Penadauga, un antigo ritual en Silleda


Fotos: Sole

Escoitara algunha vez falar da Penadauga, en Silleda [localización], pero nunca me achegara ata alí. Esta pedra está na bonita aldea do mesmo nome, como un gran bloque esgazado dunha antiga canteira que está xusto por riba. E cando chegas, sorpréndeste. Este lugar é unha clínica de cirurxía estética pero en plan natural. Quen pensa que os coidados corporais é cousa deste século, pode estudar a devoción que había aos santos remediadores das verrugas, o San Benitiño, ou esta Santa Isabel que se venera na veciña igrexa de Escuadro. A santa ten sona de terse aparecido nunha coviña que está na base desta pedra -o de vincular unha santa a esta pedra ten toda a pinta de ser un apaño dun cura un tanto escandalizado, ou se cadra a santa en realidade antes era un ser máis preocupado polo Outromundo que polo paraíso cristián-, e resulta ser unha efectiva eliminadora de verrugas e sandadora de afeccións de pel, se un se refrega ben refregado -non abonda con tocar- contra o teito da coviña. O culto desta santa clínica goza dunha saúde devota que xa quixeran para si moitas igrexas deste país. Na coviña amoréanse os exvotos, as velas -prendidas-, as flores. E o pasado 2 de xuño, a festa oficial de Santa Isabel en Escuadro, a ofrenda dun anónimo agradecido ou con gañas de agradecer tocou os 1000 euros, e as poxas realizadas na igrexa, de galiñas, acadan os 300 euros que van para o culto da santa. A igrexa, por certo, queda a uns cincocentos metros máis enriba da propia pedra.

O paciente, despois de refregarse coma un oso contra o granito, ten que dar a volta á pedra, e subir por unhas escaleiras ata o alto. Alí hai unha poza natural á que se lle debeu dar certa forma artificial, nun dos lados, para simular unha cabeza e se cadra uns ombreiros; da outra banda da poza hai bastantes cazoletas artificiais beireando a poza e unha tira recta corre por unha estrema da pedra. E se miramos desde enriba, descubrimos os toscos peldaños que subían aquí antes de existir esta escada feituca de cemento, baldosa e ferro forxado. Lembráronme eses apoios na pedra a moitas outras pedras singulares que me teño atopado no monte. Se cadra estes chanzos sexan, en moitas delas, as pegadas -nunca mellor dito- dun rito abandonado que aquí perviviu. Tamén me lembrou ao interesantísimo santuario de Panóias, en Portugal. Outro dato curioso é que a pedra non foi aparentemente cristianada. Non hai un só petróglifo cruciforme na súa superficie. Unha veciña asegurounos que un alpendre ruinoso do carón foi no seu tempo unha capela e cando todo caeu os santos esparexéronse polas casas da aldea ata desapareceren, levados en camións xitanos de tramoia.

Na poza da parte superior, o paciente ten que lavarse con esa auga encharcada e verduzca. Agora está de moda tamén botarlle moedas, pero os veciños prevén contra esa práctica. “Se queren deixar esmola, fágano na igrexa, que aquí non llas vai levar a santa”. A auga énchena os veciños, pero seica non seca nin no máis caluroso do verán, “algo de virtude terá”, di unha veciña.

Algo ten, si. Cismo nesta pedra e no que representa. Un clásico da literatura arqueolóxica de Galicia é a ausencia de datos claros sobre a relixiosidade dos nosos devanceiros castrexos. Se cadra miramos mal. Dentro de vinte anos, a capela que evidenciou o culto cristián neste lugar durante séculos xa terá desaparecido ata da fráxil memoria oral. E os arqueólogos do ano 3000 escavarán aquí e atoparán algunhas trazas do cemento que formou a escada, ou do que pavimenta a coviña, e pouco máis, algunha moeda escapada aos salteadores de ofrendas, o muriño ao redor. Só ficará esta condenada pedra, permanecendo mentres desaparecen culturas materiais pero mantendo devotos que aspiran a curarse pola vía da devoción e o raño. Se cadra pasou o mesmo aquí hai dous ou tres mil anos. Vidas intensas, arelas ao redor, das que non queda nada agás a testemuña de granito.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará