A poucas horas de voar desde Chicago ata a Península Ibérica, aquí vos deixo o último vídeo do paseo americano, no que vos amoso un pouco Austin: son dez minutos pero creo que pagan moito a pena. Vodas, o tema dos morcegos, que é algo alucinante, a marcha nocturna, eses tolos cos seus tolos cacharros e estupenda comida tex-mex. Neste vídeo (e tamén nos anteriores) tamén participa Carlos Toural.
“Os músicos poden cargar e descargar de 6:30 PM a 03:AM. Precísase permiso”. Sinal de tráfico na rúa 6 de Austin.
Escribo, ben canso, desde a miña habitación do Hilton Garden en Austin, e unha lixeira vibración percorre as paredes do edificio e vincula esta cidade do Sudoeste americano coas vilas galegas das rías, cando nos sábados de xullo e agosto as orquestras en vivo e as festas enchen o espacio aéreo do país e fan vibrar fiestras e portas. Así soa desde dentro do hotel o rebumbio das ducias de locais desta cidade que durme tarde, con acordes de guitarras e saxos e partituras de blues, funky ou country. Que é a capital da música en directo non é un reclamo turístico, é moito máis. Comparto aquí algo do que soa por 6th Street:
Percorremos 6th Street, a rúa alucinante da que xa teño falado, e sei que estou, xa agora, nunha das partes de min mesmo. Seino ao probar, de novo, a Shiner, a cervexa texana que sería o equivalente da Estrella neste estado da Estrela Solitaria, de sabor tostado e agradábel e ter, de súpeto, un volcado de memoria que nin a magdalena de Proust.
Aquí todo é distinto e diferente, e a música é parte da explicación. Saio dun local, unha muller negra descúbrese a cara, baleira dun ollo, e sorrime cunha enorme boca de dentes inmaculados. E ao entrarmos nos locais, as mozas deixan descoidados os bolsos abertos, que revelan todo o arsenal noturno, abandonados na barra ou nas mesas mentres van ao baño. Un camareiro pódeche explicar, ao ver o teu interese calado, a composición dun combinado de Red Bull que un grupo de mimás texanos traga a pares. E, de súpeto, parellas que camiñan tranquilas pola rúa entran en frenesí, métense no local e báilanlle un par de temas antes de marchar, collidos das mans, de volta á rúa. E si, fóra, na beirarrúa, os indixentes bailan en solitario ao son de B.B. King, bailaríns fóra da pista de baile, escapistas que se vinculan, ao contornearse lentamente, con estes tuneiros e estas mozas de aire labrego, vestidas coma no baile de gradación. Mentres os locais proclaman o eslogan local: Keep Austin Weird (Mantén a Austin así de rara).
O noso último día en Nova York esgotou as nosas forzas, pero rematou moi ben, cunha fugacísima visita ao MoMA (aproveitamos que Carlos tiña unha entrada de balde para entrar eu e ensinarvos algo) e ver o espectáculo dos espectáculos en directo, un partido da NBA no Madison Square Garden. Para máis emoción, era un cuase-derbi: os New York Knicks contra os New Jersey Nets. Gañaron os Knicks e, de paso, confirmei unha hipótese puramente persoal: durmo coma un bendito nos grandes estadios deportivos ateigados de xente, cando hai derbies. No último cuarto do partido boteime, aló no Madison, unha soneca breve pero intensa mentres os Knicks machacaban aos Nets por máis de vinte puntos. Hai anos, na Bombonera, en Bos Aires, tamén me quedara pracidamente durmido noutro partido entre Boca Juniors e River Plate. Conclusión: as masas vociferantes provócanme paz e somnolencia.
¿En que se parece a marcha noturna do Lower East Side a saír de noite pola zona vella de Compostela? Basicamente en case todo. O Lower é unha confluencia do Atlántico, o Camalea e o Matadero, sen demasiadas diferencias e con ambiente tribal máis ou menos semellante. Acompañamos o videoflash de hoxe con dúas grandes institucións neoiorquinas, o New York Times e as Nacións Unidas, e a constatación de que sempre sempre os apuros sempre son malos compañeiros: nunca permitades que un taxi vos deixe antes do voso destino.
Tendas bizarras, predicadores de metro, taxis anti timo e o enigma dos footinginistas de Central Park, temas centrais desta segunda entrega. Funme a cinco minutos, pero estaba moi canso para editar menos!
Tentarei poñer, os días que poida, videoflashes do que vaiamos vendo polos Estados Unidos. Edición mínima. Textos curtiños, e con énfase no ambiental. Xa vedes que a Casio Exilim se porta máis que ben.