A esforzada vida das patifas

Last updated on 1 / Xullo/ 2007

No primeiro número de Pazos de Galicia, unha nova revista promovida pola asociación hosteleira do mesmo nome, Susana F. Vale entrevista a Carmen Llerena, unha das últimas patifas. As patifas eran un grupo de esforzadas mulleres, de gran pobreza, moitas veces viúvas cunha chea de fillos por manter, que mercaban peixe en Pontecesures, ao carón de Padrón e despois repartíano polas parroquias da comarca: Boqueixón, Lestedo, A Estrada ou Vedra. Basicamente, vendían peixe azul: xurelos, xardiñas, xoubas, que era o que mellor aturaba a prolongada exposición.

Na posguerra, cos mortos do conflito, chegaron a ser unhas 40 ou 50 botadas ao camiño (agora entendo esa frase arousá); a venda moitas veces consumábase en especie porque os seus clientes non dispuñan de diñeiro: así caían patacas, ovos, o que fora. Cargaban no burriño dúas cestas: nunha delas levaban ás sardiñas, na outra aos bebés. Siluetas de negro, polos camiños, cunha cesta de xurelos tapada, levada na cabeza co novelo. Trala guerra, ese camiño silandeiro entre as aldeas facíase entre os mortos deborcados nas cunetas. Así, ducias e ducias de quilómetros diarios, para sacar adiante aos fillos, nun cruce entre negocio e esmola. Impactoume moitísimo esta fotografía:

patifa.jpg

Eran as festas do patrón dunha parroquia e os homes da aldea convidárona a bailar con eles. Na foto non se ve moi ben, pero esa estampa atravesa con forza ata nós. A viúva, de negro, bailando muiñeiras mentres fai equilibrios coa súa cesta de xurelos, que non quere deixar no chan por nada. Nin na festa deixa de estar en garda. Ao ler a reportaxe de Susana Vale, lembrei que as patifas non eran só exclusivas da comarca compostelá.

Chegoume un recordo á cabeza. Na casa da miña avoa, en Palmeira. Unha muller que sempre viña á tardiña con xurelos. A miña avoa mercaba o peixe pola mañá na vella praza da vila ou a un peixeiro que chegaba coa súa furgoneta chifrona. Pero a aquela muller, con aspecto de pobreza, tamén sempre lle mercaba unha bolsiña de sardiñas da ría, mentres falaba un cacho. Eu, na miña inocencia de neno, pensaba de aquela que era a muller dun mariñeiro que pescaba o mellor peixe do mundo, e que era iso o que xustificaba que a miña avoa mercara, por terceira vez no día, peixe. Agora, tras ler a reportaxe, sei que non, que tiña que ver con outro tipo de querencias, sentimentos e lazos de solidariedade. E na miña memoria da infancia fíxose unha pequena xustiza.

2 Comments

  1. Mila
    9 / Decembro/ 2008

    Por algún extraño motivo (quizá por haber estado este fin de semana en Pontecesures) he llegado a este blog tras teclear en google Patifas. Os dire que la mujer de la foto es mi abuela Carmen, más conocida por A Pastora. Realmente me impresiona a la vez que me llena de orgullo que una vida tan dura como la que ha tenido ella pueda provocar emociones en personas ajenas a la familia. Desde aquí y aunque haya pasado tiempo, os agradezco que mujeres como ella no caigan en el olvido.

  2. 9 / Decembro/ 2008

    Mila, un pracer que pasaras por aquí. A vida das patifas impresionoume moito. Son un paradigma do saír para diante, do tirar da familia como sexa. Unhas pequenas heroínas diarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará