Silencio no alto do Monte Bernorio

Last updated on 8 / Xuño/ 2012


Fotos: Sole

Tiven a oportunidade de coñecer a Eduardo Peralta durante o III Congreso de Estudos Celtas celebrado en Narón en 2011. Estaba eu un pouco amorriñado e de súpeto o doutor Peralta comezou a contar unha serie de incribles historias de guerreiros cántabros que se recollen no seu libro Los cántabros antes de Roma. E cando Peralta comezou a representar mapas de combates, asedios, disposicións militares, infraestruturas de ataque e defensa entre as tribos cántabras e o exército romano remexinme no meu asento e prestei toda a miña atención ao que o arqueólogo estaba relatando. Lembro que o amigo Javier Foz besbelloume na orella: “todo isto foi do que che falei”. Por suposto, sabía das guerras cántabras. Pero o que descoñecía é que nos últimos anos, apareceran, con moita precisión, as evidencias arqueolóxicas da tremenda contenda coa cal se inicio o proceso final de conquista da Península Ibérica. Sabía, como todo o mundo, da disposición, case un cento de anos antes que as Guerras Cántabras, do asedio a Numancia, e da cadea de campamentos romanos ao redor da cidade. Pero descoñecía que ese patrón se sucedera, con frecuencia, e case cunha claridade incrible, nos montes cántabros.

Entre os sitios dos que falou Peralta estaba o Monte Bernorio, a escasos quilómetros de Aguilar de Campóo. Neste lugar, as evidencias arqueolóxicas ofreceron un dos campos de combate decisivos das Guerras Cántabras e o ataque ao norte e noroeste peninsular. De feito, a teoría dos diferentes investigadores que traballaron no Bernorio é que este puido ser o punto de partida do avance do Imperio Romano. De feito, se un revisa desde Google Earth a área, pódese apreciar como efectivamente, Bernorio está na vía natural entre a meseta e o Cantábrico, é o punto clave.


Estruturas defensivas do oppidum

Paseamos por este monte, que agocha un gran oppidum de 13 hectáreas. Aquí están, nunha paisaxe relativamente ben preservada, os restos do asedio e da batalla final que rematou con este lugar. O monte hoxe é un espazo plano, barrido dos ventos; as cabanas dos cántabros eran de madeira, ramallo e adobe. Cando os romanos conseguiron entrar queimaron todo e a pallabarro coceuse. Aínda hoxendía podes atopar os anacos das casas de aquelas familias, bravas e desesperadas combatentes, convertidas en informes anacos de cerámica do incendio final, e non podes menos que sobrecollerte. O vento barre Bernorio. O vento barre Bernorio e vemos ao lonxe todo o escenario dos tremendos acontecementos.


El Castillejo desde a muralla do Bernorio, no flanco atacado polo Exército Romano.

Aló, do outro lado da veiga, érguese o Castillejo, o campamento romano máis grande que existe en Europa, con capacidade para resgardar dúas lexións. Desde alí, moi probablemente, observou este lugar unha das personaxes máis decisivas da Historia universal, o emperador Octavio Augusto, que comandou as tropas lexionarias durante os primeiros tempos da intervención militar. Unha campa enorme separa o Castillejo do Monte Bernorio, pero só está alterada polos cultivos actuais.

Os arqueólogos conseguiron reconstruír con relativa facilidade, e sen escavar todo o oppidum, como sucederon os feitos.


Reconstrución do ataque final por Torres-Martínez, Jesús F., Serna Gancedo, Alis, Domínguez-Solera, Santiago D.

Se cadra foi un día, a iso das tres ou catro da mañá. En silencio, no campamento romano, os soldados bicaron os manes dos seus devanceiros, soterraron no campo baixo as tendas as moedas que levaban atesourando por se pasaba algo, os centurións comezaron a organizar as columnas; había frío, a fresca da mañá, as herbas conxeladas rozando a tosca pel lexionaria, entrando a xiada entre as fendas das caligae. As lexións saíron do Castillejo, avanzaron en dirección oeste, e algo de sol comezaba a apuntar tralos últimos montes cántabros. De súpeto soou un corno. Soou outro. Escoitáronse voces de formación. Un mundo de bravos guerreiros comezou a urrar tralas murallas, escoitáronse máis cornas, apareceron uns xenetes de escaramuza que bateron contra as primeiras cohortes. Comezou o suor, o po, a dor, a confusión, outra vez. E cargar, cargar, avanzar, como tantas outras veces, ata que o céo volveuse pardo e dinámico de frechas nunha ida e volta, e o ferro converteuse en extremidade. Os xenerais sinalaron o punto de ataque, o flanco máis vulnerable de Bernorio. Alí se concentrou o ataque final, entre insultos e laios en vinte linguas, mentres se iniciaban as primeiras liñas do último capítulo dunha época da historia da península ibérica.

