Cruce de tempos na Pena Grande de Oleiros

Last updated on 8 / Abril/ 2012

Hai poucas cousas máis pracenteiras para min que percorrer o territorio cun libro que fale do mesmo lugar décadas ou séculos atrás: ler, ver, escoitar, e de súpeto, dun xeito ou doutro, estás dialogando co libro. Ti sabes partes da película que o autor do libro non sabía, pero o autor do libro está vendo un mundo que ti tes que facer un esforzo por recoñecer e resituar. Desta volta, adentrámonos na Terra de Melide tralo ronsel da xente que aparece nesta foto: os afoutos homes do Seminario de Estudos Galegos. No verán de 1929, vestidos un tanto á moda tintinesca, o comité de expertos integrados por xente como Cuevillas, Vicente Risco ou Lois Tobío entre outros moitos, retrataron a arqueoloxía, a etnografía e a historia dunha comarca central de Galicia. Con estas máis de setecentas páxinas andamos nós de volta nos camiños, tentando aclarar algúns dos misterios que o libro nos deixou. Un deles é o da Pena Grande de Oleiros, un espazo no que sorprendidos observamos como se cruzan as nosas olladas coas da xeración Nós, e as épocas entre si, enfiando un enigma. Aló imos.

Na sección dedicada á Arqueoloxía, Florentino López Cuevillas debuxou un croquis dun xacemento arqueolóxico un tanto estraño: a Pena Grande de Oleiros.

Este xacemento singular, ubicado na aba dun monte, estaba segundo Cuevillas constituído por unha pequena plataforma superior protexida, por algunhas bandas, por un conxunto de foxos e parapetos escalonados. As xentes da parroquia de Oleiros ficaran enfebrecidas pola presenza de ouro e tesouros das mourindades, escribe Cuevillas, e parte da culpa está no achado, nunha coviña dese lugar, dunha punta de flecha tipo Palmela encadrable no calcolítico ou o Bronce inicial. A xente do Seminario chega a ver a pluma e a historia é singular. Para explorar a cova, as xentes da aldea introduciron a un neno que se perdeu aló dentro, tan pequena que era; cando acadou saír coa punta de flecha na man, se cadra alucinado ou asustado, o neno relatou que a punta estaba gardada nunha sorte de pequena casiña no interior, labrada na rocha, prendida duns aramios. A empobrecida xente de Oleiros cebouse na Pena Grande.

Paramos cabo da igrexa, onde un grupo de vellos está sentado apaciblemente, agardando para facer algo na igrexa. Paramos con eles. Mimadriña, lembran as historias.

-A Pena Grande -sinalan co dedo- que ten unha viga de ouro, outra de prata e outra de alcatrán, e baixan ata o río Furelos.
-O día que alguén prenda a de ouro estoupa todo! -di un vello.
-Disque a xente moito cavou aló buscando ouro.

Os vellos rinse todos entre eles cómplices pero aí desconfían algo.

-Ata houbo un neno que se meteu dentro dunha cova.
-Ese coñecino eu -di unha señora- a el e mailo seu fillo.
-E viñeron uns sabios a ver o sitio, uns de Santiago -dixen eu aludindo á excursión de Cuevillas e o seu equipo, no ano 1929.

Todos vólvense rir como se soltara un chiste.

-Si que viñeron. Miña nai aínda se acordaba deles.

Os outros vellos asentiron, certificando que na aldea lembrábase a visita de aqueles sabios. E seguiron ríndose. Non consigo saber exactamente que é o que lles fai graza niso, pero estou lendo, teño na man cando falo con eles, o texto de Cuevillas:

“Días despois visitamos o lugar do achádego, provocando a nosa visita un recrudecimento nas faenas escavadoras, que iban de aquela xa un pouco debecidas (…) Esaminamos o local do achádego con certa presa pra non escitar ca nosa curiosidade o afán destrutor das xentes de Oleiros”

Sospeito que estas risas un tanto discretas e misteriosas teñen que ver con esta historia, que debeu dar para vivaces e duradeiros contos na parroquia. Os vellos tamén me falan con orgullo da outra gloria local: o pazo que Amancio Ortega acaba de restaurar para hípica, e que converte as terras da parroquia de Oleiros nunha sorte de campiña inglesa.

Vimos aquí porque a Cuevillas fascinoulle moitísimo este lugar, pero as lecturas cruzadas no tempo son igual de fascinantes. Cando eu lía a Cuevillas, faltábame intercambiar, agradecido, algo de coñecemento con el.

“Non é ista da Pena Grande de Oleiros, a primeira vez que se alcontran en terras de Galicia puntas de flecha do tipo de Palmela acochadas ao pé de penas (…) fainos pensar nas sepulturas neolíticas i-eneolíticas de feitura análoga descubertas en Cataluña (…), vindo por derradeiro a compricar máis o problema o foso e os parapetos construídos en combinación indubidabre cos dous grupos de penas que descrebemos.(…) Confesamos que a primeira impresión que o aspecto das fortificacións de Pena Grande produxo en nós foi de perplexidade e confesamos que arestora non atinamos aínda cunha hipótese que espreoque satisfactoriamente o obxecto e fin pra que foron construídas.

