Ves a unha Visita Cruzada?

Teño a honra de participar na iniciativa Vidas Cruzadas, unha proposta da Deputación de Pontevedra para explorar novos públicos e ideas no Museo de Pontevedra. A idea é moi simple pero tamén moi divertida: trátase de reclutar a persoas de diferentes ámbitos da cultura galega para que propoñan unha visita guiada moi persoal aos fondos do museo, levando a un pequeno grupo de persoas con el. Trátase de atraer novos públicos e tamén amosar como os fondos dun museo permiten lecturas moi persoais.

“Cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha persoa que exerce de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. (E a persoa guía volve facer o itinerario co seguinte grupo)”. Remátase cun petisco na terraza do Sexto Edificio de Pontevedra, que no maio das Rías Baixas pode ser unha auténtica delicia.

As encargadas de inaugurar esta iniciativa serán a cantante Uxía Senlle e a actriz Isabel Risco, que serán as guías do domingo 7 de maio. A seguinte xornada, domingo 14, terán como guías ao director de cinema Jorge Coira e ao xornalista e blogger Manuel Gago. O domingo 21 serán a actriz e poeta María Lado e o xornalista Kiko Novoa os que se encarguen de guiar a visita; e o domingo 28 a escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval pecharán o ciclo.

Como inscribirse
As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Cada luns, a partires das 10h, abrirase o prazo para anotarse para a visita do domingo desa semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana. Poderán inscribirse persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes.

Memoria e mito
Na miña visita explorarei a idea de ‘mito e memoria’ na prehistoria e romanización de Galicia, a partir das pezas marabillosas e singulares que se poden apreciar na colección de arqueoloxía. E tras a miña visita, os meus acompañantes cambiarán e se atoparán con Jorge Coira. Logo, como xa se di, tomaremos un vermú de domingo na Terrada do Museo.

Tedes toda a información neste pdf.

One Comment

  1. Isaac
    16 / Maio/ 2017

    Di tei xei como as gastas….pero foi pena non estar na de Isabel Risco, se embala…puido ser tremendo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará