

Couso (Aguiño, Ribeira). Fotos: Sole
A cultura europea tende a intepretar o ocaso coma o final, coma o remate das cousas: esa xente que tal cousa pensou nunca estivo mergullada no interior dun solpor. Pero paseando por estes bosques ribeiráns de Couso, perdéndome entre os cons dos Pericos, estes labirínticos mundos esenciais de area, vento, herbas de namorar, caliñas imposibles, velaquí estou, deixando que o sol lamba a pel, tratando co sol de ti a ti; este Couso, que sobre o mar está cheos de araos e baixo del de monstros submariños perdidos nas cavernas graníticas. Cando o sol descende e se fai tan humilde que se pode dialogar con el, moves un brazo e a túa sombra fai escapar toda a vida atrás, entre piñeiros, xestas, panasco, tanto se estira o mundo das sombras que parece crebar; enfías a cara contra o magma e sintes as explosións e as turbulencias universo en diante, e riste, riste pensando en que nunca un ocaso foi un final.
Aí vese que somos dos pobos da noite, que o noso tempo mediuse durante moitos séculos polos ciclos lunares, e que era este astro que agora afoga á altura de Cape May apenas unha parte máis da cadea, e non a dramática. Porque este momento, no que todo parece rematar, no que o mar mesmo parece ferver, lentamente achamos a paz, aínda que non a procuremos. Cando era neno, os meus espertares eran felices, porque era o mar mesmo quen rebotaba no teito da miña habitación, avisando das marés altas ou baixas no xogo de luces traslucido polas contras. Un proceso lento, case unha conversa. Neste solpor, as miñas sombras, Couso e máis eu conversamos, atravesados pola luz laranxa e irreverente, con esa somnolencia inmanente ao lugar, a persoa, e ao tempo. Perdimos a arte de bailar cos astros, pero nesas conversas coas luces mariñas reflectidas no teito e coas sombras que nos abandonan para o reino da noite, aínda conservamos algúns pasos e coreografías. É o baile do noso corpo quen nos acompaña, nestes ocasos, para o territorio da noite. E é curioso: como cando durmimos, e aínda que estemos acompañados, neste momento de solpor, coma no orgasmo, estamos sorpresiva e obrigatoriamente sós.
Se os nosos devanceiros crían nas lúas como a medición dos días, entón está claro: o seu mundo comezaba nos soños. Non é unha mala lección para aprender.

eoas
Hai pouco tiven a ocasión de andar por aí.É espectacular, sacando as fábricas de conservas feitas en sitios ao mellor “pouco escollidos”.Os que somos da beira do mar pásanos moito eso que describes, acaban querendo mandar en nós os elementos, e acaban gañando. Facémoslle de antena telúrica á Terra, e xa se sabe …mandanos sinais. Por certo que sabes do asentamento dos Pericos, eu cheguei a coñecelos de casualidade. (e aproveitei para o de patrimonio.. xa sabes)
http://patrimoniogalego.net/index.php/2012/01/asentamento-de-os-pericos/