
Her é unha película turbadora. Sen dúbida inspirada no asistente de voz Siri do iOS, representa unha magnífica idea de ciencia-ficción, ubicada nun futuro non moi distante e, polo tanto, moi recoñecible para o espectador (se iso a fai máis ou menos cómoda xa é cousa de cada quen). Máis alá do abuso da estética hipster que ao meu ver ten todo o filme, é interesante o que se pode entrever do desenvolvemento tecnolóxico do Sistema Operativo. En primeiro lugar, parte da idea da fiabilidade absoluta do recoñecemento de voz, cousa que hoxendía é máis que unha utopía. Todos coñecemos a frustración que significa tentar falar con Siri, sobre todo cando se cruzan polo medio ese universo minoritario de topónimos, nomes e conceptos que é Galicia. Transformarase a informática o día no que o recoñecemento de voz das máquinas sexa fiable? Abandonaremos realmente outro tipo de interfaces, coma os teclados ou os ratos, pola voz? É unha pregunta ben interesante, sobre todo polas súas consecuencias: a nosa forma de comunicarnos coa máquina, ou de empregar a máquina para comunicarnos con outra persoa, é notablemente distinta á maneira que temos de expresarnos por voz.
A transmisión de ideas por audio, por exemplo, é notablemente máis lenta que a comunicación visual das mesmas. No caso de que se prevera un sistema operativo executable e manipulable unicamente por comandos de voz, a propia noción de comando debera desaparecer, pero posiblemente tamén a noción de dictado literal, etc. É dicir, eliminar outras interfaces require do sistema operativo un maior número de habilidades preditivas e unha capacidade moito maior de interpretación do contorno no que se produce a mensaxe do humano que se comunica con el.
O curiosísimo sistema operativo imaxinado en Her, xa que logo, está moitísimo máis por diante do futuro factible a nivel visual que nos presenta a película. É unha película como construída en dous tempos simultáneos. Se a película nos sitúa ao mellor nun tempo duns 25 anos para diante da nosa propia época, Her (chamémoslle Her ao sistema operativo) en realidade está máis alá dese tempo. Para que Her exista, debemos chegar a unha nova dimensión, cualitativamente distinta, de intelixencia artificial. Se ben Her ten aspectos técnicos máis ou menos recoñecibles como propios dos sistemas máis avanzados (o uso da nube, a interoperabilidade), vai moito máis alá do que podemos conseguir no presente.

Be First to Comment