Trátase dun lugar de culto esistente xa nos comenzos do Bronce e convertido na Edade do Ferro nun santuario de feitura aparentemente militar? Trátase dunha acrópole castrexa de novo xénero? Non o sabemos”.

A honestidade intelectual de Cuevillas vese aquí perfectamente reflectida, neste texto sobre un lugar a todas luces non moi habitual nin frecuente. Pero fáltame unha última pregunta por facerlle aos paisanos antes de subir a meternos no toxo. Está na páxina 49 do libro, onde fala do achado da punta Palmela:

“Hai un monte chamado do Castelo, que ten non moi desviadas do amplo lombo que o coroa, dúas irtas penedías que se coñecen coa denominación de Pena Grande”.

-Señoras, e cal é o Castelo?
-Esa mesma!
-A Pena Grande?
-Si, señor.
-Así que á Pena Grande tamén se lle chama castelo.

Os vellos asentiron. O enigma do gran Cuevillas podía ter unha saída.

Tras pasar un cemiterio sen rematar -toxos e un cruceiro de cemento no medio-, comezamos a suave subida. Velaí estaba a Pena Grande.

E cabo da Pena Grande, o espazo descrito por Cuevillas. As murallas de cachotada rodeándoas, en apariencia derrubadas da plataforma superior. O curioso é que, por esta banda norte, toda a muralla de cachotada caeu sobre un foxo labrado na pedra. E velaí, ouh:

A cova que fora o agocho secreto da puntiña de flecha da Idade do Bronce, onde un neno case non sae e na súa imaxinación pensou fantasías baixo aquel enorme peneda. A Pena xoga un importante valor no seu contorno: unha ampla mole nun monte baixo e con laxes que apenas asoman entre os toxos. En todo o contexto do val, debeu ser relevante. A cova está chea de matogueira e evitamos inspeccionala. Na nosa revisión do espazo observamos o paso do tempo sobre o lugar.

Os foxos foron colmatados en boa parte do espazo pero atención, aquí está a parte descrita por Cuevillas, na banda Este, onde efectivamente, o muro descende da pena e baixa case ata a altura dun profundo foxo que, efectivamente, aquí aínda está pervivindo. Esta muralla da banda oriental, efectivamente, ten estrutura “ciclópea”, como a contaba Cuevillas, e dous metros de ancho. Por todas partes, aparecen as mostras que nos permiten identificar a fase, posiblemente, de construción destas murallas.

Tella e tella por todas partes.

Un castelo medieval. Por que Cuevillas non advertiu isto? As tellas están remexidas por todas as zonas, figuran no medio dos cachotes. Se cadra considerou á tella unha anomalía ou un proceso moderno. Este tipo de castelos continúan a ser estraños na Galicia actual, pero xa somos capaces de relacionar uns exemplos con outros.

Para a época de Cuevillas coñecíase pouco, pero hoxendía este castelo ten tremendas proximidades coas fortificacións, próximas, dos Penedos do Hospital, entre Toques e Palas, ou co Castelo da Capela, en Zas. O máis intrigante é común a todos eles: unha plataforma superior mínima, a muralla toda derrubada na base, como se alguén a empurrara a patadas desde o cumio, e, formalmente o máis intrigante, a muralla que si descende por baixo das penedas nun dos tramos estreitos da penedía. Algo difícil de comprender e de explicar, pero en todas estas estrañas fortificacións de época indeterminada acontece igual: a muralla baixa nun dos estremos estreitos, non máis alá de 10 metros. Fáltannos datos para comprender isto, pero é case un patrón en determinado tipo destas fortificacións. Hai un patrón cultural, pero non sei a que corresponde. Nin cando nin quen.

No diálogo co libro, se fose unha conversa de café, crebaría o silenzo de escoitar con atención a Cuevillas e apuntaríalle este paso máis adiante: “non mires tan atrás”. Pero nin eu mesmo sería capaz de ir máis ao fondo. De algún xeito, é fascinante: é como se Terra de Melide seguise aberto e por escribir.

Pero hai outro factor a maiores que eu xa vira na fotografía aérea e Cuevillas non puido ver porque os tempos aínda non foran chegados. Se a fortificación era medieval, que fai unha punta tipo Palmela depositada nunha fenda ou cova aquí? As épocas non se exclúen entre si, senón que se superpoñen. Esa flecha puido convivir coa ocupación posterior do lugar. En Capítulo Cero xa temos falado noutras ocasións das Excalibur galegas, das armas do Bronce final depositadas nas fendas das rochas. Se cadra isto aconteceu aquí. E se cadra haxa unha explicación. Esta:

Unha gran zanxa avanza desde abaixo da ladeira case ata o perímetro da Pena Granda. É unha zanza ancha, duns oito metros de ancho, e moi profunda, se cadra catro ou cinco metros.

É unha explotación de wolfram.

Hai unha veta de estaño aquí. De Bronce. Do metal dos deuses. Lembrei Tras o Ouro dos Mouros e o metal como o soño ambicioso dos homes ao longo da Historia. Cuevillas contemplou horrorizado, posteriormente, o mundo xurdido trala Guerra Civil e o colapso de Europa na II Guerra Mundial: o escenario do mundo global representado aquí, neste teatro de pedras e cachote no que se entrecruzan as prácticas sagradas dos guerreiros da Idade do Bronce, os ollos vixiantes dunha caste medieval, os soños dos pobres labregos dos anos 20, as curiosidades metodolóxicas dos Pais da Patria, a ambición de Hitler e as nosas dúbidas actuais, pequenos anacos desta enorme liña temporal de tres mil anos sucedida no meido destes toxos. Lembrei tamén os numerosos castelos altomedievais -sen datación concreta- ubicados ao carón de minas de estaño.

Cada época ten o seu mundo e o seu patrón de asentamento. Nada mellor o exemplifica que esta sucesión en Oleiros: as apacibles casas labregas no limes entre o monte e os campos, o vello castro da II Idade de Ferro un pouquiño máis enriba, e algo máis enriba, este castelo-mina-santuario ao que os homes voltan con soños de metal como nun destino cíclico e mitolóxico.

P.D.: Agradezo a Bea Comendador as precisións con respecto ás puntas Palmela. Son do Calcolítico-Bronce Inicial, e de cobre. Se na época de Cuevillas coñecíanse 2, hoxe andamos polas 55 en Galicia.

14 Comments

  1. 8 / Abril/ 2012

    Por certo, na primeira foto, a do equipo, hai un curioso enigma, unha “rectificación”. Examinen ben a fotografía e verán unha anomalía curiosa.

  2. bea
    8 / Abril/ 2012

    Unhas 55 puntas das denominadas tipo Palmela, entre Galicia, Asturias e Norte de Portugal.

  3. carlos
    8 / Abril/ 2012

    o bastón de jatear ó Everest ?

  4. J L Conde
    8 / Abril/ 2012

    Visita obligada. Muy bien

  5. Antonio de la Peña
    9 / Abril/ 2012

    Rectificación, dis?… Cortapega descarado prephotoshopiense máis ben. Anque hai que recoñecer que D.José Fernando sempre tivo unha luz moi especial, non si? XDDD

  6. 9 / Abril/ 2012

    Ti si que sabes, Antonio… ;-)

  7. Pancho-Lapatianco
    10 / Abril/ 2012

    Umm. Misteriosos andades. Eu diría que hai alguén que estaba en espíritu cando sacaron a foto, e logo foi engadido “de perfil”. Parece ¿Otero Pedrayo?.

  8. 12 / Abril/ 2012

    O de perfil responde ás iniciais JFFV, estou no certo?. Para saber se está engadido hai que preguntarse onde estaba subido: Hai dous planos, os da primeira fila, e os de detrás, que se suben á reixa ou a un suposto poio anexo ao muro, que aparecen bastante máis pequenos. O ilustre polígrafo, coa súa enorme cabeza, parece flotar entre eles.

  9. Pancho-Lapatianco
    12 / Abril/ 2012

    Contra, si. É XFFV.

  10. Elixio Vieites
    12 / Abril/ 2012

    Ou sexa, que tiña que parecer que estaba sen estar, e facer que facía sen facer gran cousa. O malo é que non sabemos para que o fixo, pero coñecendo ao piexe podemos adiviñar o cheiro a podre. (cheiro con maiúsculas).

  11. 12 / Abril/ 2012

    Quen lle atope os pés ten moito mérito. :-)

  12. Otilia Meis
    14 / Abril/ 2012

    A imaxe corresponde á xeira do 1934 no Deza, que foi gravada polos irmáns Barreiro (os da produtora pontevedresa Folk que fixo o documentario “Por unha Galiza nova” do PG) nunhas imaxes fatalmente desaparecidas. No centro da fotofrafía está un dos grandes científicos e políticos galegos: Bibiano Fdez Osorio Tafall. (Carlos Aurelio L. Piñeiro: Enrique Barreiro. Cineasta e inventor, edición Concello de Pontevedra 2001; Xosé Francisco Pardo Teijeiro: Bibiano Fernández Osorio Tafall. Un científico e político galego no exilio, ANT 2010).

  13. 14 / Abril/ 2012

    Grazas, Otilia! Estaba Tafall e unha boa recua de grandes persoeiros do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *