From the category archives:

Proxecto DousMiles

Proxecto Dous Miles (5): O Teixedal de Casaio, en Pena Trevinca

7 Maio, 2008


O Teixedal de Casaio, un bosque diminuto agachado nos confíns de Trevinca. Os teixos son as árbores co verde máis intenso e escuro. Fotos: Sole

Aínda que tecnicamente non é un cumio, para saír e chegar ao Teixedal de Casaio hai que pasar por cimeiras e cordais situados por riba dos 1.800 metros, nun contorno de alta montaña, con climatoloxía inestábel, eternas distancias e horizontes enormes, así que clasificaremos a visita ao Teixedal de Casaio como parte do Proxecto Dous Miles!

O Teixedal de Casaio é un lugar excepcional: o bosque máis recóndito e, posíbelmente, o máis antigo do noso país. Só xuntar eses dous calificativos a un lugar xa o converte, de seu, nun lugar mítico. Alí, nun perdido e estreito val afundido baixo o macizo de Pena Trevinca, sobrevive unha marabilla biolóxica: o Teixedal de Casaio. O bosque de teixos máis occidental de Europa, a última lembranza do hábitat dunha especie, o teixo, que foi moi abundante en Galicia e con grandes valores simbólicos. Diante da invasión romana, os castrexos envelenáronse con teixo. E a madeira de teixo fixo os barcos das armas e buques de guerra dos exércitos e armadas nobiliares e reais. O teixo é de seu de lento crecemento e non puido resistir a depredación humana. Só estes de Trevinca: este bosque leva aquí desde a Era Terciaria.

Que o Teixedal quede a catro horas e media de camiño (polo itinerario longo, ver anterior post), despois de atravesar un complexo mineiro empregado durante a Guerra Civil como un deses negados campos de concentración franquistas, é un paso máis do camiño iniciático que supón. Ao subir o monte do Seixo, de súpeto ábrense os cumios nevados de Pena Trevinca, e os vales adéntranse profundos e cargados de árbores.

Un non se espera atopar o que alí está, se o mira con ollos atentos. Que ninguén busque Fangorn, ou a Reserva de Muniellos. O Teixedal é moi pequeno, uns trescentos teixos e unha infinidade doutras especies arbóreas en seis hectáreas. Había cereixos silvestres, todo tipo de carballos, os freixos, os ameneiros, hedra por todas partes, humidade, enormes e descoñecidas plantas. Ao camiñar polo Teixedal -non esaxero-, un tiña a sensación que entraba á parte esquecida da enciclopedia botánica do país, e cada paso era unha nova pranta pola que preguntarse ou fascinarse. Alí hai especies e variedades que nunca tiña visto. E están os teixos. Por todas partes. Son as árbores máis escuras das fotos. Soturnas, baixas, e todas centenarias. Mentres no fondo do val estouran os barrenos das canteiras, eles durmen no lugar máis perdido do país. Dos cumios baixa un río cargado da friaxe da neve. Alí dentro, na espesura, o día faise case noite e a auga nos acalma. Comemos en silencio. Calamos todo o tempo. Dobrámonos baixo as ponlas. O bosque máis raro, máis antigo, máis fermoso. O Teixedal de Casaio.

Aquí podes ver un vídeo da camiñada e algunhas indicacións:

Aquí podes ver como chegar ao Teixedal de Casaio.

{ 14 comments }

Como chegar ao Teixedal de Casaio en Pena Trevinca

7 Maio, 2008


Ver mapa máis grande

Como non hai na rede un sitio no que se poida ver claramente como é o acceso ao Teixedal de Casaio (bosque do que se fala neste post), e como sobre o terreo as indicacións están fatal, redacto unha entrada específica sobre o acceso ao Teixedal para que sexa doado de localizar.

INDICACIÓNS XERAIS:

Para chegar á zona, hai que ir ata o Barco de Valdeorras e, desde alí, coller a OU-536 dirección Sobradelo. De alí, hai que coller a indicación cara Casaio e a Estación de Montaña de Trevinca, á dereita. Despois de subir por o val das canteiras, chegaremos ao refuxio de Pena Trevinca (á dereita) e á Estación de Montaña (agora Hotel-Restaurante), á esquerda. Xusto dese punto, sae á dereita un camiño que se desdobra en dous aos poucos metros. Hai un indicador de roteiros alí mesmo. Hai que coller a pista da dereita, a que está sen asfaltar, e seguir por ela ata a escombreira.


Minas de Valborraz. Fotos: Sole

ITINERARIO 1.
Nada máis chegar á escombreira, veremos un cruce con outra pista á dereita e un poste indicador de roteiros. Por suposto, non indica o acceso ao Teixedal, pero un graffiti no poste así o indica. Vale, esta ruta é a que descende ata as Minas de Valborraz, tamén chamadas Minas do Alemán, porque foron explotadas polos nazis e foron campo de concentración durante a Guerra Civil. De Balborraz séguese remontando o Seixo ata pasar ao val no que está o Teixedal. Por esta ruta, o acceso ao Teixedal son catro horas e media andando, así que calcula ben os tempos. Só a recomendaría se saes ben de mañá.

ITINERARIO 2.

É un itinerario máis rápido, pero hai que estar en moi boa forma física. Desde a escombreira, hai que seguir máis adiante do cruce mencionado no Itinerario 1, uns cincuenta metros, e aparcar alí. De aí sae un camiño (indicado con graffiti nos xistos tirados) a Trevinca. Subindo ese camiño, chegaremos a un punto (500 metros despois, máis ou menos, onde conflúe co camiño un cordal montañoso que vén do Oeste. Ben, trátase de ir polo cordal, ata onde comecemos a ver indicadores de sendeirismo nas pedras ou en postes, xusto ao carón dun regato que nace alí e que cae en picado á esquerda. Desde enriba, deberas xa ver o Teixedal. Trátase de baixar a cañón pola costa abaixo, seguindo a sinalización en postes de madeira. Non hai camiño. A ida debe ser hora e media ou dúas como moito.

Nós fixemos o itinerario 1, pero como se nos facía de noite, decidimos volver do Teixedal polo itinerario 2, atallando toda a tremenda volta que das polas minas. Para coller o itinerario 2 desde o Teixedal, tes que saír do bosque, pasar a fervenza e continuar ata o seguinte regato. Ao pasares o regato, hai unhas pedras na ladeira que baixan ata o camiño. Se te fixas, unha delas ten unha marca de sendeirismo. Méteste por aí e a trepar pola pendente, seguindo as marcas que verás por enriba. Aviso: é durísimo.

{ 0 comments }

Proxecto Dous Miles (4): primeiro intento a Pena Trevinca

17 Decembro, 2007

trevinca.jpg
O macizo de Pena Trevinca. Foto: Sole

A fin de semana pasada tentamos subir a Pena Trevinca. O primeiro e verdadeiro Dous Mil de Galicia, 2127 metros. Arreo que o é. A media subida, as condicións metereolóxicas complicáronse, ata convertirse nun inferno xeado aos dous mil metros. Subindo polo cordal, a néboa foise pechando, pechando. Tras catro horas e media de marcha, a mediodía decidimos dar volta prudente ata Vilanova, a base da nosa subida na Veiga. Faltaría aproximadamente media hora para acadar o cumio, pero a cousa estaba seria. Pena Trevinca segue invito para o Proxecto Dous Miles. Aquí se poden ver as nosas desgrazas.

Notas técnicas: Para gravar o vídeo empreguei a miña Panasonic de 3CCD. Cando as cousas se puxeron chungas a nivel metereolóxico, decidín prescindir dela e tirar co Nokia n95 con moi bós resultados. Outra cousa: é o primeiro vídeo que subo a Vimeo, pero me encanta o sistema. Permite descargas de gran calidade do que subes, visionado a pantalla completa…

{ 8 comments }

Proxecto Dous Miles (3): Ascensión ao Catoute, no Bierzo

12 Novembro, 2007

primeira.jpg
Gráfico 3D do macizo do Catoute en Google Earth

P1230475.jpg
Fotos: Iago e Manolo

Eu creo que todos temos unha mitoloxía persoal. Unha serie de normas sen razón que aspiramos a respectar e cumprir. Hai dous anos faleiche da miña frustrada experiencia no pico Catoute, no Bierzo. A falta de equipamento levounos a abandonar a medio camiño, cando a altura da neve xa superaba o metro e facía moi imprudente a subida á montaña. Desde aquela, souben que debía rematar o que comezara.

Así que esta fin de semana conseguimos pechar o capítulo. Subimos ao Pico Catoute, no Bierzo, no concello de Igüeña. 2117 metros de altura. Foi o terceiro cumio conseguido no noso Proxecto Dous Miles e, en realidade, o primeiro de verdá. É dicir, o primeiro que supera realmente eses dous mil metros. A subida é algo dura, pero fascinante, porque a diferencia dos picos anteriores, estas son extensións e lugares totalmente inhóspitos. Non hai camiños. Non hai máis resto de actividade humana que os montañeiros. E topografías voluptuosas de crestas, de montañas. Estamos ao sur da Montaña Leonesa, na Serra de Gistreo.

A última aldea que queda atrás, Colinas del Campo de Martín Moro Toledano, é un lugar ben conservado de casas montañesas de ensoño. Unha destas aldeas nas que esperas que anoiteza para ver como se transforman nun Belén infantil, e nos que agardas que faga frío para entrar na cantina, sentar ao carón do braseiro, e coller unha cunca de caldo entre as mans despois da ascensión, e logo deitarse nunha cama enorme arroupado en mantas pesadas. Estou namorado deste lugar sobrecolledor. A estas montañas, o mal clima deste ano rouboulles a neve, pero regalounos a cambio unha sinfonía de cores outonais e un pantone espectacular de xeoloxías e pedreiras glaciares.

10112007021.jpg

P1230472.jpg

10112007038.jpg

P1230532.jpg

P1230505.jpg

Ascéndese por un circo glaciar, que se vai estreitando, entre vales cada vez máis profundos, desolados, silenciosos.

P1230501.jpg

10112007029.jpg

Un pequeno alto no camiño. ¿Queres facer un alto e mirar ao teu redor?

Aos dous mil metros, o cordal dos grandes montes semella unha duna de area.

P1230519.jpg

10112007016.jpg

E, ao coroarmos o cumio, apreciamos as caixiñas metálicas que protexen as boas palabras dos montañeiros que chegamos ata este lugar, e deixamos as nosas, e unha referencia ao Proxecto Dous Miles tamén consignada. A enorme vista lévanos ata as chairas da meseta castelá, que se abren ao fondo, e pola outra banda, ás montañas agrestes da cordilleira cantábrica, que desde aquí tratamos de ti a ti.

10112007037.jpg

Non moita xente coñece este tesouro orográfico nin este contorno, situado a penas a trinta ou corenta minutos de Ponferrada. Pero se tiverades que escoller un lugar para sorprender, andar, comer, ben podería ser esta sucesión de fríos desfiladeiros nos que os veciños de Colinas del Campo aínda fotografían ao oso. Eu xa vos aseguro que, se neva este inverno, volveremos ao Catoute, a probarnos sobre as brancas alfombras bercianas.

Notas prácticas:


Outra ascensión ao Catoute

Outros picos do Proxecto Dous Miles

{ 0 comments }

Proxecto Dous Miles (2): Subimos ao Pico Mostallar nos Ancares

4 Xuño, 2007

mustallar_1.jpg
A Mallada de Piornedo, un val cheo de brañas e lagoas, e, ao fondo, o Mostallar

mustallar_2.jpg

mustallar_3.jpg

mustallar_3b.jpg
Gabeando o empinadísimo tramo final

mustallar_4.jpg

mustallar_5.jpg
Acivros

mustallar_6.jpg

Pois -xa ía sendo hora- coroamos o segundo dos cumios do Proxecto Dous Miles, o Pico Mostallar! Ubicado nas proximidades da aldea de Piornedo (Ancares), o Mostallar é unha impoñente mole de 1935 m -1924 segundo outras fontes- que ten a honra de ser o pico máis alto desta serra fronteiriza. A subida a este cumio, o segundo en altura de Galicia- faise desde a propia Piornedo, camiñando entre as súas pallozas, e o traxecto consiste en remontar un desfiladeiro -aberto- fermosísimo que nos leva ata a Mallada de Piornedo. A Mallada é un lugar espectacular, un val de apariencia lunar, un antigo circo glaciar no que nacen os manantiais do río, como a Fonte de María Rodríguez; aquí os aldeáns do Piornedo custodiaban durante días de soedade os rebaños de todos os veciños e loitaban contra os lobos que baixaban pola noite, e que aínda o seguen a percorrer. Poucos lugares tan impresionantes teño visto na montaña galega.

Desde aquí, subimos guiados por un valado metálico que fai practicamente a divisora entre Galicia e León, nunha costa de vertixe. É o tramo máis complicado. Un sabe o que é gabear cando descubres que o teu vindeiro paso está, máis ou menos, á altura dos teus ollos. A paso tranquilo, a subida ao Pico Mostallar e a súa posterior baixada serán unhas catro horas e media, pero a vista desde o o seu cumio só provoca fascinación. Aquí, o mundo é unha sucesión de montañas e picos ata onde a un lle chega a vista, lagoas pequenas aproveitan as pousadas das montañas a media altura.

Aquí vai unha crónica en vídeo da viaxe de Xurxo, Sole e Manolo:

E aquí, para os que o que estean interesados en subir, un pequeno vídeo cun voo de Google Earth sobre a zona e unhas explicacións máis técnicas sobre o roteiro.

Anterior subida do Proxecto Dous Miles: Pico Tres Bispos

{ 10 comments }

Proxecto DousMiles (1): subimos ao Tres Bispos

22 Xaneiro, 2007

tresbispos_1.jpg

tresbispos_2.jpg

tresbispos_3.jpg
Pico Tres Bispos e dúas vistas da Serra dos Ancares. Fotos: Soledad Felloza e Miguel Pose

Xa temos o noso primeiro DousMil -aínda que sexa de 1791 metros-. Tivemos sorte: o Pico Tres Bispos, na zona luguesa da Serra dos Ancares, é un lugar ideal para comezar un proxecto deste tipo se es un novato. Un paseíño longo, cun tirón final accesíbel para todos os públicos lévate ata un cumio cunha vista fenomenal sobre os Ancares. No camiño, moitas cousas notábeis. Bosques de abetos, de caducifolias. Pero a min chamoume especialmente a atención a presenza marabillosa dos acivros, con todos os seus froitos vermellos que tanto atraen á parva pita do monte. Tras subir o cumio fixemos o noso propio camiño, polo val posterior. E aquelo era tamén moi bravo. Unhas lagoíñas inaccesíbeis e marcas do lobo por todas partes, que caza alí aos animais que baixan a beber.

Aquí temos un pequeno vídeo da experiencia, editado en dous minutos e conscientemente feito a machada. Prima a rapidez sobre a forma:

Datos prácticos:

Para durmir: Albergue dos Ancares (6 euros) ou Mesón Campa da Braña (25 euros/habitación). Ceas: 12 euros. Caseiras e montañesas. Moi ricas. Mellor beber cervexa que viño.

Proxecto DousMiles: a idea

{ 10 comments }

Comeza o Proxecto DousMiles

19 Xaneiro, 2007

proxecto_dous_miles.jpg
Pico Tres Bispos. Serra dos Ancares (Lugo)

Ás veces as noites entusiastas traspasan a fronteira de fantasía ou pantasmada de bar e ingresan perigosamente nos ámbitos do real. Así que non te rías moito. Unha noite dixemos: se no Tíbet e en Nepal teñen unha ruta dos OitoMiles, nós deberiamos ter unha Ruta dos Dous Miles. Se eles teñen o Everest, o K2, o Annapurna ou o Shishapangma, nós temos o Mustallar, Pena Trevinca, o monte Faro, o Catoute ou calquera outro do macizo galaico-asturiano-leonés. Vale que seguramente hai máis de seis mil metros de diferencia entre os asiáticos e os europeos, pero estes tamén darán o seu traballo. Así que xa nos ves, organizando entre risas a Expedición DousMil.

O plan é subir un DousMil cada mes (ou case dous mil, temos un sentido amplo da palabra case porque se non, acábansenos os picos de contado), documentalo ben, ir publicando pequenos vídeos especiais para web coa fazaña -usando o estilo épico xa iniciado polo programa Al Filo de lo imposible de TVE- e acabar cun pequeno documental web final duns 10 ou 15 minutos coa experiencia de coroar os DousMiles do Macizo Galaico (e os CaseDousMiles). Todos serán da zona na que chocan as actuais demarcacións de Galicia, León, Asturias e Zamora, o Gran Macizo…

Para comezar a engraxar a maquinaria comezaremos co amigo que tes na foto, o Pico Tres Bispos, nos Ancares. Vale… só son 1795 metros, pero despois de dúas semanas de nadeguing era o plan máis racional. O noso plan orixinal de barra de bar era facelos con neve, e filmar no documental que pouco menos que estabamos escalando o Everest, pero Mariló asegurounos que non hai nin gota nos picos. Que queres que che diga. Para comezar, como que case mellor. O domingo cóntovos polo miúdo.

{ 6 comments }