
Non seguín moito a campaña electoral norteamericana, pero si o abondo para observar un curioso e pouco usual detalle. Desde hai décadas, non atopabamos un caso similar no que un político corre a campaña con dous discursos paralelos: o seu, persoal, que el pronuncia -considerábelmente ambiguo e calculadamente baleiro, con esa palabra “cambio” que evitou substanciar de forma clara en numerosas situacións- e o dos seus fans, que se imaxinan o que el realmente pensa ou calcula facer en canto entre na Casa Branca (integración racial, detención da guerra, medidas sociais, medio ambiente, etc). Obama chega a Washington grazas a un imaxinario colectivo que lle coloca expectativas e ideoloxías dispares, máis avanzadas ou máis conservadores da que parece ser a súa propia, e que permite que xente de todas as ideoloxías, desde o Partido Popular, os holdings empresariais, cantantes de esquerda, o goberno español, escritores, activistas medio ambientais, grupos de integración racial ou mesmo a Igrexa valoren a este home coma o presdiente decisivo e necesario. Soa bastante a abeirarse ao gañador para planificar o futuro a curto prazo. Sobre Obama, as súas promesas e ideoloxía permítanme, cando menos, ser algo escéptico. ¿Será Obama un presidente postmoderno?¿Unha páxina web en branco á que ti podes insertar os widgets que necesitas? ¿Será fiel nestes catro anos Obama a si mesmo ou ao seu imaxinario?

No especial de Cuatro recomendábanlle que tentase defraudar canto antes para sacudirse o enorme peso que leva dende onte sobre os ombreiros.
Non creo que tardemos máis de tres meses en despotricar contra este ‘cambio’ que nos venderon estes yankees. Pero que queres que che diga, eu tiña menos de dez anos cando os Miterrand, Kohl ou Gorbachov estiveron no seu esplendor e pasei a miña adolescencia escoitando o mantra da crise de valores e coa fin da Historia de Fukuyama tatuado no meu ‘catecismo posmoderno’.
Os dous discursos de onte, tanto o de Obama como o de McCain, foron dunha altura política enorme, dunha profundidade que inspira.
Non teño ningunha dúbida de que Obama acabará defraudando as ideas que o levantaron da nada, como tamén o fixeron Roosevelt, Churchill, Kennedy, Mitterrand ou Gorbachov. Pero a todos estes, ¿recordámolos polas propostas concretas dos seus programas electorais ou polas ideas que inspiraron?
Certo só en parte, e para cada caso distinto. Roosevelt si tiña un ideario que aplicou, a Churchill lémbraselle exactamente polo que el dixo e fixo, Kennedy foi o máis mitificado, sen dúbida, Miterrand aínda está en proceso de valoración -non foi un gran inspirador, aínda que si tivo unha sólida visión de Estado- e Gorbachov é unha personaxe bastante discutida por moitos círculos e tamén pouco inspiradora.
Obviamente, a lenda, a idea colectiva é relevante. Pero a día de hoxe o realmente importante para todos en relación a Obama son máis ben as decisións que tome este home no primeiro ano de goberno.
Non creo que o faga pior ca Bush.