Lobeira: o cromlech que saiu do lume

Last updated on 26 / Xaneiro/ 2009


O círculo lítico de Lobeira atópase nun penichán do monte. Fotos: Sole

Murguía falou del na súa Historia de Galicia. E eu aínda escoitei a un par de luminarias dicir que o vello era demasiado entusiasta, e a algún outro falar de que os círculos líticos, os famosos cromlechs tan habituais noutras áreas do megalitismo atlántico, aquí non existían ou eran construcións de pastores. Co abandono dos montes neste século, o monte Lobeira, situado entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa, cubriuse cun espeso mato de piñeiro repoboado e matogueira e o aviso de Murguía non puido ser comprobado. Ata hai dous anos. Un cromlech, creo que o único que nos queda en Galicia, volveu aparecer tras un incendio no 2006 e revelou que Murguía, que desta volta falaba de oídas, tiña cando menos parte de razón. Hoxe, os comuneiros de András talaron a área e queren recuperar este espazo tan especial e singular.

Eu andivera algo por ese monte, pero as nosas angueiras adolescentes pasaban por descubrirmos o famoso túnel do castelo de Lobeira que os paisanos xuraban e perxuraban que viran e camiñaran; colabámonos entre os penedos na procura de misteriosas covas, con pouca fortuna. Por diante do crómlech pararamos máis dunha vez. De aquela era imposible velo se non o buscabas: un escuro, sombrizo bosque espeso pechaba o espazo, e os fentos medraban coma homes. Sabía que Murguía falara dos aliñamentos de Lobeira, pero os buscabamos noutro penichán do norte do monte. Aquí, ao sur, atoparamos unha destas mámoas, pero nada máis. Lembro que me gustaba moito aquel lugar, se cadra polo seu transo solitario, pola súa escuridade tolkiniana, pero non sabía que nel había algo único.


A sobrecor dixital amosa a regularidade da disposición dos esteos ao longo do “valo” na cara sur.


A sobrecor permite apreciar o trazado definido do muro de separación na cara norte do recinto.


Unha curiosa pedra do lado oeste (fronte a mámoa).

Xusto na beira dun penichán, antes de que o monte caia cara András, atopas tres monumentos megalíticos aliñados no eixo Leste-Oeste. Dúas mámoas, violadas e, por tras delas, un círculo lítico de 18 metros. Tras a súa historia de tempo, repoboacións, incendios e talas, eu pensaba que ía estar aínda en peor estado do que o vin. Hoxe zoaba un vento xélido e unha chuvia incómoda, pero emocioneime ao velo. Porque esta misteriosa construción tiña unha lóxica e un deseño construtivo complexo e estético aínda recoñecíbel tras milenios.

O círculo atópase a un metro e medio dunha gran mámoa. Desde o alto dela, estudamos de primeiras o cromlech. Na súa cara sur, a estrutura seguía un patrón. Uns pequenos esteos sucedíanse, cada metro e pouco, con regularidade. O espazo intermedio entre eles estaba cuberto por un mínimo valo de medio metro de ancho. Pero había máis. Os esteos están colocados para que, salvando a súa superficie irregular, unha cara plana estivera disposta cara o exterior do círculo, nun curioso efecto estético e quen sabe que máis. Algúns deles tiñan caras planas por casualidade, pero outros foran claramente extraídos para obtela e mesmo no caso que podedes ver na foto de enriba podemos atopar exemplos de traballo da pedra máis chamativos. E, na cara Oeste, a do poñente, a veciña da mámoa, unha acumulación de pedras de maior tamaño que rompen a regularidade do resto do círculo neste punto concreto. É marabilloso: non entendemos o seu uso, pero comprendemos en certo xeito como crearon este espazo. Observo o pico de Lobeira, dunha banda do aliñamento (aínda que non en posición cos tres monumentos megalíticos), e da outra a antiga illa do Grove.

Lobeira non é Stonehenge, pero poderíanos contar moitísimas cousas do noso pasado. É un lugar único no seu xénero. O gran problema hoxe, unha vez taladas as árbores, é a súa enorme fraxilidade. Eu non sei como chegou tan ben ata nós, pero podería desaparecer en pouco a nada que algúns castróns se poñan a andar por el en quad ou similar.

Débolle a Bea Comendador as indicacións para chegar ata aquí. Grazas! E aquí está a localización en Capítulo 0 Mapas.

15 Comments

  1. 26 / Xaneiro/ 2009

    Semella ser un monte de sorpresas o monte Lobeira.

  2. 26 / Xaneiro/ 2009

    Si, si. Outro día falarei do castelo, que ten tamén unha historia moi interesante.

  3. Moncho
    26 / Xaneiro/ 2009

    Interesantísimo re-descubrimento. Como dis, debe ser o único que queda en Galicia, porque o que hanía nas Pontes penso que desapareceu… non?
    E non menos interesante a noticia do castelo. Dá a sensación que, ó longo da entrada a Santiago dende a Ría de Arousa, houbera unha serie de construccións de vixiancia espalladas ós dous lados do “camiño”. Das que eu teño constancia son: esta do monte Lobeira; a do “Castro” de Quintáns en Isorna (Rianxo); as propias Torres de Oeste en Catoira; en Padrón, o Castelo Redondo; nos montes de Oleirón (Brión), no lugar do Coto do Castelo e outra xusto enfronte, no monte da aldea de Angueira de Suso, onde quedan os restos dunha pequena torreta de vixilancia.

    Cantas máis haberá…?!

  4. 26 / Xaneiro/ 2009

    sabía desto pola prensa, do tunel que falas e que moita xente di ter usado, pode que se refiran a unha mina de auga que habia na aba do monte, entrei unha vez nela, pero non parecía moi segura, e logo do tempo por máis que tentei topala non din con ela, podense topar outras curiosidades neste monte, por exemplo, nunha das pedras podese ver unha especie de xogo mediaval parecido o pai fillo nai, e (polo menos a derradeira vez que subin alí) cuberto de silvas, un portico de entrada, que polo que lein era do antiguo castelo…so mesmo xeito paseando por Vilagarcía podes ver restos do dito castelo, sin ires máis lonxe no Villa Aurora. Ei voltar un día por alí. Saúdos e apertas

  5. 26 / Xaneiro/ 2009

    Do túnel de Lobeira, a arqueóloga Bea Comendador realiza un bo traballo que se pode ler aquí:

    http://apedradoencanto.blogspot.com/2009/01/do-tunel-de-lobeira-e-outras-lendas.html

    An, a que pórtico te refires? Onde se atopaba? Son esas fiadas de pedra que están á entrada?

    Moncho, o certo é que se sabe moi pouco do funcionamento dese sistema fortificado de vixilancia e alertas, pero aí está. ¿Poderías dicirme como chegar ao Castelo Redondo e á torreta da Angueira de Suso? Nunca estiven nesas dúas.

  6. 26 / Xaneiro/ 2009

    E, por certo, falo de que pode ser o único cromlech de Galicia, pero quería facer notar outro recinto impresionante ubicado no Valadouro: o Prado das Chantas. Está ubicado nas proximidades dunha necrópole e a arqueoloxía descartouno como monumento megalítico, dicindo que se trata dun recinto medieval. Eu non son arqueólogo e, polo tanto, teño que quedar calado, neste caso. Pero o Prado das Chantas está aí. Aquí unhas fotos:

    http://www.blogoteca.com/mrpatrimonio/index.php?cod=41511

  7. 26 / Xaneiro/ 2009

    Alucinante descubrimento!!!

  8. minhato
    26 / Xaneiro/ 2009

    Curiosamente, hai uns dias lin na Voz de Galicia , e agardaba o momento para facer unha excursión. Na miña infancia tamén pasei por alí algunha tarde percorrendo todas as covas que forman os bolos de granito.

  9. Moncho
    26 / Xaneiro/ 2009

    Para chegar ós dous lugares hai que subir por pistas forestais, dende o monte Meda, en Padrón, ou dende a Excravitude. Eu atopei as referencias no catálogo arqueolóxico do Concello de Padrón que atopas na páxina web de planeamento urbanístico do Colexio de Arquitectos de Galicia, pero as fichas non se ven nada ben…
    Mándoche un e-mail con elas.

  10. 27 / Xaneiro/ 2009

    magago, a derradeira vez que o vin foi por que cain nunha silveira o pouco de subir uns cantos chanzos, e daquela mantiña un anaco de duas paredes e un arco…pero fai unha morea de anos que non subo a Lobeira…xa non sei como estará aquelo, pode ser que sexa o que ti dis. Saúdos e apertas.

  11. 29 / Abril/ 2009

    “Toda una vida por una leyenda:

    Un hombre empleó todo el dinero de su familia en buscar el túnel de Lobeira.”

    Un artigo máxico do Faro sobre o túnel de Lobeira

    “Secundino Castro dejó Vilagarcía y el mundo hace casi un siglo, en el año 1919. Su historia, como la de cualquier otro, transcurrió entre el trabajo y la familia, pero este hombre tuvo una obsesión que le acompañó durante sus últimos años y casi se ha convertido en leyenda familiar. Este vilagarciano, natural del barrio de San Roque, fue propietario del Pequeño Bar, establecimiento que después cambió de manos por razones ajenas al propio Secundino Castro.
    Pero buena parte del dinero que ganaba gracias a su afamado restaurante no se quedó en su familia, sino que se escapó detrás de un sueño, o al menos de lo que entonces todos le decían que era onírico. Castro estaba prácticamente obsesionado por el tesoro de Doña Urraca, que la leyenda daba por enterrado en un túnel que unía su castillo en Lobeira con el mar. Tan claro era el mito que incluso se contaba que cuando la reina estaba sitiada, lanzaba pescado fresco al Ejército que la cercaba, para mostrarles su conexión con el exterior.”

    Qué imaxe! Dona Urraca arremangándose as saias para tirar un peixe fresco ó enimigo.

    http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009042900_22_321633__Vigo-Toda-vida-leyenda

  12. 30 / Abril/ 2009

    Que pasada a historia deste señor! Mañá súboa a portada. Moitísimas grazas!

  13. Pancho-lapatianco
    23 / Xullo/ 2010

    Andivemos polo Barbanza a pasada fin de semana (praia de Baroña sobre todo, que había que aproveitar o solazo), e ó fin non deu tempo a subir a velo. Agardaremos a outra volta por alí.

    Pero buscando un pouquichiño, atopei esto na Pedra do Encanto. Vexo que xa deixaches un comentario. Estaremos ó tanto.

    Seguro que lle vai interesar a moitos lectores do teu blog.

    http://apedradoencanto.blogspot.com/2010/06/el-circulo-litico-del-monte-lobeira.html

    Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará