Descubrir o Condado: á sombra dos penedos da Picaraña no PRG 120


Fotos: Sole

Hai poucas sensacións tan fermosas coma esta: é a primavera, e os fentos están enormes, verdes, bébedos de clorofila, e o sol da primeira mañá escorrega pola ladeira, escorrega polos fieitos e entre as árbores, como aquí. Estamos no PRG120, o Roteiro dos Penedos da Picaraña, na parroquia de Arcos (Ponteareas). O roteiro percorre unha inmensidade forestal, pero faino centrándose nesa marabilla natural que son os batolitos graníticos que ateigan os montes do occidente galaico.

A través de sete quilómetros de doado percorrido, entrando no monte, atravésanse castros. O sendeiro chega ata unha capela con via cruces no alto da Picaraña, onde o monte domina todo o val do río Tea, e desde a campa da ermida baixa na procura de máis penedos. Un pequeno fallo é que non se adentra no máis notable punto cultural do monte, a fortaleza que está detrás da ermida e que foi o castelo desde o que Pedro Madruga de Soutomaior acosou ao castelo do Sobroso. Fican bastantes restos arqueolóxicos desta fortaleza medieval por aló ciscados.


Detrás da capela está o castelo roqueiro de Pedro Madruga (non sinalizado, incomprensiblemente, na ruta)

Pero o sol lévanos entre os piñeiros e a fragancia balsámica, pegañenta das árbores enormes, vainos asulagando no noso percorrido. Os batolitos, que xorden no medio da frouma, agachan coviñas acondicionadas cos seus muriños, nos que pastores e gandeiros durmiron soños preproletarios, laxes agarradas ás historias dun mundo que xa non se recoñece, como aquelas da malla, cando aquelas ladeiras hoxe boscosas foron campos do duro centeo, ou pedras como a famosa Pedra do Equilibrio, que levan miles de anos tentando á fortuna con notable éxito.

Aquí tedes o roteiro en Wikiloc. En dúas horiñas e pico fixestes un delicioso percorrido.

2 Comments

  1. uobeando polo valsoneira
    26 / Maio/ 2013

    perto de ahi, entre CANS e o alto onde se empeza a baixar cara ponteareas mirando a man esquerda hay un puticlub o caron do cal esta unha estrada que che leva a un monte onde hay unha pequena igresa , xunto cunha area de recro, onde ademais das visats impresionantes do val de ponteareas hay uns penedos escachados increibles , o mais salientable esta detras da igresiña , esta rachado en duas partes e a vertical debe ter uns 15m. de altura, curiosamente tamen, abaixo nun cruce onde se desvia un cara o alto do monte estiberan facendo unha excavacion hay un par de anos dunha especie de caseto, duns 6m cuadrados, por desgracia non souben ben a quen preguntarlle que demo era aquelo, tentarei buscalo no maps e indicarcho.

  2. uobeando polo valsoneira
    26 / Maio/ 2013

    vale acabo de atopala no mpas, a hermita e a de san cibran, o caseto escabado non aprece , pois polo visto nese momento non o cavaran , aparece eso si un pedra en forma de mojon ou marco e todo tapado, ese pedra forma parte da estructura enterrada debaixo,do muro concretamente podese subir en googlecar hasta porta da hermita , jajaaj por certo o penedo do que falo au e ese enorme que se dende o aire detras da capela-santuario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *