Recreación dun barco romano afundido en Guernsey, por Penny Dorey

As últimas intervencións arqueolóxicas están a revelar unha fotografía cautivadora do último tramo do río Ulla, alí onde se xunta coa ría de Arousa. Coa descuberta do Mercado dos Mouros, en Valga, os investigadores están a obter un posible fascinante retrato da penetración do primeiro comercio romano en Gallaecia: pequenas illas pantanosas no sur da ribeira do río Ulla que exercerían de pequenos destacamentos comerciais, conectando por vez primeira a cultura romana co interior do país dos galaicos.

Publiquei esta reportaxe orixinalmente en culturagalega.org, o 4 de novembro de 2014

A descuberta do Mercado dos Mouros debeuse á teimosía de varios veciños de Valga, desde o alcalde José María Bello ao pescador Pepe Potel, veciño do lugar máis próximo ao sitio arqueolóxico, Laxe. O señor Potel buscou pola ribeira do Ulla en marea baixa e atopou unhas estruturas de pedra liñais que tiñan uns 60 metros de longo. Logo decatouse de que había unha finca próxima nun lugar no que lembraba que os devanceiros da casa aludían a el coma o sitio no que os mouros facían un mercado. Con tan suxerentes pistas, o concello fixo unha limpeza do sitio e no tocón dunha árbore caída atoparon unhas cerámicas de cronoloxía romana.