Restaurante Alborada, na Coruña: as identidades gastronómicas do Norte


Fachada do restaurante Alborada, no Paseo Marítimo da Coruña. Fotos: Sole

No restaurante Alborada [T: 981929201 / localización], na beira do paseo marítimo da Coruña tocou a Xantanza de Verán dos blogastrónomos, a Novena, organizada desta volta por Foucellas. A verdade é que coñezo ben pouco o panorama da gastronomía coruñesa que, polo que leo e vou sabendo, é rico, abundante e con diversidade de estilos. Aínda menos mal que, pouco a pouco, imos solventando as carencias. Tras un paseo por un par de clásicos do taperío coruñés, marchamos para o restaurante.

Xa era a segunda vez que xantabamos no Alborada, unha referencia ben coñecida da alta gastronomía da cidade. A primeira vez viñeramos a cear, hai tempo, con Chus e César, e a noite impedíranos ver na súa dimensión como o coidado interiorismo do local en realidade é exteriorismo. Unhas enormes cristaleiras permiten que o mar da ría coruñesa entre ata o fondo do local, establecéndose un pequeno diálogo entre o que está no plato e o mar, xa máis bravo para os que somos das Rías Baixas.

A cociña do Alborada, dirixida por Luis Veira, que será o representante do noroeste peninsular no concurso Cociñeiro do Ano despois dunha disputada primeira fase de clasificación, amosa outra liña diferente para a modernidade gastronómica en Galicia. Unha cociña moi saborosa, de sabores contundentes, que intervén no peixe e no marisco con personalidade e que evoluciona a partir de pratos tradicionais de luxo, coma o salpicón de bogavante, e cos mariscos estrela das celebracións, como a cigala, toda unha icona deste restaurante e omnipresente no menú que degustamos. Ao mesmo tempo, na cociña do Alborada sobrancea o uso das especies, dos aceites aromatizados, da presenza condimentada de oriente.

Soberbio estaba o carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis e intensa tosta (invertida) de salpicón Alborada. O papel fata envolveu unha parrillada de verduras e de seguido, o San Xoán seguía aí cunha sardiña desespiñada con queixo e foie. Entre as alcachofas de tempada con polbo, xamón e aceite de morcilla seguimos a unhas puntiñas da ría con arroz negro e alioli, se cadra o plato máis feble do menú, salgado en exceso e co arroz nun punto estraño. O seguinte foi un dos pratos máis valorados do restaurante polos clients, uns ovos rotos con cigalas, patacas e un intenso aceite de trufa, saboroso aínda que, ao meu gusto, a clara demasiado pouco feita.

O seguinte en chegar polo corredor foi un bonito de tempada con soia e caramelo de pementos, nun punto excelente e cun prebe notábel (que ben é tentar contrastar sabores coa bravura do bonito). Un leitón con po de pistacho iraní, orellóns e sal negra finalizou a parte de salgados e levounos, a través dun máis que necesario mojito cara os postres: a primavera, e unha torrija temperada con xeado de torrija.

Acompañamos o xantar cun ribeiro Antonio Montero Autor 08 (ollo, esta anada vén realmente espectacular) e un Refugallo 2006 da Ribeira Sacra, de importantes notas pizarrosas temperadas pola barrica que lle estivo á altura. Cos postres o restaurante serviunos o María Castaña, unha bebida doce feita a partir de viño e tostada con castañas que bueno. O menú degustación no restaurante Alborada está en 60 euros + IVE. E un nivel, un nivelón gastronómico.

Tras uns merecidos gintonics no restaurante, despois de tanto esforzo gastronómico, fixemos a nosa tradicional foto de Xantanzas. Aínda que, neste caso, o protagonista da imaxe é o mar. O que cada un de nós sinala nel só o sabe cada un.

Outras visións: Gourmet de Provincias

5 Comments

  1. 6 / Xullo/ 2009

    Alaaa, todos de “cu”…jejejeje

  2. Anónimo
    25 / Abril/ 2011

    me pareció un restaurante carisimo para no comer nada pues los platos son de muestra, salí de alli como timada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará