Last updated on 12 / Marzo/ 2012

Foto: Sole
Estamos en Mónaco. Desde estas alturas, obsérvase a cuncha urbana do Principado. Máis acó, nas encostas, as manchas azuis das piscinas dos chalés brillan con esta docísima luz do Mediterráneo da Costa Azul. Máis alá, levántanse as torres que se concentran no centro de Mónaco, edificadas durante o boom construtivo dos 80 que fixo que o pai do actual príncipe fora chamado con sordina nos círculos sociais da Costa Azul como Rainiero O Construtor. Tan propio do libreto de opereta que é Mónaco, a Oficina de Turismo do Principado adoptoulle tamén o nome a Rainiero e hoxe predícano así nos tours do pazo oficial. Rainiero o Construtor. O erguidor de pisos a tropecentos dólares o metro cadrado.

Foto: Wikipedia
Onde nós estamos, presidindo toda a cuncha de Mónaco, outro gran construtor ergueu, hai dous mil anos, o seu triunfo. Hoxe, despois de ser canteira e castelo, aínda destaca enormemente sobre o seu contorno. É o trofeo de La Turbie, unha das máis descomunais obras de propaganda romana. Augusto mandou erguer aquí un descomunal monumento para demostrar o seu trunfo sobre as tribos ligures que vivían de aquí para arriba, nos Alpes Marítimos. Aló están enunciadas, nunha inscrición, todos os pobos vencidos polo primeiro emperador romano. Pero La Turbie non está no cume dalgunha montaña deses vales vencidos a sangue e lume. Non. La Turbie está ao carón da vía romana que levaba de Italia á Galia e aló onde podía ser visto polos barcos que cruzaban o Mare Nostrum. Aos galos vencéraselles aló enriba, pero triunfábaselles acó abaixo, cabo do mar, o camiño máis rápido. Así que Augusto ergueu en La Turbie un monumento fascinante para conmemorar a súa gloria. Era algo relativamente habitual entre os conquistadores romanos. Pompeio ergueu un similar, tamén, entre os pasos dos Pirineos, desaparecido durante moito tempo, e logo mudado en abadía.
Estamos aquí porque teño unha gran curiosidade por coñecer un dos monumentos augusteos en mellor estado. Cando pasamos por La Turbie, haberá un par de anos, quixen parar acó alentado polas noticias que aparecían en prensa. Desde o ano 2007, un equipo de investigación dirixido por Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal, catedrático e profesora titular respectivamente da Facultade de Historia da USC, estaban prospectando nun dos contornos arqueolóxicos máis fascinantes (e machacados pola modernidade) de Galicia: a desembocadura do Ulla. Entre as declaracións en prensa, sempre aparecía unha referencia ao que, se cadra, era a angueira principal do equipo científico: localizar a mítica a Turris Augusti, a Torre de Augusto.
Algunha vez téñome referido no blog ao espellismo que supón centrarnos en procurar as fontes clásicas. Eu sempre penso o mesmo por dentro: por cada historia escrita nas fontes clásicas romanas sobre Galicia, temos miles de historias anónimas por descubrir, ou que nunca descubriremos. Vivimos na ambivalencia: de algún xeito, fascínanos atopar os vínculos entre os textos e a realidade, como se ao facelo apreixaramos entre as mans un anaco de texto. E é imposible sustraerse a esa fascinación. Dos lugares míticos expresados nos textos clásicos, dos oestrimnios e os saefes, de Lambrica, do Magnus Portus Artabrorum, das aras sestianas e da Turris Augusti téñense verquido centos de páxinas no noso país desde o século XVII. E seguirase.
Poñamos en antecedentes. Hai un texto dun xeógrafo clásico, Pomponio Mela, contemporáneo do emperador claudio. Morreu aproximadamente contra o 47 d.C. e escritor de De Chorographia, un tratado xeográfico do mundo. Aquí dise o seguinte:
Flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit f luvios Laeron et Ullam. Partem quae prominet Praesamarchi habitant, perque eos Tamaris et Sars flumina non longe orta decurrunt, Tamaris secundum Ebora portum, Sars iuxta turrem Augusti titulo memorabilem.
Que se traduce do seguinte xeito:
A badía da cidade lambriaca recibe a aperta dos ríos Lérez e Ulla. A parte que sobresae é habitada polos Praesamarcos, por onde non lonxe desembocan os ríos Tambre e Sar, o Tambre polo porto de Ebora, o Sar xunto á Torre de Augusto, monumento memorable.
A Torre de Augusto, monumento memorable. Na parquedade habitual de Mela, esta descrición non é unha parvada. Sabemos que as Torres de Augusto conmemoran as conquistas do emperador, pero a súa posición non é casual. Ao chegaren as tropas ao Occidente, e dominaren os territorios da antiga Gallaecia, a Torre puidose ter encravado nun lugar importante para facer a súa función propagandística. E ese lugar podía ser o río Ulla, unha das máis profundas vías de penetración natural cara o interior do territorio galaico. A Torre do final da conquista de Hispania. A Torre da fin do mundo.
Agora volvemos ao presente. Estamos en Pena Furada, suando, limpando a superficie do sitio arqueolóxico, coa cara chea de terra ata as cellas. Estou canda David Fernández Abella e estamos vendo voar o drone co que filmamos a escavación e todo o recinto que estamos a investigar.
-Iso precisábao eu -dime David- teño un lugar aí en Cesures…
-Estiveches no da procura da Turris Augusti? -pregunteille sorprendido.
-Si, fumos nós.
-E?
David gardou silencio, abaneando a cabeza. É un home moi prudente.
-Non o sabemos. Pero hai algo…
Ao pouco tempo estabamos meu irmán e máis eu, canda a xente da empresa Argos, encargados da prospección subacuática e superficial do Ulla, voando o drone sobre un outeiro chamado Cortinallas, inmediato ao río Ulla, en Pontecesures. O drone, desde o alto do outeiro, subía e subía, pero non daba collido nin a quinta parte de todo o xacemento que querían investigar. Aquelo era moitísimo máis grande que Pena Furada. E moi intrigante. Desde alí arriba, sinálanme algo enfronte.

Terrazas perimetrais que rodean o outeiro de Cortinallas
Esa é exactamente a desembocadura do río Sar -ou sexa, estamos exactamente onde o texto do xeógrafo clásico diría que está a Turris Augusti. Con David e os seus compañeiros metémonos no mato no que se convertiu o outeiro, inzado de xestas, toxos e matogueira brava. Este espazo estaba sen catalogar e nel aparecen abundantes restos cerámicos, posiblemente de época romana. Eu vinos tamén. Pero o máis estraño de todo é outra cousa: ese outeiro parece ter muros perimetrais de pedra, unha sorte de terrazas moi sólidas e estreitas que percorren alomenos tres das partes do outeiro e que, desde logo, non son terrazas agrícolas. Que raio é isto?
O equipo de Argos son moi cautos, pero non poden evitar fascinarse co que aquí se pode atopar. Sexa o que sexa, parece algo moi estraño.
-Tamén podería ser un porto en bancada -di David. Sábese que en Pontecesures había un importante porto romano, e se cadra este lugar teña que ver con isto. Hoxe o río está máis adiante, pero esas terras de aí abaixo son de aluvión: puido terse sedimentado tanto ata hoxe.
A existencia dun auténtico porto romano sería tamén especialmente relevante, tanto ou máis que a propia Turris Augusti, desde o punto de vista arqueolóxico. Imaxinen: teriamos un espazo privilexiado para saber non só o que chegaba a Galicia senón tamén, e máis importante, o que nós exportabamos. E hai cousas ao seu favor. Imaxinemos que aquí estivo a Torre de Augusto. Os grandes monumentos romanos, cando chegan ao declinio, seguen un proceso similar ao estourido dunha bomba de confeti: os seus restos vanse esparcindo polas casas próximas; os elementos de prestixio convírtense en decoración das igrexas, a súa sombra fica presente en frases perdidas por documentos medievais.
Pero a terra, as casas, os pazos, as igrexas e a documentación histórica da veiga do Ulla gardan silencio sobre a Turris Augusti, creando un auténtico enigma arqueolóxico. O problema é que o lugar vai máis alá da especulación. Esquivando a un manso cabalo que pasta, observamos un terraplén que rodea as Cortinallas. E nun gran muro dunha finca hai sillares de demasiada calidade. Os arqueólogos non poden pasar aínda da fase de conxeturas, pero o tomate está aí.
Os profesores Acuña e Casal, canda Argos, agardan tempos mellores para tentar resolver estas preguntas. Nos últimos trinta anos, este espazo de Pontecesures, o Monte do Porto degradouse por unha política urbanística do ti vai facendo, por unha construción absolutamente salvaxe que modificou para sempre estas ribeiras do Ulla, que gardan máis dun secreto fascinante.
Observo desde Google Earth a confluencia entre o Ulla e o Sar, non deixándome de facer unha pregunta. E se Pomponio Mela tivera razón, e aquí, no punto exacto no que el o describiu nalgún momento entre o 30 e o 40 d.C., tiveramos diante dos narices un dos monumentos memorables que marcou os estremos da fundación dun Imperio, aínda acochado baixo a terra?

Que interesante.
Se pontevedra era Turaqua, e Ponte de Cesares era a ponte máis importante da Galicia costeira, nese espolón hai unha torre. Agramar e Cortinallas estaban inundados naquela época. Ten posibilidades. Eu aposto por él.
Coñas, na foto do Sixpac parece que agora hai un circuito de motocross subindo por riba del…
hahaha! Si, pero non é. A mágoa é que todo o espazo está bastante degradado. Hai unhas ruínas dunha casa na zona superior, unha sorte de casa grande pola outra banda…
Digo eu que, ao mellor sen ir máis alá, tería sentido pensar que cando Xelmírez no século XII utilizou a mesma zona do porto romano para crear un asteleiro e facer naves na loita contra os piratas berberiscos e normandos, este podía ser un lugar de vixilancia, dada a importancia que tivo sempre o porto de Pontecesures para a defensa de Compostela. Recordemos que tamén por esas datas reforzou o Castellun Honestum (Torres do Oeste, Catoira). Sería un bo sitio, pero se non hai documentación quedamos como estabamos.
Manolo, será por cartos carallo…. bueno igual non son eses tempos mellores, pero sabes que cun pouco de auga en unhes bocadillos fanse milagres, ou non??, bueno igual neste caso non chega con vontade e voluntarios, e a administración para min que non está, se é que estivo nalgún momento, para acometer labouras de investigación arqueolóxica, xa sabes “a millor protección para os castros sonche as silveiras” R.I.P..
Eu o tema da fortificación, á luz do que vin alí, non o vexo, polo menos como función principal desas terrazas. Son como terrazas moi estreitas, non aptas para cultivo pero tampouco para defensa.
Brigantium, coincido contigo en que, parafraseando aos ingleses, there’s more than one way to do it. ;-)
Coidadiño, que o Sar, antigamente, non desembocaba no Ulla por onde o fai agora, senón que dende Padrón facía unha serie de meandros e cruzaba a N-550 por onde está o “scalextric” onde se colle a autopista e a autovía do Barbanza (Talleres Trozo) e ía saír xusto ó lado de onde o fai actualmente o canal de desviación, no Campo da Ínsua.
Pode ser que polo outro lado -por onde desemboca agora- tamén houbese unha ramificación máis pequena que fora aproveitada no seu día para canalizar o río, pero a canle principal era a outra.
Efectivamente, acabo de comprobalo no Goolzoom coas fotos do voo dos americanos do 56, e a canle principal do Sar desembocaba na Insua. Por onde o fai actualmente facíao un pequeno ramal, non sen antes facer uns cantos meandros pola veiga que queda entre Padrón e o Ulla. De feito, aínda hoxe en día quedan restos deses meandros pola zona.
A ver se vai haber que mirar pola zona de S. Xulián…
Magnífica apreciación, Moncho. Viva Internet. :-) Aínda así, aí temos unha desembocadura, pero sen dúbida as opcións amplíanse se seguimos de carreira o texto orixinal.
E guindo outra pista a ver se soa a flauta con algún veciño de Dodro. Nesas fincas da desembocadura do afluente pequeno (enfronte de Cortinallas), seica hai un topónimo chamado “Castelo Vello”. Non sei moito máis.
D. Manuel de momento quede na outra beira do rio que co que hai nas brañas podemos tolear (mais ainda)…sempre me chamou a atensión que P.Mela falase dun afluente e non mensionara que dito afluente “desembocaba” no Ulla. No tocante a nova ou antiga desembocadura do Sars calquera delas encaixaria a perfesión. No Redondo , Corona da moura……indaje , amijo , indaje.Ah outro pequeno dato ,na sona tamen hai ajuas minero-medisinais…No voo americano hai illas no Ulla…que ajora non estan …e si para rematar indicamos que a localisasion das ” illas misteriosas” é a mismilla ca das espadas….
D. Moncho prejunte polas “trincheiras?” que hai despois do bar da Vacariza….
Carlos, na zona do Redondo -máis concretamente por fronte á illa de Bexo- parece ser que hai leiras onde se atoparon restos romanos, ou iso di o catálogo arqueolóxico do concello de Dodro. Pero non nos deixes a todos coa intriga e conta máis…!
Illas claro que había, ata que as chuparon os areeiros. Ós que traballaron neles si que viña ben facerlles unha entrevista para que contaran o que ía aparesendo no fondo do río…
E qué é iso das “trincheiras” despois do bar da Vacariza? O bar e o Xeixiñal? “Despois” é indo cara a Rianxo ou cara a Bexo?
Por certo que na zona de S. Xulián (Cesures), por detrás da igrexa parroquial e á altura da actual ponte do tren (fronte á antiga desembocadura do Sar) hai un outeiro con moi boa pinta… E na antiguedade os camiños que puideran pasar por Cesures non creo que foran moito pola parte baixa á beira do río, que aquilo había de ser unha braña de coidado…
Moncho neso estamos (os areeiros non esta pola labor…),indo cara á ponte a man dereita (nas curvas antes de chejar as casas) e ti me diras!!!!
Uf, nom podo evitar citar um documento editado hai uns anos por C. Sáez (ISBN 84-8138-597-2). Ainda que o documento é hoje só um fragmento quase ilegível, preserva-se um registo del:
“Donacion que hizo a este monasterio de Sant Martin Ordonio Laurencio de la heredad que tenia en la villa Campania, que fue de Paladin y su mujer, con sus sotos y pumares y devesas, cerca del rio Ulla, como se demarcan por el rio Louro y con Cordeiro y Valga y hasta en donde estuvo la ciudad de los Loclimanos y otras demarcaciones. Su fecha, en la era 1004”.
Nom digo nada, mais, vaites!
Si, si, ben coñezo. ;-)
Parabens e avante! Tudo isto é fascinante !
Já mo suponha, perooooo… :-)
¿E non terá que ver coa “cultura do viño”?
Cortinale, Cortinalis, Cortinal… históricamente atópanse tamén en Samos, Tui, San Clodio de Ribeiro,…
Hoxe había alí un tractor desbrozando a parcela.