Señorío de Rubiós: o potencial dos tintos do Condado

No viño poderán cambiar, e moito, os gustos dos consumidores ao longo de décadas. Creo que se cadra os viños que tomamos hoxe parécense pouco aos que gustaban no século XVIII, por exemplo. Pero as terras boas para o viñedo seguen a ser esencialmente as mesmas. Podemos descubrir novas terras, pero séculos de traballos campesiños xeneraron un coñecemento intenso sobre os solos que ás veces desaproveitamos. A terra do Condado é unha das ‘irmás pequenas’ dentro da familia Rías Baixas. Foi terra reputada polos tintos, pero os tintos son hoxe menos do 5% da produción total actual de Rías Baixas. O mercado acaba especializando os territorios.

Sen embargo, as terras deses territorios, con independencia dos nosos gustos e das necesidades comerciais, seguen aí, e seguirán cando marchemos. A adega Cotorredondo, do concello das Neves, en pleno condado, remitiume para a súa proba a estensa gama de viños que ofrecen, primordialmente tintos. O seu albariño, é certo, colleitou varios premios nos últimos dous anos, pero ao meu ver, a riqueza desta adega está na estensa gama de tintos, que son os caldos que a tradición reservou no Condado. Deste xeito, eu destacaría o seu monovarietal de sousón, coñecido en castelán como retinto. O sousón é unha variedade dunha gran singularidade moi notable, que cobra expresión entre as ribeiras do río Miño e as do Douro portugués. Notas animais, unha nariz penetrante e un paso en boca intenso e complexo -con matices que van cambiando nos tragos- convérteno nunha peza moi interesante. Tamén destacaría o Señorío de Rubiós Barrica, un viño feito a partir dun coupage tradicional no Condado: Caíño, Mencía, Pedral e Sousón e a madeira que lle achegan os cinco meses de barrica de carballo francés. É interesantísimo ver o papel que fai a madeira nestes tintos frescos: nas primeiras horas de abrilo achega as clásicas notas de vainilla e tostado que, sen dúbida, convértenno nun viño moi sabroso. Un día despois, a barrica o que achega ao viño é, sobre todo, estrutura. Este viño é para tomar nota.

E, que queredes que vos diga? Cada vez son máis superfan dos viños novos, do tinto de maceración carbónica. Había que recuperar o seu papel en Galicia, que perdimos, igual que en Francia se fai co Beaujolais: o de divertidos heraldos da nova colleita, así de claro. Divertidas explosións de froita saborosa, case como unha macedonia líquida: viños para divertirse e facer disfrutar co viño a xeracións que ás veces non saben por onde comezar nisto do viño. O Tinto Novo do Señorío de Rubiós é puro Condado, un viño que faría as delicias de Cunqueiro, estou convencido.

Colineta tamén ofrece outra visión sobre o Señorío de Rubiós.

3 Comments

  1. 5 / Outubro/ 2010

    A primeira vez que probei o tinto de Rubiós, foi acompañando unha lamprea nas Neves. Desto fai caseque quince anos e a experiencia saiu un tanto áspera. Posteriormente volvín fai uns anos e merquei o Señorío de Rubiós Barrica. Ten as vantaxes frutales e ten ese deixe a madeira sen abusar, tal como me gusta. Concordo con vostede: se queres apreciar un viño, tal como sempre foi o viño- sempre dinde a edade media- dalle pouca madeira. A madeira no fondo non foi mais ca un acidente. En algún recipiente había que transportalo. O granito pesaba demasiado, senon a vo fé que non o botaban na madeira. Einda non había toneles de aceiro nin de plexiglas dese alimentario.

  2. 5 / Outubro/ 2010

    Por certo que faendo o Camiño a principios de setembro, probei un Mencía un tanto sorprendente en Vedra. Tamén baixo a denominación Rias Baixas.
    Pazo de Galegos, pretiño de Santiago. O señor Manolo tivo a deferencia de abrirnos un albariño e un mencía. Digo sorprendente porque no esperaba tan arriba o Mencía. Pero non perde as suas características; antes ben, gana certa finura e claridade no cor. Estupendos ambolosdous.

  3. 5 / Outubro/ 2010

    Cesar, pois fíxese que eu o tinto do Pazo de Galegos aínda nunca llo probei. Grazas pola recomendación, non tardarei moito en facelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *