O Fuciño do Porco: a vindeira Praia das Catedrais

Last updated on 30 / Xullo/ 2017

O Fuciño do Porco, unha prominente punta cara o norte atlántico ubicada no concello de Vicedo é un destinos paisaxísticos máis impresionantes do norte do país. Parte do seu dramatismo escénico vén dado pola pasarela que permite moverse con seguridade por unha alucinante paisaxe de vertixe: cantís que caen ao mar, moitas veces embravecido, e van abrindo paisaxes que son un auténtico espectáculo xeolóxico. Só xeolóxico? Logo falarei diso.

Fumos o sábado pasado e Sole contou 180 persoas en hora e media de visita. 180 persoas. Son moitos, moitos visitantes. Quixen escribir este post para falarvos deste lugar por se es dos poucos galegos que non o coñece. Paga a pena ir á Mariña por moitísimas cousas, pero sen dúbida esta é un dos grandes motivos polos que tes que visitar o noso norte. O percorrido é un auténtico espectáculo visual e tamén dos outros sentidos, pero é moitas máis cousas. Antes, aquí tes un vídeo que fixen co drone para que poidas apreciar a maxestuosidade do lugar:

O Fuciño do Porco revélanos a capacidade que ten nestes momentos o boca a boca viral para a promoción dun destino turístico. O Fuciño do Porco, coñecido e valorado polos locais da zona, saltou á rede cando se melloraron as condicións de accesibilidade a partir dunha fotogalería da Voz de Galicia. Escasamente sinalizado e aínda sen campañas institucionais, revela a capacidade da rede para pasar un destino de cero a cen. Pero sería iluso, e esta é a segunda parte, pensar que funciona sempre así: a ecuación é máis diversa e diferente. Hai destinos máis viralizables que outros, que deben ser construídos doutro xeito. Outros destinos precisan unha construción máis complexa, un relato. O caso máis paradigmático é que nas proximidades do Fuciño do Porco hai dous sitios alucinantes máis que non visita ninguén. E estamos falando de desprazamentos de cinco minutos ou menos en coche.

Quería falar do Fuciño do Porco por estas dúas cousas: porque aventuro que aí teremos unha “segunda praia das Catedrais” en breve, a nivel de visitas masivas do lugar. Veremos en que queda, e veremos que acontece de aquí a cinco anos, porque eu cada vez teño máis o convencemento de que estas inmediatas postas en valor que xeneran as redes sociais poden vir seguidas de abandonos tamén súbitos, ou non. Os datos nolo dirán no futuro.

O segundo detalle que vos quería comentar ten que ver coa propia natureza do lugar. Os visitantes que acuden alí fican impresionados pola beleza natural, por como os elementos xeneraron unha paisaxe incrible, chea de cantís, ondas embravecidas, coidos…pois iso é o sorprendente. Aínda que os axentes naturais foron, obviamente, importantes, cando visitas o Fuciño do Porco estás a visitar un lugar que, especialmente, está transformado e modificado polo home.

En primeiro lugar, está a propia toponimia. Aínda que o nome que se está a estender é o Fuciño do Porco, o espazo en realidade era coñecido como punta de Socastro. E aí está o primeiro dato. O Fuciño do Porco en realidade é un espectacular castro, con varios foxos e murallas. Nesta imaxe podes apreciar un gran foxo e parapeto, interaccionado de maneira marabillosa coa propia topografía da zona.

O segundo é máis sorprendente. Aínda que iso debera ser investigado, hai varias zonas da montaña que están desmontadas pola existencia dunha mina de ferro, xa que a punta de Socastro era particularmente rica neste mineral. Ide vós saber se o castro xa estaba aí por iso, ademáis de polas condicións defensivas. Esta mina estaba posta en explotación a finais do século XVIII, sendo a primeira mina de toda a zona. Foi no contexto da Ilustración: da fábrica de Sargadelos e as súas necesidades de ferro.

A mina chegou a ser tan relevante que figura na documentación da House of Commons (a Cámara dos Comúns) do Parlamento británico. En 1905, nun contexto de informes sobre os recursos minerais da zona, fálanos da Punta de Socastro nestes termos:

About a century ago mineral was shipped in lighters for the Real Fabrica de Sargadelos, some 20 kilometres from Vivero, from the mine “Maria Antonia/’ situated in Punta de Socastro. Years ago, when the Vivero Iron Ore Company, Limited, commenced working, and has already exported some 400,000 tons, the greater part to Germany and the rest to Great Britain.The mines named ” Maria Antonia,” of 6 hectares (the hectare = 10,000 square metres), ” Nueva Union,” of 13 hectares, ” La Benigna,” and others, form the first group of mines, which commence from the sea coast at Punta de Socastro, a distance of about 2 kilometres from the harbour of Vivero. Their mineral could be shipped direct from the mines into barges or ships of small draft, not because there is not sufficient depth, but owing to their exposed position to the open sea.

Miguel Vizoso facilitoume chegar ao interesante traballo “Hierros sedimentarios ordocívicos y patrimonio minero de Vieiro (Lugo), publicado por Juan Carlos Gutiérrez-Marco e Isabel Rábano no número 23 (2014) da revista de investigación De Re Metallica (pdf), pode observarse este mapa mineiro do Fuciño de Porco no que se pode apreciar as zonas ricas en ferro, que coinciden en parte coas zonas nas que a península se estreita. Esta gráfica pertence a este artigo:

Unha auténtica pasada. Un detalle impresionante é onde se indica a “falla” máis ao sur. Mira outra vez o modelo dixital de terreo que puxen un pouco máis arriba para marcar o foxo do castro. Coincide case con exactitude! O tempo transforma todo e convirte en aparentemente natural o esforzo dos homes que traballaban neste lugar, a ceo aberto, collendo o mineral directamente das pedras que sobresaían.

Así que moita da impresionante forza natural do lugar sexa, en realidade, o resultado dunha actividade industrial que principiou na Ilustración ou, se cadra, xa na Idade do Ferro. Todo iso non desmerece o lugar, senón que multiplica a súa densidade. Se vedes, no vídeo de arriba puxen eses dous conceptos e xa o fixen curtiño para que se viralice e tentar conseguir que a xente, cando menos, saiba que ao visitar o desafiante e prodixioso espectáculo do Fuciño, en realidade o que ve é como a natureza fusionouse cos soños, as angueiras e os desexos de xeracións de mariñaos.

Nos vindeiros días iredes vendo outras marabillas próximas.

Aquí tes a localización en Google Maps do Fuciño do Porco.

4 Comments

  1. Javier Felípez
    30 / Xullo/ 2017

    Dende logo o sitio é expectacular. Coñecino de pequeno, cando non había as pasarelas e era unha zona frecuentada por pescadores. No pasado nadal aínda non era un lugar publicitado, pero a última vez que estiven, que foi pola semana santa, xa vin que se ía convetir nun novo banco de Loiba. O castro é un aparcadoiro, coches na croa, nos foxos, en calquera sitio no que os eucaliptos permitan aparcar. Non hai un mínimo de información sobre o que hai no lugar e xa non falemos de infraestructura ou control para limitar os efectos negativos do turismo. Si se puxese en valor o castro e se adecuasen os accesos e uns aparcadoiros o sitio sería un reclamo magnífico, tipo castro de Baroña. Non sabía da existencia dunha mina de ferro no lugar, so coñecía as da Silvarosa en Viveiro. Entendo polo que dis, que a forma de istmo sería provocada, ademais de polo mar e o aire, pola actividade mineira?. Antes de chegar ó castro si te desvías á dereita hai unha zona que se chama as medas do castro, topónimo moi significativo sin dúbida. A Mariña e un lugar magnígico, estou desexando ver as tuas próximas publicacións para ver se coñezo esas marabillas cuxa publicación anuncias. Igual nos vemos por alí!

  2. 30 / Xullo/ 2017

    Xa verás! Segurísimo que as coñeces. Con respecto ao aparcadoiro, a verdade é que na entrada da pista había un sinal de stop para vehículos non autorizados e a xente respectábao. Aparcaba todo o mundo na estrada asfaltada ou no pequeno aparcadoiro do inicio. Ou sexa, ben. :-)

  3. Teo
    3 / Agosto/ 2017

    Es seguro para visitar con niños de 5-6 años?

  4. 5 / Agosto/ 2017

    É unha pasarela toda rodeada de valado de madeira. Eu, que teño 41 anos e moita vertixe, sentinme seguro. Pero nestas cousas, xa sabes, correspóndete a ti como pai avaliar in situ as condicións para levar os teus fillos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará