Last updated on 8 / Abril/ 2008
Toma nota deste nome: André Arzúa.
Eu xa o fixen e penso recuncar no seu restaurante dentro de non moito tempo. Agora explícoche por que. O outro día, conducindo en dirección Madrid, saín da autovía para xantar calquera cousa en Allariz. Ao dirixirme á vila, observei nunha urbanización un indicador cara unha “Casa de Xantar”. Ante a perspectiva de poder picar algo sen meterme no estreito rueiro alaricano, baixei por alí e, claro, cheguei a esa fermosa zona de Allariz que eu non coñecía…o paseo do río Arnoia, onde está o novo hotel AC e, máis alá, a fermosísima Ponte de Vilanova, sobre o río Arnoia.

Metínme co coche pola ponte, ata dar tombos nun vello tramo de calzada medieval. Descubrín que o lugar, polo que se presumía no seu portal, non era só para picar algo.

A Fábrica de Vilanova é unha antiga curtidoría reconvertida nun fermoso restaurante cheo de espazos máis ou menos íntimos e recordos da vella maquinaria. Pero había algo máis: a carta. ¡Era un flipe! Agardaba esa cociña resultona, algo ilustrada de moitos bonitos restaurantes de vilas turísticas, pero isto era diferente. Un recetario internacional, no que se combinan produtos galegos, a gastronomía peninsular, Asia, Francia, Italia. Unha carta esmerada e coidada, con moitas propostas interesantes ás que non sabías onde atender. Mirei o reloxo: aínda que tiña présa e ía só, ao mellor había que parar e prestarlle a xusta atención ao lugar: non sempre descubres un sitio así de pura casualidade. Así que comín uns magníficos ravioli de queixo de arzúa con noces ao curry (impresionantes, cun delicioso sabor tostado) e un interesante maigret con piñóns (e algunhas cousas máis, pero perdín as notas). De beber, dous viños por copa tamén interesantes: un ribeiro Casal da Barca, unha fresca vía intermedia entre a elaboración tradicional do Ribeiro e un sorprendente sabor a mazá e a froita branca; co pato, ofrecéronme un rioxa ben goloso (tamén perdín a nota), que lle prestaba moi ben ao maigret.

André Arzúa traballando. Foto: web da Fábrica.
En suma, unha carta con personalidade, na que se combinan produtos e elaboracións de moda, moi actuais, cos camiños persoais nos que se aprecian os intereses curiosos e internacionais do mozo chef André Arzúa, do que non oíra falar ata o outro día. Arzúa, a pesar da súa mocidade, xa editou un interesante libro, Cociña, recollendo máis de trescentas receitas, das que oitenta foron ofrecidas xa no seu restaurante fundado no 2004. Nunha entrevista a Galicia Gastronómica, o cociñeiro marcaba as liñas mestras da súa técnica, e dá ideas bastante insólitas para a filosofía gastronómica do país:
Dedicamos moito tempo a viaxar e investigar. E facémolo moito en países menos desenvolvidos que o noso, onde as dificultades ou as carencias permiten sacar pratos da nada. Pode ser Hungría, por exemplo, cunha cociña moi interesante e unha repostería exquisita, ou Cuba, onde con nada poden preparar un prato delicioso. Tamén viaxamos por países do primeiro mundo e ata en Estados Unidos, a pesar da mala fama da cociña rápida, atopamos cousas interesantes.
Na miña impresión, nesta cociña trabállase con nivelón e, de mirar a mocidade do chef, espéralle un brillante futuro. Ademáis, Arzúa xa parece estar preocupado por definir unha personal brand, construíndo tamén a súa figura pública con intelixencia. A sorpresa saíu por 28 euros, pero supoño que nun xantar algo máis completo andará nos trinta e cinco. Non hei tardar moito -nos vindeiros meses teño que ir, cando menos un par de veces, a Allariz- en recuncar na Fábrica de Vilanova e coñecer máis do estilo tan persoal da cociña de André Arzúa: espertoume ben a curiosidade. Este cociñeiro dará que falar. Tempo ao tempo.
A Fábrica de Vilanova. Telf. 988442434. Localización no interior do post.

Ei, señor magago! o que me sorprende realmente é que vostede inda non visitara a Fábrica. André estivo traballando no Dezaseis, restaurante compostelán que vostede ben coñece, e cando abriu a Fábrica a carta era un duplicado da do Dezaseis, polbo á grella incluído. Eu usábao pra xantar “no Dezaseis” cando estaba visitando a meus pais en Ourense.
Pero co tempo a cousa foi cambiando: pechan a Fábrica meses enteiros pra ir de exploración gastronómica por aí fóra, o trato é estupendo e o xantar, como vostede ben di, é orixinal pero ao mesmo tempo comedido. Encántame que lle gustara.
O único que lamento é que, de saber que vostede non coñecía o restaurante, o tería convidado eu a vostede, que xa vai sendo tamén hora de que xantemos ou ceemos algún día xuntos.
Apertas, e parabéns retrasados.
Tamén, por outra parte, mire que meter o coche ata o fondo… :) Co xeito que dá aparcar antes da ponte e cruzar eses 100 metriños a pé sobre o Arnoia… :)
Cesare, pois me acaba de abrir a memoria. Algunhas racións de polbo á grella, efectivamente, me ten servido André no Dezaseis! Sobre o de cruzar, o que non sabe, xa se sabe.
Xa porá data para o outro.