From the category archives:

Diario

Despois da intrigante visita á muralla do Monte Aloia decateime de que estaba ante outro Castelo Baleiro, moi similar ao Castro Valente de Padrón. Unha zona escura da nosa Historia por estudar, malia conter os recintos arqueolóxicos de máis grande estensión do patrimonio histórico de Galicia, así de claro. En concreto, ao contrario do que afirmei no post do Monte Aloia, a muralla desta montaña tudense é considerablemente máis grande en estensión que a Muralla de Lugo (2 quilómetros). Esta ten máis de tres. Estamos falando destas cifras, señores.

O caso é que Xenome recomendoume un libriño no que había máis información sobre a muralla: O Tui Antigo: unha aproximación histórica-arqueolóxica, da arqueóloga Silvia González Soutelo. Nel fálase das interesantísimas evidencias sobre a mansión e o castellum Tyde, o poboamento romano deste importante porto, porta da Gallaecia. Tamén da suposta localización do pazo dos reis suevos que levaron a capital do reino ata aquí. E, por suposto, fálase da muralla. Hai unha detallada descrición, un valioso plano que localiza os elementos máis interesantes do recinto, os lugares nos que está mellor conservada e os grandes sillares de pedra suben máis de tres metros, tamén as estrañas atalaias que sobresaen da muralla, os torreóns. Recolle unha referencia ao estado no que se atopaban as ruínas no ano 1610, cando un cronista local alude a elas co mesmo misterio, distancia e ignorancia que hoxe temos respecto delas, o mesmo que acontece en Castro Valente cando aluden a el os investigadores do XIX. Ese cronista, P. Sandoval, por certo tamén fala de que a muralla ten cubos (que hoxe non se localizan, pero tamén me lembrou a Castro Valente). Pero no 1610 o cronista de Tui non sabe nada da súa orixe. Importante.

O capítulo achega moita información descritiva, pero é sumamente cauteloso, ante a falta de evidencias arqueolóxicas que permitan afinar a cronoloxía. González Soutelo establece a súa cronoloxía posible “entre o periodo de crise do Imperio Romano (…) ata o século XV” (mil anos de nada, non está mal!). Ou sexa, non temos moita idea. Nin diso nin da súa función. ¿Era unha protección militar?¿Era o límite dun territorio sagrado centrado na actual ermida de San Xulián? Non o sabemos. Hai uns anos fixéronse unhas catas arqueolóxicas na muralla e en varios recintos anexos, pero como é habitual neste país, non se publicaron os resultados. A outra referencia valiosa da arqueóloga é a documentación doutros dous recintos similares en lugares próximos: o Faro de Budiño e o monte Galiñeiro. Non habemos tardar moito en visitalos.

{ 1 comment }

A guerra disparada

11 / March/ 2010

in Diario


Baghdad. Foto: Stephanie Sinclair/VII


Preto de Grozny, Chechenia. Foto: Paul Lowe/Panos Pictures

E cada foto de toda esta galería de Foreign Policy ten tamén unha tremenda historia detrás. Enormes fotografías.

{ 0 comments }


Foto: Sole

Chegou por correo postal, de sorpresa, cunha carta manuscrita. O máis fermoso agasallo en moito tempo, o máis inesperado. El Practicón, Tratado completo de Cocina al alcance de todos y Aprovechamiento de Sobras, de Ángel Muro, un clásico en edición de 1913, inencontrable. Un tesouro gastronómico. Ah, e a carta. “Podía ter sido un e-mail, pero ¿a que non é o mesmo?”, dicía aquela misiva. Unha auténtica xoia bibliográfica que viaxou, como viaxou o seu dono, para axudarnos a todos, a el mesmo, a nós coa nosa vida de tolemia e axenda, a descubrir os secretos do corazón e do mundo que queda por vivir. Con silencios, con palabras, con agarimo. Grazas, Luis.

{ 0 comments }


A brétema no Monte Aloia (Tui)

Hai tempo, cando publicara fascinado no blog a localización e o enigma da enorme muralla de Castro Valente, Xenome envioume rapidamente un grupo de flickr de fotografías e un completo mapa de Google Maps doutro lugar que a el lle recordara o Castro Valente do que acababa de falar: a muralla “ciclopea” do Monte Aloia. Quedei intrigadísimo co lugar, así que aproveitamos para visitar as ruínas, que están nun parque natural situado nas proximidades de Tui [localización], esta fin de semana.

Só había un problema: a brétema. Espesa, contundente, impenetrable coma na foto. Na nosa procura polo bosque, a brétema fíxonos perder, toleunos arriba e abaixo, pero tamén creaba unha atmósfera máxica no solitario parque natural, entre as grandes bolas de granito, os piñeiros, os carballos e o carrizo. Localizamos a muralla, aínda que por veces tamén a perdimos, cegos de orientación na espesura da néboa. En canto comezamos a andar por ela, decateime con abraio. Era moi similar á de Castro Valente na súa confección: uns dous metros de ancho, grandes bloques de cachote e a construción serpeando pola zona alta dun monte, recollendo no seu interior mananciais pero aproveitando a disposición dos penedos para integralos na muralla e aforrar custes de construción. A diferencia, no pouco que puiden ver, se cadra estaba nos peculiares e mínimos torreóns semicirculares da de Castro Valente, que aquí non aparecen (aínda que se fala -eu non os vin- dalgunhas construcións grandes na muralla).


Unha pequena cata da muralla na suposta porta do recinto


A muralla polo medio do monte

A muralla é enorme no seu tamaño e eu volvo con moitas máis preguntas das que levaba aló. Hai quen fala de 3200 metros de lonxitude, todo ao redor da cima do monte Aloia. Sería a segunda muralla conservada máis grande de Galicia, despois da de Lugo, que non é pouco. E aquí vén a historia. ¿Que gardaba no seu interior? As penedías acochan unha área de 30 hectáreas ou máis, nos que hai unha curiosa capela de San Xián consagrada a un suposto eremita do monte. Tamén está, próxima, a Cama de San Xulián, unha pedra cunha cavidade na base e plana na zona superior. Un universo de significados e símbolos superpostos durante séculos.


Xurxo na porta da Capela de San Xulián

Historicamente o monte Aloia refuxiou ás xentes da comarca da Tui das numerosas invasións que viviron, pero ¿quen podía defender un perímetro de 3200 metros? Xa volo contesto eu: ninguén. Eu creo que non houbo ningún exército en Galicia con capacidade para artellar unha defensa nunha muralla de tres quilómetros. ¿Entón para que valía?¿De que época é? Polas súas dimensións, parece que non é castrexa. Algunha xente avanza que podería ser tardorromana ou altomedieval. ¿Algo máis? Nada máis.

Non podo deixar de pensar nunha curiosa coincidencia. Castro Valente está nas proximidades de Iria Flavia, un importante enclave romano e do adxacente porto de Cesuris; o Monte Aloia sobre Tide, outro destacada urbe romana con porto. E en ámbolos dous casos temos dous dos xacementos máis enigmáticos e espectaculares de Galicia. Murallas de pedra que cercan extensións enormes, que non parecen interesar demasiado aos arqueólogos nin historiadores deste país, que viven enganchados en microparcelas de coñecemento (eu, Idade do Ferro, ti, mundo romano, el, Idade Media como historiador, leo papeis pero non fago traballo de campo) que impiden que se estuden estes recintos de xeito rigoroso. Estes lugares viven no lumpen da investigación.

Hoxe, cando percorriamos entre a brétema estas enormes murallas, seguindo o seu percurso nun bosque pechado, entre grandes penedías, convencíame de algo a min mesmo: que gran historia hai aquí detrás, que gran historia que descoñecemos. Pero tamén me facía unha pregunta na que procurarei pensar: haberá en Galicia máis recintos enormes como Castro Valente e o Monte Aloia?

{ 10 comments }

Ás veces chega unha pregunta sobre algo da túa vida no que nunca te paraches a pensar e tes que responder no momento. Este foi o caso. Lupe Gómez fíxoma para esta entrevista de Galicia Hoxe. Dubidei un segundo e de súpeto saíu todo.

A que che gustaba xogar cando eras pequeno? Como lembras o territorio da túa infancia?

Eran casas en ruínas. O territorio estaba cheo de fiunchos, fieitos. As casas abandonadas estaban ao lado de regatos moi húmidos. Na Pobra do Caramiñal esas casas estaban ao lado de pazos. Alí inventabamos historias e faciamos que tivesen vida. Os pazos tiñan minas subterráneas de auga e a miña infancia era buscar pasadizos, túneles, tesouros, segredos, fantasía, imaxinación. Eran espazos de silveiras. Cheiraban a gato morto. Dentro desas casas abandonadas sempre había botellas de cristal e zapatillas. Cando a xente marchaba das casas deixaba as zapatillas. Nós criamos que eses territorios en ruínas escondían algo. Había moito “pasado” e teño esa imaxe vital. Todo tiña unha explicación mítica.

Despois díxenlle a Lupe que se esa pregunta ma tivera feito cinco anos antes, ao mellor non sabía respondela. Para ver no pasado hai que subir a un mirador do tempo.

{ 2 comments }

Un actor mecánico

3 / March/ 2010

in Diario

O Robothespian é un androide especialmente deseñado para ser un intérprete teatral (usos prácticos: dar a benvida en museos e centros de interpretación). Sorprende pola súa gran capacidade de actuación e interpretación. (vía)

{ 1 comment }

Recoñézoo. Avancei no PDF dun dos artigos do novo número de Trabajos de Prehistoria: La Pedra da Póvoa (Trás-os-Montes, Portugal). Una pieza escultórica de la Edad del Hierro (descargar en PDF), editado por un grupo de investigadores portugueses e galegos. Quería ver exactamente en que consistía a peza escultórica, un achado relativamente novo atopado por uns labregos nunha área rural de Tras-os-montes no 2007. E atopeime isto.

A miña reacción automática foi recuar ata a páxina de inicio e verificar o título: “Edad del Hierro“?. Como os lectores afeccionados xa se darían conta, as imaxes representan as catro caras dunha pedra, e en cada unha delas hai signos gravados. Os motivos son recoñecibles para calquera interesado na arte castrexa: trazos rectilíneos e curvos que por veces se enredan, as dobles S que son tan habituais nos dinteis das casas dos castros, por exemplo, especialmente tirando cara o sur de Galicia e norte de Portugal. No PDF hai exemplos de analoxías case idénticas noutras pezas da época. Pero unha cara liáo todo. A cara na que aparece un condenado cervo.

Na tradicional cronoloxía dos petróglifos en Galicia, considerábase que os abundantes motivos de cérvidos repartidos polo país corresponden a un periodo anterior, bastante anterior ao mundo castrexo. Pero aparece este cerviño. Este cerviño ademáis que ten unha sorte de corno intermedio, pero perfectamente recoñecible dentro dos motivos habituais de animais nos petróglifos galegos. O desgraciado aparece nunha pedra dunha cronoloxía moi posterior e rompe, en si mesmo, moitos esquemas. A representación dos cervos asociábanse a sociedades de cazadores-recolectores, ou a estruturas sociais posteriores que tiñan a caza como un dos principais recursos alimentarios ou mesmo ás veces como un xeito de diferenciación social. A teimosía na representación de cervos tería que ver coa relevancia dese animal a nivel simbólico pero tamén alimentario. Cheguei ver nalgures que o cervo era un animal psicopompo: tiña atribucións de paso entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Pero nunca vira os cervos asociados ao mundo castrexo.

Non lembro se hai unha palabra no argot dos arqueólogos para ese momento -máis habitual do que un se imaxinaría- no que no transcurso dunha excavación, un atopa pezas máis recentes en estratos de épocas ben anteriores. Por exemplo: cerámica de terra sigillata romana nun estrato da Idade do Bronce ou unha punta de frecha de ferro nunha mámoa. Habitualmente, salvo que o achado sexa moi problemático ou de que esteamos falando dunha serie de achados reiterados en lugares que non deberan estar, non se lle concede moita importancia porque os motivos polos que iso chegou alí poden ser innumerables. A cuestión é que ese cervo aínda non é un problema reiterado, pero obríganos a exercitar a cabeza, a reflexionar que a Arqueoloxía é calquera cousa menos unha ciencia estática ou inmutable, e que en cada momento pode chegar unha peza que nos faga remexer os nosos conceptos e mirar o campo e o pasado con outros ollos.

Tamén outra cousa: a Historia constrúese a partir de pequeniñas historias; moitas delas pasan desapercibidas nos índices das publicacións científicas. Por iso non me puiden resistir a publicar a imaxe deste cerviño que salta por riba de séculos e hipóteses coa naturalidade máxica coa que calza tres míticas astas que non sabemos que significan.

{ 13 comments }


Carlos Parra presentando a cociña de montaña. A Veiga (Ourense). Foto: Sole

Catro iniciativas de pulo da cociña local galega confluíron no Forum 2010, e creo que non é casualidade. A cociña do rural e das vilas de Galicia, que se tenta agrupar baixo marcas de calidade que revaloricen o seu espazo e as proxecten cara un exterior. As marcas responden a un turismo renovado: un cliente esixente, que adora o produto e que tamén busca a sabedoría da elaboración, preocupado por valores de sustentabilidade e dunha gastronomía de bases máis éticas ou culturais do que é habitual. Deste xeito, a cociña eumesa, o movemento Slow Food Galicia -presentado por uns cantos hosteleiros e dinamizadores da Costa da Morte, o grupo Galicia Gourmand -que recolle a restaurantes de prezo medio que se queren distinguir por facer “cociña con encanto”, moitos deles ubicados en vilas ou en concellos rurais e a cociña de montaña do concello da Veiga. E aquí tamén entraría a iniciativa de Granxafamiliar.com, que procura poñer en contacto a consumidores e produtores do rural. Moitos deles reivindican e recuperan o produto local e de calidade nas súas respectivas áreas e supoñen un valioso baluarte para o futuro da gastronomía máis próxima e o turismo nas zonas máis rurais. Tomen nota desta tendencia porque vén forte e, reitero, non é casualidade. Fíxense, sen máis, en que na maior parte delas son iniciativas da sociedade civil ás que as institucións apoian de xeito máis tanxencial. Non son inventos dun fondo europeo.

{ 2 comments }


As irmás Elizabeth e Encarnación. Fotos: Sole

O gran tesouro do Fórum 2010: estas dúas irmás de Ferreira de Pantón. Tarefa case imposible sacalas do seu antigo mosteiro de clausura, e unha das primeiras veces -senón a primeira- que se consegue en Galicia, grazas á capacidade de convicción de Sole e a unha química especial das relacións humanas e os xestos. Chegaron a Santiago -premeditadamente un taxi foi recollelas a Pantón cedo para que puideran ir á Misa do Peregrino- con tempo abondo. Sabían o que tiñan que dicir e fixérono. Eu non saía do meu abraio. Pero escoitábaas alí, na primeira fila do obradoiro, e algo se me remexía por dentro. Aquelo non era gastronomía como mediciña, senón algo moi profundo, que tiña que ver con como os alimentos están no medio das relacións humanas e da nosa historia.

As irmás Elizabeth e Encarnación viven no mosteiro cisterciense de clausura de Ferreira de Pantón. Durante un día, a nai abadesa concedeulles o permiso para crebar o voto de silenzo. E chegaron coa súa fariña do Lidl e as súas caixiñas de doces a un gran evento gastronómico da modernidade. Durante estes días do Fórum, estiven con moitos cociñeiros que debutaban por primeira vez en público: talentosa xente do país, que fixeron durante moito tempo un traballo silandeiro nas súas cociñas e que por primera vez amosaban as súas artes en público. Estaban aterrados. Nerviosos. Non durmiran a noite anterior. Ao falar, na súa seriedade antinatural, advertíase o pánico escénico.

Estas dúas monxiñas non. Diante de cento e pico persoas ríanse e fixeron do obradoiro unha festa, marcando o seu ritmo. ¿Por que estas mulleres non estaban nerviosas? Eu estou convencido de que era pola súa fe, así de claro. Elas estaban nunha misión. E sentíanse arroupadas. Fixeron todo o que pensaron facer e remataron como quixeron rematar. A serenidade que estaba detrás parecíase á dalgúns relatos relixiosos que tiña lido. Esa xente, encerrada no seu mosteiro de clausura, era libre. Sentíase protexida. E iso afírmoo tamén desde o meu libre, gozoso e sereno ateísmo. Sole anotou outra cuestión: se cadra os cociñeiros tiñan tanto medo porque procuraban o éxito persoal. Estas dúas mulleres non: buscaban como moito o ben da súa comunidade, e se cadra compartir cos demais un coñecemento secular. ¿Quen debía ter medo con iso?


Fachada do mosteiro de Ferreira de Pantón.

A emoción, claro, para min viña daquela profunda e simbólica relación entre aquelas monxas e aqueles doces que estaban a facer, co que elas viven no mosteiro. Todo un mundo simbólico que se materializa nas pequenas e humildes pezas de masa. As alegrías e as golosas. A tarta de Pantón. Todo imbricado en séculos de Historia. As monxiñas trouxeron con elas un fermosísimo almirez do século XVII, que durante séculos empregaron para facer a súa repostería. Tamén unha sorte de bandexa desa época que gardan a súa reliquia. As golosas son pastas cunha capa de mel intermedia que se obtén no bosque de carballos do mosteiro.

-Hai anos -di a irmá Encarnación- críase que o bosque era das monxas. Pero non había papeis. Así que tiveron que mercalo, pero as irmás non tiñan diñeiro. ¿E como ían facer? Como sabedes, cando unha monxa ingresaba no mosteiro tiña que deixar unha dote. Pero esa dote era intocable. O mosteiro non podía facer nada con ela máis que coidala. Se daba esa dote porque se pasaba algunha cousa e a monxa tiña que marchar, debía ter algún mecanismo de vida. Para podermos mercar o bosque, o Papa tivo que concedernos unha autorización especial coa premisa de que se devolveran os cartos das dotes en canto o mosteiro recuperara o diñeiro.


A cociña do mosteiro

Mel dun bosque mercado a partir de dotes. As monxas máis vellas lembran o tempo da fame no 36, cando entraron no mosteiro as máis antigas. Alí, en Pantón, o tempo pasa lento e a modo, sen calefacción ata hai poucos anos. Cando Sole estaba a preparar o obradoiro coas monxas, elas se comprometeron a dar todas as receitas. Pero algo non ía ben. As semanas previas a abadesa estaba preocupada, e as irmás máis vellas tamén.

-¿Pásalle algo, nai? -díxolle Encarnación.
-Nada, filla, nada.

Así estiveron uns días, ata que as máis veteranas de Pantón confesaron. A rosca de Pantón, ese era o problema. Un incrible amendoado, coa forma do escudo do mosteiro, que durante séculos foi o colofón das vodas da Ribeira Sacra: labregos e fidalgos acudían ás monxas para levar esta rosca plana e grande de volta para os banquetes familiares. A rosca de Pantón tiña unha receita segreda, que só se trasmiten as monxas máis vellas. As novicias non a saben. E elas prometeran dar todas as receitas. Ese era o problema. A promesa ofrecida.

-¡Pero non teñen por que dicírnola! -contestoulles Sole, aliviando a situación.

As irmás Elizabeth e Encarnación apareceron no obradoiro coa maxestuosa e secular Rosca de Pantón: unha auténtica reliquia gastronómica do país. Todo améndoa.

-Queremos chamar a atención sobre unha cousa -dixo a irmá Encarnación ao final do obradoiro, cando quería dicilo-; nós cremos que todos estes doces de améndoas veñen dos árabes que conquistaron a Península. E durante séculos, nos conventos desta terra fixéronse e repetíronse doces inventados polos árabes. Cremos que é toda unha lección sobre como deberan ser as nosas relacións nestes tempos difíciles. Aprender a encontrarnos entre nós e a compartir o mellor que temos.

Que enorme ovación arrincaron estas dúas irmás da clausura de Pantón. Co corazón nun puño, souben que estas son o tipo de cousas que a min me interesan da gastronomía: alí onde esta se mestura coa sociedade, o sentimento, o tempo e a vida.

{ 9 comments }

Arev Manoukian dirixiu esta marabillosa curta coa que gañou o certame audiovisual Life’s Good. Se tes catro minutos, deberas mirala e emocionarte. (vía)

E para quen lle interese, no interior do post está o making of.
[continuar lendo…]

{ 1 comment }

Un mencer noruego

16.02.2010