É, posibelmente, unha das mellores películas de Batman que se teñen feito, e xa van unhas cantas. Unha película tenebrosa, sobre a natureza humana, o caos e a anarquía, nun ritmo trepidante no que se rescata o estilo das tramas dalgúns bos thrillers das últimas dúas décadas. Impresionante o papel póstumo de Heath Ledger. Gustoume tamén o estilo claro, noturno e contemporáneo desta Gotham máis neoiorquina que nunca.
E dirás: “¿pero que demos se te perdía vendo La Búsqueda 2 - El Diario Secreto“? Nada, obviamente, pero digamos que tiven unha semana moi estresante e apetecíame desconectar vendo unha chorrada destas. O calificativo máis benevolente que se lle pode outorgar ao filme é infame. É un remedo das narrativas de enigmas históricos que estiveron tan de moda os dous últimos anos (xa van decaendo), cun argumento delirante, a carencia total de ritmo e insuflado dun banal patriotismo norteamericano que serve para ligar con inconsistencia toda a inconsistencia deste filme protagonizado por Nicolas Cage.
Agora ben, non falaría aquí de National Treasure 2 - The Book of Secrets (o despropósito do filme é tan grande que na tradución oficial do título do filme ao español falan dun Diario Secreto que na película en realidade é un libro, non un diario), non falaría aquí desta bazofia, digo, se non fora polo seu final. Os actores buscan a cidade secreta de ouro dos indíxenas mesoamericanos, esa que varias expedicións de todo pelaxe procuraron ao longo de Sudamérica durante os últimos cinco séculos sen éxito. Pois ben, a Cidade de Ouro -que é un recinto subterráneo con inscricións olmecas e pirámides maias-, estaba debaixo do Monte Rushmore en Dakota do Sur, a moitos miles de quilómetros das culturas mesoamericanas! Para quen non lle soe polo nome, o Monte Rushmore é este:
Non lle pido a unha simple película de acción máis que pura acción e pouca complicación. Pero o que si me irrita é a ideoloxía que hai detrás: a finais do ano 2008, os guionistas de majors globais como Disney seguen a perpetuar este terríbel sustrato ideolóxico destinado ás clases medias e baixas norteamericanas que porfía en reorganizar a Historia para outorgarlle aos Estados Unidos o papel de centro do mundo. É só unha película, pero todos sabemos que, como boa parte dos filmes, as películas se fan co barro das ideoloxías, das culturas e dos prexuízos.
Unha exquisita peza de animación que reinterpreta o mito da creación do ser humano. Nick Hilligoss gañou con ela a sección de curtametraxes do Festival de Berlín 2008.
Supoño que é Palestina, pero podería ser nalgún outro país de Oriente Próximo ou Medio: por desgraza, esa situación é case un arcano na actualidade. Esta breve curta, de cinco minutos, dirixida por Chase Palmer cunha fermosa fotografía, tenta explicar algo que sempre me intrigou sobre a vida no medio dos conflitos armados: como as persoas tendemos, de forma inercial, ao optimismo e á reconstrución, a normalizar o ciclo da nosa vida e a restablecer os lazos, malia que todo se derrumbe ao noso carón.
Un pequeno repaso a tres grandes viños que probei ultimamente.
Libalis 2006. Un Rosal da Rioxa. Castillo de Maetierra é unha das poucas adegas rioxanas especializadas en viños brancos, de producións curtas e nos que combina tres variedades: moscatel de gran miúdo, viura e malvasía, e a adega está inscrita dentro da denominación Viños da Terra Valles de Sadacia. O Libalis 06, desde logo, está moi por riba do que teño probado habitualmente nos brancos rioxanos e, desde logo, moi diferente, e dun corte moi moderno. Afrutado, de longo posgusto, parece que debeu ser fermentado sobre lías para obter un corte aromático máis complexo e glicérico. Un branco para neófitos do viño, ou para xente que lle apetece disfrutar dun viño rico, sabroso e de matices doados. Se eu fixera un curso de cata, eu arrincaría con este viño para enganchar aos alumnos.
Nottola 04.Un Nobile de Montepulciano a prezo de vasalo.
Máis alá do Chianti, na Toscana, a zona máis potente para a elaboración de tintos é a viliña de Montepulciano, que comezou a facer un viño con máis corpo e presenza a finais do XIX. Alí, a familia Giomarelli posúe a Azienda Nottola na que elabora o seu Vino Nobile de Montepulciano. Atopei na Feira da Toscana do Corte Inglés este Nottola por 11 euros (e é unha ganga, señora!): os bos Montepulcianos non baixan dos 25 euros. Sen ser un deses supertoscanos que entroniza a Wine Spectator, o Nottola é un magnífico presentador deses grandes descoñecidos que son os viños italianos por aquí: denso, sabroso, con moita froita madura e grandes notas especiadas que proveñen, se cadra, do envellecemento de dous anos en barricas non novas. Un viño cautivador.
Chateau Ksara 2004 Reserve du Couvent.Oriente próximo tamén está nos viños.
Cando quedamos a cear en casa os sábados pola noite gosto de recrearme na selección do viño co que maridar a cea. Busco con tranquilidade na adega algunha botella interesante sobre a que teña curiosidade; este sábado, tras algunhas vacilacións, lembrei de súpeto que iamos ver Caramel, a prima opera da realizadora libanesa Nadine Labaki. Xa non había máis que decidir. Rescatei esta botella da veterana adega libanesa Chateau Ksara, que está emprazada no val da Bekaa, un curioso emprazamento no que se fai viño desde hai 6000 anos pero que os xesuitas franceses recuperaron para a causa no século XIX. O Reserve du Couvent é unha elaboración especial que se caracteriza por envolventes e complexos aromas iniciais e unha explosión de froitas suaves, regaliz e un especiado moi oriental nos primeiros pasos, e un posgusto lixeiro e corto, ao principio. Cando evolucionou deu lugar a un viño complexo e de trago máis longo que nos acompañou pracenteiramente ao longo de toda a peli, que tamén paga a pena: conta a historia de tres mozas cristiás e musulmanas que traballan nun salón de beleza en Beirut. Tres historias cruzadas sobre mulleres a piques de iniciar ou consolidar relacións. Un marabilloso suspiro de aire fresco e tolerancia que nos chega desde o lugar necesario: Oriente Próximo. Brindamos pola sorte do Líbano con este Ksara. E aquí vai un trailer desta película estupenda que é Caramel:
The Art of the Title Sequence é un recurso sensacional para coñecer grandes secuencias de apertura de películas, que adoita ser un dos momentos máis creativos dun filme. Encantoume a de Carnivàle, que podes ver aquí.
Josephine Baker, a enorme Josephine Baker, é unha destas personaxes das que un sen lembra moitas veces sen saber por que nin vir ao caso, así que hoxe quero esconxurar a súa memoria contando aquí a súa historia. O primeiro que coñecín dela foi a súa voz: na banda sonora de Odette: una comedia sobre a felicidade escoitábase un pegadizo mambo cantado por ela. Cando comezamos a investigar sobre aquela pegadiza canción, o primeiro que nos atopamos, no Youtube, paradoxicamente, foi un vello metraxe sen audio dunha película do ano 27, extraído da película La Meme, e no que aquela Josephine Baker facía un baile tan estrambótico, raro e tolo que era difícil de crer:
O certo é que a Baker tiña poderosos motivos para protagonizar unha película: tiña toda a sona da Europa dos tolos 20 para facelo.
Fuxira do seu Sant Louis natal, nos Estados Unidos, de adolescente, farta do racismo local, buscando horizontes non segregacionistas. Tras unha breve estancia en Nova York, a Baker recalou en París, onde arrasou -literalmente- cun espectáculo de variedades chamado La Revue Negre. París, nos anos 20, era unha festa continua, cheo de locais noturnos, espectáculos, e xente con ganas de gañar o tempo perdido trala serie de desgrazas da I Guerra Mundial. Baker ofrecíalles iso: unha vida tola, un espectáculo sen límites para a época, cheo de estereotipos sobre o exotismo, sen complexos aparentes. Se non, non hai máis que mirar os títulos das tres películas que rodou: a Serea dos Trópicos (1927), Zouzou (1934) e Princesse Tamtam (1935), recollendo o típico argumento cómico das diferencias culturais -despois repetido ata fartar no cinema hollywoodiense-, da aristócrata africana que chega a Europa e as confusións derivadas de tal feito. O estraño erotismo e arrasadora persoalidade da Baker ergueu paixóns por todo o continente.
Baker aproveitándose dos estereotipos no espectáculo La Plantation
Algúns activistas negros, desde os Estados Unidos, recrimináronlle que empregara e perpetuara determinados estereotipos raciais (o do traxe de bananas nunha norteamericana de Sant Louis?), pero o certo é que a estrela nunca tolerou que lle deseñaran a carreira, e sempre mantivo moi claras as súas posturas a favor da interracialidade e as súas posicións públicas: ela aproveitouse deses estereotipos e transformounos na súa plataforma, o cal é un xeito bastante intelixente de subvertelos. Tal é así que a súa propia vida é unha proclama: adoptou doce orfos de diferentes razas (coreanos, xaponeses, colombianos, finlandeses, canadenses,xudeus, arxelinos,venezolanos, franceses…). A peculiar familia chamouse a Tribo do Arco da Vella, cos que vivía no seu Château de Milandes. A súa pertenza á Resistencia durante a ocupación nazi valeulle a Lexión de Honra. Ao final da súa vida era unha gran dama do espectáculo francés, xa sen bailes estrambóticos, aínda que sen dúbida seguía sendo ela: este é un espectáculo en Londres en 1974:
Baker morreu como morren as grandes. O día despois dunha gran gala conmemorativa, foi atopada inconsciente -estaba en coma-, na súa cama, cun gran feixe de xornais con críticas do espectáculo da noite anterior sobre as sabas.
Jean-Pierre Darroussin e Daniel Auteuil, actores de Conversas co meu xardineiro Conversas co meu xardineiro, do director Jean Becker, ten esa virtude rara que une a poucas películas contemporáneas: atraparte na conversa. Un coñecido pintor parisino retírase á casa familiar no campo. Entre os traballadores que recluta para preparar a casa, contrata a un xardineiro que resulta ser un antigo compañeiro de escola. Os dous personaxes enganchan desde o primeiro momento cunha química especial que os converte en amigos de longas conversas, nas que comparten máis do que se podería aparentar polas súas diferentes procedencias: e a película vai exactamente diso.
Jean Becker, o director, ensaia no filme as preferencias vitais desa clase obreira que vive no rural, que moito do campo francés e tamén galego comparten, e da súa interacción cun modelo vital máis bohemio e inesperado. Non é, desde logo, a típica historia humorística urbanita despistado recén instalado no campo, pero contraponse unha idea da vida no campo como sinxela e ordenada fronte a outra da artística: desordeada, imprevisíbel e sen referencias de futuro. Baseada nunha novela de Henri Cueco, a novela comparte moitos dos diálogos co seu orixinal escrito, se ben como afirma Becker, outorgaron musculatura á personaxe do pintor para facer de “paiaso blanco”. É un filme tan próximo ao sinxelo das persoas que emociona. Ademáis, ocorreu algo que nunca tal me pasara antes: nunha escena, o pintor atopa no soto un Chateau Angelus 82 que gardara o seu pai antes de morrer, e dáse un homenaxe con el no xardín. Peguei un chimpo no sofá: era exactamente o viño que estaba bebendo eu desta banda da pantalla, un excelente grand-cru de Saint Emilion que me chegara de rebote estes días, só que nunha anada 20 anos máis nova.
O xefe de todo isto é unha comedia xenial sobre o poder, as empresas e as relacións humanas que se establecen dentro delas. É como se a Kafka o resucitaran os guionistas de Cámera Café reconvertidos a directores de Sundance. Escenas abertas, e unha hilarante parodia que colle camiños insospeitados a cada segundo de metraxe que pasa. A min gústame este Lars von Trier capaz de ser tan áxil e pillo como lixeiro. Aquí vai o trailer -párase demasiado nos aspectos máis histriónicos, pero a chicha da película está nas situacións:
[lang_gl]A peli chamaríase Steam Trek e sería frikísima. Boísimo. [/lang_gl]
[lang_es]LA peli se llamaría Steam Trek y sería frikísima. Buenísimo.[/lang_es]