
Inicio do Encontro. Foto: César R. Carril

Diálogo con Carlos Maribona, Pau Arenós, Pep Palau, Rafael Ansón e Ferrán Adriá. Foto: Sole

Blogueiros atendendo o Diálogo. Foto: César R. Carril.

Irene García. Foto César R. Carril.
Unha primeira reflexión: non é o mesmo falar de blogs que de blogs.
Explícome: ata o momento tiña asistido a eventos nos que se reflexionaba sobre os blogs en xeral, e falabamos da súa relación con outros medios de comunicación. O certo é que, a pesar da algarada, as cifras da blogosfera son pouco relevantes e o seu nivel de penetración global na sociedade resulta reducido alén dos contidos que son elevados á televisión ou outros medios -habitualmente frikis-, e algunhas excepcións á regla.
Pero baixemos de escala. Descendamos á gastrosfera, ou a calquera outro sector temático: coches, moda, música. Os blogs gastronómicos ocupan unha pequena porcentaxe númerica da tarta temática da blogosfera, dominada pola tecnoloxía, a política, a cultura e o diarismo. Pero no seu sector económico concreto, a hotelería e restauración, a penetración é altísima. Decatámonos estes días, cando ao falarmos con moitos profesionais do viño, dos restaurantes, de produtos de alimentación ou de hoteis, nos comentaban que eran ávidos lectores de blogs. Ocorre o mesmo no mundo do investimento bursátil, do deseño de mobles e da mediciña. A pequena escala, a blogosfera ten un elevadísimo grado de penetración entre os profesionais, como fonte de información, de crítica e de comparación. A blogosfera afecta, en gran medida, ás revistas especializadas, se cadra máis que ás xeralistas. Se cadra non esteamos investigando e valorando ben isto, perdidos no show das macrocifras.

Pep Palau e Ferrán Adriá. Foto: César R. Carril
Unha segunda reflexión: segundo Ferrán Adriá, os blogueiros debemos ir moito máis alá
Gustoume moito ese fervello que é Ferrán Adriá. Non vou caer na mitomanía, pero nos intres que estiven con el ou o escoitei nestes días salíronlle, como faíscas incontroladas, relampos de lucidez. Adriá ten un pensamento desordeado, pero decateime ao pouco de falar con el, de que facía que provocara fascinación. Que, dalgún xeito, sempre vai un paso por diante. Se cadra non saiba moi ben como. Pero é pura intuición. Un pensamento desordeado e sinxelo, que máis alá da súa capacidade de comprensión tecnolóxica antepón a claridade das súas necesidades. É un entusiasta da rede. “Uso Flickr para ver os platos novos do Charlie Trotter e é xenial”, dixo, “¿por que non hai algo que agregue todas esas fotos de todos os restaurantes interesantes para podelas ver xuntas?”. Un caso claro. Un paso por diante. En privado, a Adriá se lle entende algo menos, pero pero segue aí na brecha: “os blogs aínda tedes que ir un paso máis alá, aínda tedes que arriscar máis”.
Terceira reflexión: futuros e presentes.
No Diálogo observábanse con nitidez os futuros e os presentes. Algo que se advirte na crítica convencional con isto dos blogs (tamén están enganchados a eles, mesmo os que non teñen blog, ou están comezando timidamente con el). Mentres Rafael Ansón defende a vixencia da guía como un elemento práctico básico e sinxelo -aínda que non tiña moita idea de como se estaba distribuíndo a guía Campsa que el dirixe en Internet-, Carlos Maribona defende que a historia se acaba, que os blogs devorarán ás guías. Non teño tan claro nin unha cousa nin a outra, polo menos a curto prazo. Adriá afirma: “se cadra se acabe formando outra cousa que non sexa nin a unha nin a outra”. E eu creo tamén que o camiño está no magma que se está a formar, e que podemos observar se voamos un pouco por riba desta marea dixital. Están os blogs, pero cada vez máis fortes, as comunidades sociais. Aplicacións máis potentes e interconectadas. Identidades moi flexibles. O dixital está evolucionando cara produtos máis sólidos. E os blogueiros máis veteranos están a facer publicacións que xa son case micromedios, como di Juan Varela. Dáme a impresión de que no Fórum 2010 se cadra a palabra para falar disto xa non sexa blog, senón outra cousa, aínda que algúns seguro que aínda non se terán enterado. E posíbelmente mellor. Agora hai que inventala.

Be First to Comment