MANUEL GAGO OFRECE UN MENÚ DEGUSTACIÓN DE: DESEÑO. COMUNICACIÓN. GASTRONOMÍA. PRESENTE. ESTILOS DE VIDA. INTERNET. PASADO. VIÑO. CULTURA MULTIMEDIA. FUTURO. DESCUBERTAS.
Manuel Rivas, presentador, e Eduardo Galeano. Foto: Sole
A ampla sala do Auditorio de Galicia ficou pequena para acoller a todo o público que fumos ver a Eduardo Galeano onte pola tarde: o escritor uruguaio presentaba o seu novo libro Espejos. Una historia casi universal, nun acto organizado polo Clube Internacional de Prensa. Eu fico impresionado pola capacidade de atracción deste home, capaz de seducir e engaiolar a enormes masas lectoras cun discurso que funde diferentes tonos nun único discurso: o poético, o íntimo, o xornalístico, a crónica, a confesión, a análise. Galeano escribe libros que son coleccións de posts, que alumean o universo e a realidade das inxustizas de América Latina e o resto dos países subdesenvolvidos desde a esperanza e o humor: “a realidade está embarazada doutra realidade”, asegura. En Espejos -libro que xa temos na casa- aborda esta cuestión. Escribe a historia das historias distanciadas da Historia oficial: as mulleres, as minorías étnicas, África, Asia, os indíxenas, nos seus posts que son intensos como revelacións, irmáns daquel estilo de narrar que tanto gustaba a Rafael Dieste.
“O mellor que o mundo ten”, asegurou Galeano, “é a cantidade de mundos que contén”. Aquí vos deixo cun pequeno fragmento da conferencia, para quen non puido asistir. O audio é moi malo, pero coller son ambiente desde o móbil no medio do Auditorio non dá para máis. Son dúas historias: a primeira narra un fusilamento na Coruña, a segunda especula sobre os pintores da arte rupestre das cavernas.
Poucas veces ocorre cun libro o que me pasou con El Mundo según Fo. Conversaciones con Giuiseppina Manin, unha biografía-entrevista ao xenial dramaturgo e cómico italiano Darío Fo, que me recomendou Sole. Abres o libro e, de súpeto, é como se subiras a un tren en marcha que viaxa imparábel a través de todo tipo de campiñas e, cando chegas á última páxina, saltas outra vez ao lento mundo porque non fica máis remedio. No camiño, está toda a vibrante vida de Darío Fo, condensada en 168 páxinas; a súa infancia no Lago Como e os seus primeiros amores adolescentes, os inicios no teatro social en Milán, o éxito dos seus espectáculos e os avatares das súas representacións nos países comunistas tralo telón de aceiro, a súa angueira por subverter o discurso teatral dando voz aos que non a tiñan, rescatando e investigando nos volumes do pasado a voz de xuglares, bufóns e contadores de historias tradicionais. Fo revélase como un dramaturgo de saberes enciclopédicos, amante da boa vida e dos follóns necesarios para a axitación e o compromiso. “Teño oitenta anos pero vivín cando menos cento cincuenta”, asegura.
Coñecín o proceso de creación da Morte accidental dun anarquista, unha das obras dramáticas indispensábeis da segunda metade do século XX en Europa: a obra reescribíase e representábanse a diario, actualizada cos últimos acontecementos ocorridos no tribunal italiano no que se xulgaba o suposto accidente e morte de Giuseppe Pinelli, un sindicalista ferroviario que caeu do cuarto piso da comisaría de policía de Milán en 1969. Era teatro, opinión, información, panfleto no día a día, un teatro que era unha peza absolutamente única. A traxectoria vital de Darío Fo, o seu eterno amor por Franca Rame, coa que leva traballando e vivindo man a man desde hai máis de cincuenta anos, engaden profundidade a esta figura totalmente creadora. Cada nova frase no libro é unha reflexión para os que busquen carreira nas artes. Fo debuxa antes que escribe, debuxa para concebir o movemento das súas obras. Estas memorias oficiosas rematan cun paseo polo diminuto salón do seu piso, no que se amorean esculturas e cerámicas desde a época estrusca. O italiano é un coleccionista ávido, que fundiu os seus aforros perseguindo bustos clásicos, que lle interesa a escultura e a pintura porque nela atopa cousas máis difíciles de ver no teatro e, por iso; cada peza, descrita nas mans de Fo, é unha lección sobre a vida, a política e a sociedade.
Saltas feliz do tren en marcha e velo meterse nun túnel entre o bosque. Ficas pensando: “¿e agora que?”.
O deseñador Nicole Peterson, autor destes excelentes deseños de edicións da Divina Comedia:
“Quería crear un conxunto de capas que non empregara imaxes de pinturas do Bosco […] Inspireime no uso que fai Dante da matemática e da arquitectura ao describir o Inferno, o Ceo e o Purgatorio e empreguei formas xeométricas e cor para representar eses lugares mentres mantiña o deseño simple para permitir ao lector que empregara a súa imaxinación ao ler estes vívidos poemas”.
No Día do Libro, El Roto está confundido (aínda que a viñeta sexa cachonda). Por suposto que debemos facer crítica de libros. E se fai boa crítica de libros. De gastronomía. De blogs. De música. Do que queiras. Non é preciso ser un experto na materia para facer crítica, pero canto máis experto sexas máis se respetarán os teus criterios. A crítica afórranos tempo nunha sociedade acelerada. A crítica unicamente extende o papel do boca a boca. A crítica axúdanos a comprender, a valorar e a poñer en contexto. Ás veces os autores equivócanse cando afirman que moitos críticos non saberían dirixir unha película, cociñar un ovo fritido ou escribir unha novela de éxito. Confúndense porque pensan que os críticos deberan ser creadores. Non. Os críticos deben ser espectadores e consumidores ilustrados, aínda que creen, como a calquera lle gusta crear. Están desta banda do patio de butacas, non no escenario. E falan con outros espectadores. A súa principal ferramenta non é a orixinalidade, nin sequera o dominio da filoloxía ou da teoría audiovisual. É a memoria e grandes doses de intelixencia para explotala e poñela en valor.
Outra cousa son os críticos engolados. Os críticos que se cren deuses. E os críticos que falan para outros críticos, ou para os autores, e non para o público. Os críticos que queren decidir, desde unha mesa de cafetería, cales deben ser os camiños da creación. Deses hai moitos. Pero non son importantes. E menos influíntes do que a eles lles gustaría. Os bos críticos non se achegan de puntiñas a un libro. Rinse con el, vomitan sobre el.
Vou ser algo spoiler, pero todos sabemos que, nos ensaios, é máis ou menos lícito contar o final da historia, porque moitas veces é o seu inicio. Os bárbaros. Ensaio sobre a mutación, de Alessandro Baricco, está recén publicado por Anagrama. Xorde dunha proposta: a nosa cultura, a nosa percepción da cultura e a nosa actitude ante ela está transformándose rapidamente por unha invasión de bárbaros. Obviamente, é unha metáfora, pero remítese a un feito histórico e cíclico: a aparición no horizonte de hordas cun esquema cultural alleo que aniquilan as civilización ante a incomprensión cultural e o estupor dos aniquilados.
Para Baricco, os bárbaros xa están aquí, e por todas partes da nosa cultura hai aldeas saqueadas. Non hai, con todo, dramatismo na súa análise, nostalxia ou cabreo; máis ben a curiosidade por comprender a nova civilización que xurdirá das ruínas nas que está a ficar a cultura burguesa occidental; descrifrar os trazos que definen o pensamento bárbaro, presente nos consumos populares e “trátase de decidir que hai, no mundo antigo, que queiramos levarnos ata o mundo novo“. E aquí vén o spoiler: os bárbaros non pensan en libros, en películas, ou en programas, senón en sistemas de paso. Detestan a profundidade, o estudio dun único tema durante anos e anos; prefiren trazar traxectorias nunha superficie ubicada no presente, surfear entre obxectos, ideas e sentidos. O espírito permitía indagar ao home civilizado nas galerías do sentido cultural; para os bárbaros, o sentido figura na superficie. Fronte ao esforzo dos burgueses por chegar ao final, alí onde estea, os bárbaros prefiren observar máis en horizontal, gastando menos tempo e esforzo nunha cuestión concreta e surfeando de tema en tema con rapidez. E outra máis: os bárbaros somos nós mesmos. Somos mutantes bárbaros que xa asumimos parte dos códigos da nova cultura mentres mantemos outros dos vellos. Non hai eles nin nós.
O escritor contoulle todo isto periodicamente aos lectores de La Reppubblica nun estilo máis próximo á epístola que ao artigo; cun humor e unha ironía finísimas, e ilustrando as súas teses desde varias aldeas xa saqueadas: o viño, o fútbol, os libros. A evolución da música clásica no século XIX, a moral nacente da burguesía nese século. Analizou a Google como o principal instrumento bárbaro cunha gran lucidez:
“o que nos ensina Google é que existe unha parte inmensa de seres humanos para os que, cada día, o saber que importa é o que é quen de entrar en secuencia con todos os demáis saberes. […] [É] unha determinada revolución copernicana do saber segundo a cal o valor dunha idea está relacionado non principalmente coas súas características intrínsecas senón coa súa historia”.
O libro rematouse de escribir nunha pensión ao carón da Muralla Chinesa que, para Baricco, é o propio símbolo da relación entre a cultura burguesa e os novos bárbaros. Como conclúe Baricco: “a Gran Muralla non defendía dos bárbaros: inventábaos. Non protexía a civilización: definíaa“.
Portada do libro (feita por Santy Gutiérrez) e fragmento de infográfico de Manuela Mariño
O venres presentousePo de estrelas. Novas receitas científicas de Os dados do reloxeiro, escrito por Xurxo Mariño e editado pola Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Po de estrelas é a continuación de Os dados do reloxeiro, a primeira edición impresa das columnas de divulgación científica que Xurxo publica en culturagalega.org. Desta volta, contamos para a edición coas ilustracións humorísticas de Santy Gutiérrez e as infografías de Manuela Mariño.
En Po de estrelas, Xurxo dá claves para comprender novas teorías e ideas sobre a natureza do Universo e a vida no planeta Terra, sempre combinando esas dúas propiedades que tan ben domina: o rigor e a precisión científica e a capacidade para entreter e divulgar. “Comprender o mundo que nos rodea é un excelente elixir mental contra a credulidade e o fanatismo“, asegura Xurxo. Po de estrelas é un fermoso libro de divulgación científica, tanto a nivel de edición como dos seus contidos, xa que ten varias direccións de lectura: Manuela Mariño, infógrafa de La Voz de Galicia, explica na contracapa, a través de dous gráficos, o nacemento e morte de estrelas coma o Sol e o ciclo do carbono e o sol, que xenera os nutrintes dos que nos alimentamos e Santy Gutiérrez crea un contrapunto humorístico en paralelo aos breves artigos divulgativos de Xurxo.
Non todos os días se ten a oportunidade de ler un libro sobre alta gastronomía da man dun aristócrata millonario, progresista do PSC, xoancarlista e furibundamente antifranquista. Pois ese é Francisco de Sert, IV Conde de ídem, que publicou hai pouco un volume que está a dar moito que falar nos círculos gastronómicos: El Goloso. Una historia europea de la buena mesa. Non é doado describir o volume, desde logo. Non é unha Historia, como tal. E tampouco é estritamente europea. Percorre as civilizacións grega e romana, e logo alterna Francia e España, nunha sucesión de desbordantes narrativas anecdóticas. O groso do libro, desde logo, está dedicado ao berce da alta gastronomía, Francia, e de como xurdiu esta: a partir do paro no que se viron os cociñeiros dos aristócratas caídos trala revolución de 1789, que para buscarse a vida fundaron os primeiros grandes restaurantes. Aquí é onde está o maior mérito do libro: en detallar os procesos polos que nace a crítica, os grandes modelos do clasicismo francés, Escoffier, Brilat-Savarin. Nalgúns casos, nas grandes salas, Sert manexou información de primeira man, xa que o seu tío, artista, viviu a época das vangardas en París e compartiu as grandes mesas cos grandes artistas amantes da mesa. As historias francesas de El Goloso son, sen dúbida, o mellor do volume. Representan un gran brillo da Belle Époque, da restauración monárquica, do Congreso de Viena.
Desde esta perspectiva, de considerar a gastronomía da boa mesa como fío condutor, Sert despacha con rapidez as cociñas e as escrituras gastronómicas hispánicas do franquismo e da transición -sen dúbida, sen comparación de mirarmos a altura da restauración gala. O libro, entretido e desbordante, como unha sucesión divertida de anécdotas eruditas que ilustraran un longo e saboroso xantar, ten varias eivas: se cadra os topicazos que dedica á cociña galega -e o xeito banal de despachar a Picadillo-, ou cando considera con felicidade á cociña tradicional catalana como a máis sólida de Europa enteira (cada un ao seu en Ribadeu), ou a falta de atención ás interesantes aventuras culinarias doutros puntos de Europa. Se cadra o termo Europa fíquelle grande ao libro e poida levar á confusión. Eu, persoalmente, tamén lle boto en falta outra cousa: dun home coma el, metido en boa parte dos cenáculos gastronómicos e sen aparentes pelos na lingua, teríame gustado saber máis sobre o xurdimento da Nova Cociña Vasca, a alta cociña catalana e doutras zonas do Estado. Por desgraza, Sert pasa prudentemente por riba de moitos destes temas.
Aínda así, un gran libro para entreterse nesta primavera e verán que chegan.
Os mapas de Stefanie Posavec capturan algo máis alá que o resto. Máis que mapear a xeografía física, os seus mapas capturan regularidades e patróns nun espazo literario. As pezas destacadas en On the Map céntranse en No Camiño, de Kerouac. Os mapas representan visualmente o ritmo e a estrutura do espazo literario de Kerouac, creando traballos que non son só alucinantes desde o punto de vista do deseño gráfico, senón tamén exhiben rigor e precisión na súa formulación: coa súa meticulosa exploración da superficie do texto, marcando e anotando o tamaño das frases, da prosodia e das temáticas, a aproximación de Posavec ao texto non é moi diferente da dun investigador. E, do mesmo xeito, o acto é case reverencial nos seus obxectios e os resultados son fascinantes representacións gráficas da natureza do tema. O organismo literario, as texturas do ritmo e os debuxos das frases son certamente pezas sorprendentes.
Hoxe, encantoume ver na NASA esta foto de Walter Schirra, comandante do Apolo 7, tomada diante dunha fiestra durante o noveno día dunha misión orbital ao redor da Terra. Confirmoume, unha vez máis, algo do que estou convencido: hai fotografías con tal forza narrativa que conteñen en si mesmas toda unha novela, e só precisan a alguén que as redacte e meta o papel na impresora (o particular é que moitas delas só parecen desvelar o argumento a un individuo concreto). Lembroume outra fotografía-novela que publicamos no Álbum da Emigración de culturagalega.org:
Jesús Canabal e irmáns na praia. ca. 1920. Fondo: Arquivo da Emigración Galega
Jesús Canabal foi un emigrante do concello do Pino que fixo fortuna en Uruguai como empresario e exerceu de mecenas e activista da diáspora en Montevideo. Esta imaxe de varudos mozos labregos no mar, rara nas coleccións fotográficas da época, daría para toda unha saga novelesca de amizade, irmandade e separación (¡que poucas novelas sobre a nosa emigración americana, por certo!).
A verdade é que debín ser un dos poucos blogueiros que non se mirou a ver se figuraba reseñado na Gran Guía de los Blogs 2008, un libro referencial con reseñas de bitácoras relevantes no Estado escrito por Rosa Jiménez Cano e Francisco Polo, que un grupo de bloggers e bitacoras.com escanearon e colocaron no dominio público en PDF. Non me mirara, non por falsa modestia, senón por preguiza: non sabía en que categoría das 16 existentes podería estar este blog. Eles si o tiñan máis claro: no capítulo 5, Arte, Historia y Literatura. Grazas a Sole por descubrilo e aos autores polas súas amábeis palabras!
É moi sinxelo, pero tamén un sólido exemplo de novas formas literarias. Charles Cumming publicou dentro do sitio da editora Penguin The 21 Steps, un relato xeográfico, no que a lectura dos parágrafos se realiza sobre un mashup de Google Maps no que se representa o escenario no que está a ocorrer nese momento a acción. O relato está inspirado na novela de intriga The 39 steps de John Buchan. O proxecto da Penguin vai máis alá, por certo. Co título We Tell Stories, proporá seis relatos dixitais (un por semana), no que novos autores versionan títulos clásicos, usando ferramentas web 2.0 e contando coas achegas dos usuarios (segundo CNET).
Hai anos -cito de memoria unha década atrás-, lembro ler un texto de Otero Pedrayo no que falaba dos programas de lectura persoal. Don Ramón explicaba que nun tempo da súa vida -esas angueiras sempre ocorren cando es universitario, ¡bendito tempo libre!- lera de xeito sistematizado importantes movementos literarios. Por exemplo, empezabas en maio co romantismo francés en Rousseau e abrindo o primeiro tomo de Chateaubriand e a finais de agosto, na galería do Pazo de Trasalba, ao serán, pechabas a última páxina de A nosa señora de París, de Víctor Hugo, deixando tras de ti un ronsel de cadáveres literarios. Así estabas listo para enfiar, en setembro, co inicio do curso, a exploración dos principais autores do naturalismo francés ou do realismo ruso. Tremendo home, non dubido de que o fixera así. O certo é que nunca sería quen de emular esa disciplina oteriana nas miñas lecturas de lecer, e de feito, teño ata certa renuencia a ler dúas obras do mesmo autor seguidas, na confianza de deixarme levar polo caos da lectura repousada. Ata dar con Bruce Chatwin. Faleiche del hai pouco, no seu magnífico libro Os trazos da canción. A estraña e brillante personalidade viaxeira de Chatwin, a anárquica redacción de Os trazos da canción fíxome pensar se o libro era parte do seu estilo, ou o seu aparente zigzag, o non propósito, respondía a algunha cuestión coxuntural, en plan cansei de escribir á metade do volume.
O certo é que agora rematei Na Patagonia e acabei fascinado. Nestoutro libro, o primeiro que publicou, Chatwin viaxa á estrema austral de América cun motivo absurdo: saber algo máis da horrenda pel de milodonte que tiñan uns familiares seus na casa. Pero a narración só recupera o milodonte cara o final. No medio, estamos falando de historias de colonos europeos nesta zona estrema, de bandidos norteamericanos fuxidos do Oeste, de relatos inéditos de mariñeiros que enfían o Cabo de Hornos, de indíxenas (sempre vistos desde unha estraña distancia) extinguidos polas epidemias traídas polo home branco. Chatwin volve a non ter un aparente destino no libro, a ser puro erratismo. E ese é o seu destino. O errar. Non creo que sexa un libro que lle guste a quen espere que o final teña conclusión ou moralexa, ou un peche que recolla e dea sentido ás múltiples direccións que tomou o texto interior. Ao escritor inglés debíanlle resultar cansados os finais, porque é como se a ponte se cortara a metade do camiño. A min, persoalmente, encántame estes libros que son como pegadas na beirarrúa, que están no medio por vocación, e que son, basicamente, unha porta cara outro lugar.
El Bulli desde dentro, do xornalista Xavier Moret, é unha crónica dos inicios e do desenvolvemento de El Bulli como fenómeno global da gastronomía. O xornalista compartiu bastantes horas con Ferrán Adriá, poñendo por escrito os artigos que entregaba o cociñeiro para a edición de verán de El País. E durante ese tempo e moito despois, Moret tivo a oportunidade de achegarse á filosofía hiperactiva de Adriá. Eu creo que o principal valor do libro está en coñecer algo da organización interna do complexo de iniciativas xurdidas a partir de El Bulli -El Bulli Taller, a Fundación Alícia, El Bulli Catering…-, e ver como se manteñen en equilibrio.
Moret recolle, sobre todo, a filosofía fervedoira do cociñeiro, organizando o seu discurso e captando en esencia a súa peculiar linguaxe técnica. En especial, chamoume a atención a visión global de Adriá, que pensa xa coa dimensión-mundo nas súas investigacións, e o xeito no que o cociñeiro xa asume que o seu traballo deixou de ser excepcional e único, e que na carreira da alta cociña, cada ano que pasa supón un esforzo maior para diferenciarse, a súa sinceridade de non saber ata cando poderán aturar o ritmo con garantías. Coma todos os libros dos Premios Sent Soví, adoece de falta de edición -¿costará tanto contratar a un profesional que lle dea un repaso ao texto?-, e ás veces hai reiteracións absurdas e sobrantes nos capítulas. Malia iso, en esencia, é un interesante observatorio para para mirar dentro do restaurante máis famoso do mundo, aínda que case non aparece ningunha gran revelación. E nin sequera creo que as houbera. Alí dentro, na cala Montjoi, non hai tempo nin para secretos.
Está nun apartamento de Londres e foi feita como plataforma para soster un pequeno dormitorio inesperado, fóra da distribución habitual da casa. Mirando desde arriba, eu seguro que caía rodando. Aquí se detalla.