From the category archives:

viño

OroWines e Vinos del Habla: maratón de catas en Compostela

18 Novembro, 2008

Tremenda sesión de cata onte pola tarde en Santiago, para poder coñecer viños interesantísimos que non están ao alcance de gran parte dos petos. Por unha banda, os viños promovidos por Jorge Ordóñez (o principal importador de viños españois nos Estados Unidos) a través do seu proxecto Oro Wines (enólogos itinerantes por denominacións, creadores de viños preparados para un público internacional), nunha presentación argallada pola distribuidora, Redoma Calidad. Alí puiden catar esas marabillas que son El Nido 2006 e o Mas de Can Blau 2006, así como os alucinantes viños doces malagueños de Ordóñez (que son unha locura, tanto o 2 coma o 3).

Do Araguaney, a todo correr ata a Viña de Xabi, onde se presentaba un proxecto que tiña moito interese en coñecer, os Vinos del Habla, de Trujillo (Extremadura); o equipo da adega propúxonos unha vertical dos cinco viños que sacou ao mercado a adega. Todo moi intenso. Resumido, procesado e anotado, pódelo ver en The Wine Codex.

{ 0 comments }

The Wine Codex, unha guía independente dos viños da Península

14 Novembro, 2008

Ben, pois ese é o título do meu novo proxecto, The Wine Codex. Trátase dunha pequena guía persoal aos viños da Península Ibérica destinada a un público internacional. Está redactada en inglés e o que pretende é compartir o coñecemento sobre bos viños da Península Ibérica. Nos últimos anos teño catado moito viño francés e italiano, os dous países máis prestixiados en termos vinícolas; ao facelo, decateime da enorme altura de moitos viños do Estado español e Portugal, unha calidade que choca con enorme descoñecemento da diversidade e riqueza vinícola deste suroeste de Europa. Case todas as guías de viño son de pagamento, e os internautas non peninsulares que queiran saber sobre viños da España e Portugal con rapidez na rede deberían pagar, por forza, a subscrición ao sitio de Robert Parker. Debera haber outros camiños, ¿non?

Notas de cata como nubes de tags

Observei que, na rutina diaria, a cata dos viños dá moitas veces pequenas notas que non acadan entidade para saíren como posts en Capítulo 0; pola contra, acumuladas, etiquetadas e recuperadas podían ser, con tempo, unha información moi valiosa. Así que decidín converter o meu caderno de notas persoal nunha base de datos orientada a consumidores e afeccionados ao viño coma min. Por exemplo, en The Wine Codex, as notas de cata son, en realidade, nubes de tags. Nada de complexas, longas e supostamente asépticas e obxectivas descricións de viños que só expresan percepcións moi, moi persoais. Prefería definir as características máis destacadas e sobresaíntes dos viños, e facilitar a creación dun corpus de sensacións e gustos (¿gústanche os viños concentrados?¿con forte presenza de froita vermella?¿con acidez elevada?) que permitira navegar a base de datos ao teu gusto, combinado con outras características de consumo do viño nos países anglosaxóns. Por exemplo, o feito de escoller moitas veces o viño pola variedade de uva, e non pola denominación.

The Wine Codex nace como un caderno persoal, que a tecnoloxía permite sistematizar para converter nalgo máis complexo e aproveitábel. Os criterios da cata e da valoración exprésanse no Tastelogue, pero parten dunha base: non podemos facer obxectivo o que, por forza, superados certos niveis de calidade, é subxectivo. E iso acontece co viño. Pola contra, si podemos amosar a nosa independencia. En The Wine Codex non vendemos viño, non somos asesores de comunicación de ningunha adega, non organizamos ningún congreso ou feira vinícola. En The Wine Codex catamos os viños nas barras dos bares, nas mesas postas no xardín na primavera, vendo unha boa peli na casa un fin de semana da invernada; non é cata aséptica, é a cata dun consumidor para outro consumidor.

Notas técnicas
A nivel tecnolóxico, paseino coma un enano desenvolvendo a beta que agora podes ver. Tratábase de exprimir Wordpress ao máximo a través da súa característica de campos personalizados para convertelo nun banco de datos con capacidade de xestión, personalizando a maqueta externa, os formularios internos, cargando plugins. Detrás de The Wine Codex hai un bo lote de horas e un feixe de coñecementos que aprendín. E os que lle quedan!

The Wine Codex irá evolucionando e incorporando viños continuamente; aínda que agora haxa poucos, ao cabo duns meses converterase nunha publicación interesante na que poder consultar marcas, obter datos básicos sobre o seu sabor e olfato, así como a súa calidade. Agradezo calquera comentario ou suxestión para melloralo.

{ 16 comments }

Altares de Postmarcos 2007: unha nova vía para o Albariño no Barbanza

5 Novembro, 2008


A casa e adega Entre os Ríos, na Pobra do Caramiñal

Hai algo no albariño, como variedade vitícola, realmente sorprendente: segundo as terras nas que se cultive, os viños elaborados principalmente con ela adoptan personalidades moi diferenciadas; para nada é o mesmo os albariños catados no Salnés, no Ulla, no Rosal, na Ribeira Sacra ou no Ribeiro. Pero descoñeciamos o sabor do albariño -elaborado con métodos modernos e finalidade comercial- feito no Barbanza. Da miña comarca, que foi rica en viñedos no seu tempo -especialmente a Pobra, Boiro e Rianxo-, non quedara nin unha soa adega metida ao mercado. Ata que comezaron a rexurdir nos últimos anos, e deron un importante paso adiante coa creación dunha denominación específica Viños da Terra de Barbanza e Iria a finais do 2006. O norte da Ría de Arousa non é, segundo a denominación, Rías Baixas. Pero o Ulla case compostelano si. Senrazóns do politiqueo.

O caso é que este rexurdir dos viños do Barbanza ten moito que ver cunha figura, Antonio Crusat. Crusat mercou hai moitos anos na Pobra do Caramiñal unha aldeíña abandonada no canón do Río Pedras, chamada Entre os Ríos porque, singularmente, as casiñas e muíños atopábanse nunha pequena illa que formou o Pedras a base do arrastre. Hoxe, Entreosríos é unha bonita casa de turismo rural e nas ladeiras do carón -orientadas ao sur- agroman os viñedos de albariño que dan conta deste retornar do viño ao Barbanza. A marca é Altares de Postmarcos (Postmarcos é o nome da aldea veciña na que se preservou miragreiramente, no topónimo, o nome do pobo prerromano que habitou estas terras do Barbanza). Probei a anada 2007 cunha sensación encontrada: tiña medo de que fose unha bomba de acidez por mor de que coñezo os viñedos, -en realidade, vinos nacer- metidos en socalcos no canón, nunha zona umbrosa, pero tamén ilusión por saber que daban as nosas viñas nunha elaboración máis contemporánea. Pero cal foi a miña sorpresa cando o que me atopei foi moi distinto e me enorgulleu. O primeiro viño moderno da miña vila está realmente bo, e non se parece, para nada, aos albariños do sur da ría. O Altares de Postmarcos 07 é un albariño con importantes notas a mazá e a froita en proceso de maduración, cando ten ese puntiño azucarado, unha acidez controlada, importantes notas herbáceas. Fáltalle algo de percorrido ao final pero, para ser un primeiro viño, está estupendo. O máis parecido en matices e notas que me sae agora mesmo na memoria podería ser un ribeiro Casal da Barca.

O Altares de Postmarcos está en tenda sobre os 13 euros e, aínda que non é nada barato para ser unha marca en lanzamento, paga a pena catalo para apreciar a enorme versatilidade albariña. Persoalmente, éncheme de orgullo que na miña terra saian uns viños así para comezar. Terei que pasar por Entreosríos para que Crusat me amose os viñedos, e coñecer persoalmente a experiencia. Xa vos contarei.

{ 0 comments }

A Rioja, alén do tempranillo

27 Outubro, 2008

É certo que a variedade tempranillo funciona realmente ben nos terreos da Rioxa, un clima e un solo especial para esa variedade. Pero non o é menos que unha terra cunha cultura vinícola tan forte e tan variada tamén permite disfrutar doutras variedades que o comercio e as modas deixaron atrás, a unha presenza minoritaria pero que perviven na neveira logroñesa de Jairo, dos que as rescatamos. Por exemplo, un Fincas de Aztule Blanco Fermentado en Barrica, cun 90% de viura (a uva tradicional de branco da Rioxa); o Aztule é un branco interesantísimo. A barrica outórgalle unha certa presenza á viura, que é sobre todo nariz e o primeiro gusto, seguida dun brevísimo percorrido en boca; fíxate que esa é unha das diferencias principais con respecto aos brancos galegos, que teñen tragos máis longos e a acidez fai que se sabran máis en boca.

Tamén probamos outra variedade minoritaria na Rioxa, e que adoita estar no coupage dos viños nunha pequena presenza do 10% ou 20%, a garnacha, ou como alí chaman, o garnacho. O Tobelos Garnacha 04 permitía apreciar as potencialidades como monovarietal na Rioxa desta uva tipicamente mediterránea. Un sabor moi diferenciado que permite apreciar como sería a diversidade vinícola da Rioxa se o tempranillo non campease de xeito monolítico nas adegas da comunidade autónoma.

{ 2 comments }

David Moreno, un modelo intelixente de enoturismo de masas

23 Outubro, 2008

A adega David Moreno de Badarán non é, desde logo, a marca máis coñecida da Rioja a nivel español; eu, cando menos, non tiña nin idea da súa existencia, así que me quedei bastante impresionado co que me atopei alí.

Xunto cunhas modernas instalacións que Chucho nos amosou con todo detalle, o que sorprende nesta gran adega é a aposta -seica pioneira no seu momento- con respecto ao enoturismo nesta comunidade autónoma, ata o punto de ser unha das viñerías máis visitadas da zona. A adega conta cunha enorme zona de recepción, cata e visitas guiadas, cun restaurante para 80 persoas, e un espectacular calado -a zona subterránea de barricas. No calado, aínda me chamou moito a atención toda a escenografía e planteamento. Dunha banda, hai un par de habitacións separadas con cristal aillante do calado; son de uso para os clientes do Club de Viños. ¿En que consiste? Os clientes mercan o contido dun bocoi de viño crianza David Moreno, e poden vir a degustalo, probalo, catalo cando queiran, reservando previamente. O Crianza 05, por exemplo, ten un prezo asequíbel, sobre 6 euros, e é un Rioja máis que decente, cun peculiar sabor a froita escura na punta do padal. Un bocoi custa 1.200 euros, e é un agasallo de familias, compra colectiva dunha peña, ou un agasallo de marketing, dunha empresa ou casa de turismo rural para convidar aos seus clientes. O lugar é espectacular. Os clientes poden customizar os bocois, como fixo un adolescente co da súa familia que vemos aquí:

¡Graffiti enolóxico! Entrementres, o domingo pasado, a adega encheuse de nenos rioxanos que veñen cos seus pais. Suben ao viñedo, fan unha pequena vendima, pisan a uva, cos aparellos aprenden a mirar o grado dese mosto, agáchanse no gardaviñas, entran na adega e corren entre os bocois, e logo comen na adega. Todo ten un curioso ambiente neomedieval, como de decorado de Errol Flynn, xa que David Moreno -que é un home pequeno, educado e elegante, que bebe o seu propio viño crianza sentado á porta da adega- adquiriu a marca Monasterio de Yuso cinco antes de que o cenobio fora nomeado Patrimonio da Humanidade e quixo inspirarse na arquitectura monástica. É un pouco a historia de moitos adegueiros, que entraron ao negocio desde a memoria familiar e despois dun periplo laboral pola cidade. Ese ambiente neomonástico percíbese na área na que se garda o reducido viño de autor da adega, o Vobiscum, que anda nestas pola anada 2003 e que eu aínda non probei -malia mercar un par de botellas. Separado por reixas dos outros, con candeas acesas no chan, como unha produción medieval de Disney que encanta a estes turistas. Un parque temático do viño. Ou un exemplo de como se pode convertir o enoturismo, tamén, nunha proposta para públicos amplos.

Adega do Vobiscum

{ 0 comments }

Vendimar na Rioxa: o fermento dunha cultura

20 Outubro, 2008


‘Pantone’ vitícola no outono rioxano

Hai unha imaxe na miña retina deste meteórico fin de semana. Pasamos en coche por Cordovín, unha pequeniña vila da Rioxa alta. Nunha banda da vila está o barrio das adegas e os chamizos, casuchas e alpendres que crean unha sorte de polígono industrial da sociedade tradicional. O barrio de adegas domésticas está separado das casas dos labregos. Durante a vendima, os labradores ceden os fríos chamizos ás familias de vendimadores que veñen a colleitar. Son xitanos que prenden lumes con caixas, sarmentos e madeira nestas rúas de terra aproveitando o solciño do domingo outonizo.

Fíxome nunha destas familias, congregada en corro ao redor do lume dunha fogueira prendida á beira da estrada. Nunha espeteira, ásase un coello bravo que deberon cazar no campo: seino porque está o pelexo, aínda con sangue, tirado nun lado. Algúns nenos de guedellas longas e suxas corren descalzos pola terra arxilosa. Abaixo da vila, hai outro campamento de mohinantes. Xitanos de pel escura, arrexuntados con caravanas nunha eira. Todo diferente dos subsaharianos: coas chaquetas pechadas, vagabundean sós, desamparados e tristes, case sen cruzárense palabra entre eles, como desconfiando os uns dos outros, polas proximidades da praza de Badarán; agardan o chamado laboral dalgún agricultor forte, porque tamén veñen á vendima. A vendima é coma un entroido, no que estas vilas pequenas énchense de caras foráneas. Estes xitanos que asan un coello cazado nos campos repiten unha escena de séculos. Neste lugar sábese que a manida frase O viño é cultura non é so un slogan publicitario, senón a pura mecánica do funcionamento social.

Estamos na Rioxa para vendimar as viñas de Jairo, no concello de Badarán, na Rioxa Alta. Son máis de 800 metros de altura e os últimos viñedos antes de que a altura e os aires impidan o medre das últimas boas cepas. Aquí, a cultura do viño é tan profunda e espesa como un viño caseiro de tempranillo. A vendima é unha festa. É a alegría dos labradores, que van finalizar un ciclo dun ano de coidados a pé de cepas. É cobrar, ás veces, substancioso diñeiro.

-A vendima non é traballo -dinos Ruth.

O ritual comeza, nestas colleitas familiares, a noite previa no chamizo -é o alpendre familiar, agora reconvertido en refuxio para festas ruidosas e discretas dos mozos da familia. Cos sarmentos préndese o lume do forno e ásanse as chuletiñas de año. O sabor que lle dan os sarmentos de vide á carne é espectacular, e regámolo cun viño de Navarrete. Todos apreixados para parar o frío destas paredes de adobe. As ceas do chamizo son unha celebración dos mozos da familia, dos amigos que queren participar no madrugón do día seguinte, para baixar aos viñedos. Remátase con pacharán e mantecados, entre vapores etílicos e o rico fume de sarmento na roupa.

A paisaxe dá o xogo preciso. As montañas rodean ao pequeno territorio da Rioxa. A Serra Cantabria, ao norte, é como unha cordilleira de icebergs que refulxen ao sol, presidida polo León Durmido, unha montaña de forma animal na que os logroñeses resumen o que é este territorio, xa que nel se dan a man Navarra, o País Vasco e a Rioxa. Ao sur, a serra de Cameros, cos espectaculares precipicios tostados. No medio, un territorio de sete vales, atravesado por sete ríos, aos que desde unha perspectiva galega chamariamos regatos, agás o Ebro. E na doce orografía, miles de fincas vinícolas en todas as orientacións posíbeis. Cultura do viño, xeografía do viño, territorio medido ata o último estremo polos agricultores. Terra arxilosa, por veces demasiado rica, sobre hai que enganar ás cepas para que non se perdan e despisten neste rico sustrato hortofrutícola.

Nos chamizos de Badarán, no antigo barrio das adegas, disfrutamos de viños, disfrutamos da marabilla da horta rioxana. Non hai tomates nin pementos coma estes.

-¿Sabes como lles chamamos aos pementos? O año dos pobres -infórmame alguén.

Ben o entendo, porque aquí a horta é un manxar asumíbel. Aquí ásanse os pementos e van con todo. Van, por exemplo, con eses ovos feitos o día anterior, que se levan ás vides como almorzo, xunto con chourizos de picor desaforado que fan tirar do tinto ás dez da mañá, na hora do almorzo, coma se fora colacao. Vendimamos varias fincas. Os acios agárranse por abaixo, para que non caian. O tempranillo é o que proclama eses espectaculares vermellos outonais, o garnacho vai palidecendo os seus verdes, ao igual que a branca viura. A colleita, este ano, é escasa, de xeito xeralizado, en toda a comarca. Só algunhas cepas agasállannos con fermosos acios enormes.


Presionando e despalillando uva na adega de David Moreno

A uva véndese na adega David Moreno, alí mesmo en Badarán. É unha empresa interesante da que falarei noutro post. Despois de que guindamos as uvas para seren prensadas, Chucho lévanos a ver os procesos de fermentación. David Moreno aparece. É un elegante e franco señor que parece vivir todo o día nesta empresa familiar que fundou de cero.

-A partir de mañá, toda a uva para clarete -dille a Chucho.

Os tractores dos agricultores locais confirman o que todos se temían. Hai pouca uva, e con moi pouco grado. Once e pico ou doce. Un ano frouxo. O clarete -pouco tomado en Galicia- é aquí un viño que gusta a moitas mulleres, que escapan dos rigores dos tintos. O adegueiro David Moreno explícanos como non só as uvas, senón os territorios, os concejos, se combinan para obteren os viños. Non é só tempranillo con garnacho, senón Badarán con Uruñuela. Cada concello aporta a súa especial característica.

Falas e falas con xente nova, e toda coñece a terminoloxía da vendima, os rituais que a preceden e os que a finalizan. O viño é o sangue do PIB rioxano. La Rioja, o xornal rexional, titula a cinco columnas co estado da colleita. E ao pasarmos por unha autoestrada, Jairo sinálanos o Viñedo Institucional. ¿Como o viñedo institucional? O Goberno autonómico dispón de varias hectáreas nas que non só experimenta, senón que colleita e elabora o seu propio viño. ¡Un viño de carácter público!


Patacas á Rioxana

En Badarán, a nai de Jairo sirve un espectacular potaxe de caparróns, a alubia local. Unha auténtica marabilla. Como en Galicia, as familias fanse coa calor das potas fumegantes. Os avós, respectados, presiden o xantar familiar con ausencia, un pouco aquí e outro pouco alá, onde sexa.

-¿Que que tal está o viño, avó?

O avó colle o vaso e próbao outra vez.

-Dálle tempo. Dálle tempo.

Algunhas rúas cheiran a viño fermentado, un olor dozón e embriagador. Os inmigrantes subsaharianos continúan á espera nas rúas de Badarán e no resto das vilas rioxanas metidas na feliz axitación da vendima. Ásanse chourizos para os vendimadores; os mohinantes cazan o que poden nos campos para sobrevivir entre viñedo e viñedo e patrón e patrón. E nós aprendemos nesta terra a ver como o viño fermenta as culturas e as sociedades.

{ 5 comments }

¿Que é un viño fino?

13 Outubro, 2008

O outro día, lendo unhas notas de cata, apreciei un termo que me fixo pensar. Entre outras notas, cando se falaba da estrutura do viño, describíase como fino. E fíxome graza porque segundo a cultura enolóxica da Península, os viños finos poden querer significar dúas cousas. Por unha banda, está a acepción máis coñecida, a dos viños xenerosos andaluces. Un fino é un xerez, de cor ouro pálido, gran potencia aromática e unha gradación considerábel, que se toma nos entrantes.

Pero o termo fino ten moita máis historia e fala de algo moi interesante. Cando falamos dun viño fino e non é un xerez, referímonos a un viño complexo, cunha estrutura moitas veces lixeira, pouco concentrada, cuns taninos moderados que fan que a cor do líquido non sexa demasiado concentrada, pero abundante en aromas e gustos complexos. En Francia, por dúas ocasións neste verán, os sumilleres apreciaban a finesse dalgunha anada especial. O fino é un termo antigo: é a elegancia burguesa do século XX, fronte á potencia, aos viños concentrados, tánicos e de sabores rotundos que se impuxeron na eclosión mundial do viño de fins de século e principios do XXI. Os Borgoñas, feitos coa pinot noir, son finos, pero tamén teño atopado perfectos finos en cabernets sauvignon, tempranillos, ou nesa xoia sen explotar do noso país que é o caíño. Son sensacións de estruturas lixeiras, sabores case aéreos, que poden darse en viños que envelleceron ben en barricas non demasiado acaparadoras, conservando a carga froital pero eliminando os aspectos máis ásperos da potencia, ou en uvas que xa teñen nelas mesmas esta etiqueta de elegancia. Viños profundos, ricos, para aqueles que queren explorar ensamblaxes e bouquets hoxe en día non demasiado abundantes.

{ 2 comments }

Gonzalo Gonzalo e The Wine Love: ¡a imaxinación aos viñedos da Rioxa!

7 Outubro, 2008


Gonzalo Gonzalo e Antonio Palacios

Coñecín a Gonzalo Gonzalo aquí en Compostela; el viña de tour galego co distribuidor local, picamos algo e pasamos, eu que sei, tres ou catro horas falando sen parar de viños, tendencias globais, proxectos futuros e das cousas que admiramos; el, dos viticultores e dos viños do mundo que lle asombran e dos que este enólogo de vinteoito anos quere aprender. Gonzalo non para nunca, e representa unha xeración moi libre, imaxinativa, moderna e festiva que pode abrir un novo camiño enolóxico na Rioja tan insospeitado como alternativo e cun estilo propio. El e máis Antonio Palacios forman The Wine Love, un nonseique que estrutura empresarialmente a produción de catro viños, os Orgullo (branco e tinto) e os Lazarus (etiqueta laranxa e negra).

O Orgullo é o proxecto persoal de Gonzalo nos viñedos da familia. Na etiqueta podes ver unhas mariquiñas que definen a filosofía que hai detrás. No mes de abril, Gonzalo organiza o Mariquitina’s Day, unha pedazo festa no viñedo, na que os asistentes -é aberto a todos-, saen a coleccionar mariquiñas dun viñedo mentres uns DJs da Rioja improvisan unha sesión. As mariquiñas, vivas, súbense para o viñedo de arriba, La Tejera Alta, onde loitarán contra as pragas de insectos. Todo, con música electrónica, viticultores e moita parranda, para celebrar un viño colleitado e coidado por moi poucas persoas, case en familia, e cun gran coidado co equilibrio do medio. O Orgullo tinto é un viño sinxelo que Gonzalo define como de “garaxe” (imitando aos viticultores franceses que nos 80 decidiron abandonar as grandes producións e centrarse en poucas e excelentes botellas); da Rioxa conserva este sabor único dos tempranillos pouco castigados polo clasicismo, moi doados de beber e con moita froita, como feitos para saúdos lixeiros e felices. Tan festivo coma o Mariquitina’s Day que este abril, desde logo, non me penso perder.

O outro proxecto alucinante desta banda de dous é o Lazarus. Un xa se imaxina algo cando colles a botella e te das conta de que está toda en braille. Esta xente fai un proxecto marabilloso: o enólogo Antonio Palacios decatouse no ano 1999 de que as persoas cegas podían percibir as notas aromáticas e de sabor que ían aparecer no viño varios días antes de que se puideran percibir, movéndose en umbrais ultrabaixos. Este factor outorga, en teoría, aos enólogos unha enorme ventaxa, porque poden predecir a evolución do viño e actuar en consecuencia. Palacios chamoulle a este método a Elaboración Sensorial e aplícao nas dúas marcas do Lázarus; os catadores cegos interveñen nas primeiras catas do viño revelando o seu futuro e axudando na elaboración; o Lázarus é un syrah-merlot máis que interesante, con toques minerais en olfato e de froitos secos en boca que me resultan moi chamativos.

Ah. The Wine Love pide a colaboración de deseño de moda para vestir á xente de campo, as comerciais e todo o mundo. O gañador levará o seu peso en viño da adega (!!!).

E fáltame unha cousa. O nome Orgullo. Trátase do título dun poema do poeta maldito de Ezcaray Armando Buscarini, que malviviu a bohemia madrileña de principios do XX. Así que remataremos este post e o día co seu poema Orgullo:

Orgullo

Aunque sufra del mundo los desdenes
de mi vida de artista en la carrera;
aunque pasen altivos a mi paso
los hombres de alma ruin que nunca sueñan;
aunque salgan aullando a mi camino
los famélicos lobos que me acechan
con la envidia voraz; aunque en mi lucha
hambre y frío sin límites padezca;
aunque el mundo me insulte y me desprecie
y por loco quizás también me crean;
aunque rujan tras mí ensordecedoras
tempestades de envidia; aunque me vea
harapiento y descalzo por las calles,
inspirando piedad e indiferencia;
y, en fin, aunque implacables me atormenten
las más grandes torturas, aunque vea
que a mi paso se apartan las mujeres
por ver con repugnancia mi pobreza
( pero quizás ignorando de mi alma
el tesoro de ensueño que se alberga),
nada me importará, porque yo siempre,
caminando sereno por la tierra,
con el alma latiendo por la gloria
y flotante a los vientos mi melena,
iré diciendo al mundo con voz fuerte,
con voz en la que vibre mi alma entera!:
-Es verdad que yo sufro; pero oídme:
¿ qué me importa sufrir si soy poeta?


Armando Buscarini

{ 0 comments }

O pracer de rachar tópicos

26 Setembro, 2008


A noite na Torre de Hércules, onte. Foto: Sole

A invasión das bibliotecarias que vive A Coruña -mercé a un congreso de bibliotecas públicas- tocounos tamén a nós. Subimos á Coruña para vernos con dúas coñecidas tan amantes do viño coma dos libros, ou sexa, un derroche de amor. Fumos a Matogrande a picar algo e dar un paseíño enolóxico polo país. Os seus comentarios foron un puro retrato do viño galego actual e o seu coñecemento no exterior. Primeiro, un Viña Meín na Cosecha del 64:

-¿Pero isto é un Ribeiro? Eu lembrábaos doutro xeito, como máis ácidos, como máis toscos…

Seguimos no Comarea, un local que tamén coida as referencias enolóxicas, cunha botella de Godeval Cepas Vellas 06, que espertou sorrisos segredos e satisfeitos.

-¿De onde? Faime unha idea de onde fica Valdeorras. Que marabilla de viño! ¿Godelo?¿Godello?

Mentres caían navallas fisterrás, chipiróns e raxo con patacas, pedimos un Pagos de Galir Selección Rosa Rivero; trouxéronnos un do 2004, o cal me asustou bastante. ¿Resistiría? A cor, efectivamente, xa falaba dun viño que evolucionara en botella con certa rapidez. Elas uliron discretamente, deron uns grolos suaves, e a cara volveulles a cambiar. Segundo grolo. E a louva foi alén do xesto cortés. Non tardaron as servilletas en encherse de notas a rotring. E estas bibliotecarias, curtidas nas mesas de familias de sona cultural de Madrid, colleron a cara beatífica de quen está xantando e bebendo máis que ben.

-Nunca nos falaran de que había crianzas galegos. E un tinto tan rico, tan saboroso, tan suave!

O viño galego; mesmo para amantes do viño, aínda lle queda un enorme porvir internacional e todo por amosar, e moitos mitos negativos por derribar. Agora deberiamos pensar cales son os mecanismos para chegar alí e amosar esta riqueza.

{ 2 comments }

Viños do primeiro outono

18 Setembro, 2008

Resúltame difícil darlle aos tintos durante o verán, nos días de calor. O outro día cometín o erro de abrir un Finca Sandoval 2004, 15º declarados da Manchuela no proxecto persoal do crítico Víctor de la Serna. Era un auténtico licor, máis que viño, como se á syrah a cabrearan no viñedo uns días antes da vendima; o Sandoval sería recomendábel para tomar no Ártico despois de perseguir morsas, pero non nunha agradábel e melancólica noite do último verán, no que perturbaba os sentidos todos cunha nube vaporosa.

A min pásame como ao resto dos veciños desta Marca Occidental cando vivimos veráns secos e calurosos -non este, precisamente. Cando chegan os últimos días de agosto, xa botamos en falta un pouquiño de orballo para humidecer as rúas… Cos viños pasa igual. Dos brancos da última colleita, ou da inmediatamente anterior, polos que debecemos mentres comemos peixe á prancha e polbo á sombra dun parral, pasamos ao cambio do gusto, que é tan fiel e metabólico que nos fai sentirnos un calendario biolóxico. Segundo avanza agosto e as noites refrescan, un xa agradece algún branco contundente, pasado por barrica -se cadra un Palacio de Bornos, de Rueda- ou un godello de sabor forte e definido, ben de Valdeorras ou tamén do Bierzo. E, por suposto, chegan os primeiros tintos, que acompañan xantares que aínda son lixeiros, aínda que no horizonte xa vexamos a cociña escura, pardal, atávica e voluptuosa do outono.

Os tintos do primeiro outono, do tempo da colleita, prestan lixeiros, máis adolescentes que maduros; serían ideais se con fortuna atoparamos neles esa agulla que tanto gustaba a Cunqueiro, e se os bebemos en cunca nas últimas festas das vilas. Se cadra podería ser algún tinto do Ribeiro, un mencía da Ribeira Sacra, de Monterrei ou do Bierzo, algún Douro ou Bairrada 2007, ou un Rioja de maceración carbónica e factura caseira. Viños para saudar ao verán que marcha e ao outono que chega, con bebedores convenientemente vestidos para a ocasión cos cambios, case metabólicos, do noso gusto. Os tempos escuros requiren viños escuros.

{ 1 comment }

Por que bebemos?

17 Setembro, 2008


Unha xenial curta infográfica que explica por que nos damos á bebida. Ideal para botarse unhas grandes risas de última hora da tarde. (vía)

{ 0 comments }

Enófilas contra o pensamento único

15 Setembro, 2008

En El País, publican unha entrevista con Alice Feiring, a contragurú do viño:

Alice Feiring insiste en decir que es “pequeña y tímida”. Lo de menuda salta a la vista lo mismo que el rojo de su pelo, pero la timidez es dudosa a juzgar por la revolución enológica que enarbola la escritora neoyorquina. “Seré tímida, pero cuando tengo una opinión la digo”, confirma de su lucha contra la tiranía que reina en el mundo del vino desde que el famoso crítico Robert M. Parker, calificado como “el mejor catador de vinos del mundo”, impuso sus gustos con el sistema de puntos que utiliza en la revista Wine Spectator.

“Estoy cansada de no encontrar los vinos que me gustaban”, protesta Feiring. “De que el gusto de una persona haya borrado todo lo anterior. De ir a Bilbao y, como digo en mi libro, no encontrar qué beber porque todo sabe igual”, asegura con esa rebeldía susurrante tan suya.

…e no seu blog, Veritas in Vino, a Feiring pregúntase por que España está tan interesada nela despois desta aparición en El País e outra previa en Sibaritas:

Might it be that more Spaniards than we think are upset with the change in their wines? Are they fed up with the modernization and bent towards Big and Bold and Clunky? From what I can see total areas of the country have been wiped out with modernization and machinations and a love for scores.

Permítanme a miña teoría a esta pregunta: Alice Feiring desempeña un fértil papel neste escenario teatral das vaidades enolóxicas. Alice Feiring é necesaria.

{ 1 comment }

Cepa 21 2006: o viño do famoseo responde máis que ben

12 Setembro, 2008

Que o mundo do viño está cambiando a toda velocidade, é algo evidente; un dos maiores signos de cambio era a entrada de novos investidores no negocio. O caso máis espectacular en España, sen dúbida, era o desembarco de famosos madrileños no mundo do viño. Deste xeito, xente como Imanol Arias, ou algúns futbolistas como Ronaldo xuntáronse para gastar 12 millóns de euros, en Cepa 21. Trátase dun proxecto enoturístico, que se concentra nunha adega de arquitectura espectacular en Ribera del Duero e unha campaña promocional bastante intensa na que o actor Imanol Arias se comprometeu de cheo. Daba como para pensar mal, agás por unha cousa: detrás da adega estaba a familia Moro, que é un exemplo de solvencia vinícola na Ribera e nalgunha outra denominación. E, efectivamente, cando o vino saiu colleitou críticas sorprendentemente positivas.

Ata onte non tivera a oportunidade de probar o seu Cepa 21, polo de agora o único viño que se produce nestas cincuenta hectáreas. O certo é que o Cepa 21 supera as expectivas. É un Ribera del Duero bastante diferente, con certas concesións a un mercado de novos consumidores, pero aos que se lles ofrece un produto de calidade e moi resultón. Con 15º declarados, está claro que non é un viño para tomar no aperitivo: precisa dun xantar dunha certa contundencia ao que acompaña con gracia. A partir de aí, o viño dá moito de si. De capa media, intensos sabores a vainilla provocados pola barrica nova -aí a gran concesión ao gusto de moda no viño- razoábelmente integrados nun caldo denso e tánico no que sobrancea a froita vermella. Un viño moi saboroso e identificábel que se disfruta con moito, moito gusto. Si, señor. A Imanol saiulle ben a xogada de imaxe. En tenda anda sobre os 21-22 euros.

{ 0 comments }

A Viña de Xavi: novo local e tenda de viños en Santiago

5 Setembro, 2008


Escribindo o primeiro taboleiro de viños por copa. Fotos: Sole

Os afeccionados ao viño temos unha nova tenda en Santiago para explorar denominacións e produtores de calidade. A Viña de Xavi, a viñoteca que ata agora estaba moi próxima á Praza Roxa, en San Pedro de Mezonzo, acábase de mudar para Fernando III o Santo, 4 (onde antes estaba Las Añadas del Siglo). O novo local ten dúas plantas e moito espazo: arriba está a barra e as mesas de picoteo e abaixo, o amplo soto divídese en comedor, por unha banda, e tenda de viños pola outra, que arrinca a vender este mesmo luns. Na tenda, ademáis, haberá unha programación de catas. Aire. Quen tivera comido no local anterior, sabe de que estamos falando: a paixón enófila de Xavi, o propietario, provocaba a pintoresca escena do atiborre total de caixas de viños ata na porta dos baños. No espacioso local novo, terá osíxeno por uns meses…


A tenda

Nesta nova etapa, a enciclopédica adega de viños da Viña de Xabi -que é un ávido enogeek- arrinca nas 800 referencias que se ampliarán, e hai unha novidade que non é habitual en Santiago, o descorche. En realidade, a tenda é a carta de viños do restaurante. Ti vas á tenda, mercas o viño a prezo de tenda, e despois se queres cear no restaurante ou subir ao bar e picar alí mesmo con ese viño que escolliches, eles simplemente cobran o descorche, co cal o viño sae bastante máis barato que nun restaurante convencional e tes a posibilidade de botar un ollo con calma ás botellas antes de escoller (estou convencido de que o factor visual é clave na elección dun viño).

Por sorte, carta e local manteñen as principais características que fan que pete de xente todos os seráns: os prezos das botellas moi razoábeis para o cliente que animan a explorar con curiosidade estas referencias e as tapas que sirven cos viños son abundantes e ben saborosas. A todo isto, a Xavi só o coñezo de cruzar frases como cliente, nada máis, pero me alegro moito de que prospere e tire para diante, porque é unha boa noticia para todos os amantes do viño en Compostela.

O teléfono da Viña de Xavi: 981940071

{ 4 comments }

Bos viños na recámara do gusto

3 Setembro, 2008

Aquí van catro viños chulos que probei nesta tempada:

-Chateau Le Coteau 2000. Un cru bourgeois espectacular dunha das miñas zonas preferidas de Burdeos, Margaux. Sedoso, fino e moi ben estruturado, estes oito anos déronlle a Le Coteau unha enorme amplitude que o converte nunha gran aposta por un gran viño da zona a un prezo moderado.

-Senso Vadio 2007. Este Senso Vadio (non teño nin idea do que significa o nome) é un feliz descubrimento que me atopei en Valladares -a tenda en Santiago. O colleiteiro Emilio Docampo fai 3.300 botellas deste tinto a base de sousón, ferrón e mencía. Un viño moi rico, moi asentado na terra -ese sousón destácase de xeito moi equilibrado, pero o coupage consegue moderalo-, e cunha gradación ben amábel (12º), que o fai óptimo para servir a un público heteroxéneo. Próbenno se queren disfrutar dun tinto do Ribeiro goloso, afrutado, elegante e moi saboroso, algo que non sempre se pode dicir dos tintos desa denominación -ás veces demasiado ásperos-. Vale 6 euros.

-Madai 2006. Un médico fai no seu tempo libre, en Cacabelos (Bierzo), este sofisticado godello, fermentado sobre lías. É un viño moi complexo, moi seductor, con notable nariz a anís e unha boca na que se van sucedendo notas de fiuncho ou pera, e unha acidez controlada que permite o seu disfrute ben longo. Léveo a unha cea íntima con entendidos/as e disfrutarás do lindo. Non é doado de conseguir, pero en Santiago está en Valladares e na Viña de Xabi, cando menos (que agora acaba de abrir tenda de viños, pero diso xa falamos outro día).

-Juan Gil 2005. A Galicia non chegan moitos Jumillas, pero este Juan Gil pode ser un interesante punto de partida para coñecer a uva monastrell, que é a base sobre a que se están a erguer os viños de calidade da denominación. Aínda que, no primeiro momento, o seu elevado grado alcólico (14,5% en etiqueta) provoca bastante sorpresa, en canto o viño respira e o noso padal se asenta a monastrell comeza a contarnos todo o que sabe, que é moito e ben profundo. Sobre 10 euros.

{ 0 comments }