O’Fragón: a outra vía gastronómica

No ano 2007 (hai xa dez anos!) descubriramos, case por casualidade, este interesante restaurante no casco urbano de Fisterra, O’Fragón. Gustáranos moito a súa proposta e contámola aquí. De aquela falabamos dunha gastronomía inconformista nun territorio con locais que vendían un excelente produto.

Nestes dez anos, a vila de Fisterra mudou moito. En primeiro lugar, o seu valor como destino turístico multiplicouse e aínda está en crecemento, transformando a economía local de maneira tan importante como inesperada. Pero O’Fragón tamén mudou. Hai dezaseis meses abriu na súa ubicación, na aldea de San Martiño. Aínda que chegar pode resultar un pouco labiríntico (e divertido), a nova ubicación paga a pena. Trátase dun edificio avangardista, integrado -case camuflado- na pendente e cunhas vistas impresionantes do seo de Fisterra, co grandioso monte Pindo presidindo o espazo.

A clave é que O’Fragón é case un representante singular da súa propia vía na cociña galega. Nun mundo no que os modelos se copiane a imaxinación non é especialmente abundante, eu podo dicir que non coñezo ningún outro restaurante co concepto do Fragón: pode parecerse a moitos, pero non é ningún. Un edificio avangardista, pero con cadeiras de máis de setenta anos procedentes dun centro social sueco. Un espazo aberto de luz, no que o mar entra por todos os ollos, con moi poucas mesas e, sen embargo, con nove traballadores en nómina.

A aposta de Fran Ínsua é moi determinada e sabia. Con este edificio, un imaxinaríase pratos contemporáneos, como a moda da fusión asiático-galaica que agora arrasa nos restaurantes de vangarda do país. E nada diso. A cociña de Sefa, a chef do local, baséase, na medida do posible, na culinaria tradicional galega, con certos toques que falan de escola. Por exempo, nunha sorte de caldeirada, o peixe está feito ao vapor e a cebola está lixeiramente caramelizada para que non se faga pesada. Ou pode haber un guiso meloso, coma os bós guisos de choupa, pero de percebes e algas (este prato, se o hai, debedes tomalo si ou si. É espectacular). Cociña tradicional, ecolóxica na medida do posibel e local (a horta tráella Raíña Lupa, a empresa ecolóxica de Carnota), baseada por suposto no mar, con outras achegas. Produto de primeira, elaboracións limpas, sabores de excelencia.

E ese é o verdadeiro contraste: arquitectura contemporánea e de avangarda, diáfana, mesturada con cociña de inspiración familiar e local e servizo de sala de luxo e moderno. E hai máis. Se cadra non me equivoque se digo que O’Fragón ten unha das mellores adegas de viño galego dun restaurante do país, senón a mellor: o gusto por referencias serias, especiais, por viños únicos. Segundo me contou Fran, cátanse anualmente preto de 2000 referencias de viño galego para apostar, finalmente, por 75 marcas, nas que se percorren todos os camiños do viño: desde espumantes, brancos e tintos de todo tipo ata os doces. E estamos falando dunha selección moi coidada e, sobre todo, honesta. Iso sábese polos chulos comentarios que se fan de cada viño na carta, na que podes ver cousas como “Xa bebible, pero mellorará”. Iso é honestidade e o resto son nabos. Nós apostamos pola última botella de Castro Candaz 2012, un godello da Ribeira Sacra que estaba nun momento incrible. E iso é a adega deste lugar, unha ruptura de tópicos un tras doutro: Branco na Ribeira Sacra? Viño de cinco anos? Por suposto. Si e si.

O menú degustación ten un prezo moi competitivo no contexto dos grandes restaurantes galegos: 35 euros. Se un quere achegar a maridaxe de viños, engádense quince euros. Sen dúbida, a maridaxe é a opción recomendada: permite coñecer botellas de marcas moi exclusivas e raras, e descubrir como esta nosa terra dá excelencia en todos os tipos de viño.

O día que nós fumos, un sábado, había catro mesas: unha moi grande de ingleses, outra de xaponeses, a doutra parella e máis nós. Falo con Fran e confírmame o que eu sospeitaba: unha aposta tan chula en Fisterra está funcionando tan ben grazas ao público estranxeiro, a ese peregrino que continúa de Compostela ata a fin do mundo e decide facerse unha homenaxe ao final. Iso non afecta á identidade: na carta do Fragón, a lingua galega é a destacada na tipografía e na disposición, e por baixo dela, sen ningún tipo de problema, o castelán e o inglés. Para un galegofalante, eses detalles son moi importantes. E para o marketing do restaurante, un punto moi intelixente para afianzar o carácter local do sitio.

Un consello de amigo: vendo o percal e o volume de reservas internacionais do Fragón, non agardedes a facer o Camiño a Fisterra para subir a San Martiño. Probádeo antes de que sexa demasiado tarde. Xa me entendedes.

Fotos: Sole Felloza

2 Comments

  1. 27 / Xuño/ 2017

    Precisamente reservamos neste sitio para dentro duns días. A nosa primeira vez, pinta ben!

  2. 29 / Xuño/ 2017

    Que disfrutedes!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará