Gerês: cuestión de ánimos

geres.jpg

Ei, sei que non debera ser así. Son do Barbanza. As miñas primeiras (e as segundas) botas de montaña queimáronse baixo mares inmensos de toxo no alto da serra, nos que sobresaían como cons mariños as penedías graníticas -algunhas aínda gardan abrigos e restos de habitación humana-. Son do húmido deserto de brañas, paisaxes illadas, frío e ventisca á noite. A miña educación visual está, primeiro, nas peladas liñas amplas de horizontes montañosos que agora as eólicas nos romperon por todo o país.

-Isto é unha cartografía do ánimo -dixérame un amigo, nun arrebato de inspiración, despois dunha longa xornada atravesando os dous, en soedade absoluta durante todo o día, o que quedaba do camiño real que atravesaba os Chans do Barbanza

Pero vou polo Gerês e nin o recoñezo, nin me recoñezo. Este é o único Parque Nacional de Portugal. Atravésao unha calzada romana que cruzaba estas soedades montañesas desde a veciña Braga e entra na actual Galicia polo corniño do sur do noso mapa político, na Portela do Home entre Entrimo e Lobios. O parque defínese pola densidade pétrea, puras bólas de granito, aquí chamadas fragas: este falso amigo lingüístico resulta sobre todo paradoxal. Un mira os mapas dos sendeiros, cheos de referencias a fragas de fermosos nomes, e imaxínase espesura verde, pero erro: as fragas son pedras prominentes, dentro de páramos pétreos. A soa perspectiva de facer quilómetros baixo un solleiro, co único acompañamento do granito e do toxo, resúltame hoxe escasa, ou insuficiente, porque poucas cousas hai que me chamen a atención no camiño que fagamos. Se cadra, tralo inverno, os ollos pediran unha fauna ou flora máis rica, unha abundancia visual. Ademáis, voume cargando unha certa carraxe interna: como o parque nacional está anegado por embalses, barragems, incorporados á oferta turística coma se foran lagos suízos, pistas inaxeitadas, algúns roteiros enferruxados, desdebuxados, os incendios que abrasan a carqueixa que sobrevive nestas alturas, os 75 euros por noite que pagamos por unha xélida habitación con vistas a un tellado e unha exasperante lentitude no servizo.

Eu son desta paisaxe ampla e pobre. Crieime nela. Pero o corpo pedíanos moitas cores. Nas viaxes, hai lugares que representan o teu estado de ánimo, que son como dicía o meu amigo, unha cartografía. Para outros, pola contra, sabes que non é o momento. E que non estás no lugar.

4 Comments

  1. 23 / Marzo/ 2008

    Non sempre sae todo como o pensabamos.
    Eu tampouco sabia da diferenza entre fragas galegas e portuguesas.

  2. 24 / Marzo/ 2008

    Ás veces non é cuestión de ánimo, senon porque nos creamos unha idea do que imos a ver que non se corresponde coa realidade… Igual é por iso polo que eu non son de documentarme demasiado cando vou a un sitio novo, senon so o necesario para saber o que me vou a atopar. Así, non levo grandes decepcións, pero si moitas boas sorpresas…

  3. 24 / Marzo/ 2008

    O certo é que a min me gusta esa paisaxe erma, pero non era o tempo. Unha paradoxa que ata agora non experimentara. Imos vellos, seica. ;-)

  4. F.Xavier Perdiz
    31 / Xullo/ 2008

    Sinto que non déses co sitio ou coa hora! Eu son do Gerês (así lle chamaron sempre os viciños de Lovios e Entrimo, con “g” sonora, até que a Xunta, o ILGA ou a RAG inventaran iso de Xurés, Guxinde, etc. ). Dicirvos que a nosa serra, a do lado galego, ademáis das serras do Pisco, Pena, Leboreiro, etc. están cheas de “fragas” (Fraga Roxada, Fraga Rachada,Fraga da Cabada, Fraga Rubia, Fraga dos Vidos,Fraga da Fulipa, a aldea da Fraga, Fraga do Touro, Fraga do Mediodía, Fraga Escura, etc, etc.) e todas, todas, son sempre grandes penedíos de difícil acceso, eu nunca penso noutra cousa máis ca en grandes moles de pedra cando me nomean unha fraga.
    Dicirvos que o Gerês, para nós, non son esas presas nin eses hoteis de caldas; para nós o Gerês son as ducias de “currais” (pradería de montaña) por riba dos mil metros, cos seus curros, as suas fontes, as suas cabanas de pastor(chivanas), os seus carballos centenarios, as suas historias de “pegureiros”(pastores) e “veceiras” comunitarias a vivir os meses de calor na montaña; os seus camiños empedrados que unían os dous lados; as historias de contrabando e de perseguidos; as miserias das minas do wolfran; os autenticos vales e montañas da morte (como o Salas ou o planalto do Leboreiro) con centos de mámoas e “motas”(antas); os seus carreiros de montaña e derrotas(sendeiros ocasionais e pouco marcados), coas sempre presentes “mariolas” (fitos); os foxos do Lobo, tanto circulares (de “cabirta”) como de converxencia (algúns kilométricos); as “sillas” para preservar dos osos as colmeas do mel , os pequenos rodais de teixos, os acereiros relictos do pasado, o lirio do Gerês, a erva de namorar do Gerês e os guillomos; os lobos, a aguia real e a víbora cornuda; a vaca barrosa ou a pisca (cachena) empoleiradas nos penedos (son vacas-cabra ancoradas no pasado de miles de anos, ailladas nun “Parque Gerésico”); son as miles de “fechas” e “fecheiras” (cascatas), de pozas e “olas” de auga cor esmeralda nas que te podes bañar mentres abres a boca e bebes… Para nós o Gerês é volver subir a esas aldeas de altura que se chaman “Brandas” ou “Verandas” tal como subía antano desde as “Inverneiras” (aldeas do val) esas xentes dos Montes do Leboreiro, levando todo: carros, aparellos, mobles,pitas, cans, o gato, aos nenos, os abos, os enfermos…sempre no mesmo día da primavera de todos os anos(fenómeno que só se ve nos Alpes) , para nós é percorrer as aldeas con miles de socalcos colgados no aire, con unha agricultura imposible; para nós é visitar eses centos de aceviños que non os dán rodeado 2 homes, no alto do Soajo. Tamén é a cultura do aceite e os seus lagares, das laranxas e limoeiros, do viñoverde, das Quintas, da posta barrosá, do millo, do centeo, do trigo e das patacas de altura, do caldo verde, dos afumados (como esas alleiras dos deuses); é o lugar dos “pisoes” para impermeabilizar a lá; das pozas de “enxeño”; dos fornos comunais de arcos, contrafortes e cubertas pétreas; dos “bois do pobo” e das “chegas de bois”; dos traballos comunitarios nos fríos invernos de neve e xeadas (eses “fusos”de carambelo sempre pendurando das casas e palleiros cubertos de “colmo”!) nos planaltos do barroso galego e portugués, do Couto Mixto…
    Xa nin sei cantas cousas máis. Teño 49 anos e nunca durmín nun hotel do Gerês, pero durmín moitas veces no alto da serra cos meus amigos, e bañeime debaixo das súas fechas, e percorrín os séus camiños vellos e, sobre todo, falei moito coas suas xentes…é por iso que igual o vexo doutro xeito. Ao Gerês pendúranlle tres valores: natureza marcando os límites de occidente e de norte-sur, a sua morfoloxía e paisaxe e en último lugar a sua pegada humana. Coñecendo algo estas serras, deseguida se decata un que o principal valor é o último, a profunda humanización deste espazo desde tempos remotos; e é este o valor que eu sempre aconsello ao visitante. Perdoademe o atrevimento, pero O Gerês non o vexo nunha extrema, vexo no cerne da vella Gallaecia, vexo ainda nas suas xentes da montaña os vellos costumes que nos fixeron distintos (non din que os romanos lle deron o nome a Galicia polos habitantes que toparon na zona do Gers, e que chamaron “galaicos”?!)
    Invito a que nos visitedes en boa hora.
    Para o que queirades, xavierperdiz@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *