O martes 14 de outubro tres vintañeiros, da xeración que moitos denominan como “nativos dixitais” -Andrés Milleiro, Fran Diéguez e Héctor Anllo- presentaron GalizaID, un servizo que permite solucionar un problema cada vez máis presente en usuarios cada vez máis activos en Internet: “lembrar a combinación de usuario e contrasinal nos múltiples servizos web que empregamos”. O que se trata é de que teñas unha opción galega e en galego para dispoñer do protocolo OpenID, que permite que manteñas unha identidade única en Internet e, en certo xeito, unha identidade non controlada por ningunha empresa, como Yahoo! ou Google. É dicir, utilidade e filosofía de Internet reunidas nun servizo.
GalizaID é un proxecto fresco, feito de xeito altruísta, e que renova e dálle aire á web social galega, ultimamente algo parada. Razón de máis para entrevistar en vídeo a Andrés Milleiro, desde Salamanca, tirando proveito do Skype.
Encántame o traballo de VJ (visual Jockey) que fai Servando Barreiro desde que entrou na súa nova liña experimental, que pasa por combinar dúas poderosas ferramentas: a filosofía hacker e o open source, para inventar dispositivos de hardware que permiten novos xeitos de pinchar, de relacionar audio e vídeo. O certo é que non tivera tempo de falar con algo de calma sobre estas posibilidades ata o venres, que mantivemos unha conversa por Skype Vídeo, el en Berlín -onde marchou canso de precariar aquí e buscando un lugar no que as súas inquedanzas encaixaran- e eu en Santiago.
O resultado podes velo aquí, nesta skype-entrevista que gravei. Flípame usar o skype para entrevistas: dan un novo sentido da autenticidade. Servando está na rúa berlinesa, e anoitece, e segundo vai anoitecendo, a luz da súa cara cambia iluminada pola pantalla do portátil. Pura comunicación. No vídeo falamos sobre hacking, amósame en detalle os seus dispositivos e próbaos (a partir de 4:20, mírao se tes un momento libre!), conversamos sobre a relación entre arte e tecnoloxía e os seus…novos proxectos de hacking cerebral.
Notas técnicas: Gravei o vídeo con Supertintin Webcam Recorder for Skype. Na súa versión gratuíta só permite gravar cinco minutos de continuo, así que hai que estar pendente e parar a conversa uns segundos antes e retomala na nova gravación. O Supertintin grava nun codec mp4 raro que me deu moitos problemas, pero conseguín editalo co Power Director Express (grazas, Luís!). Como ves, hai un problema serio co meu audio, que chega de retorno, pero non me din de conta do tema dos cascos: soluciónase facilmente se tanto entrevistador como entrevistado teñen postos uns auriculares. Outra recomendación importante: o Supertintin grava só un stream de vídeo, así que se queres que o entrevistado te vexa tes que lanzar a túa webcam só despois de comezar a gravar. Eu non o fixen e como podedes ver, Servando moitas veces non sabe onde mirar.
Aínda así, o formato entusiásmame. Xa vos adianto que farei algunhas entrevistas máis.
Un camiño animal sube o outeiro na cidade dos teixugos. Fotos: Sole
Colocando cámaras infravermellas no bosque
No Nadal de 2005 falei da nosa visita á cidade dos teixugos: unha colonia destes animais que habitan hoxe no antigo interior dunha gran finca agrícola abandonada en Palmeira (Ribeira). Entre os carballos, descúbrense máis de corenta entradas a tobos destes mamíferos e a súa incesante actividade noturna outórganlle ao lugar unha sorte de incríbel urbanismo animal. O chan está deformado polos montes de terra que estes teixugos sacan do subterráneo, onde continuamente excavan novos túneis e cámaras, e as grandes bocas de tobeiras, polas que entraría un neno sen dificultades, ábrense entre os carballos. Non hai que ser un rastreador para percibir a enorme actividade do lugar cando non imos molestar a el; camiños que suben o outeiro, que baixan, que saen e entran da corredoira que empregan os labregos. Esta cidade animal podería ser centenaria, e continúa en expansión; observouse a apertura de novas madrigueiras, xa sen agocharse, na zona leste do bosque. É un patrimonio fermosísimo que preferimos manter oculto.
Esta cidade de teixugos é o punto de partida do novo documental da Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA). Seguramente xa tes visto neste blog os seus dous anteriores documentais: En marcha por un desafío e As catedrais do silencio. Os mozos de Axena sempre compatibilizaron o interese polo estudo da vida animal coa investigación aplicada en tecnoloxía, especialmente o uso de cámaras infravermellas. Neste novo documental, irán un paso máis alá, para tentar obter imaxes dos mamíferos carnívoros, como raposos, teixugos e lobos. Neste vídeo, falo con Xurxo Gago máis de vagar do proxecto e visitamos o plató natural no que se filmarán aos teixugos: a súa propia cidade.