Capítulo 0

MANUEL GAGO OFRECE UN MENÚ DEGUSTACIÓN DE:
DESEÑO. COMUNICACIÓN. GASTRONOMÍA. PRESENTE. ESTILOS DE VIDA. INTERNET. PASADO. VIÑO. CULTURA MULTIMEDIA. FUTURO. DESCUBERTAS.

Capítulo 0 random header image

Posts da Sección 'Roteiros'

Proxecto Dous Miles (5): O Teixedal de Casaio, en Pena Trevinca

7 Maio 2008 · 6 Comentarios


O Teixedal de Casaio, un bosque diminuto agachado nos confíns de Trevinca. Os teixos son as árbores co verde máis intenso e escuro. Fotos: Sole

Aínda que tecnicamente non é un cumio, para saír e chegar ao Teixedal de Casaio hai que pasar por cimeiras e cordais situados por riba dos 1.800 metros, nun contorno de alta montaña, con climatoloxía inestábel, eternas distancias e horizontes enormes, así que clasificaremos a visita ao Teixedal de Casaio como parte do Proxecto Dous Miles!

O Teixedal de Casaio é un lugar excepcional: o bosque máis recóndito e, posíbelmente, o máis antigo do noso país. Só xuntar eses dous calificativos a un lugar xa o converte, de seu, nun lugar mítico. Alí, nun perdido e estreito val afundido baixo o macizo de Pena Trevinca, sobrevive unha marabilla biolóxica: o Teixedal de Casaio. O bosque de teixos máis occidental de Europa, a última lembranza do hábitat dunha especie, o teixo, que foi moi abundante en Galicia e con grandes valores simbólicos. Diante da invasión romana, os castrexos envelenáronse con teixo. E a madeira de teixo fixo os barcos das armas e buques de guerra dos exércitos e armadas nobiliares e reais. O teixo é de seu de lento crecemento e non puido resistir a depredación humana. Só estes de Trevinca: este bosque leva aquí desde a Era Terciaria.

Que o Teixedal quede a catro horas e media de camiño (polo itinerario longo, ver anterior post), despois de atravesar un complexo mineiro empregado durante a Guerra Civil como un deses negados campos de concentración franquistas, é un paso máis do camiño iniciático que supón. Ao subir o monte do Seixo, de súpeto ábrense os cumios nevados de Pena Trevinca, e os vales adéntranse profundos e cargados de árbores.

Un non se espera atopar o que alí está, se o mira con ollos atentos. Que ninguén busque Fangorn, ou a Reserva de Muniellos. O Teixedal é moi pequeno, uns trescentos teixos e unha infinidade doutras especies arbóreas en seis hectáreas. Había cereixos silvestres, todo tipo de carballos, os freixos, os ameneiros, hedra por todas partes, humidade, enormes e descoñecidas plantas. Ao camiñar polo Teixedal -non esaxero-, un tiña a sensación que entraba á parte esquecida da enciclopedia botánica do país, e cada paso era unha nova pranta pola que preguntarse ou fascinarse. Alí hai especies e variedades que nunca tiña visto. E están os teixos. Por todas partes. Son as árbores máis escuras das fotos. Soturnas, baixas, e todas centenarias. Mentres no fondo do val estouran os barrenos das canteiras, eles durmen no lugar máis perdido do país. Dos cumios baixa un río cargado da friaxe da neve. Alí dentro, na espesura, o día faise case noite e a auga nos acalma. Comemos en silencio. Calamos todo o tempo. Dobrámonos baixo as ponlas. O bosque máis raro, máis antigo, máis fermoso. O Teixedal de Casaio.

Aquí podes ver un vídeo da camiñada e algunhas indicacións:

Aquí podes ver como chegar ao Teixedal de Casaio.

→ 6 ComentariosTags: Diario · Proxecto DousMiles · Roteiros¡Chimpa!

Como chegar ao Teixedal de Casaio en Pena Trevinca

7 Maio 2008 · Sen comentarios


Ver mapa máis grande

Como non hai na rede un sitio no que se poida ver claramente como é o acceso ao Teixedal de Casaio (bosque do que se fala neste post), e como sobre o terreo as indicacións están fatal, redacto unha entrada específica sobre o acceso ao Teixedal para que sexa doado de localizar.

INDICACIÓNS XERAIS:

Para chegar á zona, hai que ir ata o Barco de Valdeorras e, desde alí, coller a OU-536 dirección Sobradelo. De alí, hai que coller a indicación cara Casaio e a Estación de Montaña de Trevinca, á dereita. Despois de subir por o val das canteiras, chegaremos ao refuxio de Pena Trevinca (á dereita) e á Estación de Montaña (agora Hotel-Restaurante), á esquerda. Xusto dese punto, sae á dereita un camiño que se desdobra en dous aos poucos metros. Hai un indicador de roteiros alí mesmo. Hai que coller a pista da dereita, a que está sen asfaltar, e seguir por ela ata a escombreira.


Minas de Valborraz. Fotos: Sole

ITINERARIO 1.
Nada máis chegar á escombreira, veremos un cruce con outra pista á dereita e un poste indicador de roteiros. Por suposto, non indica o acceso ao Teixedal, pero un graffiti no poste así o indica. Vale, esta ruta é a que descende ata as Minas de Valborraz, tamén chamadas Minas do Alemán, porque foron explotadas polos nazis e foron campo de concentración durante a Guerra Civil. De Balborraz séguese remontando o Seixo ata pasar ao val no que está o Teixedal. Por esta ruta, o acceso ao Teixedal son catro horas e media andando, así que calcula ben os tempos. Só a recomendaría se saes ben de mañá.

ITINERARIO 2.

É un itinerario máis rápido, pero hai que estar en moi boa forma física. Desde a escombreira, hai que seguir máis adiante do cruce mencionado no Itinerario 1, uns cincuenta metros, e aparcar alí. De aí sae un camiño (indicado con graffiti nos xistos tirados) a Trevinca. Subindo ese camiño, chegaremos a un punto (500 metros despois, máis ou menos, onde conflúe co camiño un cordal montañoso que vén do Oeste. Ben, trátase de ir polo cordal, ata onde comecemos a ver indicadores de sendeirismo nas pedras ou en postes, xusto ao carón dun regato que nace alí e que cae en picado á esquerda. Desde enriba, deberas xa ver o Teixedal. Trátase de baixar a cañón pola costa abaixo, seguindo a sinalización en postes de madeira. Non hai camiño. A ida debe ser hora e media ou dúas como moito.

Nós fixemos o itinerario 1, pero como se nos facía de noite, decidimos volver do Teixedal polo itinerario 2, atallando toda a tremenda volta que das polas minas. Para coller o itinerario 2 desde o Teixedal, tes que saír do bosque, pasar a fervenza e continuar ata o seguinte regato. Ao pasares o regato, hai unhas pedras na ladeira que baixan ata o camiño. Se te fixas, unha delas ten unha marca de sendeirismo. Méteste por aí e a trepar pola pendente, seguindo as marcas que verás por enriba. Aviso: é durísimo.

→ Sen comentariosTags: Diario · Proxecto DousMiles · Roteiros¡Chimpa!

Escudería Maio’s

5 Maio 2008 · 4 Comentarios

Hai anos non poría estas flores no meu coche nin tolo -os prexuízos, ah os prexuízos-. Hoxe, síntome feliz de meter os maios por tras da matrícula e compartir un código cultural moi, moi antigo, que na costa e no interior asimila, sen problemas, todas as propiedades das que dispomos -con independencia da súa maior ou menor modernidade- sen maior dificultade conceptual, superando milenios, relixións e ateísmos. E iso gústame. En Santiago xa non ves maios nos coches; no Barbanza, pola contra, os maios son o traxe de gala da primavera nas casas, nos coches, nas motos. Os maios non me librarán dun mal de ollo que non existe, pero sitúanme no mundo e no tempo.

→ 4 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

Buscando o gran castelo dos Churruchaos na Capela Señorial dos Deza

1 Maio 2008 · 8 Comentarios


A igrexa parroquial de Ansemil e a Capela Señorial dos Deza anexa a esta. Fotos: Sole

Anexa á fermosa e antiga igrexa monástica de Ansemil, no concello de Silleda, fundada entorno ao século IX ou X, atópase unha interesante curiosidade arquitectónica: a Capela Señorial dos Deza, do século XIV. Os Deza foron os condes máis poderosos de Galicia central -antes de Cuíña-, e dominaban as actuais terras da comarca do mesmo nome e máis alá. O seu nome familiar era ben curioso e sonoro: os Churruchaos. Os cabaleiros Churruchaos tomaron partido en todas as batallas nobiliares do noso convulso século XIV, e como ben resumiu un paisano da aldea de Ansemil, “o conto acabóuselles cando se lles foi a man e mataron ao Arcebispo de Santiago”.


De esquerda a dereita: Un canzorriño ráñase o pé, canzorro gótico da fachada da Capela, capitel románico do pórtico de Ansemil, anxo oferente da porta da Capela.


A Virxe do Leite, o sol e a lúa co año pascual e un ventanal gótico na Capela

Un xefe do clan, Diego Gómez de Deza ergueu esta curiosa xoia da arquitectura medieval, que é toda unha igrexa en miniatura, en 1341. Para facérmonos unha idea das súas dimensións: o seu interior non creo que supere os 20 metros cadrados de superficie. Con todo, hai tanta riqueza de motivos na estuaria, nos canzorriños e na simboloxía que dá para perder moito tempo nela. Supoño que a súa idea era facer un panteón familiar, ou algo así, pero no seu interior só está enterrado el. Nunha tumba tosca e parca, Diego González deixou un texto escrito que informa aos séculos futuros de quen xace aí, e un símbolo, o seu símbolo. Un castelo de pinta bastante ominosa, con tres altas torres, a central moito máis alta, e con tres ameas, mentres que as laterais só aparecen con dúas, e unhas curiosas liñas por abaixo. Ese, sen dúbida, debía ser o castelo onde residía o poder deste cabaleiro; en certo xeito, este castelo debía ser a súa identidade e proxecto. Lembroume a que na igrexa de Vilar de Donas, o baldaquino gótico do interior está coroado polo Castelo de Pambre, dos Condes da Ulloa, tamén motivo de orgullo familiar.

Para darnos conta da súa relevancia, no sepulcro a imaxe do castelo repítese dúas veces, gravado se cadra por dúas mans distintas: no sartego -máis elaborado- e na lauda -máis esquemático. O curioso, ao observar o símbolo, foi darme conta do seu elemento máis curioso e estraño. Esas liñas situadas por debaixo das torres. Liñas de auga, que reflicten un elemento que debía ser o máis característico desa fortaleza: estar ao carón do mar, ou dun río, ou algún tipo de curso de auga. No sartego, esas liñas son ondulantes. Na lauda son menos marcadas, pero están. Representar ese castelo sen auga ao seu carón debía ser facer desaparecer parte da identidade do lugar. É unha parvada, pero resultoume fascinante ver como no símbolo está integrado un elemento ambiental e como, no seu esquematismo, había un montón de detalles que debían estar reflectindo fielmente o orixinal, como esas estrañas portas das torres.

Busquei algo de información sobre que castelo podía ser -pensei que mesmo estaría a representar unha cidade, Pontevedra, moi vinculada aos Churruchaos, pero pérdome en toda a información.

¿Algún ilustrado ou ilustrada podería saber algo máis sobre esta ominosa e acuática fortaleza de Diego González de Deza? ¿Aínda existe?¿Onde está?

Localización en Capítulo 0 Mapas

→ 8 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

Cociña tradicional vs. Cociña do mínimo esforzo

30 Abril 2008 · 10 Comentarios

O lugar, desde logo, prometía. Un casal restaurado preto de Santiago, cun conxunto de antigos edificios, alpendres, palleiros, rehabilitados na aba dun monte, no medio dunha aldea. O comedor era bonito, coidadosamente decorado nese estilo rústico global (que non rural) de moitas casas rehabilitadas para turismo entre aquí e o País Basco: bastantes mesas que daban contra unha gran cristaleira sobre o que se abría un fermoso e pequeno val, cheo de veigas, bordeado por bosques, e o río polo medio. Entre que era tarde e que o lugar prometía, facíasenos a boca auga. Chegou a camareira:

-De primeiro, almejasalamarineraelangostinosáprancha.

Confeso que me estrañou un pouco.

-¿E de segundo?

-Pois de segundo temos churrascodeterneraoudecerdoentrecotchuletachuletónchuletilla bacalaoalhornomerluzaalagallega.

Para a miña sorpresa, estaba ante un caso máis da misteriosa carta predefinida inmemorial galega. Un documento secreto e eterno que se lle dá a todos os novos establecementos: a carta predefinida garántelle o éxito popular pero atención, calquera desviación das especialidades clásicas significará a anulación inmediata da licenza hosteleira municipal. Seguramente se preguntas por ela todos cho negarán. Pero é certo. Mira se non, o novo establecemento que abriron na rúa do Vilar de Santiago. Decoración moderna. E nin un mísero revolto, por Deus. Toneladas de luras á romana e pementos de padrón, de ameixas conxeladas e zorza con patacas. Unha carta estándar que algúns tentan vender como cociña tradicional, pero non te enganes. En realidade, é a cociña do mínimo esforzo.

