
Detalle de Monxes no bosque. (vía)
Continuamos coa terceira entrega de Repúblicas de Homes Libres, investigando eses castelos inéditos, fóra da Historia escrita, que coroan moitas das pequenas serras galegas. Tardamos en sacar o terceiro post, pero custou: aparecen castelos como as setas nas antigas terras de Santiago, refuxiados entre os penedos, inéditos na investigación arqueolóxica, moitos fóra mesmo dos catálogos arqueolóxicos autonómicos e municipais dos PXOMs (e, xa que logo, arrasados polas eólicas).
Esta terceira entrega vai de conectar cousas entre si, de seguir cos dedos as trazas dos mapas, de preguntar toponimia por todas partes, de cruzar serras neboentas. Queriamos saber cal podía ser o uso destas fortalezas distantes dos camiños e por que estaban desertos xa no século XI ou XII. E atopamos algo, cando menos, abraiante. Durante estas semanas consultei -non sei de onde saco o tempo- boa parte da bibliografía dispoñible sobre a época e o mundo monástico galego e en ningures atopei a vinculación da que vou falar aquí, que é cando menos curioso e nos amosa un interesante patrón dos mosteiros galegos de antes do ano 1000. Ímolo chamar a hipótese dos Monxes Vixías. E aquí vai.
Entre cañas e cogumelos
Hai pouco, vindo do monte na procura dun deses castelos, paramos famentos a cear algo xa de volta en Compostela. Acompañando unhas cervexas cuns cogumelos no Bar Gamela, na praciña de Sal se Podes, o meu amigo Xurxo Salgado tivo unha idea.
-¿Decátaste de que estes castelos sempre están próximos a mosteiros?
¿Están? Comezamos a repasar o que coñeciamos. E si, había relacións. Determinadas contas comezaban a saír. Parecía existir unha relación física e real, de proximidade máis que casual, entre os castelos e os mosteiros altomedievais, é dicir, aqueles mosteiros fundados antes do ano 1000. Unha relación ata agora non estudada (polo menos, que nós saibamos) en Galicia, que pode axudar a explicar cousas (e a facernos moitas máis preguntas).
Condes e ermitaños
Un alto antes de continuarmos. Dicir mosteiro altomedieval é o imposible e definir un impreciso mundo que comeza coa chegada do cristianismo a Galicia, nunha data incerta do Imperio romano. Non coñecemos moito deses mosteiros do primeiro cristianismo en Galicia, aínda que deberon existir desde datas moi temperás. Moitos foron refuxios de eremitas e as súas pegadas están na toponimia das nosas serras, onde ás veces aparecen referencias a Casas de Santos e similar. Algúns deles, con máis éxito, cristalizaron en pequenas comunidades. Así pasou, por exemplo, nun dos mosteiros máis antigos de Europa, San Pedro de Rocas, na Ribeira Sacra, onde no ano 573 sete monxes afirman ser os “herdeiros” do mosteiro. Estes mosteiros estaban ubicados en lugares fermosos, pero durísimos para a vida cotiá, acochados no fondo de canóns de ríos ou entre penedas inmensas. E eran efímeros. De feito, o mesmo San Pedro de Rocas foi “redescuberto” no século X por uns cabaleiros que alí se querían retirar do mundanal ruído. Aquelo xa era unha silveira.
Tamén na Alta Idade Media apareceron outro tipo de mosteiros, de maior riqueza. Eran cenobios privados e non pertencían á Igrexa, senón que se fundaran por aristócratas que empregaban o mosteiro como xeito de manter máis ou menos reunidas as súas terras -do outro xeito, deberían repartilas equitativamente entre todos os fillos, era a lei do momento-. Moitos destes mosteiros nunca chegaron a inscribirse a ordes regulares monásticas, morreron ou desapareceron paulatinamente conforme avanzaba o primeiro milenio e a Igrexa e benedictinos ou cistercienses cobraban un gran poder. Eran mosteiros dúplices, é dicir, mosteiros unisex, nos que convivían monxes e monxas. E, desde logo, non se habían parecer moito aos que despois foron os grandes mosteiros galegos, coas súas enormes igrexas e coros, e os seus varios claustros. Sobre todos estes mosteiros entre a final do mundo romano e o século IX sabemos pouquísimas cousas. Será nesa centuria cando os comecemos ver aparecer na documentación, pero como realidades xa existentes e antigas, só están mencionadas cando son parte dunha transacción coa Igrexa por parte da aristocracia. A mágoa é que a documentación propia das casas aristocráticas desapareceu como elas mesmas. É dicir: entre os eremitorios e os cenobios dos condes altomedievais, hai moitos mosteiros que só podemos intuír explorando o territorio. A súa traza está na toponimia (consérvase moito microtopónimo O Mosteiro, o Convento, con múltiples variantes) e mesmo no nome de casas asentadas sobre as ruinas de aqueles.
A condenada relación
Ben, volvamos ao noso. Comecei a ubicar os castelos desde os mapas, a ver que pasaba. Existía unha relación, si: moitos dos castelos parecen estar próximos a eses mosteiros -moitos deles xa non existentes. En concreto, nun significativo número de casos, os castelos que iamos localizando tiñan un mosteiro -identificable na actualidade- aos seus pés. Pero non en calquera sitio. Na maior parte deses casos, o castelo ubícase simplemente subindo a faldra do monte na que está o mosteiro.
Pero algúns exemplos disonantes permitíronnos decatar de que o criterio de ubicación era mesmo algo máis refinado. Os castelos están ubicados no punto máis próximo ao mosteiro coa mellor relación visibilidade-proximidade ao recinto monástico. Pode haber puntos máis próximos e altos pero con menos visibilidade, e alí non hai nada, aparentemente. Buscaban chegar ou volver con rapidez do recinto militar ata o mosteiro. E o que é máis. Boa parte deses castelos son límites parroquiais definidos (e hoxe límite de concellos). E, cando na documentación medieval, se alude aos castelos, estes sempre son límites claros e definidos da estensión de coutos, como se tamén exerceran de marcos simbólicos. A relación é tan estreita e tan evidente que case mellor a vedes vós mesmo con sete exemplos que seleccionei e nos que explicarei curiosidades.

Figura 1. Relación entre o mosteiro de San Xoán da Miserela e o Castelo
Este é un caso interesante. O mosteiro de San Xoán da Miserela (Pobra do Caramiñal) está na confluencia entre dous ríos, a Miserela e o río Pedras, encaixonado. O Castelo é unha pequena meseta a media altura na caída da estribación do Barbanza, moi próxima ao antigo convento. Pero simplemente subindo a este lugar, o dominio visual da ría de Arousa é alucinante. Non hai aparentemente ningún tipo de resto arqueolóxico, o cal nos fai pensar que, moitas veces, a denominación castelo podería equivaler non só a unha realidade física (unha torre ou similar), senón sobre todo a unha función. Iso si, o lugar entre os penedos é perfecto para observar. Tamén é unha vía de baixada natural para os animais que baixan beber ao río.

Figura 2. O Castelo de Luania, a Horta do Mosteiro e San Miguel de Cuarenza
O noso querido Castelo de Luania (Noia), o exemplo mellor preservado dos castelos visitados ata agora, foi marco do mosteiro de Toxosoutos, e xa era unha ruína cando este foi fundado. O curioso é que máis próximos que Toxosoutos están outros dous mosteiros, San Miguel de Cuarenza (metido nunha xesteira inmunda) e outro que os aldeáns de Nimo chamaban a Horta do Mosteiro, e que fica onde hoxe está a central do Tambre erguida por Palacios.

Figura 3. O Castelo de Ínsua, San Gregorio e San Xoán do Carballoso
Espectacular na súa ubicación, enfronte de Luania, o Castelo de Ínsua (Outes) sufriu unha terrible agresión coa ubicación dunha caseta forestal riba del, pero aínda se pode apreciar. Non dimos chegado a el o outro día (a pista que sinala o concello está impracticable) pero percorrimos a zona. Moi próxima está a ermida de San Xoán do Carballoso, un lugar cun montón de prácticas cultuais (pías, fontes curativas con ofrendas de panos) que podería ter unha orixe medieval ou anterior. Tamén baixo o castelo atópase un lugar no monte chamado San Gregorio. Non puidemos recoñecelo pero hai indicios de que ten boa pinta.

Figura 3b. Relación entre os castelos de Luania e Ínsua.
Obsérvese como están situados os dous castelos a cadansúa beira do río Tambre.

Figura 4. O Coto do Castelo (Ames) e Vilar do Abade.
Unha das dúas aldeas máis próximas ao Coto do Castelo chámase Vilar do Abade (inequívoco topónimo que fai referencia ao abade dun mosteiro, moi habitual no mundo medieval). Jorge Guitián referiunos unha lenda dunha fonte próxima ao Coto “á que ían coller auga os monxes”. Nas proximidades do castelo están as ruínas dunha ermida románica.

Figura 5. Castelo Redondo e o Mosteiro de Lampai
O Castelo Redondo é un observador privilexiado sobre a zona de Padrón e o Ulla para un mosteiro altomedieval coma o de Lampai (Teo). Obsérvese como na proximidade do mosteiro hai unha aldea chamada “Vilar do Bispo”.

Figura 6. San Miguel de Couselo.
Os antigos cronistas crían que o illado mosteiro de San Miguel de Couselo (Cuntis) era “un dos máis antigos de Galicia”. Era un mosteiro particular, pertencente a aristócratas. Por suposto, contaba cun castelo no máis alto do monte, co cal controlar un área superior. O curioso é que o castelo se asoma polos montes para poder ollar a entrada do río Ulla.

Figura 7. San Benito de Lérez e o castelo de Cedofeita
As primeiras mencións da vinculación entre o mosteiro de San Salvador -ou San Benito- de Lérez e o castelo de Citofacta son do século IX. No ano 916 o couto do mosteiro de Lérez chega ata “o muro de Citofacta“.

Figura 8. O Castelo de Vitres e Santo Estevo.
Este último exemplo é unha especulación basicamente para conectar algúns indicios de toponimia interesantes. Cara o ano 990, o bispo de Compostela Pedro de Mezonzo anexa as ruínas do mosteiro de Santo Estevo de Boiro ao de San Martiño Pinario, con todos os seus casais e propiedades. O mosteiro de Santo Estevo ficara arrasado nun ataque normando. Ninguén sabe onde estaría ubicado. Pero aplicando o noso patrón aparecen cousas interesantes. No borde do chan onde está a actual Mosquete, antes de subir a Vitres, está o “Outeiro do Bispo”. E baixando, en liña recta, ata o borde do mar, está o Pazo de Goiáns. Nese pazo, a primeira vez que o visitei, observei unha curiosa cruz prerrománica na fachada da capela, claramente incrustrada desde outro sitio. E no interior do pazo hai esparcidos varios capiteis, creo que góticos. “¡Que curioso!”, pensei no momento. Agora creo que xa sei a procedencia destas pezas. Deberon ir baixando monte abaixo.
¿E isto que quere dicir?
Na zona na que nós estivemos traballando, atopamos unha relación clara e directa entre os asentamentos monásticos medievais e unha infraestrutura de carácter militar, os castelos. Todos estes castelos non controlan directamente o territorio circundante onde o mosteiro podía ter terras en propiedade, senón que se sitúan no punto con máis visibilidade máis próximo ao mosteiro, mesmo desbotando outras ubicacións de maior altitude e con máis posibilidades visuais, pero con peor acceso, como se fora preciso percorrer esa distancia nun tempo reducido. Na zona que nós estamos explorando máis, a Terra de Santiago -entre Pontevedra e a Coruña, toda a costa- os castelos parecen estar vixiando o mar e as entradas das rías en case todos os casos.
Esta relación entre o mundo militar e o mundo relixioso é bastante curiosa, e desde logo non contemplada deste xeito nas investigacións ata o momento (que nós coñezamos, agradecemos calquera indicación a maiores).
Os expertos falan dun proceso de encastellamento propiciado pola inestabilidade do mundo nos séculos VIII-IX. Tradicionalmente, na Terra de Santiago explicáronse estes castelos como unha reacción contra os ataques normandos planificada pola máxima autoridade militar e eclesiástica, o bispo de Santiago, quen fortificou a cidade de Santiago a conciencia no século IX. Pero xunto coa posibilidade desa coordinación entre castelos, a evidencia parece revelar unha explicación máis complexa: o castelo como un elemento cosubstancial á fundación monástica altomedieval, uns ollos e vixías sobre un mundo de agresións xestionado por abades concretos -que non obedecían necesariamente ao bispo. Xunto co campanario, o Castelo definía os límites simbólicos do Couto monástico nun lugar de relevancia visual e servía como Vixía aos Monxes. ¿Foron construídos durante ese tempo de inestabilidade? ¿Ou era unha opción por defecto na fundación monástica?
Os Castelos eran os Vixiantes dos mosteiros. ¿Vixiar a quen? Había moitos perigos e inimigos, por suposto. Desde o século V e a fundación do reino suevo, o país andivo corrido de batallas, guerras, razzias e invasións. Pero uns enemigos concretos protagonizaron unha aventura que puido cambiar a nosa Historia, e estamos conectando algúns datos que nos van aproximar moito a eles: os Lordimani. Estes castelos parecen esperalos no horizonte. Pero esa xa será o tema da cuarta entrega das Repúblicas de Homes libres…
Anteriores posts de Repúblicas de Homes Libres
{ 15 comments }











Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 