Os equipos atopan todo tipo de armamento romano e indíxena estrado polo campo de batalla, especialmente concentrado contra a muralla, alí onde se provocou o asalto final. Bernorio hoxe, ermo, solitario; os veciños saben que alí houbo un castro, pero descoñecen a historia real do que alí aconteceu. O católico románico sobreponse en cartos e promoción -todo é ideoloxía- sobre as masacres humanas que remataron coa Idade do Ferro no norte de Hispania.

Pero desde o punto de vista científico, Bernorio garda algo máis. Aínda que as últimas intervencións están mudando esta interpretación, polo de agora os arqueólogos pensan que tralo gran incendio que rematou con Bernorio, os romanos implementaron un castellum, unha fortificación de control, no punto máis alto do oppidum. Durante as Guerras Cántabras repetiron este proceso tamén noutros oppida indíxenas, e se cadra nesta decisión tamén había algo simbólico, algo de propaganda. O castellum non se parece nada ao concepto que temos de campamento romano, pero non hai que ser ríxidos: polos diferentes campamentos localizados, por exemplo, en Asturias, sábese que durante as campañas militares o máis relevante dos campamentos é a súa defensa. O castellum de Bernorio non é regular. Hai unha muralla de pedra grande e un estraño edificio de función non moi determinada nun estremo, e o interior aparece baleiro, ou aparentemente baleiro. En teoría, no interior, segundo revelou o gradiómetro, hai plantas de construcións rectangulares, como barracóns. As últimas campañas avanzan que é posible que no exterior do castellum houbese algún tipo de poboación auxiliar.

Bernorio puido ser o primeiro punto de impacto da campaña que remataría cos cántabros, astures e galaicos, pero desde logo non foi o último. A conquista do norte peninsular foi difícil, longa e, seguramente, debeu ser moi dramática, e mesmo moi distinta entre si; especialmente pola orografía, que é distinta entre a Gallaecia e a Cordilleira Cantábrica. O legatus Publio Carisio asumiu parte do exército para afrontar a conquista da Gallaecia e aquí as crónicas de súpeto enmudecen, como ben sabedes. Aínda que ultimamente, xa saben, á terra déuselle por falar e é moi posible que aínda fale moito máis nos vindeiros meses.

Estou no Monte Bernorio. As nubes están pesadas, vai fresco pero non é desapacible. Hai un silencio monumental aquí; deberiamos escoitar coches polo val, camións subindo pola autoestrada, tractores nos campos.

Pero aquí hai silencio coma nun camposanto.

Para saber máis: Torres-Martínez, Jesús F., Serna Gancedo, Alis, Domínguez-Solera, Santiago D.: “El ataque y destrucción del oppidum de Monte Bernorio (Villarén, Palencia) y el establecimiento del castellum romano”, in HABIS 42 (2011) 127-149. Universidad de Sevilla. [Consultar en PDF]

14 Comments

  1. 25 / Maio/ 2012

    hahahaha! Ben, idioma e escenas son…digamos…parécense en que están feitas en vídeo. ;-)

  2. Luis
    27 / Maio/ 2012

    E non só o Monte Bernorio; lugares como Espina del Gallego ou La Loma son impresionantes: neles atopamos tamén os campamentos romanos que cercaron os castros. E vemos como as fortificacións da Idade do Ferro foron reaproveitadas na Guerra Civil. O caso de La Loma é ben interesante: nel se atopou unha das maiores concentracións de puntas de frecha romanas do imperio; é un dos poucos sitios onde se atopou un proxectil de ballista de tipo “malleolus”; e a distribución dos cravos das “calligae” romanas parece indicarnos por onde tivo lugar o asalto romano.

  3. 27 / Maio/ 2012

    Si, Luis, Pero non foi en La Espina del Gallego onde ademáis, se localizaron proxectís paradoxalmente enviados desde o castro indíxena ou desde os atacantes? Lembro que Peralta expresaba esta paradoxa interpretativa.

  4. Luis
    28 / Maio/ 2012

    En Espina del Gallego se atoparon abondosos restos romanos na acrópole do castro: proxectís de catapulas, moedas romanas e restos dunha construcción de tipo barracón. Ata onde eu sei (salvo que últimamente cambiara de idea) Peralta considera que son probas de que o castro foi empregado como posto fortificado polos propios romanos, tras a súa conquista.

  5. Pancho-Lapatianco
    28 / Maio/ 2012

    Outra volta que non suben os meus comentarios.
    Magnífica entrada Manuel. Ver estos esquemas militares romanos é abraiante. En Setembro pasado, na viaxa á provincia de Soria subimos á mítica Numancia. Un acerto teren marcados na distancia a situación dos campamentos para facerse unha idea dende o “oppidum” arévaco.
    Polo que escribes, ¿e non estarás pensando no Monte do Castro de Besoñamo??.
    Por outra banda, este sistema romano de “pechar” ó inimigo asediado, os que éramos de “Asterix” (e non tanto de Tintín) témolo ben aprendido no noso “acervo” cultural (ver o album “A volta á Galicia”). :)
    Iremos lendo o PDF ós poucos.
    Saúdos.

