Is de Lobarzán 2009: o luxo do escaso


Os viñedos de Lobarzán en Vilaza (Monterrei)

A terra de Monterrei estase a revelar como unha das zonas máis prometedoras para os tintos galegos. Son sempre bombas de froita, finísimos coupages nas que a araúxa sofistica a mencía. A Adega Castro de Lobarzán, dinamizada polo inquedo José Manuel Fernández, é unha das referencias máis solventes da denominación de orixe. O seu tinto Castro de Lobarzán, do que fai 4.000 botellas, é do mellor en relación calidade-prezo para os tintos galegos. Só algúns anos, cando se dan as condicións, José Manuel tamén se anima a elaborar esta marabilla, o Is de Lobarzán. Por exemplo, non hai Is do 2010. Soubemos dos seus escrúpulos hai pouco, no transcurso dunha magnífica cea no Bar do Jorge, unha taberna do rural verinés que hai que visitar aínda que só sexa pola incrible decoración de tallas e tocas de madeira feitas polo seu propietario. Alí, José Manuel Fernández amosounos, con amor e orgullo, os seus viños. Quedáballe moi pouco deste Is, e a penas lle puidemos dar o tempo e as copas que se merecían. O outro día, en Casa Aurelio, Aurelio Vázquez ofreceunos unha botelliña deste Is de Lobarzán 2009 e nin o dubidamos. Faise a penas unha barrica deste viño, e non lembro a cantidade de botellas, entre 400 e 500, pero é un auténtico tesouro de Galicia.

O Is é un tinto mencía con achegas de araúxa e bastardo que lle outorgan unha enorme complexidade. Tecnicamente moi depurado, cómpre deixalo respirar, abríndoo unha ou dúas horiñas antes de xantar ou directamente decantándoo para que respire máis. Hai viños que na cor xa o din todo: neste caso, un profundo tinto de matices de púrpura escura; un viño que no nariz amosa froita case madura, cunha madeira máis que equilibrada e que expresa, grolo a grolo, a terra da que procede. Un soño de viño, tan descoñecido como apaixoante.

2 Comments

  1. 1 / Maio/ 2012

    Son un privilexiado: algunha vez tomei Is na millor compaña posible e certamente é, tal como dis, un tesouro de Galicia. Un tesouro saido, como non, dun castro encantado como é o de Lobarzán.

    Unha obsesiva e maniática selección dos vagos e dos acios; podas en verde que mais ven son holocaustos vitivinícolas, elaboración metódica sabichosa, etc, máximo esforzo no traballo de adega.
    Fantástico!

  2. Mónica González
    19 / Maio/ 2012

    Acabo de cenar en casa con un viño blanco Lobarzán, y cuanto más bebo más me gusta este vino, me transporta a mis tierras galegas y me entra la morriña por volver a ver esos paisajes que tantas veces anhelo y ese rumor dos chopagos mecidos por os ventos galegos….
    En breve volveré a pedir que me envíen mas viño Lobarzan, non aguantarei asta o veran…¡¡

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *