Hoxe, o Consello da Cultura Galega acaba de presentar na Fundación Luís Seoane da Coruña unha interesante proposta na que levamos traballando varios meses: o Epistolario dixital de Luís Seoane. Seoane é unha das grandes figuras da nosa cultura contemporánea, unha ponte entre as artes e entre as dúas Galicias, a de aquén e a de alén, entre a cultura latinoamericana e a galega. O que hoxe publicamos son 1600 cartas remitidas ou recibidas por el. En total, hai unhas 3000 que iremos publicando gradualmente.
O Epistolario dixital comeza coas cartas mantidas coa intelectualidade arxentina e latinoamericana do momento -no que o mundo xudeu, por exemplo, xoga un papel moi importante-, e coa xeración Galaxia. Nos vindeiros meses virán tamén a correspondencia co grupo coruñés -Sargadelos, Díaz Pardo- e cos outros amigos do exilio, tanto galegos como españois. Pero non se trata unicamente dun volcado dixital desa documentación, senón que o proxecto vai máis alá: propón un método de explorar un tipo de documento moi particular como é a correspondencia. A retórica das cartas está construída de xeito moi particular: ten linguaxes ás veces formais e ás veces informais, ás veces son precisas como documentos administrativos e outras son elusivas, alusivas, entreliñais. O que fixemos foi transformar ese novelo de cartas nunha malla hipertextual a través dunha forte edición que asigna numerosos metadatos a cada carta e permite navegar neste universo a través de temáticas, ou persoas aludidas, percorrendo o século XX a través destas conversas privadas entre os grandes persoeiros da nosa cultura.
As seguintes edicións tocarán figuras como Silvio Santiago ou Paz Andrade. Este universo de metadatos conectará a Seoane con Silvio Santiago e a este con Paz Andrade, e a Castelao con todos eles, por exemplo. Desta volta, un obxecto de comunicación puramente secuencial do século XX se completará coas potencialidades das bases de datos do século XXI. Creo que quedou unha ferramenta útil para explorar o pensamento, as percepcións e accións de todas estas figuras. Este foi un traballo complexo: baixo a dirección de Ramón Villares, traballaron Fernando Devoto desde Bos Aires, os historiadores Emilia García e Gustavo Hervella. Na transcrición e revisión traballaron Begoña Tajes, Silverio Cerradelo Gómez, Olalla Márquez Losada, Isaac Lourido Hermida e Xosé Pablo Vázquez Mato. E no desenvolvemento web quero felicitar especialmente aos meus compañeiros Miguel Alonso e Kike Benlloch, que levaron boa parte do desenvolvemento durante a miña baixa da pata crebada.

Be First to Comment