
Poucas veces ocorre cun libro o que me pasou con El Mundo según Fo. Conversaciones con Giuiseppina Manin, unha biografía-entrevista ao xenial dramaturgo e cómico italiano Darío Fo, que me recomendou Sole. Abres o libro e, de súpeto, é como se subiras a un tren en marcha que viaxa imparábel a través de todo tipo de campiñas e, cando chegas á última páxina, saltas outra vez ao lento mundo porque non fica máis remedio. No camiño, está toda a vibrante vida de Darío Fo, condensada en 168 páxinas; a súa infancia no Lago Como e os seus primeiros amores adolescentes, os inicios no teatro social en Milán, o éxito dos seus espectáculos e os avatares das súas representacións nos países comunistas tralo telón de aceiro, a súa angueira por subverter o discurso teatral dando voz aos que non a tiñan, rescatando e investigando nos volumes do pasado a voz de xuglares, bufóns e contadores de historias tradicionais. Fo revélase como un dramaturgo de saberes enciclopédicos, amante da boa vida e dos follóns necesarios para a axitación e o compromiso. “Teño oitenta anos pero vivín cando menos cento cincuenta”, asegura.
Coñecín o proceso de creación da Morte accidental dun anarquista, unha das obras dramáticas indispensábeis da segunda metade do século XX en Europa: a obra reescribíase e representábanse a diario, actualizada cos últimos acontecementos ocorridos no tribunal italiano no que se xulgaba o suposto accidente e morte de Giuseppe Pinelli, un sindicalista ferroviario que caeu do cuarto piso da comisaría de policía de Milán en 1969. Era teatro, opinión, información, panfleto no día a día, un teatro que era unha peza absolutamente única. A traxectoria vital de Darío Fo, o seu eterno amor por Franca Rame, coa que leva traballando e vivindo man a man desde hai máis de cincuenta anos, engaden profundidade a esta figura totalmente creadora. Cada nova frase no libro é unha reflexión para os que busquen carreira nas artes. Fo debuxa antes que escribe, debuxa para concebir o movemento das súas obras. Estas memorias oficiosas rematan cun paseo polo diminuto salón do seu piso, no que se amorean esculturas e cerámicas desde a época estrusca. O italiano é un coleccionista ávido, que fundiu os seus aforros perseguindo bustos clásicos, que lle interesa a escultura e a pintura porque nela atopa cousas máis difíciles de ver no teatro e, por iso; cada peza, descrita nas mans de Fo, é unha lección sobre a vida, a política e a sociedade.
Saltas feliz do tren en marcha e velo meterse nun túnel entre o bosque. Ficas pensando: “¿e agora que?”.
Unha entrevista de Laura Luccini con Darío Fo para Página 12 (mentres comen tallaríns con carne)

Me ha encantado la entrevista de Dario Fo. Este artista es sin duda ninguna una de las grandes personalidades del mundo! Su trabajo, su ofÃcio, su posicionamiento polÃtico son ensenanzas para toda una vida!
Elisa Lucas-Actriz