Nesa casa de turismo rural gastáronse ducias de miles de euros nunha fastuosa rehabilitación, pero non gastaron nin un só peso en investigar a tradición gastronómica local do medio rural no que precisamente se basea a súa oferta hoteleira. Sirven exactamente o que menos traballo e máis ingresos dá na cociña: o churrasco e a grella (con todos os meus respectos ao churrasco, que me encanta). E non se trata de facer escumas en cada receita nin de forzar unha vangarda ou algo similar, senón rastrexar a horta local, as carnes da contorna, as elaboracións de pucheiro da tradición doméstica, falar cos pescadores do río Tambre para aproveitar as troitas excelentes do río, os embutidos do porco, os postres das avoas, os queixos. Ai, os postres. Chegou aquela camareira a tomarnos nota. Sacou a libretiña co boli e dispúxose a recitar. Eu adianteime:

-Tartadequeixotartaheladatartaalwhiskyflanpiñamelocotón -reciteille.
-Buá! -exclamou ela cos ollos abertos- ¿como o sabías?

E como non o vou saber. Se teño escoitado ese recitado, nesa mesma orde, centos de veces en todo o país. O máis incríbel é que funciona. A sala estaba ata os topes de xente da contorna que come no local o mesmo que na súa casa a Noiteboa ou no día do patrón, e que busca precisamente iso. No meu caso, eu visito un restaurante como un xeito máis de turismo, no que me gusta explorar as especialidades locais. Pero, para moitos propietarios, a principal preocupación é facturar co mínimo traballo e a máis escasa formación do persoal de cociña. Mételle brasa e énchelle o prato. Poden estar tranquilos porque a carta predeterminada inmemorial e secreta funciona. Pero non con todos. E cada vez menos.

→ 10 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

A Fábrica de Vilanova: creatividade e personalidade gastronómica á sombra do Arnoia

29 Abril 2008 · Sen comentarios

Xa con algo máis de calma volvín á Fábrica de Vilanova de Allariz, o fermoso restaurante que rexenta André Arzúa ao carón da ponte do Arnado. As expectativas do outro día confirmáronse e multiplicáronse. Desta volta, xunto aos crocantes ravioli de queixo de arzúa con noces ao caril -recunquei, pero quería que as probara Sole-, tamén tomamos un interesante paté de fungos con pan amb tomaca. De segundos, dous pratos basicamente excelentes. Unha pescada con zamburiñas en papillote, servida nun saquiño de plástico, no seu punto pero, sobre todo, co penetrante sabor da zamburiña impregnando toda a carne do peixe. Os segredos de porco ibérico con xerminados, servidos cun rissoto, son unha auténtica alegría de sabor. De postre, acompañando a sesión, unha galopinada tamén de altura: sorpresa de arroz con leite. A sorpresa resultou ser tal: o arroz con leite servíase de dous xeitos, convertido en leite fritido, por unha banda, e en mousse dentro dun cesto de chocolate polo outro. En suma, nivelazo nunha cociña altamente persoal e moderna, influenciada pola avangarda, polos novos pratos de congresos e revistas para cociñeiros, pero cun selo propio moi claro. E o dito: ollo con André Arzúa. Moitas das receitas da carta, por certo, están no libro que el vende na sala (40 euros).

¿Hai pegas? Sen dúbida, carecer dun menú degustación (quedaríanche gañas de probar máis cousas) e unha certa timidez na adega, chea de altos e baixos. Por exemplo, non é moi relevante a súa carta de viños galegos (limitada en brancos e mínima en tintos), e se cadra a doutras denominacións non dea as posibilidades que debera, pero xunto a estas referencias ofrécense aos comensais Flor de Petrus (!!) ou un Chablis de Borgoña (!!!!).

A Fábrica de Vilanova
(Allariz). T:988442434. Entre 35 e 40 euros (viño incluído). As fins de semana reserva antes.

→ Sen comentariosTags: Paparotas & Co · Roteiros¡Chimpa!

Malpaso: castelos e tumbas na rocha nos montes de Allariz

27 Abril 2008 · Sen comentarios


O tolkiniano desfiladoiro de Malpaso, desde o castelo


O Castelo. O chan que está á esquerda é onde están situadas as tumbas


As tumbas antropomorfas do Chan do Castelo


“Que o San Salvador protexa os que visitan istes paraxes”, avisa un sinal dos veciños ao comezar a subida.

Se vos gusta o sendeirismo, hai que ir a Allariz, á Rota do Canelar. Case non hai información dela na rede e na Oficina de Turismo non teñen folletos impresos, aínda que vos indicarán o camiño. Unha vez chegados a PaiCordeiro, o roteiro, que sube ata o monte de Penamá entre fermosísimas fragas e despois desce ata o desfiladoiro de Malpaso, é un paseo fantástico de 8 ou 10 quilómetros.

A nosa sorpresa -é o bo que ten botarse ao camiño sen moita información-, foi toparnos no sendeiro co Castelo de Malpaso. No alto dun monte solitario, nunha paisaxe digna de Tolkien, sobreviven nos penedos as marcas nas pedras das trabes que un día soportaron a estrutura defensiva do castelo, defendendo un desfiladoiro de vexetación e agullas graníticas. Aos pés do Castelo, avanzando un pouquiño polo sendeiro, a lenda aínda se fai máis misteriosa, cando aparecen nun chan antiquísimas tumbas gravadas na pedra, entre cazoletas. ¿Por que Malpaso? ¿Que historia se nos perdeu alí?

Do Castelo báixase á fermosa aldea de San Salvador dos Penedos. Na aldea xa non vive ninguén permanentemente, pero os veciños teiman en que a memoria siga viva. É emocionante. Con troncos, nun estilo rústico, os veciños etiquetan o seu contorno recuperando os nomes tradicionais, antes de que desaparezan. As fins de semana suben de Xinzo de Limia ou de Allariz, a limparen as corredoiras e as fontes que nacen nos abundantes penedos, a cravaren letreiros, a restauraren casas pequenas nas que naceron; suben ao castelo con fouciños, e limpan as uceiras e xestas. Eles sós: fannos porque a aldea siga viva, fouciños que perpetúan a memoria.

Na aldea de San Salvador hai unha rexa ermida románica que atesoura un enorme Cristo de madeira medieval, da época da fundación. Alí está, no silencio das semanas, en soedade. Eles cóidano con esmero. A ermida e a Fonte do Santo, na fermosa corredoira que baixa a Paicordeiro. Esa fonte, que non recibe auga de ningunha filtración, non seca nunca, din. Os devotos de San Salvador paran nela todos os anos a mirar o miragre. A fonte é o único do seu patrimonio cultural e etnográfico que non se atreven a limpar. Non vaia ser que o miragre remate. “Benvidos”, asegura á chegada, cando vés andando ata San Salvador, outro dos seus troncos rústicos. Os veciños dannos auga da traída. Somos benvidos e afortunados.

Punto de partida do roteiro no interior do post.

Continúa lendo o post

→ Sen comentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

Edificios históricos e perspectivas alteradas: o mosteiro de Carboeiro

26 Abril 2008 · 9 Comentarios


O mosteiro de Carboeiro desde a marxe oeste do río Deza. Fotos: Sole

Onte decateime de canto temos a percepción alterada con respecto a moitos monumentos. Grandes edificios na Historia creáronse para crear unha primeira impresión aos que a eles se achegaban. Pero os cambios dos camiños alteran a nosa percepción do volume, ou nos achegan aos monumentos polos patios traseiros. Nomeadamente, un edificio deseñábase para verse desde as principais vías de comunicación. Penso, por exemplo, no santuario da Escravitude, en Padrón. A actual estrada pasa xusto por baixo do gran edificio do século XVIII, pero só é preciso cruzar a vía do tren e meterse ata o medio do Val de Rois, para saber que ese é, exactamente, o punto no que debe ser visto o monumento en relación ao seu contorno.

O mesmo acontece co mosteiro de Carboeiro. Ao mosteiro chegas en coche desde o sur, e ves unha das fachadas, posibelmente a máis anodina. O visitante que se move para ver o que queda dos edificios claustrais, sorpréndese cando, ao pasar polo angosto camiño, atopa unha magnífica fachada occidental que parece construída para o río, ou para ninguén. Pois non, obviamente. Onte fumos cheirar a chegada da primavera -para min a primavera son, sobre todo, cheiros, a herba quente- ao mosteiro. Entramos no Sendeiro do Deza, que parte de alí mesmo, e cruzamos esa vella ponte. De súpeto, ao beirear o Deza pola banda contraria ao do mosteiro, polo vello camiño real, soubemos que esa era a perspectiva. E que esa fachada, construída sobre un angosto camiño e unha gran pendente, ía destinada aos viaxeiros que se achegaban polo vello camiño medieval. Era fermosa, a fachada de Carboeiro, co último sol petando no pórtico que daba a benvida aos camiñantes. O mosteiro, desde alí, parecía máis grande e de dimensións máis impoñentes ás que en realidade ten.

Xa que arrinca a primavera real, e a calor, e os pracenteiros solpores, eu quero dar un pequeno agasallo, sobre todo destinado aos que len Capítulo 0 desde fóra do país. Un pequeno espazo de relax, nunha ponte sobre o río Deza. Pincha aquí.

→ 9 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

O soño final dos pazos (I): polas hortas padronesas

20 Abril 2008 · 2 Comentarios

O último que se abandona nalgúns pazos de Padrón son os xardíns, que son como a dignidade postreira do lugar. Alguén -se cadra antigos caseiros-, cada dous meses recorta setos, evita que por fin a natureza devore as ruínas dos deliciosos xardíns que xa ninguén disfruta. É unha teima emocionante. O resto, os edificios, a cantería, vanse enchendo de verdín. Moitos xa foron vendidos hai décadas; de aquela, os fidalgos arruinados aos que aínda lles ficaba algo de orgullo arrincaban os escudos das paredes e portalóns da propiedade vendida e levábannos con eles a non sei onde. Iso contoumo -chorando- un fidalgo lugués ao que entrevistei o día que asinou a venda do solar dos seus devanceiros.

É sábado pola mañá e chove moito. Chove, como diría unha amiga, “como cando eramos pequenos”. E decidimos ir, nesta mañá de sábado, a visitar os pazos sen nome, abandonados, de Padrón e da comarca. O concello concentra un gran número de casas solariegas: magnates e aristócratas de Santiago e das rías. O Padrón do Antigo Réxime, a súa fertil veiga, era rico. Por desgraza, Padrón debe ser dos concellos que menos coidou ata agora do seu patrimonio. As fortunas marcharon, algúns pazos se venderon e outros ficaron enredados no sarillo das herdanzas.

Chegou o abandono, entón. As súas cancelas pecháronse nos 60 ou 70, e aínda non son xunglas de silveiras. Convértense en niños de amor dos amantes padroneses que non dispoñen de cama propia. A estes solares abandonados vense a folgar -sentido medieval do termo-, e os pavimentos pétreos das solainas están recubertos de látex. Nunha esquina da solaina do pazo de Santa Cruz, os amantes acumulan preservativos usados nunha montaña primorosamente medida de proporcións abraiantes. Nun sofá vello hai unha manta para as ocasións máis frías. Teño a sensación, polo primor co que está construída a pirámide de condóns usados, de que sempre son a mesma parella de amantes que acoden, ano tras ano, todos os sábados. Emanciparse debe estar difícil.

Abaixo, adegas, cadeiras, revistas agropecuarias -Valencia avícola-, e infinidade de libros beatos, como en todos os pazos que teño visitado. Coa chuvia, unha fiestra treme e bátese. Noutra, aínda vexo ese espello cravado na contra no que os vellos se miraban coa primeira luz do día. Teño os pés e os pantalóns empapados, mollados de pisar fiunchos, chuchameles, enredadeiras, onde non deberan estar. A estes pazos devóraos a terra que os viu nacer.

Comemos en Casa Ramallo, coas receitas da antiga comida que elaboraron nos fogóns deses solares. Galiña en pepitoria, lombo con mazás e castañas. Chove nesta veiga enchoupada de Padrón.

→ 2 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

O soño final dos pazos (II): o Pazo de Goiáns en Boiro

20 Abril 2008 · 9 Comentarios

O Pazo de Goiáns é o máis fermoso e engaiolante dos pazos do Barbanza e sería, de estar ben coidados os seus xardíns, o Pazo de Oca da ribeira do mar. Nel viviron cabaleiros da liñaxe dos Mariño desde as tebras da Idade Media, e sufriu as Guerras Irmandiñas. Outra Mariño, María a poeta, aprendería despois literatura na súa biblioteca -aínda que hai algunha opinión contraria a esta crenza. O lugar no que está ubicado o pazo é marabilloso: o río Coroño, que baixa da serra do Barbanza, forma un esteiro recollido, rodeado de bosques, ata o que chega en suave descenso a ladeira do pazo, e despois sae ao mar na praia de Barraña, en Boiro. O Pazo, unha suma de edificios desde os orixinais medievais ata todos os que se lle agregaron para usos agrícolas, é delicioso, cheo de fermosas estatuas e pedras gravadas, mergullado nunha ampla finca.

Pero nos últimos meses comezou a ruína a devorar o lugar. Mirade esta foto:

Unha parte do tellado fundida, caendo sobre unha escaleira monumental. Agora o tempo corre para destruir o lugar con forza, segundo as chuvias entran, fíltranse as humidades entre as pedras, carcomen a madeira dos salóns. A foto está tirada desde a torre do Pazo, unha auténtica sorpresa. Á torre medieval súbese por salas abovedadas, nas que aínda hai algunhas vellas cadeiras e arcóns, nos que a luz se vai filtrando polas estreitas fiestras. No século XVIII, os propietarios do lugar fixeron desta atalaia no alto un lugar marabilloso para estar, con fermosos bancos de pedra ao carón das barandas, coquetas ameas e ventás, da man de Domingo de Andrade, o autor da torre da Berenguela da Catedral de Santiago.


Carlos V co seu toisón de ouro.

Ao xardín vaino devorando o tempo. Fican fontes de mármore caro, como espellos máxicos cos que xogar nos seráns do verán, leóns titánicos, a serea dos Mariño que preside o espazo, os plátanos, os mirtos xa indómitos.

Unha enorme sobreira, posibelmente das máis grandes do Barbanza, dá sombra ao embarcadoiro, entre cinco veces centenarios carballos e a espesura. Na enorme finca de Goiáns, noutras áreas, pombais, pequenos conxuntos de alpendres, case aldeas están dispersas comestas polas silveiras, caendo ao mar entre os bosques do pazo.

Non pode ser que un dos tesouros máis importantes da comarca se atope neste estado tan lamentábel. Os acontecementos ao redor deste monumento en estado ruinoso son un sinsentido no que se mestura a burocracia, a ineptitude dos políticos, a especulación. Hoxe, o Pazo está á espera de cal vai ser o seu futuro, se en mans públicas ou privadas. Pódese ler nesta noticia de La Voz un resumo. Mentres, o máis encantador e soñador Pazo de Goiáns sufre os últimos embates do tempo.

→ 9 ComentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

A ATC2K de Oregon Scientific, unha cámara para gravar acción e adrenalina

20 Abril 2008 · Sen comentarios

A cámara ACT2K de Oregon Scientific é unha auténtica pasada para a filmación subxectiva, especialmente en ámbitos deportivos. Deseñada para incorporarse con facilidade a calquera elemento de protección que leves contigo, a cámara obtén vídeo e audio desde ese punto no que te atopes, a unha calidade máis que aceptábel de 640×480, almacenando os datos nunha tarxeta SD, e dándoche un AVI limpo -creo que en MPEG2-, que entra en calquera editor e sen códecs de compresión raros. A cámara consume moi pouco, mantendo a autonomía sen problemas. O único problema é que só grava 1 hora, que é o que dan de si os dous GBs da tarxeta, e iso aínda que lle metas unha tarxeta de máis capacidade. Cousas do software incorporado, supoño. É mergullábel, por certo, ata os 3 metros, e grava baixo a auga. Creo que está en 120 euros, pero se fas deportes deste tipo pagan a pena.

Para ver a calidade da gravación, aquí vai un minuto e algo da navegación do Viaxes Atlántico pola Ría de Arousa o sábado, con chaparróns e temporal incluídos. A gravación é de Miguel Pose.

→ Sen comentariosTags: Diario · Roteiros¡Chimpa!

Luces da tardiña en pedras centenarias

20 Abril 2008 · Sen comentarios

Xa vos conto mañá domingo.

→ Sen comentariosTags: Roteiros¡Chimpa!

Interesante blog sobre fervenzas galegas

20 Abril 2008 · 3 Comentarios


Fervenzas de Marraxón e Queixoiro. Fotos: Miguel Ángel Quintás Veiga

Cada vez gosto máis dos pequenos blogs centrados nunha temática moi específica, e que pouco a pouco se converten nunha biblia de suxestións e referencias sobre el. Hoxe fiquei marabillado con este interesante exemplo: Cascadas Gallegas. O seu autor, Miguel Ángel Quintás Veiga, fotografía e escribe sobre fervenzas por todo o país con gusto e elegancia; nalgúns casos, mesmo métese con novidosas técnicas fotográficas como o HDR. Lugares de ensoño arquivados e ben fotografados nun blog que penso empregar de vez. Parabéns e grazas, Miguel Ángel!

→ 3 ComentariosTags: Roteiros¡Chimpa!

Pequenas marabillas mestizas no Restaurante Galileo de Pereiro de Aguiar

17 Abril 2008 · 2 Comentarios

Tras toda unha tarde de marcha no bosque, convidados por Flavio Morganti, achegámonos ata o seu Restaurante Galileo, en Pereiro de Aguiar, tras cruzar por solitarias pistas boscosas as parroquias de Esgos e Nogueira de Ramuín. Xa teño falado do Galileo, que está nas proximidades de Ourense: do fermoso restaurante nunha casa rehabilitada, na que unha ampla sala voa sobre as árbores cheas de flores. Alí probamos un excelente percorrido pola cociña de Flavio e con el e con Joaquina, a súa muller, pasamos un montón de horas da noite do sábado.

-Sabes que unha comida foi boa cando, pasado un tempo, -dicía Flavio- consegues lembrar os platos que comiches.

