From the category archives:

Congreso de Periodismo Dixital de Osca

Unha cepa de 300 anos

24 Xullo, 2007

vide_vilar_avion.JPGUnha historia cativoume hoxe en La Región. Na aldea de Vilar, no concello de Avión, unha cepa de treixadura, enorme coma un tronco de piñeiro, está a vivir unha lentísima agonía despois de 300 anos de vida. 300 anos, calculan os veciños. Aturou os incendios, as divisorias de minifundios, a filoxera que arramplou con boa parte dos viñedos tradicionais no XIX. Un veciño estrémalle os coidados á pranta, pero non parece haber remedio. Un concelleiro de Avión tentou que a Xunta a declarara “árbore senlleira”, pero as cepas non teñen dereito a catálogos de protección.

A historia desta vide lembroume o texto máis fermoso que se teña escrito sobre os viños galegos. Nel hai algo de marabilloso, algo de brumoso e tamén inquedante. Tal texto non é outro que o fragmento panorámico que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en A Cociña Galega e que podes ler en Galicia Espallada. Mírao de vagar. Nesa pequena, pero pormenorizada viaxe polos viñedos e caldos do país, que se publicou no 1973, Cunqueiro fala duns viños que só recoñecemos a medias. Hoxe as colleitas están orientadas á máxima produtividade, pero nos setenta, aínda subsistían moitas cepas vellas, vellísimas, como esa de 300 anos que está a morrer sen remedio hoxe en Avión. Si, é certo, consérvanse moitas das áreas de viñedo. Pero, ¿quen probou os viños de San Fiz?¿Quen bebeu os albariños de Ribeiro do Avia? ¿Onde fica a viña de Blanco Raxoi en Verín? ¿Como eran eses brancos de Beade coa metade de treixadura que “á tardiña, preparan a alma para a contemplación das brillantes estrelas“? ¿Como eran eses albariños, con tan diferentes tons dourados, “que amencían nas copas da capa corno fillos de soles diferentes“? ¿E o tinto de Rubiós, que Cunqueiro asegura ser o mellor tinto galego que teña probado?

Tan pouco tempo, e tantos cambios. Os viños dos que fala Cunqueiro son terroir, son viños que teñen lugar, mesmo casa, pero non apelido, coma os mozos das parroquias. Viños de adega artesanal, colleita pequena, estritamente vinculados á terra, con podas pouco ortodoxas. Non había marcas publicitarias, e a terra marcaba as variedades do país máis axeitadas. Moito cambiou o conto.

Actualización 24/07: A cepa resistirá. Onte visitárona técnicos de Medio Rural e sinalaron que non se atopa en tan mal estado. Tamén obterán o seu patrimonio xenético, que debe ser potentísimo a xulgar pola súa resistencia. Máis en La Región.

{ 4 comments }

Os éxitos en Internet non son de xornalistas

2 Marzo, 2007

Juan Caño, vicepresidente de Hachette Fitipaldi, un dos grandes grupos editoriais de revistas:

-Ningún dos proxectos exitosos dos últimos anos en Internet foron creados por xornalistas. Algo raro estamos facendo. Estamos fóra de aquí.
-Os futuros grupos de comunicación non se chamarán así, serán Fábricas de Contidos Multimedia. E o home máis importante da organización será o Director de Innovación. A palabra clave para os directivos será a transversalidade.
-Todos sabemos que os diarios en papel caerán moito antes que as revistas. Os diarios teñen lustros de vida. As revistas -aínda- temos séculos de vida.

{ 2 comments }

Deseño líquido ou deseño absoluto?

2 Marzo, 2007


Txuma Campo e Antonio Pasagall.

Boa parte dos cibermedios ampliaron a superficie horizontal das súas páxinas de inicio nos últimos tempos, adaptándoas á resolución maioritaria de 1024×768 píxeles. Esta decisión, tomada en cadena nos últimos redeseños ao longo do mundo, segue a ser controvertida. ¿Gañar espazo para o cibermedio debe valer para colocar máis información en pantalla ou para alixeirar e aclarar a existente? Como afirmou Txuma Campos, xefe de deseño de Marca.com, un 10% dos usuarios aínda manteñen a súa resolución máis baixa, a de 800×600. E sinalou un dato interesante:

-O tema non é a transición cara os 1024 píxeles de ancho das páxinas de inicio. O tema de verdade é o deseño líquido. O deseño adaptábel a todas as superficies. Iso é un reto para o deseño de cibermedios. Porque nós concebimos superficies controladas, cun ancho de liña determinado que, por exemplo, facilita a lectura. Pero un deseño líquido significa que debe existir un xeito de ver o noso cibermedio con independencia do dispositivo.

Antonio Pasagall explicou o redeseño de elpais.com. “A diferencia dos medios de prensa”, explicou Pasagall, “en Internet podes facer redeseños parciais. Temos El País redeseñado ao 40%”. Pasagall rebaixou a importancia das novas tecnoloxías ajax no seu uso en medios. “Tiñamos máis elementos ajax ao principio pero os usuarios consideran que son pouco usábeis”.

{ 0 comments }

Julio Alonso: o Grupo Joly vai orientar o papel cara os maiores de 45 anos

2 Marzo, 2007

Seguimos enterrando os periódicos do papel. Julio Alonso, asesor editorial do Grupo Joly, grupo editorial con moitas cabeceiras locais en Andalucía, asegurou que nos medios do grupo deixarán de buscar ao público mozo, ou de crear público xuvenil a través dos suplementos e contidos especiais. As edicións en papel orientaranse no perfil do público fiel: segmentos de máis de 45 anos.

{ 0 comments }

Un ‘Google Mini’ no Adelantado de Segovia

2 Marzo, 2007

Non coñecía aínda ningún exemplo no Estado de empresa xornalística que aproveitara un produto ben curioso de Google Corporation: o Google Mini. Trátase dunha solución de busca corporativa na que Google non te vende un servizo, senón hardware -un pequeno ordenador para instalar en RAID-, cunha versión de software que permite unha indexación tipo Google dun servidor corporativo a un prezo realmente bo: 1.995$ por 30.000 documentos.

O Adelantado de Segovia
mercou unha solución de Google Mini para a indexación do enorme arquivo do diario en PDF. A implementación aínda está en fase de probas, xa que o seu Google Mini non parece entender demasiado ben a apretada tipografía da prensa antiga e o tema dos caracteres, aínda que polo de momento están en probas.

{ 0 comments }

“Moitos usuarios” non quere dicir “moita participación”

1 Marzo, 2007

Óscar Giménez, de Diario Médico, unha publicación especializada para profesionais da saúde do grupo Recoletos, comenta a paradoxa de que unha audiencia abundante e hiperespecializada non ten que conlevar, necesariamente, un alto nivel de participación en ferramentas da web 2.0. Deste xeito, blogs moi visitados dentro da web de Diario Médico non obteñen, necesariamente, un elevado número de comentarios. É dicir, a apertura do servizo non implica a participación dos usuarios, e esta participación non responde a ningunha proporción con respecto á audiencia global do sitio web, senón a outras variábeis. Un caso claro dentro de Diario Médico é a sección Eureka, que compila as colaboracións de médicos do Estado en revistas científicas de saúde, e no que si se rexistran altos índices de contido creado polos usuarios.

{ 0 comments }

Os fotógrafos e as técnicas dixitais

1 Marzo, 2007

A fotografía dixital converteu aos fotógrafos en seres dependentes. Parte do día hoxe pasa por preocuparse polas técnicas, pola loxística, por buscar se hai un enchufe eléctrico. Hoxe en día os fotógrafos deben perder moitas horas editando as fotos, retocándoas e preparándoas para o envío. Pasamos noites enteiras buscando como enviar as fotos cara o exterior.

{ 1 comment }

A rede que cambia o oficio

1 Marzo, 2007

Xornalistas veteranos contando batalliñas co telex, máquinas de escribir e fax. Enrique Meneses e Carlos Carnicero.

E xa.

{ 0 comments }

Zarzalejos, director do ABC, enterra o modelo actual dos xornais en papel

1 Marzo, 2007

O director do ABC é un veterano xornalista forxado desde mozo nas planas do diario centenario madrileño.

¿É o xornalismo dixital un xornalismo alternativo ao convencional? ¿É o xornalismo dixital unha actividade profesional diferente á do xornalismo escrito? ¿Condiciona o soporte de maneira total e irreversíbel a natureza sustantiva do exercicio profesional?

Os lectores diarios de cibermedios incrementouse desde o ano pasado. O xornalismo dixital é áxil, está medrando, pero é fráxil e aínda non chega aos centros de decisión. E é fráxil porque ten dúas materias pendentes: gañar credibilidade -non sempre nos cremos o que publican- e gañar financiamento transparente.

Os novos medios deben optar en que ámbito están. Se nun periodismo novo que xa non aplica as normas que temos por tal na profesión ou noutro que siga as normas precedentes. O xornalismo dixital é tan manipulábel coma calquera outro, senón máis. No libre acceso xorde, por unha banda, a democratización da información e, por outra banda, o arriscadísimo xornalismo cidadán. Aínda está na súa epiderme, pero pode levar a un xornalismo sen xornalistas. Isto é un fenómeno preocupante, porque o xornalismo é unha profesión constitucional, moi vinculada á actividade dun réxime democrático.

O sector da prensa está nunha avanzada madurez e non se esperan evolucións notábeis. Os medios en papel deben deixar de facer xornalismo coma se a rede, a televisión ou a radio non existiran. Os medios en papel poden cambiar se adelgazan a súa complexidade, se traballan nunha axenda prospectiva, se fai unha gran transformación editorial e empresarial. Se se producen eses cambios, o periodismo de papel terá un novo futuro, dirixido a minorías cualificadas con alto poder adquisitivo. Tendemos á especialización, pero tamén á complementariedade. Hai que superar a prepotencia anterior dos medios, cando os periódicos se dirixían a un mercado e non á sociedade.
O xornal debe discriminar entre influír e mandar.

Sexa cal sexa o soporte, temos unha responsabilidade sen a cal, nun réxime democrático, a sociedade sentiríase orfa.

{ 0 comments }