Algunhas cidades teñen un nome de tal sonoridade que, en si mesmo, é todo un convite para que se visiten: Smara, Samarkanda, Tombuctú. Os nomes das cidades acaban por fascinar de tal xeito que moitos viaxeiros se teñen desprazado miles de quilómetros, só para pisar a terra á que alguén nomeou de forma sonora e vibrante. A unha escala máis modesta, a min tenme pasado desde hai moitos anos coa mítica cidade desaparecida de Proencia, supostamente ubicada na parroquia de Proendos do concello lugués de Sober, aos pés do precipicio do canón do Sil. De Proencia, a antiga cidade de mouros, tes máis información en Galicia Encantada.

Por diante do desvío a Proendos xa pasara moitas veces, pero nunca tivera tempo para achegarme ata a igrexa parroquial de Proendos e a pequena aldea que a rodea. Achegámonos por un estreito camiño entre dous muros vellos que leva ata a igrexa. A igrexa conta cunha ruinosa, enorme e maxestuosa reitoral adosada. Confeso que me guiaba polo preconcepto que teño dos xacementos arqueolóxicos do país: buscamos ao noso redor a elevación onde poideran existir un castro que os paisanos chamaran a Cidade ou a Cividade. Pero Proendos era chan e verde como a campiña francesa.

-É que a cidade de Proencia estaba embaixo de Proendos -díxonos unha muller.
-Todo debaixo das nosas casas está a cidade de Proencia -remarcou José Gómez, o seu home, despois- hai anos naquel eido atopáronse tumbas, e nós descubrimos un forno no noso pozo negro. E haiche moitas pedras curiosas.

Unha palabra gráfica moi fermosa usada no Barbanza é rever, que é cando a humidade parece saír de debaixo das pedras e das lousas e estas súan. Amábelmente, José comezounos a ensinar aldea adiante como a cidade de Proencia revía baixo os pés, e de xeito marabilloso baixo a actual aldea de Proendos, a cada patada que daban os labregos na terra. Vella tella romana ou medieval insertada entre os muros. Grandes cadrados de arxila empregados para o enlousado de fornos. Unha enigmática pedra estreita con cazoletas por tres dos seus lados, agora aproveitadas nos muriños do antigo xardín da reitoral e que ten un equivalente case exacto apoiado no muro da igrexa. E nese mesmo adro, no chan, un sol debuxado nunha pedra con todos os seus raios. Alá, no interior da finca dun chalé, aparecen dous petroglifos coa clásica forma labiríntica. E nos muros da finca do cura, o vello ensínanos algo fascinante.

proencia_1.jpg

proencia_2.jpg
De como Proencia reve baixo Proendos. O petroglifo e o reticulado castrexo.

Cos seus dedos, José Gómez pasa as mans sobre un granito que, agora, se revela cheo de gravados indistinguíbeis, pero aí están. Un pouco máis alá, aparece algo aínda máis chamativo: un fragmento dun reticulado castrexo, pura decoración con máis de dous mil anos de antigüidade, e dos que hai moi poucas mostras en Galicia. A antiga cidade de Proencia, se cadra un asentamento galaicorromano ou suevo, parece asomar por entre a herba de cando en vez e empurrar para a superficie un anaco da súa lexendaria existencia.

No interior do post hai un mapa de localización con algúns elementos arqueolóxicos visíbeis (ou que xa non existen, pero coa súa localización indicada por José Gómez).