Last updated on 24 / Outubro/ 2008
Eu hai xa un ano que non imprimo tarxetas de presentación; non me gusta a súa facilidade para perderse, para liarme con elas, a súa estandarización. Cando fago algún contacto profesional e quero que se queden co meu nome, simplemente mándolle no mesmo momento un correo electrónico co móbil á persoa en cuestión; é bastante máis difícil de perder. A miña identidade pública está, máis ben, na rede, aquí en Capítulo 0 e nos sitios sociais, que encaixada nun papel. Como a de todos, vaia.
Agora ben, gústame aínda a entrega física de algo que active a memoria, ou que sorprenda, ou que se faga un espazo na mirada de quen o recibiu. Un usuario, …, deixoume un comentario no post sobre a tarxeta que medra. Falábame da xente do estudo compostelano de deseño cen litros por metro cadrado, que propuxeron esta tarxeta de presentación que está xenial, fusionando campo e conservas e ofrecendo ao agasallado un pequeniño agro de oficina.

Segundo din eles mesmos
Ao empregar unha lata como soporte tratamos de facer referencia ao sector conserveiro coma xerme do tecido industrial galego -sector no que o deseño puido aportar moito ao longo dos anos- pero tamén á cuestión minifundista -piar fundamental da idiosincrasia do país, mal que nos pese-. A carga funcional recae na herba, cuxa capacidade de actuación sobre os cinco sentidos trata de levar a ergonomía a ámbitos que van máis aló do estritamente biomecánico.
Unha idea xenial.

Verdadeiramente impresionante. E se conseguiran que medraran berberechos xa sería a ostia.
Eu ofrecería pementos de Padrón… ;-)
O xornalista Camilo Franco, cando andaba a presentar o seu último libro de relatos facía algo semellante. Regalaba unha lata de conservas que tiña dentro un pequeniño despregable con varias das súas historias máis breves. Tamén tiña unha explicación algo así como filosófica de porque o facía, pero xa non me lembro. Verba volant, as latas manent, que para iso son ‘conservas’
Por certo, é cousa miña ou antes este formulario tiña unha opción ‘previsualizar’?