Aínda que todos temos esa intuición, detívenme a pensar na importancia da memoria como filtro, como determinante do que é realmente bo ou malo para nós, cando quedan atrás o stress do día, a ledicia ou a incomodidade do momento. A memoria como a nosa máis sincera crítica gastronómica. Se cadra, deberiamos tardar cinco anos en escribir un post sobre un restaurante, e ver o que quedou del nos nosos traspapelados caixóns neuronais ao cabo do tempo. Mentres conversabamos no Galileo, a miña cabeza traballaba en segundo plano: facía memoria e con facilidade, lembrei, non sei se xa desde a imaxinación ou a fotografía, a estrutura, a textura, o sabor dos pratos máis importantes dos meus últimos cinco anos. O resto, si, quedan convertidos en pasta neuronal.

Dos pratos que nos ofreceu o excelente equipo de sala de Morganti -a medias entre a precisión da alta escola e a amabilidade dun bistró-, dous magníficos: o primeiro foi un escalope de foie con transparencia de treixadura e cebola caramelizada. Mira que teño probado foie de todas as maneiras posíbeis ultimamente, pero este sorprendía, levábate a outra dimensión: a clave estaba, sobre todo, na relación entre a cebola caramelizada e o foie, moi nova e agradábel. O outro prato non estaba, desde logo, a un nivel menor: mero con dous rissotos -un máis clásico, e outro, pura mancha verde, ás finas herbas- e trompetiñas. Non é a primeira vez que probo esa sorte de guarnición de trompetiñas no Galileo, pero estaba suprema co mero. Os dous pratos son un pouco coma el: mestizos, híbridos e dándolle unha volta persoal ás modas e tendencias, equilibrados entre certo clasicismo e as tendencia actuais.

A golpe de Lalama 04 da Ribeira Sacra, limoncello dacasa e Moët, falamos durante horas de identidades, mesturas, da emigración e das creacións híbridas de inmigrantes coma el, chegado por amor do lago de Como, vía Suíza, ata as aldeas ourensanas. Quen podería dicir que el non era xa de aquí?

Neste país encántanos falar de nós mesmos, de facernos a terapia a diario. Pasamos quilómetros de tinta escribindo sobre os sentimentos dos galegos como emigrantes sen raíces en terras alleas, sabemos dos sentimentos de desraigame nas nosas familias, das palabras e cartas dos nosos familiares de Buenos Aires, México e Suíza pero, ¿estamos preparados para escoitar aos que chegan?. Lembrei as aburridas voltas que aínda hoxe lle seguimos dando ao concepto de identidade: as culturas que triunfan -pensei- non reflexionan demasiado sobre si mesmas, non se converten en si mesmas nun obxecto, senón que avanzan integrando conceptos, nun magma sen precisión nin reflexión que só o tempo consolida. Pensei que eles -Flavio e eses outros e outras que viñeron ou xa veñen, na gastronomía, no teatro, na ciencia ou na construción-, son ese magma humano que precisamos, que é o agasallo que á fin nos trouxeron os tempos, do que antes disfrutou Roma, París, Londres, Tombuctú ou Nova Iorque, as capitais mestizas que no mundo foron e son. Agora só hai que escoitalos: eles queren ser nós, sen deixar de ser eles. Que sorte temos!

→ 2 ComentariosTags: Diario · Paparotas & Co · Roteiros¡Chimpa!

Autoservizo enolóxico

13 Abril 2008 · Sen comentarios


Foto: Sole

Visto hoxe na Festa do Viño do Ulla, en San Miguel de Sarandón (Vedra). Había varios destes repartidos polo campo da festa, a libre disposición dos asistentes.

Trátase dunha festa, por certo, moi popular, con misa e sesión vermú; esta zona, a máis descoñecida da denominación de orixe Rías Baixas, aínda fai moito viño de autoconsumo e non parece moi acostumada ao esquema moderno de promoción, exhibición e degustación de marcas e viños, toda vez que hai poucas marcas, e especializadas a maior parte nun segmento de mercado baixo. Teño moita curiosidade por coñecela máis en detalle e unha visita pendente con Pepe de Vedra, pero achegámonos hoxe para ter unha primeira impresión. E pasou unha anécdota cando menos sintomática do pouco profesionalizado que aínda está o sector. Achégome ao stand dunha das poucas marcas da zona no que un señor estaba abrindo botellas.

-Quería probarlle os viños -díxenlle.
-Ai, non, aquí é só para os políticos, vostede vaia a esa taberna -contestoume. Quedeime flipado. Por rirme un cacho retruquei:
-¿E se eu son político?
Aquelo pareceu confundir ao home, que me mirou máis en detalle e comezou a improvisar.
-Bueno, se vostede me di quen é eu aínda podo…
Por suposto, eu xa marchara.

→ Sen comentariosTags: Paparotas & Co · Roteiros¡Chimpa!