepiautgal/20110103elpgal_8/Tes?print=1

  5. Pancho-lapatianco
    3 / Febreiro/ 2011

    Graciñas Miguel:

    Acabo de falar co Señor Manolo o Zoqueiro, e ó parecer as canteiras non están lonxe da igrexa da San Pedro Fiz.

    O Castro de Toldaos haberá que ir tamén, pero quizais máis adiante. Hai moito que ver no Incio (tamén moitas minas e canteiras, incluso con restos de mamut), moitos castros (coquetos como o de Goó, ou habitados como o de Bermún), ducias de mámoas, ¡petroglifos sobre xistos e pizarras!!, singulares igrexas, e demáis patrimonio.

  6. 3 / Febreiro/ 2011

    Pancho, esa excursión ten unha pintaza. Teño a boca feita auga (ou terra).

  7. Miguel Losada
    3 / Febreiro/ 2011

    A mandare!

    Por toda a contorna hai tanto ó que atender que ponse un tarabelo se non programa ben.

    O que me pesa é non ir…

    Coidado cos cans :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *