Castromiñán: un descoñecido tesouro do patrimonio natural e histórico de Galicia

Algún castro e algún vello camiño teño andado nestes anos, como ben sabedes, ao longo e ancho do país. E moitos que me quedan. Pero hoxe vouvos falar dun lugar que me ten roubado o corazón, dun lugar dunha beleza estrema, ao que chegamos o outro día. Sei que a partir de agora, cando teña que falar de Galicia, falarei deste sitio, como exemplo da química primixenia que enxendra o imaxinario deste país: unha mestura de ensoñación, natureza, a crúa realidade e os homes. Dubidei mesmo de publicar este post, por se ao facelo se crebaba a maxia do espazo e do lugar. Pero ben sabedes que son da teoría de que o mellor xeito de protexer o patrimonio natural e histórico de Galicia é dándoo a coñecer. Moito nos machacou o descoñecemento!

Nestas semanas, coa miña teima da procura de toponimia de castelos por toda Galicia coa que vos insisto en Capítulo 0, comecei a repasar o litoral da Costa da Morte. E de súpeto, á altura do Mar de Fóra de Fisterra, nunha zona solitaria, o SIXPAC ofreceume un lugar que ata o momento descoñecía. Un monte e punta do Castelo. Abrín os ollos. Alí mesmo, diante desa punta, en 1987, producírase unha catástrofe que todos coñeceredes: os estouridos do Casón. Días antes, a cinco millas de Fisterra, as explosións no buque de bandeira panameña provocaran que mariñeiros chineses, da China interior, se tiraran ao mar sen saber nadar, de calquera xeito, e morreran desnucados nada máis caeren á auga moitos deles. Os corpos saían como monicreques da auga. 23 mortos. Por unha decisión aínda non esclarecida, os remolcadores levaron o barco ata a zona máis dura da costa fisterra. Estes cantís do Mar de Fóra, na Punta Castelo. E pode que lembredes esta imaxe:


Fotomontaxe. Solapamento de fotogramas a partir dun travelling da TVG.

E como, nunha noite de decembro, a Costa da Morte ficou presa dun pánico colectivo, e máis de 15.000 persoas de Fisterra, Camariñas, Muxía, Cee e Corcubión fuxiron de xeito desordeado escapando dunha suposta nube tóxica. Foi a noite tras estes estouridos do sodio en contacto coa auga retransmitidos en directo pola Televisión de Galicia, onde a canle autonómica se gañou ben o pan. A filmación segue a ser impresionante:

Pero eu queríame achegar ao Mar de Fóra de Fisterra para ver ese Monte do Castelo e esa Punta do Castelo. A primeira vez que o tentamos aparcamos o coche na Praia do Rostro. Era un día de temporal e subimos aos cantís. O vento e a chuvia toleounos, botounos para atrás; eran aqueles como lapotes na cara, enchoupando as pernas e meténdose entre as prendas de abrigo. Só chegamos á Punta das Pardas. Entre a negrume e a auga e o vento albisquei un promontorio no fondo, pero o mundo trala auga era como unha película estropeada de principios de século: gris e cheo de gran. Pero o vento levounos, empurrounos de volta. Rendímonos.

Volvimos alí esta semana, cunhas circunstancias ben distintas. Subimos o outeiro areoso desde a Praia do Rostro, e outravolta achegámonos primeiro á Punta das Pardas. O que vimos, señores e señoras, o que vimos marabillounos:


Fotos: Sole

Cantís, cons, rochedos, carrizos, furnas xigantes nas que funcaba o vento e nas que parecían dumir atlantes, dunas cubertas de herba que gabean montes enriba, aínda vivas. Un dos tramos máis virxes da costa galega estaba diante nosa. Mirei á fronte. Alí ao fondo, ao final da vista, estaba a Punta Castelo, e o Castelo, ou o castro, porque tamén se lle chama o CastroMiñán.

Ansiosos camiñamos nunha paisaxe desértica, de vento e sol. Os corvos percorren estas campas e bótanse contra os cantís, corvos enormes coma voitres que planean coma falcóns. Estas terras salvaxes, sen aproveitamento humano, en si mesmas un tributo á vertixe e á erosión, cheas de covas que cantan ao mar bravo as melodías do vento.

Tras un breve paseo de media hora chegamos a Castromiñán. Velaí está. Un promontorio adentrándose no mar entre cantís, con dous enormes parapetos de terra perceptibles na distancia.


A luz non nos permite apreciar ben, pero aí podedes ver o arrinque do primeiro parapeto


Nesta fotografía aérea se poden identificar algúns dos elementos da estrutura do castro

Este antigo fortín da Idade do Ferro -transición entre Ferro I e Ferro II?- é alucinante. Malia parecer esta unha terra un espazo de desolación, a fortaleza está rodeada de tres mananciais. Un deles nace ao pé da muralla. Nesta terra areosa, o manancial descende ata o mar, nun canón moi profundo, á beira do parapeto, formando o foxo natural máis alucinante que teñades visto nun castro. Unha plataforma suxire, entre a muralla e a sima do manancial, unha pequena hortiña. Ao entrares a Castromiñán, cando subes á muralla e chegas á croa, descubres como este lugar está rodeado de abismos, precipicios que se despeñan sobre o Atlántico:

Un pensa: ¿quen podería aturar vivir aquí? E chega a sorpresa. Gabeo as dúas murallas e descubro unha croa máis grande do que agardaba. E cando entro na croa, de súpeto, o vento acouga, e vai calor aquí, no alto deste monte batido polos ventos oceánicos. ¿Por que pasa? Na zona máis alta descubro unha atalaia: unha elevación posiblemente artifical de terra. Estas xentes ergueron o monte para taparse do vento, e tamén para máis cousas. O castro está agachado. Non se pode ver desde a contorna, só desde a situación inmediata de cen metros ao redor. Mesmo desde o mar non sería doado de ver. Pero desde a atalaia, se cadra, os vixías se poderían asomar sobre a liña do outeiro, e enxergar terra adentro. Non o sei. Pero na croa, maxia, auténticamente maxia, vai calor.

Sento nuns penedos, arroubado pola beleza salvaxe deste lugar. Da outra banda do castro, outro abismo debrúzase contra un fondo mariño que nin me atrevo a mirar da vertixe. E vexo algo case tolkiniano. Unha fonte de auga, un manancial cae en fervenza sobre o abismo ata o mar. Alí mesmo, diante miña. Non ten moita auga, pero brilla ao sol, voando a auga cara o fondo do mar.

Fóra da croa o vento peina a herba, que medra brava e grande sobre un leito posiblemente húmido destes mananciais de Castromiñán. O castro segue habitado, como podedes ver: os raposos corren e saltan entre os penedos, sorprendidos da presenza de xente, pero aínda algo curiosos tamén.

Entre Castromiñán e o primeiro núcleo habitado hai 700 metros practicamente inalterados. Toda esta área, abandonada, son máis de 40 hectáreas nas que temos o privilexio de conservar, case intacto, o poboado e o seu contorno. E non é un poboado calquera. Castromiñán é o noso Dún Aonghasa. Paisaxísticamente, o máis espectacular dos castros costeiros de Galicia. E posiblemente un dos mellor preservados. A combinación entre a fortificación e a marabillosa paisaxe de cantís e mar convirte a este lugar nun dos tesouros de Galicia, que moi pouca xente coñece (non nos cruzamos con ninguén nesa nunha luminosa mañá de ponte de San Xosé, para variar, e iso que hai un roteiro sinalizado). Se o combinades coa traxedia do Casón, mito, realidade, historia, memoria, todo se combina co vento e o mar. Impresionante.

Nota: Se queres visitar Castromiñán, hai un acceso máis directo desde a aldea, pero recoméndoche que fagas o camiño desde onde nós o fixemos. Aparcar no estremo sur da praia do Rostro e seguir as indicacións do Roteiro Mar de Fóra. Lembrade achegarvos á Punta das Pardas, que é o mellor sitio no que se aprecia a liña de cantís, e logo tranquilamente en dirección ao castro. É unha media hora de camiño, indo con calma, pero paga a pena. Esta é a localización da área en Capítulo 0 Mapas.

31 Comments

  1. Miguel
    24 / Marzo/ 2010

    Interesante o apunte que fai fobre as condicións climatolóxicas no interior da croa, non é o unico castro no que esto acontece; como anécdota, no castro de Formigueiros, concello de Samos, a carón da necrópole de Sta. Mariña, o interior do castro rexistra en en condicións adversas temperaturas superiores ás do exterior, amainando tamén de forma significativa o vento é a choiva.

  2. 24 / Marzo/ 2010

    Fantástico lugar, fermosa crónica.

  3. carlos
    24 / Marzo/ 2010

    Coma sempre non deixa vostede de sorprenderme.Grazas.

  4. Xabres da Teixeira
    24 / Marzo/ 2010

    Coido que vai uns anos estiven por alí. Eso sí o monte era mais grande, refirome a vexetación.
    ¡Precioso o Raposo, ou Golpe como le chaman pola zona de Viveiro!

  5. 24 / Marzo/ 2010

    Grazas!

    Miguel, este é un tema moi interesante para a Idade do Ferro: o uso das murallas alén da súa función defensiva ou simbólica, é dicir, un uso ‘climático’. Non hai moito traballado sobre esta cuestión na bibliografía, creo, pero paréceme un tema interesantísimo.

  6. Anxo
    24 / Marzo/ 2010

    Magnífico artículo.
    E coido que ven ó caso preguntar si estuveches por un sitio moi preto de ahí. Esto é o que cita Xosé Luis Laredo Verdejo na súa guía Galicia enteira adicada á Costa da Morte:” Nas costas dos montes Pión e Veladoiro descubríronse algúns monumentos megalíticos, ringleiras de pedra que soben monte arriba e forman círculos da que chegan ó cume, e unha pedrafita ou menhir, quizabes de orixe natural, de oito metros de altura” (Galica enteira-costa da morte, pax. 49). Eu non sei si esto está investigado ben pero eu non atopei ningunha cita máis de este lugar no que se refire a investigación arqueolóxica.
    Saúdos.

  7. 24 / Marzo/ 2010

    Anxo, non, non os busquei. Pero chamoume a atención que o mesmo se dicía que existía no famoso Monte Branco, en Ponteceso. Había bastante tradición oral sobre o aliñamento que remataba nun círculo na zona superior do monte. Creo que xa non queda nada. Hai pouco o Ministerio de Medio Ambiente fixo unha das súas actuacións “medioambientais” planificadas para que se “note o traballo” e machacou o cumio do monte cun mirador.

  8. 24 / Marzo/ 2010

    Magnífica e colosal reportaxe, Manolo. Como fisterrán de nación (tamén de corazón, por suposto) e como bo coñecedor (miña nai naceu nas Escaselas-Anchoa, e alí vivín eu os anos de infancia) desa paraxe máxica que é Castromiñán e todas as aldeas que están na súa contorna (Denle, Hermedesuxo, Padrís, Buxán, Rial…), non podo menos que felicitarte de maneira efusiva, emocionada. Nótase ben que viviches a experiencia intensamente, con grande sensibilidade. Como ben sabes, agás un pequeno intento na década dos anos 90, sendo alcalde de Fisterra Ernesto Ínsua, por descubrir a verdadeira historia de Castromiñán, pouco máis se fixo na recuperación arqueolóxica dese lugar. Daquela, estaba moi interesado no asunto (e en todo o que atinxe ao Val de Duio/Duium) o profesor Alonso Romero (e xa antes, nos anos 50-60, o investigador e médico local, Francisco Esmorís), aínda que a cousa quedou en “aghua de borraxo”. Porén, a túa experiencia, polo que se ve, deixou mella no teu espírito e iso, certamente, xa compensa calquera esforzo realizado. Parabéns, compañeiro, parabéns!

  9. 25 / Marzo/ 2010

    Grazas, Modesto. Certamente, e o digo sen ningún tipo de esaxeración, esa é unha das cinco ou seis paisaxes e espazos que ensinarei con orgullo deste país a quen a queira ver e teña pouco tempo. Confiemos en que nada remate con ela. Ese anaco de costa é un dos maiores tesouros da Costa da Morte.

    Si, sei o do intento de escavación a finais dos 90. O certo é que con ese castro, como con todos os lugares algo especiais da Costa da Morte, coma o Monte Penafiel, cabo do Pindo, hai o rumor de que alí puidera estar unha das famosas Aras Sestianas. Bueno, polo de agora é literatura. E non o digo no sentido pexorativo, pero no caso de Castromiñán, a miña corazonada é que a súa explicación sexa moito máis material pero, paradoxicamente, abondo máis interesante e novelesca. Pero son suposicións miñas. Lin na crónica da Voz que xusto tamén saía hoxe, que había tradición dunha torre en Castromiñán. Sabes algo diso?

    O grande da arqueoloxía en Fisterra e da Costa da Morte é que, as máis das veces, é arqueoloxía do imaxinario. Poucas veces se pode dicir iso dun territorio.

  10. Alba Nogueira
    25 / Marzo/ 2010

    Grazas Manolo, para as que desde a Toba da nosa infancia tantas veces temos disfrutado do Rostro este será un paseo que haberá que facer.

  11. Anónimo
    25 / Marzo/ 2010

    É un lugar fermoso, moi fermoso, e as fotos de Sole e as túas palabras fano aínda máis fermoso, pois son quen de transmitir o que vos sentistes, e así espertar en nos o desexo de experimenta-las mesmas sensacións. Moitas gracias por compartir verbas, imaxes, sentementos, emocións… en fin pola vosa xenerosidade.

  12. Alberte
    26 / Marzo/ 2010

    A fotografía do vento peiteando a herba é sinxelamente épica. Grazas por nos descubrires este fermosísimo lugar. Agardo antes de visitalo non chanten unha piscifactoría alí.

  13. 26 / Marzo/ 2010

    Grazas, señoras!

    Alberte, se che digo a verdade, foi o primeiro que preguntei o luns. Un compañeiro díxome que lle soaba que houbera hai anos un proxecto de piscifactoría ou similar, pero busquei documentación -preocupado- e non a atopei. En todo caso, a piscifactoría non é viable: son cantís enormes. Agora ben, un parque eólico… Agora mesmo non sei que nivel de protección ten a zona, pero eu se fose o concello de Fisterra buscaría un nivel alto de protección medioambiental (o castro xa está catalogado, así que de principio ten algo de protección legal).

    Outra cousa que aproveito para sinalar é algo que non comentei no post porque me daba carraxe amolar o texto falando sempre do mesmo, pero prefiro dicilo aquí para que non vos soliviantedes demasiado cando cheguedes alí e xa cheguedes preparados. En dous ou tres puntos do percorrido alguén botou escombro e lixo en xeral. O caso é especialmente sangrante ás portas do castro, no que tamén hai bastante botella de cristal escachada. Unha vergonza. Aquí vai un exemplo:

  14. Antón
    26 / Marzo/ 2010

    Habería que facer cartaces coa foto do teu último comentario e distribuíla pola contorna con algún texto alusivo ó caracter merdeiro dos autores da enporcallada, ou millor dándolle as grazas e prometéndolle unha recompensa, que carallo!. Non van ser menos que multinacionais e governos; o primeiro que me veu a cachola ó ve-las fotos do castro foron piscifactorias e tamén papaventos…
    Así nos vai neste país.
    Un saúdo e parabéns, Seus artigos deberan ser receita obrigada pra aprender a vivir (ben) neste recuncho, coma sempre.

  15. Anónimo
    21 / Abril/ 2010

    Case me caen as bágoas de emoción. Cantos recordos de infancia… Grazas, Manuel

  16. 21 / Abril/ 2010

    A ti por pasares por aquí!

  17. 18 / Maio/ 2010

    Que bo que haxa un “tesouro” aló!

    Alégrome de que che gustara, Norte.

  18. O Golpe
    19 / Agosto/ 2010

    Hoxe o geocaching levoume ata Castromiñan, tarde ou cedo iría igual porque toda esa zona mecere unha e mil visitas, pateando os camiños que xa están a morrer. Unha soa palabra para describir a zona: ESPECTACULAR.

  19. artabris
    19 / Agosto/ 2010

    Sobre a protección, os castros e calquera outro ben arqueolóxico teñen protección integral, e unha área de respecto de 200m ao redor, pero xa sabemos que o “ben común” impera e apoia calquera tipo de falcatruada que se lles ocorra en altas instancias… esperemos que ninguén tome nota e vaia poñer alí ningún “molinillo”, espero que impere o respecto ao noso Patrimonio por riba de todo.

  20. Pancho-lapatianco
    19 / Agosto/ 2010

    Estas últimas semanas ando que nin tempo teño a deixar comentarios.

    Pois o conto é que por alí estiven hai un par de fins de semana, durmindo na miña furgoneta campeada.

    Visita a uns bos amigos artesáns que estaban no faro de Fisterra. Subida á capela de San Guillerme e demáis cumios. Paseo pola praia do Rostro, que ainda nunca visitara (e xa lle tiña ganas dende hai unha pila de anos) e rematando no xa afamado castro da Punta do Castelo. E a verdade é que impresiona polos cantís que ten. E que fermosa estampa visto dende o lado.

    En canto ó lixo, a morea esa de madeira non a vin. Seica a deberon sacar, pero quedaban moita botella e vidro escachizado. Pero o que si estaba era unha “fermosa” bici estática que algún esforzado ciclista debeu deixar alí por “despiste”. Maxestuosa ela, alí de pe, inda que xa algo enferruxada.

    O que me chamou a atención foi que sen ser un deses “monte branco” dos que hai por esas costas tan perigosas, si que che había moita area por eses montiños arredor da praia, xa bastante lonxe dela e dunas secundarias e terciarias en lugares nos que non me tiña fixado noutros casos.

    Totalmente recomendable.

    Saúdos.

  21. magago
    20 / Agosto/ 2010

    Comentario moi rapido, xa que estou nun precario ordenador desde Pompeia (que non e nada precaria)

    Castrominhan, ou o Monte do Castelo (haberia que investigar esa doble toponimia, eu tenho unha teoria pero xa vola contarei) debera ser protexido e posto en valor como un dos espazos vrxes mais fermosos do pais.

    Grazas a todos por comaprtir as vosas experiencias do lugar!

    Sigo sen conexion ata chegar a Galicia.

  22. artabris
    22 / Agosto/ 2010

    sobre a dobre toponimia, deixo un apuntamento, Castromiñhán é o máis antigo, sinala (obviamente) a un tipo de asentamento humano:un castro, a segunda parte do topónimo Minhán, indica un posesor (home) por ser rematado en -an, orixinalmente -anus, o nome do tal podería ser Minianus, (ese -ia convértese doadamente en nh/ñ)talmente como o noso río Miño…que xa sabedes que non hai unha total concordancia no seu significado. Por certo que é un nome latinizado, e neses tempos os nomes propios eran de orixes variadas (animais, mar, pedras, nº…)ou sexa que sería: o Castro dun tal Miñán.

    Cando o castro foi abandonado uns séculos despois, dada a súa boa situación, foi aproveitado e colocaron un punto de vixiancia, así xurdiría o Monte do Castelo, topónimo que xa é claramente medieval, pero na memoria da veciñanza seguiría sendo válido o primeiro, máis tarde o castelo tamén perdería a súa utilidade, e así ambos xacementos, superpostos, serían lembrados con esta dobre toponimia, o monte dividiríase cas herdanzas cada unha collería o seu, e grazas a esta memoria colectiva chega a memoria deses dous restos diacrónicos.

    Ou sexa que castro e variantes indican un xacemento prerromano, castelo e variantes unha construción medieval de ampla cronoloxía incluíndo á romanidade tardía.

    Espero ter sido de axuda…

  23. Pancho-lapatianco
    28 / Agosto/ 2010

    E agora que teño un minutiño …

    Fin de semana (a pasada xa) polas miñas terras no norte. Desta vez no Porto de Espasante, a visitar ¿por enésima vez? o castro da Punta dos Prados, e o seu famoso “monumento tipo pedra fermosa” ó que non lle viría nada mal unha pequena limpeza das herbas que xa empezan a tapalo.

    Aquí unhas boas notas fotos e interpretacións do mesmo.

    http://pedrasformosas.blogspot.com/2007/01/planimetria.html

    E mirandoo de lado, dende o fondo da praia da vila e do porto ¡qué fermosa estampa das murallas!!. Lembrei rapidamente a Punta do Castelo, a pesar da diferente situación de ambos.

    Logo continuamos pola outra banda dese esteiro onde che hai un chamado monte da Croa. ¡E alí che estaba o outro castriño!, enfrentado ó dos Prados auga por medio.

    Pena que non puideramos rematar ca visita á igrexa de Ladrido (xa pasara a misa) para ver os curisísimos crucifixos desmontables feitos por Francisco Mendez y Neira, o famoso Cura Reloxeiro.

    http://www.fernandocler.com/cuadernos.php

    Caerá na próxima. Haberá que enterarse do horario de misas.

    Saúdos.

  24. 28 / Agosto/ 2010

    Pancho, que pintaza o do Cura Reloxeiro. Non tiña nin idea! Fica anotado.

  25. artabris
    3 / Agosto/ 2011

    volvín ler o artigo que alguén o enlazou no facebook en “eu participaría…” e vou poñer o que non me atrevín a dicir na primeira vez que o lin. Houbo na costa arteixá, un castro que me lembra moito a este, só tiña un parapeto, pero tamén había cantís, máis pequenos iso si, pero en esencia era o mesmo, tamén de inicios do Ferro, e no seu interior, na zona máis baixa as condicións climatolóxicas eran excepcionais… agora xa non está.

  26. 1 / Decembro/ 2011

    Carai, dá gusto ler ata o último dos comentarios. Manolo, este garito é unha fonte de información infinita!

  27. ivan
    12 / Decembro/ 2011

    Un artigo moi bo. Eu visitei o castro coas indicacións da guía que está no Faro de Fisterra, para min foi increible trasladarle a sensación de habitar naquel lugar. Entre os catíns puiden sentir coma sería de dura a vida nesa paraxe e a vez o perfectamente integrado que estaba na contorna. Sorprendome cada vez que visito un castro polo nivel de harmonía que existía nos primeiros pobladores.
    Sin saber nada de como se formaba puiden notar a elevacións das murallas, as portas… está perfectamente conservado.
    A dubida que me xurde e pensar que esté oculto para o gran público, quixera que todo o mundo coñecera a nosa historia. Pero por outro lado, teño medo que ese gran público sexa quen de estragar tamaño monumento, e se por tanto, será mellor que siga sendo un esquecido máis….

  28. 12 / Decembro/ 2011

    Ese sempre é o debate, Iván. Dar a coñecer lugares fermosos, ou calalos? Mira, eu téñoa resolta para min do seguinte xeito:

    O problema que temos co patrimonio cultural do noso país é que non se coñece. Porque non se coñece é porque se teñen desfeito mámoas, castros, camiños antigos…non se coñece nin se valora. Eu creo que a mellor protección que podemos dar a estes lugares é que sexan coñecidos por canta máis xente mellor. Así se frearán as tropelías que se fan sobre eles. As maiores animaladas que se teñen feito sobre o patrimonio nos últimos anos fixéronse desde o silencio.

    Só hai unha salvedade para esa norma. Cando as condicións do lugar poden ser drasticamente cambiadas pola visita masiva de persoas. Por exemplo, covas con restos prehistóricos. Neses casos, eu non falo delas no blog ou non indico o acceso. Habitualmente abonda con iso.

  29. manuel f vieites
    15 / Xullo/ 2012

    alégrame saber que sabes do sitio. eu din moitas voltas por ese lugar cando traballaba en Corcubión, alá polo ano 1981, e a verdade é que quedei abraiado pola fermosura do lugar, pero tamén pola construción, pois cerca da entrada había unha morea de pedras que semallaban restos dunha vella construción…
    hai outro sitio moi interesante en Lorbé, Oleiros, no bico da ría de Betanzos, chámase a “torrella” e hai quen di que alí hai torres, coma fachos para iluminar a entrada da ría. eu lembro todo aquilo pois son desa terra e lembro as murrallas, hoxe tapadas con toxos. En lorbe, contra o mar tamén hai unha das máis fermosas obras de enxeñaría agraria da zona, unhas terrazas magníficas que eu lembro cheas de millo, centeo, perdices e raposos…
    En fin, cousas desta terra que se perderán un día ou outro, pois en Lorbé eu xa paso a ser dos “vellos” dosque aínda saben onde está a agra de arriba ou a agra do río ou os cómaros… vellos nomes agrarios que se van.
    saúdos,
    manuel

  30. Anxo
    5 / Decembro/ 2016

    Non o conhecia mais a estas alturas como atopase. Tendo en conta que xa fica certo que a conservación do patrimonio ten bos resultados económicos ( Baroña, Trega) non sei si o concello deuse conta de tal. Outro castro marítimo nun eido abraiantate e o do concello de Cervo, onde a urbanización, que agora polo visto hay que indemnizar a constructora. Gustariame que me dixera cal e o significado de TREGA, ten que ver con tres deuses? Agradezo Sr Manuel Gago a sua información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará