Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.
Le a historia completa »Tendencias en novos xeitos de comunicar
Experiencias gastronómicas para compartir en ración grande
Viaxes e exploracións por todo o mundo
Moleskine dixital para entusiastas do pasado-presente
Libros, discos, pelis, TV, videoxogos…

E trala novela histórica, volve a novela negra. E logo volverán outros, así que se es escritor e estás especializado nun xénero aparentemente perdedor, porfía: en dez anos poderá chegar o teu momento e tirar rendibilidade desas.
Fred Vargas non é nórdica, senón parisina, pero as súas novelas negras, protagonizadas na súa maior parte por un excéntrico personaxe, o comisario Jean-Baptiste Adamsberg, triunfan e por motivos evidentes.Pars vite et reviens tard, traducida ao castelán por Blanca Riestra para Siruela como Huye rápido, vete lejos é unha excelente novela con puras pretensións de entretemento de calidade, o cal sempre me parece de máis mérito que tentar escribir a gran novela nacional. Nesta volta, un asasino pinta as portas dos pisos de París cun número 4 invertido que salvará aos habitantes do avance dunha suposta nova peste ao xeito das vellas pestes medievais. Un tema que a propia autora coñece ben pola súa propia profesión: arqueóloga especializada no mundo medieval con bibliografía publicada sobre a peste. Canda a historia, que engancha, o máis divertido é o elenco de personaxes bretóns que acompañan ao comisario Adamsberg na historia. Os trazos cos que están representados son, especialmente o pregoeiro, os propios dun Cunqueiro do Merlín e Familia ou en calquera narrativa de tipos populares da nosa literatura.
Fuxe rápido, marcha lonxe non defrauda.
Hai que compartir as viaxes. No 2007 relatei a nosa viaxe á Toscana en Capítulo Cero, ofrecendo breves apuntamentos e fotografías dos lugares viaxados. No 2008 insistín: contar a nosa viaxe á Bretaña levoume case todo o mes de setembro, pero fiquei contento do resultado: recorrín a eses apuntamentos dixitais numerosas veces despois, pero conforme se vai achegando á primavera, polo que se ve nas estatísticas, numerosas persoas consultan estes textos e os empregan -polo que me contan- para emprenderen as súas propias viaxes a esas terras. Desta volta, na nosa viaxe á Italia Meridional e Sicilia, faremos o mesmo. Serán crónicas persoais, pero tamén datos prácticos, deses que non son doados de atopar ata que non te atopas coa realidade in situ, por se vos vale de algo a nosa exploración, as nosas aventuras e (poucas) desventuras. Tentarei escribir con paixón, pero tamén con precisión. Hoxe, ao longo da noite, comeza a guía da Italia Meridional por Capítulo Cero. Agardo que vos guste (e vos sirva, a quen queirades baixar ás cálidas terras, o corazón do Mediterráneo).
Por simplificar, concentrarei os posts na mesma categoría que a anterior viaxe: Italia.

Empanada de atún. Fotos: Sole
A marca luguesa Kentes remíteme dúas empanadas para “fondo de neveira” para probar. Confeso que non lle adoito ter medo ao concepto ‘comida precociñada’, senón ao de cociña mal feita ou ben feita. Nas sociedades actuais non sempre temos o tempo desexado para ir á praza de abastos e preparar un guiso a lume manso. O problema é cando a alternativa son subprodutos de dubidosa calidade.

Interior da empanada de atún.
Non é o caso de Kentes. As empanadas de atún e de carne que me remitiron son un gran traballo non só de cociña senón de deseño de produto. A apariencia externa da empanada procura respectar a decoración da tapa das empanadas tradicionais. No interior, a empanada non racanea en rustrido. A de atún tomámola en frío, despois de deixala respirar uns 20-25 minutos; a de carne probámola tras darlle 6 minutos nun forno a 200º, con resultados aceptables e sen secar en exceso o interior. A masa é fina, pero non reseca, que é do que adoecen moitas veces estes preparados. Non son empanadas frescas de Noia, obviamente, pero resultan moi óptimas para resolver situacións e improvisar ceas rápidas. Das empanadas de pequeno formato que teño mercado en supermercado as mostras que nos enviaron son, con diferencia, as mellores. E paréceme estupendo que sexa unha marca galega a que tente tirarlle este tipo de proveito aos nosos produtos.

Gomariz desde o alto dos viñedos.
Din que José Luis Cuerda ía facer unha curtametraxe, pero chocou contra algo que lle fixo imposible deixar a filmación nun cuarto de hora. Ese algo era o Ribeiro, unha comarca ben difícil de comprimir en poucos minutos. Cuerda realizou o documental Ribeiro do Avia, que é a carta de presentación dunha nova asociación empresarial do mesmo nome que procura crear un selo de prestixio para a comercialización internacional das adegas ubicadas na zona do Avia.
Hai tempo falabamos do proceso de localización que estaba a vivir o viño nos viñedos máis consolidados de Europa, a semellanza do que acontece en zonas como Burdeos ou Borgoña. Era o caso dos vi de vila do Priorat. A identidade por debaixo das denominacións de orixe, procurando a identificación de vales, encostas e ribeiras. Era obvio que en Galicia, dun xeito ou doutro, isto remate por acontecer. O paso dado polas adegas Coto de Gomariz, Armán, San Clodio e Viña Meín vai neste sentido. As catro son adegas de calidade, aínda que de estilos ben distintos, e moitas delas son senlleiras gañadoras de postos de honra nos concursos enolóxicos do país.
No documental, José Luis Cuerda vai enumerando con paso de vagar os sinais de identidade que no transcurso do tempo fixeron desta terra de viños un lugar único en Europa. É un paso máis para a visibilidade internacional do Ribeiro.

Mañá iniciamos unha longa viaxe que arelamos. Despois de 24 meses sen vacacións reais, cos deberes cumpridos e cunhas inmensas gañas de descanso, emprendemos unha das nosas viaxes co rumbo e a axenda aberta. Pasado mañá cruzaremos o Mediterráneo co coche na adega de Grimaldi e atracaremos preto do vello porto do Imperio. E de alí, ao sur, ao sur.
Así que este blog irá a modiño, pero non se interromperá. O querido Cron irá publicando algunhas cousiñas de interese nos vindeiros días e, ao mellor, se non me dá preguiza, tamén entrarei algunha que outra vez a saudar. Só poño unha condición: facelo desde algures ao carón dun mar esmeralda, ou baixo as sombras duns lemoeiros, cunha copa de Nero d’Avola e os ollos cheos de descanso. Seguro que nalgunha ocasión se cumpre esa condición.
Pasádeo ben. Todos nolo merecemos.
Remítenme un exemplar de Caney. Breve historia de la cocina, una reflexión para sibaritas, sobre gastronomía en Galicia y el nacimiento de un perfecto modelo contrastable, de Xurxo Fernández, editado polo restaurante Caney de Santiago. Ben, o libro é tal e como o propio escritor. Ti sabes que anda por aí cando suceden dúas cousas: percibes o cheiro indistinguible dos negros Gitanes que fuma Xurxo, e cando escoitas unha gargallada camuflada entre o persoal. Se é certo que os libros se parecen aos seus autores, este Caney é cuspidiño ao escritor, pero o propio libro é unha versión libresca dun gran xantar. Moitos libros gastronómicos escríbense como amenas e intelixentes coleccións do anedotario gourmet ao longo dos séculos. Este non é menos. Entrelazando a erudición gastronómica con datos biográficos, nun tecido persoal, o libro parece a crónica dunha dilatada cea entre amigos que comparten risos e historias ao redor dos pratos, dos produtos e dos persoeiros que os disfrutaron ao longo dos séculos. Brilat-Savarin, Bibendum, o Conde Lucanor, Otero Pedrayo, Lugrís Freire, Marco Ferreri, coello á cazadora á versión sarriana ou o tabule de Sheherezade. Unha conversa anárquica e divertida que podes coller en calquera punto e abandonala (momentaneamente) en calquera outro. Como toda boa conversa nunha mesa con amigos.
O libro pode adquirirse no restaurante Caney (Santiago de Compostela) por 16 euros. En Issuu poden previsualizarse algunhas páxinas.

Leo, releo aos viaxeiros do Grand Tour -a viaxe iniciática dos mozos cultos europeos que era a culminación da súa formación e preparación para a madurez-, mentres preparamos a inminente viaxe á miña querida Italia. Recoméndovos moito un libro magnífico de Attilio Brilli, El Viaje a Italia. Historia de una gran tradición cultural, na que debulla as razóns e os xeitos destas viaxes emprendidas pola mocidade europea, e que alén dos monumentos, os máis espilidos mozos e os seus titores tamén aprendían de gobernos, corrupcións, comercios e xentes. As fascinacions das viaxes sempre son tan interiores como exteriores, son lecturas exteriores de libros, contrastes. Tamén teño aberta na mesilla un libro delicioso: a Viaxe a Italia de Johann Wolfgang von Goethe. En Nápoles, ano de gracia de 1787, o preclaro Goethe chega a esta marabillosa conclusión:
As descricións e metáforas [de Homero] parécennos poéticas e, sen embargo, son dunha inefable naturalidade, aínda que expresadas con tal pureza e profundidade de sentimentos que nos asustan. Ata os acontecementos máis asombrosos e falsos son dunha naturalidade que nunca sentín antes de estar preto dos obxectos descritos. [...] Eles describían o terrible, nós describimos de xeito terrible; eles falaban do agradable, nós falamos agradablemente, etc. De aí vén todo o esaxerado, amanerado, toda a falsa graza, todo o ampuloso.
Unha viaxe, para min, é algo así. Alén das fotografías e estampas, unha viaxe ten un trasfondo de cuestionamento, un enfrontarse ao coñecido e revelalo. Hai que procurar escribir do terrible, non escribir terriblemente. Mellor unha verba menos que unha verba falsa, ou mecánica; cada verbo debera ser sentido, coidado e escollido coas súas últimas consecuencias, sen que iso concite graves reflexións, senón máis ben auténticas e rápidas decisións. O mundo está demasiado cheo de escritura automática. Goethe escribía, por veces, como Homero, aínda que el non o soubera. Esta era unha delas.