From the category archives:

Italia

Explorando o Barolo: un modelo de enoturismo que esperemos non ter nunca

16 Setembro, 2007

barolo_1.jpg

barolo_2.jpg
A paisaxe vinícola das Langas

Había tempo que quería coñecer a rexión na que se fai o Barolo, un dos máis recoñecidos viños do mundo. Aparece como distinguido acompañante nas ceas románticas das series norteamericanas, mencionado nos ágapes dos plutócratas de países sen cultura vinícola. Quería saber que hai nese viño que esperta tantas paixóns. Así que aquí estabamos, nas Langas, ao sur do Piamonte. Unha suavísima orografía de outeiros coroados por torres de castelos, e unha paisaxe totalmente modificada polo home e o viño, como podedes ver nas fotos. Nunca vira algo similar. Ao Oeste, os Alpes Marítimos descen abruptamente ata a costa ligur pero aquí, a paisaxe é doce, campesiña. Todo aquí é lento e considerábelmente aburrido, perfecto na súa ubicación de postal, nos seus castelos e viliñas, no seu silencio de agricultores. O cultivo da vide non xenera, nos campos, a actividade humana intensa doutro tipo de cultivos. Estas vilas parecen espertar só para a vendima. ¿Silencio, dicía? Non sempre.

Polas noites, escóitanse ruídos pavorosos: nas vilas do val, os acordeóns alpinos tocan a súa música inocente ata a medianoite, e as brisas tráente repetitivas melodías con esa inxenuidade machacante de tiroleses. Imaxínome a praza da vila chea de xentes civilizadas e á mestra da vila e o dono da carnicería vestidos de traxe rexional, termando duns acordeóns pintados con flores, mentres un montón de matrimonios observan a música desde unhas terrazas nas que comen en voz baixa, con esa cara de ausencia que teñen as parellas rodadas durante décadas.

Quería ver en que se convertía unha rexión cando o seu principal recurso turístico de éxito é o viño, e cando este recurso funciona a pleno rendemento. Conclusión 1: Uf. Conclusión 2: Isto do enoturismo é algo bastante perigoso para os amantes do viño locais. Vexamos por que.

[click to continue…]

{ 2 comments }

Il laghetto: pizzas slow food para engaiolar a nenos

14 Setembro, 2007

il_laghetto.jpg
Nenos mirando como se elaboran as pizzas en Il Laghetto

Creo que a mellor pizza da miña vida comina aquí, neste lugar. Un pequeno restaurante chamado Il Laghetto, ao carón dun estanque grande, no fondo de La Morra, na rexión do Barolo. Na terra do slow food, o pizzeiro de Il Laghetto subscribiu o manifesto e deixa acougar a masa das súas pizzas de inspiración napolitana 48 horas antes de facerse. Tiñades que velo: eses nenos todos están flipando con el. Puro virtuosismo artesanal, puro coidado da comida. Alí vimos algo inaudito. Despois de que a súa axudante montara unha pizza -aparentemente, aos meus ollos, normal- el mirouna con fastidio, tentou amañala quitando e poñendo ingredientes, mirouna de esguello e negou coa cabeza. Recolleu a pizza nunha bola de masa e guindouna ao balde do lixo. Na miña vida tal vin. Respirábase amor pola comida, e polos ingredientes de primeira calidade. E aqueles movementos mecánicos, aquela seriedade, daba a impresión de que nesa mesa enfariñada estaba a ocorrer algo grande. Todos eses críos calados, sen moverse, sen molestar, cren que asisten a algo misterioso e moi importante.

E están no certo.

{ 0 comments }

As Enotecas Comunales: un modelo interesante para aplicar en Galicia

8 Setembro, 2007

En moitos concellos de zonas vinícolas italianas, hai unhas tendas -xestionadas polo Concello ou pola asociación de viticultores- chamadas Enotecas Comunales. Están situadas no lugar máis visíbel da vila e non son estritamente un bar, senón máis ben un showroom, un expositor dos viños que se fan no concello. Atendidos por unha persoa que ten un fondo coñecemento dos viños locais, as Enotecas son un xeito rápido de aprender sobre os viños da zona, probar diferentes variedades, pasar un rato aterrizando no lugar, a prezos puramente simbólicos. Habitualmente, os viños custan un euro, pero se compras algunha botella nin sequera chos cobran. Noutros casos, as Enotecas Comunales son a porta de acceso para probar viños que, doutro xeito, che estarían vedados polo prezo. Na Enoteca Regionale di Barolo, por exemplo, por cinco euros facíaste unha idea cabal e guiada dos viños do lugar que sería imposíbel facer doutro xeito, xa que as botellas do mítico Barolo -falarei del noutro post- andan como mínimo polos trinta euros; na Enoteca Regionale, probei mesmo dos de gama máis alta, viños de sesenta ou oitenta euros, a penas por cinco. O programa, en moitas delas, pasa por probar tres viños, con diferente tempo de crianza; ou diferentes coupages e uvas…depende das características da zona.

Pareceume unha idea interesantísima para estender en Galicia, con custes moi reducidos. Facer turismo enolóxico nas denominacións de orixe galegas, por exemplo, é un parto. Dado o reducido tamaño das adegas, moitas delas carecen de recursos para ter personal na recepción de visitantes durante varias horas. Pero unha Enoteca da Denominación, ubicada en lugares emblemáticos da comarca, sería unha estupenda porta de entrada para os viños da zona e facilitaría o coñecemento do turista, moitas veces desorientado.

{ 3 comments }

Castell’Arquato, os praceres dunha Babilonia medieval

8 Setembro, 2007

castellarquato_1.jpg

castellarquato_2.jpg

castellarquato_3.jpg

castellarquato_4.jpg

castellarquato_5.jpg
Fotos: Sole

Se cadra o título sexa un pouco esaxerado de máis, pero creéme: hai pasaxes, nesta viliña medieval de Piacenza, fóra dos circuitos turísticos, nos que camiñas baixo a sombra de altos muros, e ao teu redor voan os xardíns. En Castell’Arquato, nas torres dos pazos medievais aperoucados ao redor da acrópole, colgan xardíns de flores, que se conectan con terrazas e terrazas das que aparecen ondas verdes e as flores dan todo o que poden dar de si, nun espectáculo aéreo. Castell’Arquato é unha pequena marabilla cravada no tempo, alí onde a enorme chaira de Piacenza se enruga e aparecen as colli piacentini que darán paso ao Val de Arda; as colli dan brancos e tintos frizzanti por natureza, aínda quer os locais teiman en obter viños fermos, brancos urtugos poderosos e tintos barbera de alto grado pero con matices complexos, torrefactos, que falan de sol castigador.

En Castell’Arquato respiras e acougas. Nós fixémolo na Locanda Sidoli, nunha aldeíña preto do borgo. Que lugar máis chulo. Un proxecto persoal dunha mociña, Enrica, apoiada polos seus pais: ela teima en recuperar os sabores e a gastronomía da zona piacentina; como nos mellores sitios de comer en Italia, non hai nada que escoller, simplemente esperar. Nunha terraza silenciosa, entre botellas de Moët Chandon embadurnadas de chorros de cera das velas, van saído secretos en forma de plato. Sole recoñeceu de súpeto as tortas fritas, que en Uruguai se fan nos días de chuvia e aquí, na provincia de Piacenza, acompañan aos antipasti. Logo viñeron os anolinis, os chicche della nonna; quedáronme gañas de probar -pero non era posíbel- o cinghiale con polenta, o xabaril con polenta, un prato famoso desta Emilia Romagna rural, de granxas grandes, isoladas, e de anchos ventanales ruinosos. Non hai problema, farase nalgún momento: Castell’Arquato xa quedou gardado na nosa xeografía vital.

Castell’Arquato en Capítulo 0 Mapas

{ 0 comments }

Ese restaurante ao que levarías a un amigo estranxeiro

7 Setembro, 2007

Dinme conta do paralelismo cando estabamos comendo unha incríbel carne á brasa con preve de xenxibre. Había unha noite calurosa e L’Antico Portale quedaba ao carón do noso estupendo camping, en Bucine, no sur rural da Toscana, así que decidimos quedar alí. A carne era dunha calidade excelente e a orixinal e arriscada nota do xenxibre dáballe un punto ácido e picante á carne realmente interesante. L’Antico Portale é fantástico: ben decorado, cunha base de carta na cociña tradicional toscana, racións de calidade impecábel e abundantes en xénero e unha vizosa adega, cun servizo informado e disposto a informar sen tentar colocarte os excedentes.

E decateime de que L’Antico Portale pertence a un xénero de restaurante que, afortunadamente, estase a impoñer en moitas rexións e países cunha cociña de forte identidade. Trátase do “restaurante ao que levarías a un amigo estranxeiro”. ¿Un pouco rebuscado, verdade? Pero exacto. Trátase de restaurantes que inventan un concepto enxebre ma non troppo, que recuperan a cociña tradicional da zona con certa vontade de escapate rexional e toques ilustrados, pero a prezos contidos e asumíbeis para unha clase media, a redor dos vinte e poucos euros, e que coidan a adega como unha parte fundamental do negocio. Sitios de confianza aos que ti levarías a un amigo estranxeiro para amosarlle a nosa gastronomía básica.

Un non sinte estes restaurantes exactamente como tradicionais, senón como continuadores. Por iso están tan cheos de forasteiros como de locais, son populares, sempre están cheos. Teñen cociña tradicional (con algunha chiscadela ou invención moderna) pero unha mise-en-place, unha organización moderna, con tecnoloxía, con tempos controlados, camareiros eficientes, presentacións brillantes e cociña menos saturada en graxas, preves e pesadeces do que a veces é a tradicional. L’Antico Portale facía auténticas marabillas, ata o punto de non querer marchar de aí. Á segunda noite, un xa se sentía como en casa no lugar.

Europa ten, por sorte, un bo feixe de lugares así. E no noso ámbito tampouco faltan: O Dezaseis, en Santiago; o Palacio de Canedo, de Prada a Tope, en Cacabelos (Bierzo); a Posada San José, en Cuenca; o Narru Jatetxea, en Elorrio…

{ 2 comments }

Diccionario de camping

6 Setembro, 2007

Levamos moitos veráns indo por aí tirando de cámping. É xenial: permíteche facer unha viaxe longa gastando moi pouco no máis caro -o aloxamento-, e así redistribuír o diñeiro das vacacións de forma máis pracenteira. Pero no prezo do camping están incluída unha serie de incomodidades prácticas que explican o prezo e que te amosan o acomodada que é a nosa vida cotián. E xa non me refiro ás que te imaxinas a priori de durmir nunha tenda, senón ás sorpresas do día a día. Os italianos son moi amantes de sorprender nos campings -creo que é común a todas as nacións-, así que preparamos unha guía de conceptos para levar mellor a viaxe.

AVANCE: Non, por moito que te flipe tanto como a min a tenda esa de Decathlon que se monta en 60 segundos, non vale para nada nun trebón. E no verán hai moitos trebóns. Por 80 euros tes tendas con máis corpo e cun avance que te permite gañar en espazo para gardar cousas en caso de diluvio e xogares con calma á brisca no caso de choiva eterna.

BOMBONIÑA: Como custan bastante pouco, tendemos a mercar un camión de simpáticas bomboniñas de Campingaz “por se se nos acaban”. As pobres pasan os días bamboleando no maleteiro e caendo nos pés cando quitamos o papel hixiénico, e permítennos protagonizar marabillosas escenas de Mister Bean cando queremos recolocar as cousas no maleteiro. E non, señores, para dúas persoas, dúas bomboniñas van perfectas. E se se acaban, no resto do mundo tamén as venden.

CAGA-DUCHA: Dise dese tipo de construción hixiénica na que converxen as augas maiores internas, as menores internas e as superiores externas. Habitualmente consisten en dous agarres rasposos para os pés no chan, un escuro e tenebroso buraco central, un agarrador para un brazo e unha ducha/mangueira regulábel en altura. Inspirado nas innovadoras técnicas de xestión de masas humanas deseñadas en Centro Europa nos anos 40, os caga-duchas teñen unha especial capacidade para propagarse nos campings nos que entra e, coma os eucaliptos, tende a fagocitar aqueloutros cuartos de funcións hixiénicas especializadas. Para evitalos, consultar a entrada Inspección previa.

CHANCLA: Salvo que queiras sacarlle partido á crecente fungomanía de outono, son indispensables para ir ás duchas. Pero, ollo, hai dous tipos de chanclas. Para conseguir que non se produza un psicótico desprendemento de chancla que derive en que a túa pranta se pouse sobre a reixiña e o teu tacto sinta as caricias dos paramecios, as máis axeitadas son as que teñen o “enganchador” entre os dedos.

CITRONELLA: As velas de Citronella son a túa única salvación contra os mosquitos. Hainas por todas partes, pero lévaas de aquí, que facémolas máis gordas e baratas. Prenden unha lapa que faría palidecer á Torre de Hércules e conseguen crear un escudo protector contra os mosquitos. Pero eles están aí, a dous metros. En canto aventuras unha man fóra de escudo percibes a súa densa malla de zunidos e morres do medo. Ver: Mosquitos.

COCHE: Caixa forte. O número de aperturas das súas portas por hora permite medir diariamente o noso nivel de Alzheimer.

COLCHÓN: O colchón de camping está de moda e é xenial. Úsao, non por iso deixarás de ser menos machote ou aventureira. Iso si, non merques un deses con motorciño de inchado incluído: son un tongo, móllanse e amólanse con facilidade. Usa mellor dos de inflar.

ELECTRICIDADE: Ese servizo que sempre te esqueces de pedir no camping e que motiva que fagas delongadas tertulias na porta dos báteres mentres carga o condenado móbil.

FICHIÑA: Pequeno disco de metal que tes que introducir nunha caixa para conseguir que a ducha bote auga, nalgúns campings italianos. Mércase en recepción e ninguén te avisa do sistema: adoitas darte conta cando xa estás en pelotas na ducha e co xel na man.

GOOGLE EARTH: O auténtico detector de mentiras e falsas verdades na web. Explora os campings previamente desde Google Earth para comprobar que non hai unha siderurxia nin un aeroporto ao carón do camping. Tamén está ben para comprobar a proximidade á praia ou ao lago. Hai que detectar, en plan espía da Guerra Fría, se hai algún tipo de camiño de conexión. Se non a ves, o máis posible é que para a praia haxa que andar inexplicablemente trinta minutos baixo o sol bordeando unha finca ou algo así.

ITALIANO: A frase “aquí débese comer ben porque está cheo de xente de aquí” non se pode aplicar nos campings italianos que están ateigados de familias romanas ou milanesas. Principalmente, porque o italiano precisa moitos menos metros cadrados que ti para sobrevivir; en concreto, precisa os menos metros cadrados posibles. Adoran a acumulación humana ata o límite de facer enormes ceas colectivas nos vieiros do campamento nas que as mammas sacan perolas enormes de pasta. Parece divertido, pero é que a ti vaiche tocar ao carón dun grupo de adolescentes holandeses amantes da cervexa.

INSPECCIÓN PREVIA: Acción con sentidiño antes de aceptar un camping. Consiste en a) ¿Ten sombra a praza? SI; logo b) ¿Ten auga e baños preto? c) Cantas capas de merda ten o chan do baño? Menos de 3; logo d) Ten o baño caga-duchas? NON; logo e) ¿Onde está o viveiro de mosquitos?, etc.

LESTE: A dirección cara a que tes que orientar a cabeceira da tenda, en relación á sombra das árbores. Debe estar orientada de tal xeito que a sombra da árbore rote entre sete e nove da mañá por enriba do espazo entre a túa cabeza e o embigo. :P

MOSQUITO: Dise dun ser a medias mitolóxico e a medias real con propensión a manifestarse entre as oito e as once da noite nos paraxes de singular beleza europea. En Italia aliméntanos con pienso, así que acadan unhas dimensións dignas de tributarlles unha festa de exaltación gastronómica. Unha vella coreana avisounos en Venecia, ao ver as nosas pernas convertidas en bulbos: “lávense con xablón Lagalto (adaptación para público galego). A eses fillos de puta gústalles o Johnson’s”. Sabiduría oriental. Ver: Citronella.

NATURISMO: Se non tes problemas en pórte en pelotas, o naturismo é mellor. Pecha os ollos: nin adolescentes, nin nenos, nin marujas, nin ruidoso turismo español. Os cámpings, ademais, están mellor e teñen mercados con moito vexetal fresco, e tal.

OFICINA DE TURISMO: Asúmeo: es un guiri. Para o local, es tan guiri como esa sueca coa cara pelada. Vai á oficina de turismo. Cóntalle as túas penas…e pídelle a lista de aloxamentos (que ten os prezos ao carón).

TURISMO RURAL: O descubrimento deste ano. Resulta que bastantes agriturismi (casas de turismo rural) italianas reservan espazo para unha ou dúas prazas de camping. E está xenial. Custan sobre 10 euros/persoa, non cobran polo coche e podes usar todos os servizos da casa (cociña, piscina, salóns, baño grande e impecábel…) a eses prezos de risa. E o dono sempre te pode convidar a viño!

UNS MÍNIMOS: Márcalle un límite á túa dignidade antes de aceptar quedar nun camping, e así aforraraste disgustos. Tamén que che digo que os disgustos elimínanse complemante se eliminas os mínimos. Pero de verdade, eh?

WEB: Dise do lugar electrónico no que os propietarios do camping manifestan os artistas que levan dentro. Ademais son un bo punto de partida para rememorar a Internet dos 90. Se estás buscando un camping con praia, hai varios puntos importantes: o primeiro é que se o camping dá directamente á praia vas sabelo perfectamente. Varias fotos amosarán visualmente esa proximidade e conexión: nunha foto verase a praia en primeiro plano e as tendas atrás, ou viceversa. Sospeita dos campings que poñen fotos de postal da costa “desde o alto” ou desde a distancia, porque o camping case seguro que está no medio do monte. Sospeita moitísimo. Ver tamén: Google Earth.

WOK. A túa solución á pasta para cando volvas esfameado de patear unha cidade. O wok resiste calquera cousa que lle botes, faina rápido e case non consume aceite. É un pouco aparatoso de levar pero paga a pena.

{ 5 comments }

Un clan de solitarios buscadores en Venecia

4 Setembro, 2007

maltese_venezia_2.jpg
Fragmento de Favola di Venezia, de Hugo Pratt (1977)

Non veñen por aquí pola obra veneciana de Thomas Mann, de Vivaldi ou de Giacomo Casanova. Son un clan de solitarios, e custoume recoñecelos, pero cando o fixen non saín do meu abraio. Alí estaban todos, paseando como follas en outono, por ruelas solitarias. Recoñécelos por unha marca: pinzan cun dedo páxinas da Favola di Venezia, a aventura de Corto Maltés na Venecia da infancia de Hugo Pratt; un misterioso e soturno freak que me atopei nunha calexa tras Rialto descubriume a outra modalidade: a Venecia Secreta de Corto Maltés, unha guía explicativa dos secretos prattianos da cidade. Miroume -os dous fitabamos os voladizos dunhas casas- como buscando complicidade na busca.

Estes solitarios, estas parellas están a confrontar a Venecia en cor coa Venecia en branco e negro do álbum, lendo nos trazados urbanos eses recantos secretos que Pratt debuxa nunha das súas aventuras máis íntimas. Lugares distanciados, algúns, dos grandes focos turísticos. O Arsenale. O Guetto novo. Historias de patios, fontes reinterpretadas, rúas desertas, ese orientalismo barroco que formou Venecia amando e temendo ao Turco no mesmo tempo. Dúas inglesas sentan nun Campo e os seus ollos van do álbume á realidade; se cadra, o panorama que eu vexo ermo eles téñeno cheo de cadriños, de bocados e viñetas e o mariñeiro Maltés pasea por el. Un exercicio duro, comparar a imaxinación coa realidade; unha aventura demasiado persoal: ver interese en lugares que están desprovistos, aparentemente, del. Estes buscadores visitan argumentos. Pratt deseñou álbumes de gran parquedade estética, e forzou a que o lector quen (encantado) lle escribe aromas e cores ás súas voluptuosas historias. Esta xente explora en vivo a súa lectura de Venecia.

Son turistas da súa propia imaxinación.

Outro solitario buscador examina un capitel nun patio, e todo parece envolto nun soño irreal. Esta cidade é sobre todo onírica. Se a Materia de Bretaña foi a base argumental da fantasía medieval, a Materia de Venecia inspirou, dun xeito ou doutro, boa parte da fantasía, da ciencia ficción e do imaxinario do século XX. Na túa memoria, recoñeces a Venecia en centos de mundos escritos ou ilustrados, alí onde o artista se tomou a liberdade de volver conciliar oriente e occidente e pensar en atribuladas e acurraladas Repúblicas. Pero só Pratt foi capaz de soñar Venecia desde dentro.

{ 0 comments }

E a perspectiva…estaba detrás

4 Setembro, 2007

san_giovanni.jpg

No Campo de San Giovanni e San Paolo, na Venecia sen turistas (1 litro de auga, 0,75; as variacións no prezo da botella son o indicador turístico máis válido na cidade) está este edificio, anexo á igrexa. Revisando as fotos, doume conta agora de que non é outro xogo máis de perspectivas renacentistas, non; dentro, está o vestíbulo do Hospital do mesmo nome e, ben, é exactamente iso que ves na foto. O interior ten ese artesonado, esa profundidade, esas columnas; a fachada quere transparentarse e dar paso ao interior. Sorprendente.

{ 2 comments }

Un paseo acuático por Venecia

4 Setembro, 2007

venecia_san_marco.jpg
Praza de San Marcos desde o mar

Nas miñas anteriores visitas a Venecia, sempre chegara a esta cidade -que parece estar de puntiñas sobre a lagoa-, desde o continente. Pero a Venecia hai que chegar e marchar por mar, porque foi concebida e planificada para marabillar a embaixadores e dignatarios que chegaban e sobrecoller aos mercadores e mariñeiros que retornaban exhaustos da tenebrosa e eterna Ruta da Seda. Entramos en Venecia desde o Lido e pouco despois -o xusto para poder entrar na Basílica de San Marcos e no Palazzo Ducale antes das marés de turistas-, e logo volvemos a coller o vaporetto -sae moi barato- para remontarmos a cidade polo Gran Canal ata a estación do tren. Despois xa todo é perderse e explorar os labirintos de rúas, canles e barrios, zigzagueando de oeste a leste; para xa retornar á Praza de San Marcos cando xa marcharon os exércitos de Canon e Nikon e as orquestinas de música clásica e jazz comezan a tocar nas terrazas dos cafés do XVIII.

Quería contala en vídeo, quería amosar coa cámara -que pequeno campo de visión teñen!, a revolución de verdade serán as cámaras de vídeo estereoscópicas- unha visión de Venecia desde a auga: a chegada e o paseo pola Gran Canle, a arteria central da cidade, o fogar de moitos dos grandes palazzos, seguindo este trazado:

venecia_enriba.jpg
Percorrido por Venecia que facemos no vídeo

Só é un vídeo de catro minutos, pero é unha das cidades máis fermosas do mundo. Aquí o tes.

Notas técnicas: Con frecuencia grandes sabios da web dan consellos sobre como facer vídeo de éxito en Internet. Rápido. Intenso. Coma o do hamster ese, vamos. É unha imprudente equivocación, ao confundir éxito cun valor estritamente numérico. Nun soporte horizontal como a web o éxito é unha variábel máis complexa. O éxito sempre se xulga desde a expectativa do editor. Por iso, a miña expectativa de editor é, esencialmente, achegarme a formatos que non sairían na tele ou na portada de Youtube. Como isto: cinco minutos sen acción humana, aínda que moita información. Aquí, o factor éxito, é que alguén se emocione coma nos emocionamos nós. Ou se faga unha idea máis precisas de dimensións, arquitecturas, distancias.

{ 1 comment }

Relatos de poder en Rávena

29 Agosto, 2007

ravenna_1.jpg

Aquí estou, practicando o ravenismo. Ou a arte de mirar sen parar teitos de mosaicos na cidade de Rávena e rematar dunha vez coas cervicais maltratadas no inverno.

Sempre quixen ir a este lugar: ubicada no Leste de Italia, próxima a Venecia, en antigas terras de fronteira no límite da península italiana. A cidade, en si mesma, non ten demasiado encanto. Ruelas anchas, rectas, que seguen o trazado orixinal case ao milímetro desta que foi capital do decadente Imperio Romano occidental cando xa estaba todo o peixe vendido e os bárbaros saqueaban Roma. Casiñas baixas, unha sensación de letargo prolongado.

Logo chegou a caída do Imperio, as vacilacións históricas e a reconquista da cidade e dos seus territorios por parte do emperador bizantino Xustiniano, no século VI. Xustiniano afianzou a Rávena como o seu posto destacado en Italia, pola súa proximidade e polo porto militar que construíra Augusto, moi preto, en Classe, cinco séculos antes. Rávena ten algo único: o século VI. Na pobreza material deste século, Rávenna custodia unha serie de mosaicos xurdidos ao abeiro do florecente poder das frangullas decadentes do Imperio Romano.

Pero para min, o fascinante de Rávena é ese século VI. Esa terra de ninguén. Algo que xa non é Imperio Romano, que tampouco é Idade Media, pero no que se está conformando un futuro do que nós coñecemos todo pero que, nese momento, aínda non está decidido. Rávena é como un intre conxelado no tempo da gran narración histórica de Europa. Sabemos de onde viñan. E sabemos que ía pasar despois. E o que collemos é, xusto, o fundido-encadeado entre épocas. A arte da cidade é a nosa intérprete, diáfana, mesmo para non especialistas, para comprender a este tempo suspendido na Historia. Recoñecemos os detalles: a inspiración no pagá Neptuno, o naturalismo dos mosaicos das vilas campestres, o Cristo representado como un patricio novo e rico, completamente rasurado; está o vello, pero o cristianismo comeza a construír o seu propio código visual. Na Basílica de San Vitale fórzanse os límites do que a propia técnica do mosaico pode dar de si.

ravenna_2.jpg
Basílica de San Vitale. Fotos: Sole

San Vitale foi unha enorme obra de propaganda levada a cabo polo emperador bizantino Xustiniano para difundir a súa identidade e maxestuosidade nunha Italia caótica. Todos eses mosaicos falan do gusto incipiente de Bizancio por esta técnica artística, pero están feitos desde a tradición local, cos saber dos artesáns italianos. E nel contense un dos relatos de poder máis interesantes que se poden atopar na arte. O Mosaico de Xustiniano e a súa corte.

ravenna_3a.jpg

Todo, todo neste mosaico conta algo. Fixádevos na figura do emperador, no centro, presidindo. Pero observemos o pequeno axuste de contas local: escrito no mosaico aparece o nome de Maximianus. Era o bispo de Rávena e o texto indica quen deles é. Observemos en detalle.

ravenna_3.jpg

Falta pouco para que desapareza o retrato individualizado, o suxeito con riscos propios, da arte europea. Pero aquí aínda está, e co realismo que caracterizaba á retratística romana! Maximiano é o cura da dereita de todo, e deixounos para a posteridade, aparte da súa vanidade, unhas tremendas faccións de intrigante. Entre o bispo e o emperador, está Xuliano Argentarius que, coma o seu propio nome indica, era quen tiña a pasta. O banqueiro que financiou a construción da basílica. E, á dereita do emperador, temos outra figura interesantísima, o Xeneral Belisario, conquistador de Rávena. Militares, banqueiros, cregos, emperadores…século VI, todos os séculos

ravenna_5.jpg

Sen embargo, neste mosaico hai algo máis: se os retratos e a análise psicolóxica dos poderosos nos leva case ata a República romana, cincocentos anos atrás, a multitude de soldados da esquerda nos traslada á plena Idade Media. Soldados anónimos, de rostros xenéricos, en multitude. Lembra miniaturas medievais que teñas visto, pensa nas Cantigas de Santa María. Esa multitude está aí, case sete séculos despois. E esta debe ser unha das primeiras veces na Historia, así que se lle perdoa ese pequeno fallo de coherencia que ten: hai máis cabezas que pés. Perdoarémosllo por ser a primeira vez. ;-)

{ 0 comments }

Cara a cara

29 Agosto, 2007

florencia_chan.jpg
Proxecto inacabado na Vía Tuornabuoni, en Florencia.

{ 0 comments }

Cultus Boni, terroir abacial en Chianti

28 Agosto, 2007

Subindo a montaña, ao chegarmos á Abadía de Coltibuono, en Gaiole in Chianti, soaba isto:

Os paisanos entraban á misa da tardiña neste solitario convento fortificado das montañas, de vizosos xardíns e frías soedades. Aquí, en vellos viñedos, elabórase un viño excelente: o Cultus Boni. Todo el é un cóctel de terroir: feito a partir de sangiovese, un 80%, e pequenas variedades de variedades locais que lle engaden matices, o Colorino, Ciliegiolo, ademais dun pouquiño de Merlot. Si, este é un viño diferente, que non renuncia a estar no mercado coa súa propia personalidade, na que hai tostados, froita vermella, balsámicos…Mágoa de só traerme unha botella.

{ 0 comments }

O valor da simplicidade gastronómica

28 Agosto, 2007

osteria_ponte_1.jpg
Unha caprese

osteria_ponte_2.jpg
Tagliata de cinta sienesa

Busca bos ingredientes. Os mellores do campo. Cocíñaos sen gran despregue, atrapando o cerne do seu sabor. O máximo. Na Toscana, a ensalada caprese é un estendido antipasti, un entrante, e non é nin máis nin menos que iso. Tomates máis que decentes para presentarse en grandes toros, moi boa mozzarella de búfala. Outro exemplo glorioso, realmente glorioso de tan simple que é: a tagliata de cinta sienesa, tiras de porco grellado pero cun punto moi importante, mesturados con cebola tamén pasada pola grella. O duro sabor da cebola algo carbonizada -coma os calçots cataláns- que encaixa perfectamente coa carne de porco. Nós probámolo nun lugar moi recomendábel, na Osteria Al Ponte, en Radda in Chianti, entre outras moitas cousas, nunha tarde de sopor caloroso.

Osteria Al Ponte en Capítulo 0 Mapas

{ 2 comments }

Alén do lambrusco: visitamos Chianti

27 Agosto, 2007

Si, eu de aquela non sabía. Pero precisaba saber.

Estabamos no restaurante italiano da rúa do Franco, en Santiago. Despois de repasar por arriba e por abaixo a carta, díxenme que esa tiña que ser a derradeira vez.

-E miren -pregunteille ao dono do restaurante cando veu tomar nota- ¿e logo o único viño italiano que teñen é este lambrusco?

Eu non sei ti, pero a min o lambrusco, e as súas burbulliñas, e o seu aspecto dozón, mátame. Empalágame. Antes de que chegue a comida, ese subviño párteme as forzas, súbeme os coloretes e déixame o estómago sensíbel coma unha cara recén lixada.

-¿A que se refire? -preguntoume estrañado.
-A que se teñen algún viño tinto…sen burbullas. Algo así como un Ribera del Duero, ou un Rioja.
-Aaahh, si hai algúns -o italiano levou os dedos á boca sinalando o excelso da súa evocación-, pero carísimos (quería dicir, caros para ti). Os Barolos.

Despois souben que para nada tiña razón o maître: hai miles de viños italianos sen burbullas e de todos os prezos, nunha sorprendente, rica, inabranguíbel diversidade. A explicación de que todos os restaurantes italianos de miras básicas da nosa xeografía só dispoñan dun perigoso arsenal de lambruscos de dubidosa calidade era máis pragmática, un problema de distribución e custes. E, se cadra, de falta de gusto dos propietarios.

Por suposto, tamén hai moitas burbullas na oferta enolóxica italiana. Os que teñen algunhas (nivel auga con gas) chámanselle frizzantes. Os achampañados son como en portugués, spumantes. E os viños sen burbullas son os fermos (pechados). É importante telo bastante claro, porque hai unha certa tendencia nalgunhas zonas nas que teñen instalado por defecto o frizzante no sistema operativo e…ben, tenche que gustar ese carbónico xogando aos coches de choque nas túas foxas nasais.

Pero a min interésanme os viños tintos sen burbullas. E para iso, nada mellor que comezar un periplo enolóxico pola zona do Chianti, no corazón da Toscana.

[click to continue…]

{ 0 comments }

Loiras vs. Morenas na Galleria degli Uffizzi

25 Agosto, 2007

sandro_1.jpg
Fragmento de A primavera, de Sandro Botticelli

A ollada. É sorprendente como cambian os nosos anos, percorrendo os mesmos espazos en tempos diferentes. Na miña primeira visita á Galería dos Uffizzi, en Florencia -unha das principais pinacotecas de Italia-, perdera tempo e tempo na sala de Sandro Botticelli, mirando abstraído as súas loiras renacentistas e pagás, con transparencias. Por suposto, era arte, pero non nos chamemos a engano: a súa Venus, ou estas Tres Gracias, están como queixos. Beleza perfecta, tan perfecta como irreal, só existente na cabeza de Sandro. Volvín a perder tempo nesa sala, por suposto, pero a cabeza e o corazón cambiara nesta década que pasara entre as visitas.

Mareándome no resto da galería, coa treboada inmensa rebotando nos cristais vellos da galería, atopeime, por fin, con algo que levaba tempo querendo ver. A pequena parte da obra de Artemisia Gentileschi que se conserva nesta galería. E alí estaba esta tremenda obra:

artemisia_1.jpg
Fragmento de Xudith decapitando a Holofernes, de Artemisia Gentileschi (ampliar)

Artemisia foi unha das primeiras pintoras recoñecidas na Historia. Unha muller de carácter, influenciada polas luces e sombras de Caravaggio, que tras terríbeis acontecementos, foi a primeira muller en ingresar na Accademia del Disegno de Florencia. Pintou esta perturbadora Xudith despois ser sometida a un ignominioso proceso de tortura (podes ler a historia aquí) para demostrar a veracidade da súa acusación de violación contra o pintor Agostino Tassi. Artemisia pintou este cadro en 1620, con 27 anos, e moitos ven nel unha tremenda venganza e as pegadas do proceso. Aínda hoxe, estar diante de Xudith, observar a fría cara dela e da eficaz criada, sobrecolle; no momento debeu provocar calafríos. Despois deste episodio, Artemisia tivo unha riquísima vida artística.

Debe ser a idade: pensei. Porque agora prefiro máis estas morenas de Artemisia Gentileschi que as loiras de Sandro Botticelli.

{ 3 comments }