Onte presentouse na Pobra do Caramiñal o novo Anuario Barbantia, a singular publicación promovida pola asociación cultural do mesmo nome. No libro presento un pequeno estudo sobre o petróglifo de Pedra Leirada II (así é como o denomina a Xunta, pero en realidade é simplemente Pedra Leirada), no que hai máis dun ano puidemos recoñecer que baixo os cruciformes definidos na ficha oficial do petróglifo había unha interesante serie de motivos prehistóricos. O petróglifo está na Pobra do Caramiñal. No artigo fago a proposta de que os cruciformes están a interaccionar de maneira moi determinada cos motivos prehistóricos.
Iso é o que comunmente se chama “cristianización”. No artigo critico precisamente ese lugar común: para moitos as cruces significan “cristianización” e punto. Pero quedarnos aí é como dicir que un coche ten motor e listo. En realidade os asuntos son máis complexos. Por que hai petróglifos cristianizados e outros non? Por que hai estacións de arte rupestre con moitas lendas e outras que aparentemente nin se consideran na sociedade tradicional galega? É toda a “cristianización” igual?
En realidade eu penso que baixo esa palabra paraugas que é a “cristianización” agóchanse moitas cousas distintas: desde marcos de fincas e territorios, acordos entre comunidades refrendados unha e outra vez, “marcas de memoria” (morte repentina ou violenta de alguén), peregrinacións… ata rituais de desencantamento de tesouros, apropiación ritual do poder dunha pedra, eliminación do poder simbólico do gravado, ata moitas outras posibles prácticas. Teño a crenza de que sobre os petróglifos galegos pasa unha cousa que tamén acontece con outras partes da nosa historia, que é a especialización por épocas. Como prehistoria e historia son ámbitos de estudo moi diferenciados tanto na arqueoloxía como noutras disciplinas, e ademáis porque no ámbito dos petróglifos a Prehistoria adoita seducir moito máis que os motivos máis recentes…, as cruces fican en territorio de ninguén. Non hai moitos historiadores da arte interesados nelas, os antropólogos non atopan claramente referencias orais aos seus diversos usos, a maior parte delas non aparecen na documentación histórica…
Pero non por iso deixan de ser relevantes, e por un motivo principal. As cruces son unha parte máis da vida dos paneis da arte rupestre, tan importante como as etapas anteriores. Dan conta dunha sociedade, dos seus intereses e prioridades. Desde o punto de vista desa laxe ou pedra e a súa relevancia na nosa paisaxe cultural, tan importante é o que nos conta sobre o século XIX o XX que o que nos fala do Bronce ou da Idade do Ferro. E, moi posiblemente, a representación das cruces nos estea a amosar unha densa riqueza cultural, chea de símbolos, usos e crenzas, que é invisible para nós porque estamos sempre a buscar o cervo, a combinación circular ou o labirinto. Ten sentido que esquenzamos arbitrariamente unha parte da representación, ou sexa, unha parte da historia dunha pedra?
Poden os motivos cruciformes históricos contarnos cousas sobre a vida dos petróglifos? Eu coido que si. E neste artigo propoño algunhas.
Podes consultar o artigo en academia.edu
E aquí está o petróglifo en 3D, por se lle queres botar un ollo:
Be First to Comment