Las piedras que hacían vino, un libro que é unha aventura cultural

O outro día tiven o pracer de participar na presentación en Compostela do libro Las piedras que hacían vino. Viaje por los milenarios lagares rupestres de Galicia, elaborado por Luis e Alejandro Paadín, pai e fillo, e organizada por Histagra, o grupo de investigación en Historia Agraria e Política do Mundo Rural do Departamento de Historia da USC.

A verdade é que teño a sorte de coñecer esta auténtica aventura cultural dos Paadín dende o primeiro momento, cando un día Luís chamoume para preguntarme por un lagar rupestre. Non sabía eu que aí se estaba a prender unha incrible mecha que ía levar a estes dinámicos emprendedores do viño a compilar unha publicación con máis de sesenta lagares rupestres por toda Galicia (aínda que a zona de Monterrei é sen dúbida a máis abundante). Conectando con moitos afeccionados á historia local, meténdose nestes montes pechados e abandonados que temos, o resultado é un libro impresionante que demostra algo incrible. Como a estas alturas, en 2017, o pasado de Galicia pode seguir a abraiarnos, a crebar os nosos esquemas e a espertarnos moitísimas preguntas.

Aquí están lagares rupestres, tallados na rocha, de diferentes tipos e tamaños. Hai tantos nalgunhas zonas que Paadín, nunha estimación prudente, considera que na zona de Monterrei eses lagares poderían producir 185.000 litros de viño dunha soa vez. Iso é unha barbaridade. Iso significa moito máis que autoconsumo. Iso significa exportación. Cando? Cara onde? Aí é precisa moita investigación.

O libro dos Paadín é un libro para botarse a andar, non só para ler. Comezas a miralo e dan gañas de baixar ao coche e largarse para os nosos territorios enolóxicos e comezar a buscar estes lagares rupestres, a maior parte deles aínda sen datación, que se atopan hoxe en territorios despoboados e non cultivados. “Pero que son os mellores para facer viño”, sinala Paadín, quen pon un exemplo actual. “Pensade na xiada que destrozou a colleita deste ano en Monterrei, porque os viñedos están no fondo do val. Se os viñedos estiveran onde debían estar cando estaban en activo estes lagares, nas ladeiras, posiblemente a incidencia da xiada sería moito menor”. Así que nesas pedras labradas nas que se atopan, en negativo, antigas prensas e sistemas de recolección do mosto, está tamén escondida toda unha referencia para os solos de calidade.

Cando leo este libro, penso inmediatamente en que o viño, máis que unha bebida, é unha paisaxe cultural, un contorno humano e natural no que o clima, o esforzo e as esperanzas se condensan en arquitectura, antropoloxía e enxeñaría. En coñecemento e paixón. O enorme traballo dos Paadín amosa unha dirección e un camiño para o viño galego: conseguidos determinados estándares de calidade no produto (nos que aínda podemos mellorar moitísimo) é o momento de comezar a preocuparnos pola súa historia, polo relato que contar, por conseguir diferenciarnos non só con sabores senón tamén con palabras.

Así que non podo menos que agradecer aos Paadín a súa ilusión e o seu traballo. Esta aventura seguro que a penas acaba de comezar. Por proxectos que temos en común sei que vai dar moito máis de si. E gustaríame pensar que en dez anos teremos un relato moi vivo, coñecido de portas afora pero tamén dentro de Galicia, do mundo ancestral dos nosos viños.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará