Rede do Patrimonio: na fronte unha estrela, no bico un cantar

O sábado pasado, finalicei un dos traballos máis complexos do meu tempo como activista do patrimonio cultural: formar parte da Xestora Técnica que puxo a andar a Rede do Patrimonio Cultural. Esta rede, que reúne a máis de setenta entidades, nace dun xeito novo para crear vías de acción comúns entre moi diversas entidades, achegando unha perspectiva en clave galega e reunindo diferentes ámbitos (patrimonio material, inmaterial, gremios, sociedades comarcais…) ao redor de posibilidades comúns.

Estivemos traballando desde maio preparando os documentos de traballo e o proceso de ratificación da Comisión de Coordinación, o órgano que estará nos tramallos da Rede, facilitando tecnicamente o funcionamento e os traballos técnicos. Foron meses de intensa acción, xenerando consensos, buscando puntos en común, trazando liñas que foran operativas. O meu agradecemento ao resto dos compañeiros da Xestora Técnica e a todos os que iniciaron este proceso. Despois de ratificada a comisión, que ten doce integrantes, a Rede xa pode poñerse a traballar con garantías. Como lles dixen no correo de despedida, agardo que a rede camiñe como dixo Curros de Rosalía: “na fronte unha estrela, no bico un cantar”. Eu interpreto eses versos do seguinte xeito: que nunca perda de vista os horizontes, que diga as cousas con elegancia, engaiolamento e dirección. Así vexo eu a Rede do Patrimonio Cultural.

Eu non estarei no seu día a día e na súa xestión. Simplemente serei un membro máis dunha entidade -patrimoniogalego.net- que está na Rede. Fágoo así por dous motivos: o primeiro é que xa non dispoño de tempo para máis, e o segundo é porque considero que en Galicia hai moita xente capaz de xestionar iniciativas deste tipo, e é preciso abrir espazos, facer visibles a moitos e moitas.

Así que a miña maior ventura a este soño colectivo que levamos tanto tempo agardando.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará