Alucinante: unha sauna castrexa subterránea no ameazado castro da Atalaia (Cervo)

Aos que vos interesa a arqueoloxía, coñeceredes o dramático caso do castro da Atalaia de Cervo (Lugo). En pleno boom urbanístico na Mariña lucense, o concello concedeu unha licenza de urbanización ¡por riba do castro! que afectou dramaticamente ao xacemento. Un grupo de veciños está a mobilizarse desde entón para impedir a destrución do castro.

Pois ben, hoxe pola tarde, Mariña Patrimonio, a entidade que os agrupa, remitiu un sorprendente comunicado na súa lista de correo. Localizaran os exemplares de El Progreso de 1974 onde se daba conta dun importante achado arqueolóxico ubicado nas proximidades do castro e cuxa memoria se mantiña entre os veciños. O xornalista de El Progreso non sabía explicar que era aquelo que visitaban os políticos -pensábase que era algo fenicio-, pero as fotos que vedes arriba son abondo explícitas para saber que é o que hai aí: a sauna castrexa mellor conservada do país. Seica segue alí, soterrada, na Finca de Dorita. Reproduzo fragmentos do comunicado:

En xullo de 1974 no transcurso dunhas obras na Atalaia de San Cibrao nunha horta da chamada “a casa de Dorita “, descubriuse un edificio soterrado na area. Debido á importancia do achádego, a Dirección General de Bellas Artes paralizou as obras e realizou unhas escavacións arqueolóxicas., crese que baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. As escavacións foron visitadas polo Presidente da Deputación Provincial de Lugo o día 20 de xullo.

O diario El Progreso fíxose eco desta noticia, segundo comprobamos,nas publicacións do 12, 13, 17 e 21 de xullo dese ano; porén, e a pesar da intensa búsqueda, non conseguimos ningún informe das escavacións.

Como é ben sabido, hai algo máis dun ano que os veciños de San Cibrao, especialmente os da Atalaia, veñen traballando para que o castro da Atalaia, vítima da cobiza construtora e da desidia dos que gobernan, non desapareza. Durante este tempo escoitamos con verdadeiro interese o relato dos recordos que os veciños gardan sobre o edificio da horta de Dorita: a súa localización, a súa forma rectangular, as escaleiras de acceso, os bancos corridos nunha das súas salas, unha especie de ventá, a cuberta de falsa bóveda sobre a que descansa unha laxe de granito de grandes dimensións, a existencia de túneles…Todos aseguran que o edificio foi novamente tapado e que aínda se conserva.

Estes datos achegámosllos a varios arqueólogos para que nos explicasen que podía ser esta construción. A resposta foi clara: estabamos describindo un tipo de construción castrexa coñecida como monumento con forno tamén denominada pedra formosa, sauna castrexa ou balneario castrexo.

Os monumentos con forno aparecen en moi poucos castros, trátase dunha construción de carácter monumental que teñen un forno e cumpren a función de sauna- balneario. Estas saunas seguen todas o mesmo modelo de ubicación e de construción: sitúanse nunha zona de acceso ao castro, ademais están semienterradas e contan cunha escaleira para acceder ás salas; son de planta rectangular, teñen varias estancias ( vestíbulo, antecámara, cámara e forno). Unha das salas ten bancos corridos e están cubertas por unha falsa bóveda. A suposta ventá, da que falan os veciños, podería ser o oco que comunicaba a cámara co forno e os túneles servían para a condución da auga.

As fotos publicadas por El Progreso nas datas que indicabamos arriba, confirmáronnos a veracidade dos datos aportados polos veciños: vense as escaleiras de acceso, a falsa bóveda, a enorme laxe sobre a bóveda e a “ventá” ( ou a posible unión entre a cámara e o forno), da que o periodista comenta:

“ En el interior de la cueva- puede verse en las fotografías de Sergio- aparece una especie de horno formado por dos columnas y un dintel”.

Todo isto indícanos que, posiblemente, no castro da Atalaia teñamos un monumento con forno, sería o terceiro de Galiza. No noroeste da Península Ibérica, no territorio que ocupou a cultura castrexa (Portugal, Asturias e Galiza), na actualidade coñecemos 16 balnearios castrexos. Co do castro da Atalaia sumarían 17, coa particularidade de que este sería o mellor conservado e o único que mantería a falsa bóveda. De confirmárense as nosas teorías, para o que cumpriría escavar e estudar outra vez o edificio, estariamos ante unha sauna castrexa practicamente intacta, o que suporía unha das descobertas máis importantes do mundo castrexo dos últimos anos.

Parabéns a Mariña Patrimonio pola investigación. ¿Axudará esta redescuberta a deter as agresións a ese xacemento?
Neste grupo de Picasa pódense ver todas as fotos dese número de El Progreso.


Ubicación do Forno ou sauna castrexa. Escaneados e este gráfico: Mariña Patrimonio

18 Comentarios

  1. 25 / Outubro/ 2008

    Vale, xa sei que a cousa é seria, pero… dixo vostede sauna??

  2. 25 / Outubro/ 2008

    Sauna, sauna. Eses edificios son fascinantes, porque non se ten nin idea da súa función real, pero si que aí te metías a sudar. Os rituais, polo de agora, poden poñelos imaxinacións como a súa… :-)

  3. 26 / Outubro/ 2008

    :D

  4. buli
    26 / Outubro/ 2008

    Efectivamente, sauna. Eu particularmente visitei varias ,em briteiros e mesmo o de navia. Nom é certo que seria a única com cúpula: em santa marinha De Aguas santas, perto de alhariz, conserva-se um formno em fantasticas condiçoes que conserva integra a falsa boveda pro aproximaçom de fileiras. Cada vez estou mais convencido da funcionalidade religiosa destes fornos, o que confirmaria umha tradiçom celtica ou protoceltica, no que a água cumpriria umha funçom de fronteira entre o vivo e o morto e portanto de renovaçom e renascença, embora a distribuçom parece seguir uma factura romana. também a construcçom dos restos que conservamos, som de época romana o que nom desbota edificios anteriores com materiais perecedeiros.

  5. 26 / Outubro/ 2008

    Si, eu non descartaría que existiran uns cantos máis, coma a recentemente atopado de Borneiro. A súa ubicación (fóra do recinto do castro) puido despistar en moitas ocasións. Mágoa que, por agora, non se teñan atopado materiais arqueolóxicos de relevancia no seu interior ou proximidades que aclaren algo máis o seu uso.

  6. lapatianco
    27 / Outubro/ 2008

    Pois si, Cesare, saunas. No argot arqueolóxico, e vencellado á cultura castrexa: “monumento tipo “pedra fermosa”. O que non se sabe certamente é se estas existían antes da romanización, ou se estas son evolución dunha tradición anterior.
    Algunhas son máis impresionantes (no sur de Galicia, como a cripta do Forno da Santa, en Santa Mariña das Augas Santa – Allariz; e o norte de Portugal, como Briteiros e San Fins: as chamadas “pedras fermosas”) que outras (as do norte de Galicia, como a de Espasante – Ortigueira, ou a da noticia, ou o que menciona Gago de Borneiro). Polo menos do que nos chegou ata hoxe a nós.
    Tiñan o seu caldarium, piscina para o tepidarium, etc.. , o que deixa ver a influencia romana.
    Esto sería o básico para explicar. O demáis deixámolo para mentes fantasiosas de entelequias “celtistas” de Susos de Toro, bulis e demáis.

  7. lapatianco
    29 / Outubro/ 2008

    Perdoa Magago: falas dun achadego, no castro de Borneiro, dunha extructura semellante. ¿Seguro que estás falando de Borneiro?. Non sabía que houbera excavacións recentes neste, inda que hai xa algúns meses que non vou por alí. ¿Non estarás falando do Neixón, no que estuveches no verán?. … Pregunto, non afirmo. E se é así ¿onde atopaches a información?. Graciñas.

  8. 29 / Outubro/ 2008

    Por certo, levo un par de meses con gañas de ir a ver esa construción dese interesante novo barrio de Borneiro que están a abrir. Agora xa teño unha boa excusa.

  9. lughaid
    30 / Outubro/ 2008

    para lapatianco:
    Pois, sen andar recurrindo a “entelequias celtistas de Susos de Toro” informo que alguns dos monumentos con forno de “influencia romana” informo que hai datacións de carbono 14 dalgúns que apuntan a época prerromana, nada menos que o S. IV a.C.

    “La continuidad de las excavaciones ha propiciado el descubrimiento en otros castros de nuevos edificios, excavados con criterios actuales, y así corregir aquella interpretación al reconocer en su estructura evidencias suficientes para atestiguar su uso balneario, cuya antigüedad se remonta, en el caso de las saunas castreñas del valle del Navia hasta el siglo IV a.C.”

    http://www.lne.es/secciones/noticia.jsp?pRef=1889_46_599609__Sociedad-y-Cultura-castro-origen-prerromano

    El resultado de la última prueba sirve para rebatir las teorías que imperaban en los arqueólogos que desechaban cualquier posibilidad de que el castro de Coaña hubiese sido fundado antes de la llegada de los romanos. Las muestras fueron recuperadas en la cabecera con forma de ábside de una de las saunas de tipología más antigua. Tras los análisis mediante carbono 14, se ha confirmado que fueron ocupados y construidos ente el 740 y el 380 antes de Cristo.

  10. 31 / Outubro/ 2008

    A semana que vén publicaremos en culturagalega.org no que este experto que cita lughaid abonda nese feito. Son anteriores á influencia romana, sen dúbida (tampouco sería nada raro, a sauna é un elemento habitual en moitas sociedades desde vello).

  11. lughaid
    31 / Outubro/ 2008

    “Recientemente, Villa avanza un paso más en la tesis defendida por Almagro y Álvarez, al sostener abiertamente la cronología prerromana de los ejemplos asturianos. Señala este autor que la reexcavación arqueológica de los dos baños de Pendia y los trabajos llevados a cabo en torno al de Chao Samartin han permitido obtener datos que demuestran arqueológicamente el origen prerromano de estos edificios, que podrían remontarse nada menos que al siglo IV a.C.”
    En fin, “entelequias” das que di o sr. lapatianco.

  12. lapatianco
    31 / Outubro/ 2008

    Non se me debeu entender ben.
    Non dubido que houbera saunas castrexas anteriores á romanización, pois os arqueólogo non o desbotan, pero ate agora non hai evidencias, e a iso é ó que hai que remitirse. Cando aparezan novos achádegos cambiará a cousa.
    E nas datacións do carbono 14 hai que ter en conta que sempre temos un arco de posible erro de 100-200 mínimo. ¡¡¡E un erro de 100 – 200 anos sonche moitos anos dentro da cultura castrexa!!. Hai outros sistemas de datación máis precisos, pero excesivamente caros, e os arqueólogos non poden acceder á súa financiación pública.
    Pero non poño en dúbida todo iso.
    O que si poño en dúbida é asignar todo iso ós “celtas”. Semella que aquí todo o anterior ós romanos é “celta”. Se, como dicia noutra entrada hoxe, mesmo hai xente que fala dos petroglifos do bronce como simbolos “celtas”!!!. E iso é do que falo cando digo “entelequias celtistas”.
    Pasa como as meigas: “habelos hóuboos”, pero de aí a que todo sexa “celta” vai un cacho. E os castros son da cultura “castrexa”, propia do noroeste penínsular (non só galego), que tivo relacións con moitas outras da península, do Atlántico e do Mediterraneo. Falar deles só como “castros celtas” é un reduccionismo moi ignorante.
    Por outra banda, e noutros eidos, Suso De Toro é un autor que gosto moito de ler. E comparto moitas das súas opinións. Outras non. Para que non haxa malos entendidos.

  13. lapatianco
    31 / Outubro/ 2008

    E se aparecen novos datos que confirman a existencia das saunas con anterioridade á romanizacións: benvidas sexan. Axudará a interpretar o noso pasado.
    Saúdos.

  14. lughaid
    31 / Outubro/ 2008

    Un saúdo lapatianco
    sí que é verdade que hai unha considerable marxe de erro no tema das datacións habitualmente.
    Efectivamente entendín mal a mensaxe do outro día porque me saltei a frase que pon “O que non se sabe certamente é se estas existían antes da romanización, ou se estas son evolución dunha tradición anterior.”, así que mil desculpas ; D.

    O tema poderíase centrar tamén en considerar se as saunas poden ser propias dos povos indíxenas da península, pois así o parece confirmar a existencia tamén de saunas celtíberas (La Ulaca). Non me disgosta a opinión de Martín Almagro Gorbea ó respecto, o cal considero unha autoridade na materia. Hai bos arqueólogos e bos historiadores tanto do lado “celtista” como do “anticeltista”, o que aquí interesa é máis ben a calidade dos argumentos e a calidade da investigación. Reduccionistas hainos tamén, pero nos dous lados. O tema da adscripción étnica dos povos do noroeste está sen resolver en mil frentes, dende o tema da familia lingüística do lusitano, pasando polas áreas de influencia atlántica e do sudoeste, etc. e creo que é tan reduccionista categorizar como “non celta” que como “celta” mentres non se maticen moitas cousas que están sen pulir.

    Obviamente fose como fose, as saunas que chegaran ó S. II teñen que ter características romanas por forza.

    Por outro lado, entereime de que o señor Emilio Ramil daba unha charla onte en San Cibrao para falar da cultura castrexa, convocado seica que pola asociación Mariña Patrimonio. Eso si que me parece importante: que a xente da zona saiba a importancia do noso patrimonio. (Pena que me pillou lonxe). Non saberedes alguén por ahí que tal estivo o tema, non?

  15. lapatianco
    31 / Outubro/ 2008

    Desculpade se tamén algún comentario meu levou a engano a alguén.

    Por suposto que hai posturas “celtistas” e “anticeltistas”. Pero a prioridade coido que é fuxir dos dogmatismos de calquera clase. E o dogma “vox populi”, e por tradición decimonónica, é a do celtismo. E iso é o que penso hai que modificar por inexacto. Nin se pode dicir que todos foran celtas, nin que non houbera influencia algunha. Haberá que seguir buscando para saber onde está o lugar intermedio. E iso vai levar moito tempo, se algunha vez o chegamos saber.

    Graciñas, lughaid, polas túas notas, datos que achegas e puntualizacións. E si: é unha pena terse perdido a charliña esa de Emilio Ramil. Éche unha lata esto de non ter o don da ubicuidade que tanto nos gustaría a moitos. Quén puidera ¿non si?.

    Saúdos a todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *