A semana pasada presentamos unha aplicación móbil un tanto singular: A Máquina do Tempo. Trátase dun proxecto promovido polo Consello da Cultura Galega que ten por obxectivos poñer en valor o patrimonio moble do país combinando técnicas de realidade aumentada e realidade virtual. Está dispoñible para descarga gratuita tanto para Android como para iOS.
O que fai a Máquina do Tempo son dúas cousas. Por unha banda, permíteche a través de marcadores, examinar na túa casa, comodamente, obxectos senlleiros preservados nos nosos museos. Esa é a realidade aumentada, e podes vela con marcadores impresos ou simplemente proxectándoos noutra pantalla. Pero unha segunda parte, máis ambiciosa, pretende que coñezamos o contexto cultural e histórico no que foron empregados eses obxectos orixinalmente. Trátase de loitar contra o dificilmente evitable contexto aséptico no que as pezas son representadas nos museos e defender a idea de que unha peza é, en realidade, un relato sobre un tempo (ou tempos), e ten que ver con persoas e situacións concretas. Non é un ente abstracto: é unha ferramenta para coñecer ao ser humano que a produciu e usou. Para iso, empregamos técnicas de realidade virtual. Empregando gafas de realidade virtual (unha tecnoloxía moi barata hoxe en día, pódense conseguir desde un euro), os usuarios mergúllanse en pequenas experiencias audiovisuais. Así, recreamos situacións históricas ideais, pero tamén exploramos o mundo das lendas e do imaxinario, como na escea do bispo Gonzalo de Mondoñedo convocando os trebóns para destruír a armada pirata.
Cantarexa cunha alfareira nun poboado prehistórico. Explora coas túas amigas unha abraiante escultura medieval. Descifra os segredos dun machado ritual da Idade do Ferro. Contempla a destrución lendaria dunha armada pirata. Segue ao primeiro arquiveiro do Reino de Galicia por labirínticos sotos. Isto é a Máquina do Tempo. A Historia e as lendas de Galicia no teu móbil.
Tempo teremos para compartir algo do moito que aprendimos realizando esta app, única en Galicia ata o momento. A realidade virtual é unha tecnoloxía emerxente de indubidables posibilidades para o noso patrimonio histórico, que está a vivir un rápido desenvolvemento. A Máquina do Tempo é a contribución desde Galicia a este tipo de solucións tecnolóxicas, con moitos obxectivos: non só contribuír a visibilizar a nosa Historia e cultura, senón tamén a dignificalas vinculádoas a tecnoloxías emerxentes que poden ter un gran impacto no futuro (aínda que iso nunca se pode predecir). Nun estudo recente que preparei recentemente, constatei a gran escaseza de aplicacións centradas na cultura e na lingua no país dispoñibles para móbiles. En realidade, de aplicacións sobre o país en xeral. A viveza da nosa cultura nestas canles tamén se fai a partir destes produtos de innovación.
Quero agradecer aos meus xefes por apostar por estes formatos e a todo o equipo humano que contribuiu durante un ano de traballo a sacar adiante a Máquina do Tempo. Agora só falta unha cousa: que disfrutes con ela!
Be First to Comment