  6. Pancho-Lapatianco
    28 / Maio/ 2012

    Perdón, “A volta á Galia”, en qué estaría eu pensando.

  7. 29 / Maio/ 2012

    Pancho, en realidade a clave deste post está no cuarto parágrafo comezando polo final. E non é Besomaño. ;-)

    Javier, magnífica ligazón. Efectivamente, referíame á estraña disposición dos proxectís no interior do campamento romano, que parecían vir do exterior. Recollo o texto que resumen aquí de Eduardo Peralta e que é unha boa incógnita arqueolóxica:

    “Es posible que antes de sucumbir los cántabros intentasen romper el cerco o asaltar en algún momento el campamento romano principal. En este sentido son elocuentes las numerosas puntas de flecha disparadas contra el campamento situado en la ladera que da frente al castro, así como los tres proyectiles de catapulta con la punta doblada, uno de ellos hincado en el suelo e inclinado con una trayectoria que indica que fue disparado contra el interior del campamento desde el castro indígena o desde la línea romana de circunvalación. ¿Utilizaron los cántabros alguna catapulta tipo scorpio capturada al enemigo en alguna escaramuza antes del cerco?. Las evidencias de lucha en el interior del campamento también permiten plantear que los proyectiles de catapulta fuesen lanzados desde las torres de la circunvalación y del propio campamento romano contra los posibles asaltantes, que tal vez intentaron impedir la terminación de las obras de fortificación romana al principio del asedio o que se lanzaron desesperadamente a un combate final al término de este episodio bélico.”

  8. Brigantium
    29 / Maio/ 2012

    Ui ui ui, para min que nos van dar novedades polo Monte do Castro, non si?

  9. Magago
    29 / Maio/ 2012

    Xa digo no meu comentario que non :-)

  10. Javier Foz
    29 / Maio/ 2012

    Bueno, já que estamos con epopeias, ahi vai o texto de Dión Casio:

    Tras un año de paz aparente, la guerra volvió a desencadenarse el año 22 a.C. Así lo narra Dión Casio: “Mientras éstas cosas sucedían en Roma, por éste mismo tiempo los cántabros y los astures se lanzaron de nuevo a la guerra, éstos por el orgullo y la crueldad de Carisio; los cántabros, porque supieron que los astures se rebelaban y porque despreciaban a su gobernador Cayo Furnio, por ser recién llegado y juzgarlo inexperto en sus asuntos. Pero no demostró tal en los hechos, sino que, derrotados por él ambos pueblos (puesto que socorrió también a Carisio), fueron reducidos a la esclavitud.
    De los cántabros no se cogieron muchos prisioneros; pues cuando desesperaron de su libertad no quisieron soportar más la vida, sino que incendiaron antes sus murallas, unos se degollaron, otros quisieron perecer en las mismas llamas, otros ingirieron un veneno de común acuerdo, de modo que la mayor y más belicosa parte de ellos pereció. Los astures, tan pronto como fueron rechazados de un lugar que asediaban y vencidos después en batalla, no resistieron más y se sometieron en seguida. (…..)
    Una vez compuestas las cosas aquí también, se trasladó a Hispania. Pues los cántabros hechos prisioneros en la guerra y vendidos como esclavos, asesinaron a sus dueños y se fueron a sus casas convenciendo a muchos, tomaron y fortificaron unas posiciones y se prepararon a asaltar las guarniciones romanas. Al marchar Agripa contra ellos, tuvo también algo que hacer con sus propios soldados. Pues muchos de ellos, envejecidos ya y agotados por la duración de la guerra, tenían a los cántabros como gente invencible, y no obedecían a su general. A éstos pudo reducirlos rápidamente a la disciplina con advertencias, exhortaciones y promesas pero contra los cántabros sufrió bastantes contratiempos. Pues su esclavitud con los romanos les había dado experiencia y sabían que de ser cogidos, ni tan sólo salvarían la vida. Por fin, después de perder a muchos soldados y de castigar también a muchos (entre otros, a la legión llamada Augusta le prohibió usar más este nombre), exterminó a todos los enemigos de edad militar, y a los restantes les quitó las armas y les obligó a bajar de los montes a la llanura.”

  11. Brigantium
    30 / Maio/ 2012

    Perdón, a intensidade da lectura as veces produce estas cousa.

  12. Antón Malde
    31 / Maio/ 2012

    Pergúntome se no Noroeste tería acontecido como neste vídeo. BrinCarían os castrexos cos romanos e, así evitaron confrontos ou pola contra, encetaron accións punitivas?

    http://www.youtube.com/watch?v=4LvVfWQquUM

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *