Estampas pompeianas (II): Sexo e morte

Last updated on 8 / Setembro/ 2010

Continuamos andando por Pompeia:


Fotos: Sole

1.Seeeexoooo. Palabra máxima, palabra máxica. O sexo está por todas partes en Pompeia, aínda que non creo que máis que as nosas cidades. Pero resulta máis simpático, sen dúbida. É o que fai que algúns lugares de Pompeia cheguen ao colapso turístico absoluto. Dinme conta da miña situación un tanto absurda cando me descubrín colándome entre vinte vellas vascas e dándome de cobadazos con tres xaponesas que loitaban polo posto como loitadores de sumo para apreciar, no lupanar de Pompeia, unha pequena estampa de cabaleiría sexual.


Exemplo das minúsculas camas do lupanar

Tense escrito moito sobre o papel do sexo na cultura romana, no que ás veces a simboloxía era diferente á actual. Os numerosos falos que se ven por Pompeia ou se desenterraron aló responden máis ben á idea simbólica da fecundidade e prosperidade. O sexo tamén parecía estar desprovisto de moitos dos preconceptos de suxedade que despois, coa moral católica, se lle apuxeron. Non sempre foi así, tampouco. A partir da caída da república romana e o ascenso ao poder de Octavio Augusto, comezaron tamén a coidarse as formas públicas.

As Termas Suburbanas son un lugar privilexiado para observar que o sexo, en Pompeia, era un desfrute se cadra moi compartido. Abertas ao público despois dunha moi longa restauración, só se pode acceder a elas previa reserva neste sitio web, que é gratuita, pero inflexible. Accédese desde a Porta Marina. As termas suburbanas, fóra das murallas da cidade, pecháronse e sobre elas construiuse unha insula. O resultado foi que esa pequena serie de espazos destinados ao lecer se conservaron case intactos. Hoxe entras aló e descubres unha sucesión magnífica de estancias. O feito da limitación de acceso, ademáis, permite disfrutar deste espazo case en solitario. No vestiario, unha serie de pinturiñas ilustran o sexo, mesmo con escenas lésbicas.

O interesante é que a diferencia doutras termas, aquí non había distinción entre a área de homes e a de mulleres, así que hai quen pensa que isto era un spa erótico, pero tampouco está claro. As Termas Suburbanas son un magnífico e privilexiado espazo. Noutro punto, unha gruta natural no alto con figuras mitolóxicos é a fonte a partir da que a auga cae en cascadas ata unha piscina. Todo ao redor hai incribles frescos con motivos orientais, exipcios, palmeiras. É marabilloso apreciar a noción de exotismo nun mundo tan distante a nós, a percepción do Outro e o gusto por Oriente, nunha sensibilidade tremendamente parecida á que volvería a instalarse en Europa cos movemento estéticos de primeiras do século XX. Bueno, así que isto é o luxo, non? Tremendamente próximo á nosa propia noción do mesmo concepto.

Hai que ver estas termas cos seus vapores da auga; os pequenos ventanucos abertos na zona superior xogarían con efectos especiais, convertindo a luz interior en auténticas columnas luminosas nas que se aprecian as volutas de vapor. O espazo sería máxico. O máis fermoso está nas Termas do Foro. Este espazo luxoso, de mármore e estuco, con telamones sostendo as casillas dos usuarios, é como unha aproximación a flor de pel ao mundo antigo, coma o Panteón.

Sempre son os raios de luz os que me achegan ao mundo antigo.

2. Morte. Por toda Pompeia podes atopar os famosos baleirados de xeso cos que se conseguiu extraer o perfil e volume dos mortos en Pompeia. Ao carón do foro, nun almacén aberto no que meteron todo o que non quixeron levar para o Museo Arqueolóxico de Nápoles, están expostos algún destes mortos. Rostros de horror, de sufrimento, corpos contorsionados en posición fetal polo medo. A estampa é terrible, para min, porque non son mortos normais. Non son esqueletes soterrados que se desvela na necrópole unha escavación arqueolóxica, senón algo tremendamente próximo. A xente se agolpa por toda Pompeia ao redor destas persoas conxeladas no maior momento de pánico das súas vidas. O atractivo de Pompeia é o terror conxelado.

A xente bótalles moedas como se foran músicos de rúa. ¿Por que lle botan moedas á sombra dun home conxelado no medio do pánico? Nestes momentos non podo menos que resentirme e pensar ata que punto toda esta xente é consciente de que esa persoa conxelada en xeso é coma nós.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *